Empeza a substitución das papeleiras no Porriño, colocaranse cinceiros e ‘pipi-cans’ e aplicarase, de xeito rigoroso, a Ordenanza de Convivencia Cidadá

A Concellería de Limpeza, que dirixe Orlando Márquez, ven de iniciar a colocación das novas papeleiras en distintas partes do casco urbano do Porriño no que é o inicio dun proceso que abranguera todas as parroquias e que seguirá nas vindeiras semanas.

As novas papeleiras, indica o concelleiro, que teñen unha capacidade de 60 litros, evitan que o interior poida ser remexido por animais, coma paxaros ou gatos, e permiten que a retirada das bolsas do lixo se faga de xeito doado e limpo, en canto as mesmas se enchan, un proceso que pode facer a calquera hora do día, de maneira que se evite que estean cheas ou que haxa cheiros.

Estes novos recipientes virán a substituír aos existentes que, na maioría dos casos, están xa moi deteriorados e xunto con eles esta prevista a colocación de cinceiros e os popularmente coñecidos coma ‘pipi-cans’, con bolsas e dispensadores que teñen coma obxectivo manter as rúas limpas, facilitando a recollida das defecacións dos cans.

Neste sentido, o concelleiro subliña que os axentes da Policía Local aplicarán, de xeito rigoroso a Ordenanza Municipal de Convivencia Cidadá, Limpeza e Recollida de Residuos, que establece: “as persoas que conduzan cans e outros animais polas vías públicas, deberán levalos amarrados, impedindo que os mesmos depositen as súas dexeccións en calquera lugar destinado ao tránsito de peóns. No caso de que as dexeccións queden depositadas nas beirarrúas, en calquera zona peonil o una calzada, a persoa que leve ao animal está obrigada a súa limpeza”.

Orlando Márquez lembra que o incumprimento da obriga de recoller os excrementos dos cans ten establecida unha multa de ata 750€.

A Policía Local informa dos cortes de tráfico no casco urbano pola celebración de Porrigalia

Co gallo da celebración de Porrigalia, dende este venres, día 21, ao vindeiro domingo, 23 de xullo, a Policía Local informa de que será necesario cortar ao tráfico varias rúas do casco urbano do Porriño.

O Venres, día 21, dende as 7 da mañá, estará cortada a circulación na rúa Domingo Bueno, dende a ‘Rotonda Aloques’ ata a rúa Pío XII, nos dous sentidos. Ao mesmo tempo estará aberto un desvío, so para turismo, pola rúa Pinar; os autobuses e camións farano pola Autovía.

As paradas de buses manteranse en: Avenida de Galicia, en todos os sentidos, ‘La Casilla’, cruce de Salceda, e quedarán suprimidas as paradas entre ‘La Casilla’ e Aloques. As paradas sentido Porriño-Ponteareas, non estarán afectadas.

Domingo 23 de xullo.– dende as 10 da mañá abrirá ao tráfico a rúa Domingo Bueno.

A rúa Manuel Rodríguez quedará cortada á circulación ata Leandro Diz, dende as 7 da mañá do venres, para a instalación das casetas de Porrigalia, ata o domingo, día 23 ás 10 da noite.

Polo que se refire aos garaxes que estarán afectados polas restricións de circulación e cortes de tráfico, os seus usuarios deberán consultar á Policía Local.

A Concellería de Vías e Obras remata a reparación da estrada e a ponte en A Quinta, na parroquia de Chenlo

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, ven de rematar a reforma integral da ponte, en A Quinta, na parroquia de Chenlo, que estaba moi deterioradA, o mesmo que a vía municipal, que afundira por mor das choivas e que representaba un perigo para as persoas que transitan por esta zona do Porriño.

Os traballos abrangueron a transformación da base da ponte, que se movera, con módulos prefabricados de formigón, de 2,50 por 2 metros; a colocación dunha varanda de seguridade nos laterais do camiño; a fixación de ‘aletas’ de contención para terras e o acondicionamento e reparación da estrada, que cedera, facendo que a auga filtrase e erosionase tanto o firme coma a base do paso tapando, ademais, as arquetas de drenaxe.

En total o orzamento destinado a esta obra achegouse aos 43.000€ que permitiron recuperar a ponte, garantir a seguridade dos peóns, arranxar a calzada e adiantarse á posibilidade de que puidese producirse outro arrastre de terra e pedras cando chegue o inverno e cheguen as treboadas.

Mellora de puntos de risco en todo O Porriño

A Concellería de Tráfico e Seguridade Vial segue coas obras para a eliminación ou mellora da protección en puntos de especial perigo de todo o Concello.

Estes días estase a rematar a colocación dun valado de 150 metros na Avenida de Antonio Palacios-a altura de ‘Talleres Gumerjo’-, nun lugar no que existía unha alta probabilidade de accidentes. Esta mesma obra seguirá ata a entrada de Cans o cal, sinala o concelleiro de Seguridade Vial, Orlando Márquez, “reducirá nunha alta porcentaxe o risco de accidentes nesta zona”.

Dende principio de ano, o Goberno local ven de executar distintos traballos en lugares nos que os veciños denunciaran que se producían contratempos ou que había perigo. Tal é o caso da Pontenova, no lugar de San Diego, en Mosende, na rotonda de Madeiras Iglesias, ou en Sequeiras, diante da urbanización As Rochas.

Horarios dos cambios e cortes no tráfico pola proba de ciclismo

Horarios dos cambios e cortes no tráfico pola proba de ciclismo que pasará polo Porriño esta fin de semana

Co gallo da proba ciclista do vindeiro sábado, día 22, entre as 16:30 e as 20:00 h. vaise cortar o tráfico en varias rúas e estradas de Atios e Cans, pola zona de Paizal, Portela de Souto, Adroza, A Graña, Gulpilleira, subida A Risca.

Ademais, controlarase o paso pola N-120 á altura de Adroza, en Cans, con tráfico alternativo. Así mesmo, todo o circuíto estará debidamente valado e sinalizado.

A proba ciclista Challege As Rías Baixas Pequenos Trasnos, implicará cambios no tráfico.

A proba ciclista Challege As Rías Baixas Pequenos Trasnos, que se disputa esta fin de semana, implicará cambios no tráfico de varias rúas do Porriño

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes do Porriño, Manuel Carrera, acompañado polo presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, o concelleiro de Deportes de Mos, Alberto Méndez, e os responsábeis do Club Ciclista Máster da Louriña, organizador da proba, presentou este xoves o I Challege As Rías Baixas Pequenos Trasnos de ciclismo que se correrá esta fin de semana- sábado 22 e domingo 23 de abril- en tres etapas, polos concellos de Mos e de O Porriño.

Como sublimaron os organizadores da proba, a competición-na que están inscritos 200 corredores, “o máximo permitido pola Unión Ciclista Internacional (UCI), terá o formato típico de tres etapas :un dobre sector e una etapa en liña.

A primeira delas será a I Gran Clásica Concello de Mos, sobre un percorrido de 80 quilómetros dos cales os primeiros son “asumibles” pero que remata con dúas voltas a un circuíto de 10 quilómetros que é un “creba-pernas”e que fará unha importante selección no pelotón.

A segunda etapa é unha ‘Cronoescalada’ con remate no Monte da Risca, de 6 quilómetros, con 230 metros de desnivel, dous repeitos de 600 metros moi duros e unha subida final de 1,4 quilómetros.

Por último, a terceira etapa consistirá na xa coñecidísima ‘Volta ao Val’, na que se decidirán os campións.

O presidente da Federación Galega de Ciclismo amosou a súa satisfacción pola disputa dunha proba coma esta e agradeceu a súa implicacións aos concellos do Porriño e de Mos que farán o farán posible. Juan Carlos Muñiz subliñou que falar de ciclismo no Porriño “é falar de importantísimos e grandísimos deportistas xurdidos grazas a un importante traballo co deporte de base”.

Pola súa banda o concelleiro de Deportes de Mos, Alberto Méndez, subliñou a importancia da colaboración dos dous concellos e a “estupenda” labor realizada polo Club Ciclista Máster da Louriña para conquerir que “traballemos conxuntamente para facer realidade esta proba”.

Rematou o acto Manuel Carrera lembrando a gran Clásica Máster do Porriño organizada o pasado 2016 polo Club Ciclista Máster da Louriña e felicitándose e felicitando aos organizadores por facer que esta carreira sexa tamén para xuvenís.

“É moi importante que haxa participación de deportistas que aínda están formándose xa que a base, en calquera modalidade, é esencial e, porén, é irrenunciábel, se queremos progresar, que poidan competir en probas desta calidade”.
Carrera, que foi ciclista profesional, gabou as “gañas, coñecemento e ilusión” dos organizadores e dos participantes, e subliñou que durante esta fin de semana os afeizoados terán a ocasión de ver “ciclismo en estado puro, do bo, en vivo e en directo”.

O tenente de alcalde do Porriño, sinalou que este mércores foi o Día Internacional da Bicicleta e pediu máis “prudencia e convivencia” a condutores de vehículos a motor e ciclistas, lembrando que están a producirse demasiados accidentes, e moi graves, nos que os ciclistas levan a peor parte.

Por último, a Policía Local do Porriño informa de que polo paso dos ciclistas, o sábado 22 de abril entre as 16:30 e 20:00 h. estará cortado o tráfico en varias rúas do Porriño e estradas de Atios e Cans, pola zona de Paizal, Portela de Souto, Adroza, A Graña, Gulpilleira subida A Risca.
Ademáis se controlará o paso pola N-120 á altura de Adroza, en Cans, con tráfico alternativo.

Remate de varios traballos de mellora en distintas parroquias

A Concellería de Tráfico e Seguridade Vial ven de rematar distintos traballos de mellora en varias parroquias nas que os veciños advertirán que existían puntos con un especial perigo.

A semana pasada acabou a colocación dunha varanda na Pontenova, nun lugar no que, ademais, logo da intervención da concellería que dirixe Orlando Márquez, tamén se acometerá a roza dunha finca preto do río.

No lugar de San Diego, en Mosende, a carón do lavadoiro, colocáronse dúas reixas ás dúas beiras da estrada, nunha zona cun risco moi alto e nas que xa se producirán varios problemas.

Ademais, a Concellería de Parques e Xardíns concluíu o amaño da rotonda de ‘Madeiras Iglesias’, na mesma zona na que a Concellería de Vías e Obras concluirá unha beirarrúa de preto de 2 quilómetros. Na rotonda ven de plantarse unha oliveira e sementouse herba que a cubrirá nunhas semanas.

O mesmo fíxose en Sequeiras, diante da urbanización As Rochas, na parte axardinada na que retirouse unha palmeira afectada polo picudo vermello, e plantouse unha oliveira e unha nova clase de froles.

Rúas nas que se corta o tráfico pola Interrunning

AVISO: Rúas nas que se corta o tráfico e estará prohibido aparcar o domingo pola Interrunning-Concello do Porriño

Debido á celebración da Interrunning-Concello do Porriño, a Policía Local informa de que o vindeiro domingo, día 12 de marzo, estarán cortadas ao tráfico, dende as 9 da mañá á 1 e media da tarde, as seguintes rúas nas que tamén estará prohibido aparcar dende as 8:

Rúa Cando-prohibido estacionar en toda a rúa-, Leandro Diz, Ramiranes, Peña-nas tres prohibido estacionar-, Avenida de Galicia-carril dirección Tui-; Domingo Bueno-prohibido estacionar-, ata o cruzamento de Riego e Atios-La Guía; Xogo da Ola-prohibido estacionar-, Manuel Rodriguez- con prohibición de estacionar dende o cruzamento de Pontenova ata Panadería Chinchina; PíoXII-prohibido estacionar-, José Fernández López-cortada ao tráfico-; San Sebastián-Cortada ao tráfico dende a Pontenova á Fuente.

Ademais, o parking da Avenida de Galicia estará aberto con entrada e salida sentido O Porriño-Vigo.

Campaña de Educación Vial para alumnas e alumnos de todos os colexos do Porriño

Alumnas e alumnos dos Centros Ensino Infantil e de Primaria (CEIP) Atios, Cruz Budiño, Santo Tomás, Xosé Fernández López, Antonio Palacios, Ribeira y Hermanos Quiroga, participarán,dende o vindeiro día 6 de febreiro, e durante dúas semanas, na Campaña de Educación Vial que imparte o Concello do Porriño por medio da Policía Local.

Serán axentes da Policía os que acudan aos colexios para formar ás rapazas e rapaces en conceptos esenciais que os axudarán a mellorar a súa seguridade. A formación, será teórica e práctica, na parte teórica, os estudantes aprenderán coma circular coma peóns, as normas para o uso da bicicleta e o monopatín, o transporte de mascotas en vehículos, o comportamento coma viaxeiros, as medidas de seguridade dentro do coche, coma o uso do cinto de seguridade, os sistemas de retención de cativos ou, no caso dos vehículos de dúas rodas, o casco, engadindo a todo elo, os sinais de circulación e o funcionamento e a labor do Servizo de Emerxencias (112).

Na parte práctica, as alumnas e alumnos deberán circular por un circuíto aplicando o aprendido nas clases teóricas, de feito haberá un ‘carné por puntos’ no que se aplicarán as sancións se non respectan os sinais, as normas de tráfico ou as indicacións dos axentes.