O Porriño abre o sexto aparcadoiro público gratuíto no centro urbano

  • Súmase aos cinco xa existentes, situados en puntos estratéxicos como as rúas Progreso, Travesía Avelino Villasuso, Pontevedra e Antonio Palacios, consolidando unha rede que contribúe a desconxestionar o tráfico nas vías principais e a facilitar o acceso aos servizos públicos e ao comercio local

O Porriño 21 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño dá un paso máis na transformación do seu modelo de mobilidade urbana coa posta en funcionamento dun novo aparcadoiro público gratuíto no centro da vila, que se converte xa no sexto espazo destas características habilitado nos últimos anos e que entra en funcionamento xa este sábado.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitaba este venres os últimos traballos de acondicionamento deste espazo: unha nova parcela de 3.048,69 metros cadrados nas inmediacións das pistas de tenis, con acceso dende a rúa Fernández Areal, responde a unha necesidade real e crecente da veciñanza: facilitar o estacionamento nunha zona de alta afluencia. O aparcadoiro dará servizo principalmente ás persoas que acudan ao centro de saúde, ao polideportivo municipal, aos xulgados e á Tesourería Xeral da Seguridade Social.

A habilitación deste espazo non só supón unha mellora inmediata na dispoñibilidade de prazas de estacionamento, senón que forma parte dunha estratexia máis ampla orientada a crear unha vila máis accesible, ordenada e sostible. “A combinación de zonas peonís, espazos de lecer e aparcadoiros disuasorios permite avanzar cara a un equilibrio necesario entre mobilidade, actividade económica e calidade de vida”, explica o alcalde.

Lorenzo, destacou que “a colaboración da veciñanza e a disposición das persoas propietarias das parcelas son fundamentais para poder ofrecer solucións eficaces a un dos principais retos urbanos actuais”. Neste sentido, subliñou que o Concello continuará traballando na ampliación deste tipo de infraestruturas, “imprescindibles para acompañar o crecemento e a modernización dos espazos públicos”.

En funcionamento outros cinco

Este novo aparcadoiro súmase aos cinco xa existentes, situados en puntos estratéxicos como as rúas Progreso, Travesía Avelino Villasuso, Pontevedra e Antonio Palacios, consolidando unha rede que contribúe a desconxestionar o tráfico nas vías principais e a facilitar o acceso aos servizos públicos e ao comercio local.

Desde unha perspectiva experta en planificación urbana, iniciativas como esta evidencian unha tendencia clara nas vilas de tamaño medio: apostar por solucións de proximidade, funcionais e de baixo custo que respondan de maneira directa ás necesidades da cidadanía. A creación de aparcadoiros públicos gratuítos, combinada cunha planificación equilibrada do espazo urbano, resulta clave para mellorar a mobilidade, dinamizar a economía local e reforzar a cohesión social.

Coa entrada en funcionamento deste novo espazo, O Porriño reafirma o seu compromiso cun modelo de vila máis moderna, accesible e pensada para as persoas.

O pleno do Porriño ratifica a solicitude de cesión da N-120 ao seu paso por Cans para mellorar a seguridade e desbloquear investimentos clave

  • A cesión permitiría ao Concello executar actuacións prioritarias como a construción de beirarrúas, a creación de pasos peonís ou a mellora da iluminación pública, medidas fundamentais para garantir un tránsito seguro nunha vía cun elevado nivel de tráfico.

Porriño 2 de marzo de 2026.– O Pleno do Concello do Porriño aprobou a semana pasada a ratificación da solicitude formal dirixida ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a cesión da titularidade da estrada N-120 ao seu paso pola parroquia de Santo Estevo de Cans.

Trátase dunha petición xa trasladada a principios do ano 2023 á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, apoiada en informes técnicos e xurídicos municipais que acreditan que o treito cumpre cos requisitos legais para ser considerado vía urbana, segundo establece a Lei de Estradas. Ante a falta de resposta por parte do Ministerio, o Goberno municipal decidiu reforzar esta demanda mediante a súa ratificación en Pleno, co obxectivo de avanzar nun proceso clave para garantir a capacidade de actuación do Concello sobre un tramo estratéxico para a parroquia.

Desde o inicio do mandato, o actual executivo puxo en marcha os trámites necesarios para conseguir esta transferencia, consciente da urxencia de actuar nunha estrada que atravesa o centro da parroquia e que presenta importantes deficiencias en materia de seguridade viaria.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliña que “estamos a falar de actuacións moi necesarias para mellorar os servizos básicos e a calidade de vida da veciñanza de Cans. Non podemos seguir condicionados por trámites que dependen doutras administracións cando o Concello ten proxectos redactados e financiamento previsto”. O rexedor engade que “a cesión da N-120 permitiríanos axilizar as autorizacións e coordinar mellor as obras de saneamento co resto das intervencións previstas na parroquia, optimizando recursos e evitando demoras innecesarias”.

A ausencia de cesión deste treito está a retrasar tamén a execución de importantes proxectos para a parroquia, ao depender das autorizacións do Ministerio. Entre eles atópanse o saneamento de Eidos, cun investimento superior a 120.000 euros; o saneamento da Graña e Sequeiras, con máis de 740.000 euros; a reforma da Casa Cultural de Cans, valorada en 150.000 euros; así como a reforma do lavadoiro do Sabias.

Neste sentido, o concelleiro de Saneamento e Parroquias, Marcos Martínez, destaca que “a cesión permitiría ao Concello executar actuacións prioritarias como a construción de beirarrúas, a creación de pasos peonís ou a mellora da iluminación pública, medidas fundamentais para garantir un tránsito seguro nunha vía cun elevado nivel de tráfico”.

En paralelo, o Concello ten previsto iniciar este ano un ambicioso proxecto de máis de 800.000 euros no treito anterior da N-120, xa cedido ao municipio durante o mandato do exalcalde Xosé Manuel Barros. A actuación abranguerá desde o casco urbano do Porriño ata O Paizal e contempla a renovación do firme, a execución de novas beirarrúas, a modernización da iluminación pública e a creación dun carril bici, configurando unha transformación integral deste eixo viario.

Coa ratificación plenaria da solicitude, o Goberno local reafirma o seu compromiso coa parroquia de Cans e reclama ao Ministerio unha resposta á maior brevidade posible para avanzar nunha solución largamente demandada pola cidadanía.

O Concello do Porriño informa dos cortes de tráfico no casco urbano con motivo das Festas do Cristo

O Concello do Porriño informa á veciñanza e visitantes que, con motivo da celebración da fin de semana grande das Festas do Cristo 2025, levarase a cabo o corte de tráfico rodado en distintos puntos da vila co obxectivo de garantir a seguridade viaria e facilitar o desenvolvemento dos actos festivos previstos.

O sábado 27, domingo 28 e luns 29 de setembro cortarase a partir das 12.00 horas a circulación dende a rotonda que une a Avenida de Galicia e Domingo Bueno ata a intersección con rúa Fernández Areal.

Por outra banda, o sábado e domingo, procederase tamén a cortar o tráfico na Praza Central dende as 14.00 horas.

Ademais, o aparcadoiro da rúa Progreso permanecerá pechado dende as 08.00 horas deste xoves, 25 de setembro, ata o vindeiro martes, 1 de outubro.

Durante estes períodos habilitaranse desvíos alternativos, debidamente sinalizados, e manterase a colaboración da Policía Local e Protección Civil para garantir a fluidez do tráfico e a seguridade das persoas.

Desde o Concello do Porriño agradecemos a comprensión da cidadanía ante as posibles molestias que poidan derivarse destes cortes e restricións de tráfico.

O Concello do Porriño informa sobre a reubicación da parada na liña de autobús Chenlo-O Porriño

  • A parada volverá a situarse no Paso a Nivel, restablecendo así a súa localización habitual

O Porriño, 12 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño informa ás persoas usuarias da liña de transporte que conecta Chenlo, Mosende, Pontellas, Torneiros e O Porriño, que a partir do luns 15 de setembro, a parada volverá a situarse no Paso a Nivel, restablecendo así a súa localización habitual.

Esta modificación responde á mellora das condicións de mobilidade e accesibilidade para as persoas usuarias, logo das intervencións realizadas na zona.

Os horarios da liña manteranse como ata o de agora, de luns a venres, con saída desde Chenlo cara ao Porriño ás 9:30 horas, e con saídas desde o Porriño con destino a Chenlo ás 9:50 horas e ás 12:30 horas.

Este cambio prodúcese despois das obras de restauración da estrada, que dificultaron durante un tempo o paso de vehículos pesados como camións e autobuses. Tras varias xestións e negociacións entre o Concello, a Xunta de Galicia e a empresa concesionaria, conseguiuse que se habilitase un microbús específico para este servizo, o que permite restablecer a parada no seu emprazamento orixinal e mellorar as condicións de mobilidade e accesibilidade da veciñanza.

Dende o Concello do Porriño rogamos a máxima colaboración na difusión desta información para que chegue a todos os usuarios e usuarias. 

Aviso de cortes de tráfico e restricións de estacionamento con motivo da celebración de Porrigalia 2025

 

O Porriño, 10 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño informa que, con motivo da celebración de Porrigalia 2025, e máis concretamente para a montaxe do escenario do concerto previsto para as 23:45 horas do sábado 12 de xullo, será necesario aplicar restricións de tráfico e estacionamento na zona centro da vila.

A partir das 15:00 horas do sábado 12 de xullo, procederase ao corte do tráfico rodado na rúa Domingo Bueno, no tramo comprendido entre a intersección coa rúa Pío XII e a intersección coa Avenida de Galicia. Esta medida adoptase co obxectivo de garantir a seguridade das tarefas de montaxe e a correcta organización do evento.

Así mesmo, prohíbese o estacionamento de vehículos no mesmo tramo, tamén desde as 15:00 horas do sábado 12 de xullo.

Desde o Concello do Porriño agradecémoslles a colaboración e comprensión e lembramos que se trata dunha medida temporal destinada a favorecer o desenvolvemento seguro dun dos eventos máis destacados do verán na nosa vila.

O Concello do Porriño informa sobre restricións de estacionamento pola celebración do 58º Rallye Rías Baixas

 

O Porriño, 3 de xullo de 2025 – O Concello do Porriño informa á veciñanza de que, con motivo da celebración da 58ª edición do Rallye Rías Baixas, quedarán habilitadas restricións de estacionamento na vila durante a xornada do sábado, 5 de xullo.

A organización do evento instalará a zona de reagrupamento nas inmediacións do Pavillón Municipal.

Estará prohibido aparcar e estacionar nas seguintes zonas:

  • Contorna do Pavillón Municipal do Porriño

  • Rúa Doantes de Sangue, no tramo comprendido entre a Avda. Antonio Palacios e a Rúa Fernández Areal

O Concello agradece a colaboración e comprensión da veciñanza.

Aviso de cortes de tráfico nas rúas Pío XII e Fontevella dende mañá

 

O Porriño, 1 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño informa á veciñanza que, debido ás obras no pavimento da rúa Pío XII, dende mañá, mércores 2 de xullo, produciranse cortes no tráfico rodado nas rúas Pío XII e Fontevella. Os cortes manteranse ata a finalización das obras.

Co obxectivo de facilitar o acceso á zona afectada, habilítase provisionalmente a circulación en dobre sentido na rúa Fernández Areal, dende a rúa San Sebastián, coas seguintes finalidades:

  • Permitir o acceso aos garaxes da rúa Fontevella

  • Facilitar as operacións de carga e descarga comercial

O Concello pide á cidadanía que extreme a precaución ao circular pola zona e agradece a comprensión e colaboración durante o desenvolvemento destas actuacións.

 

Obras de mellora no entorno do Templete obligarán ao corte parcial da Rúa Domingo Bueno durante unha semana

 

O Porriño, 18 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño informa de que, debido á execución dunha nova fase das obras de renovación e mellora do entorno do Templete de San Luis e do acceso ao cemiterio municipal, procederase ao corte dun carril na rúa Domingo Bueno, á altura do Templete, a partir de hoxe e durante aproximadamente unha semana.

Durante este período, o tráfico será regulado por semáforos provisionais, co obxectivo de minimizar as molestias á veciñanza e garantir a seguridade de peóns e condutores mentres duren os traballos.

O Concello agradece a comprensión da cidadanía ante estas molestias temporais, que responden á necesidade de acometer unha actuación clave para mellorar a accesibilidade e o aspecto deste espazo emblemático da vila.

Resumo da actuación

As obras consisten na renovación integral da beirarrúa de acceso ao cemiterio municipal, coa substitución do pavimento actual —moi deteriorado— por pedra granítica tipo Rosa Porriño, a ampliación da beirarrúa na curva do Campo da Feira e a mellora do paso peonil elevado fronte ao Templete de San Luis. Trátase dunha intervención que busca dignificar o entorno patrimonial e mellorar a mobilidade e seguridade viaria no núcleo urbano.

O Concello do Porriño informa dos cortes de tráfico previstos pola celebración do X Tríatlon este domingo

 

O Porriño, 13 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño informa á veciñanza que, con motivo da celebración da X Edición do Triatlón, que terá lugar o domingo 15 de xuño, será necesario realizar cortes puntuais de tráfico rodado e establecer restricións de estacionamento en distintas vías do termo municipal. As medidas de tráfico afectarán tanto ás parroquias como ao centro urbano, e teñen como obxectivo garantir a seguridade das persoas participantes e do público asistente ao evento deportivo.

Zonas e horarios con cortes e restricións:

No casco urbano:
Horario: de 11:00 h a 13:30 h
Estacionamento prohibido dende as 06:00 h

  • Corte desde Atios–A Guía (cruce de Riego) ata C/ Domingo Bueno (cruce 5ª Avda.)
  • Tramo entre a 5ª Avda. e a rotonda dos Aloques: prohibido circular e estacionar
  • Avenida de Galicia (carril esquerdo sentido Tui–Vigo): tráfico cortado e prohibición de estacionamento
  • C/ Ramiranes ata C/ Peña, C/ Cando e C/ Leandro Diz: carrís esquerdos cortados e sen estacionamento
  • C/ Manuel Rodríguez ata C/ Ramón González (Pío XII) e ata O Celtiña: restricións de estacionamento
  • C/ Antonio Palacios: dende o Concello ata a rotonda dos Aloques
  • C/ Domingo Bueno: corte desde as 07:00 h ata finalizar a proba; estacionamento prohibido dende as 06:00 h

Nas parroquias:
Horario: de 10:45 h a 13:00 h

  • Estrada de Ribadelouro cara Mosende (zona farmacia)
  • Estrada de Mosende en dirección a Torneiros
  • Estrada de Atios–Cataboi ata o cruce de Atios–A Guía 

O Concello solicita a máxima colaboración cidadá, e recomenda planificar con antelación os desprazamentos durante esa xornada. Agradecemos a comprensión da veciñanza polas molestias ocasionadas, co fin de garantir o éxito dunha proba deportiva que reúne participantes de toda Galicia.