O luns recuperarase a atención presencial nas oficinas do Concello, sen cita previa, agás en Servizos Sociais

 

A partires do vindeiro luns 2 de agosto, as oficinas do Concello do Porriño recuperarán a atención presencial en todas as dependencias agás no departamento de Servizos Sociais. Nas oficinas de Servizos Sociais manterase un control de aforamento e requirira cita previa para atención, aínda que se simplificará a petición por teléfono ou en persoa.

A resolución adoptouse este mediodía na reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid, que implementou o acordo que tomou o pleno da corporación local na sesión do pasado mércores.

Na reunión da Comisión de Seguimento da Covid que presidiu a alcaldesa, Eva García de la Torre comentáronse as medidas que a Xunta de Galicia aplicará no Porriño, nomeadamente no sector da hostalería, ao atoparse este concello no nivel alto de restricións.

A Comisión decidiu non aplicar medidas adicionais agás o incremento da vixilancia a cargo da Policía Local no mercado ambulante dos martes.

Ao termo da reunión a alcaldesa Eva García declarou o seu malestar porque “de novo sexa o sector da hostalería o que ten que cargar coa maioría das restricións”.

O Concello, a través de “SOS Porriño”, mobilizou e repartiu un millón de quilos de alimentos entre a poboación en risco de exclusión dende que comezou a pandemia

 

A Concellería de Servizos Sociais que dirixe David Alonso ven de realizar un balance das actuacións deste departamento dende que comezou a pandemia. O informe ofrece datos espectaculares como a cantidade de alimentos repartidos entre familias en risco de exclusión social. Un millón de quilos de produtos non perecedoiros e conxelados distribuídos a través do Banco de Alimentos SÓS Porriño, coa colaboración de voluntarios, Protección Civil e Policía Local. A metade dese millón de quilos de produtos, repartidos ao longo dos quince meses transcorridos, proceden de doazóns de empresas de Porriño e da contorna, e o resto das achegas realizadas polo Concello con fondos propios. Nos peores momentos da pandemia, esa axuda alimentaria alcanzou a 500 familias do Porriño. Actualmente tan só é precisa para 160 familias, segundo informou David Alonso.

Nese senso, o concelleiro de Servizos Sociais subliñou as achegas extraordinarias efectuadas polo Concello “nas circunstancias máis difíciles coas corentenas e confinamentos” por un total de 100.000 €, mediante crédito extraordinario para atender ás familias máis desfavorecidas e persoas con dificultades económicas para que puideran abastecerse de alimentos frescos e produtos básicos de primeira necesidade.

Tratouse dunha acción extra que complementou a axuda periódica do Banco de Alimentos, mediante un contrato co Supermercado Froiz da rúa Ramón Gónzalez que permitiu que as persoas e familias mais desfavorecidas fixeran compra de produto de primeira necesidade, previo informe e autorización polos técnicos do departamento de Servizos Sociais do Concello.

Por outra banda, o Concello tamén abonou no que vai deste ano 2021, 11.819 € en axudas de emerxencia social, previamente informadas polos técnicos de Servizos Sociais. Esas achegas para as familias máis desfavorecidas, dirixíronse aos nenos e nenas que precisaban gafas, tratamentos dentais ou produtos farmacéuticos.  E finalmente o departamento de Servizos Sociais tamén tramita, informa e resolve a concesión das tarxetas moedeiro (“Tarxeta Básica”) que a Xunta de Galicia subvenciona con achegas de 300 euros por familia solicitante. Ata de agora, os técnicos municipais xestionaron 144 peticións por un importe total de 43.000 €. 

Doazón de milleiros de máscaras e luvas feita pola empresa “Dis Rivas” que o Concello distribuirá entre a hostalería e usuarios de Servizos Sociais

A empresa “Distribucións Rivas” fixo entrega hoxe ao Concello do Porriño dunha doazón de 33.600 máscaras cirúrxicas e 270.000 unidades de luvas desbotables. O material de protección doado por “Dis Rivas” será repartido, a través da Policía Local entre os establecementos de hostalería e usuarios de Servizos Sociais e do Banco de Alimentos “SOS Porriño”.



A alcaldesa Eva García, acompañada da concelleira de Seguridade, Lourdes Moure e do Inspector Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez acudiron as instalacións de “Dis Rivas” no polígono de Cataboi. José Luis Suárez, director xeral, o seu fillo, Iván Suárez, director financeiro, e Benjamín Castillo, director comercial realizaron a entrega. O encontro serviu tamén para que a delegación municipal coñecera as modernas instalacións desta empresa de distribución que estrearon hai tres meses, e nas que traballan máis de 30 persoas.
A alcaldesa agradeceu a doazón realizada por “Dis Rivas” á veciñanza e eloxiou o traballo realizado por esta empresa que elixiu O Porriño para desenvolver unha forte inversión de máis de 3 millóns de euros.

A Unidade Asistencial de Drogodependencias cede un local para reunións da escola de familias do programa “Achega” da Asociación “DOA Saúde Mental”

 

O Concello do Porriño cederá un dos locais da Unidade Asistencial de Drodependencias para a celebración de reunións da escola de familias do programa “Achega” da Asociación “DOA Saúde Mental”. Trátase dunha actividade subvencionada pola Xunta de Galicia.
Esta acción informativa e formativa de psicoeducación está destinada a aquelas familias que teñen algún membro cun trastorno mental grave ou una enfermidade mental crónica diagnosticada.
Mañá venres haberá unha primeira reunión do grupo psicoeducativo para familias e achegados para saber máis das enfermidades mentais, o seu manexo e como mellorar a xestión de certas situacións.
Os interesados poden contactar a través de número de teléfono e Whatsapp 664 64 93 07 ou a través de correo electrónico no enderezo jessica.gonzalez@asodoa.org

Deixamos ligazón con máis información 

Cartel informativo Escuela de familias – Achega

O Delegado de Zona Franca entregou as chaves do local que acollerá a futura gardería infantil dos polígonos industriais do Porriño

David Regades, delegado do consorcio Zona Franca entregou este mediodía, en presenza da alcaldesa, Eva Garcia, as chaves do local que acollerá a futura gardería infantil dos polígonos industriais da Granxa e das Gándaras.

O local atópase no centro de servizos do Consorcio Zona Franca, no polígono da Granxa.

Beatriz Cabaleiro, directora da firma de centros de educación infantil “Trastes”, recibiu as chaves co propósito de axeitar as instalacións para a súa apertura no vindeiro setembro cunha capacidade para 74 nenos e nenas.

Desde xeito atendese unha demanda histórica da Entidade de Conservación de A Granxa e da Asociación de Empresarios de As Gándaras que por fin será implementada.

Todo o persoal da Policía Local vacinarase contra a Covid

Todo o persoal da Policía Local do Porriño vacinarase contra o Covid.  En total 23 persoas.  A relación xa se enviou ao Servizo Galego de Saúde, a través da FEGAMP que media a xestión e que notificou á Concellería de Seguridade que o persoal policial vacinarase a partir do 5 de marzo.

Doutra banda, a Concellería de Servizos Sociais informa de que xa se vacinaron 10 traballadoras sociosanitarias do Servizo de Axuda no Fogar, así como as 5 traballadoras sanitarias que atenden a Unidade de Asistencia a Drogodependencias.

Porriño esixe á Xunta que amplíe a súa participación en sufragar o custe do SAF

O Porriño trasladoulle á Consellería de Política Social “a urxente necesidade” de que a Xunta de Galicia amplíe a súa participación para sufragar os gastos do SAF (Servizo de Axuda no Fogar). 

“Na actualidade, este gasto que asumimos supón unha carga extraordinaria para o Concello do Porriño, polo que precisamos que a administración autonómica revise e aumente a súa contribución como demandan, tamén, outros concellos”, dixo David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais.

David Alonso mantivo hoxe unha reunión telemática con Fernando González Abeijón, director xeral de Maiores “que me recoñeceu que a actualización é necesaria, dános a razón pero que, para este ano, a Xunta non poderá acometela por motivos orzamentarios, “, dixo Alonso Bargiela.

Na mesma videoconferencia, o concelleiro de Servizos Sociais propuxo ao responsable autonómico “traballar xuntos para lograr unha residencia xeriátrica no Porriño que actualmente carecemos para satisfacer as necesidades dese sector da poboación”.  David Alonso sinalou que o primeiro paso será unha próxima reunión co Consorcio Galego de Benestar Social para avaliar as posibilidades “, dixo.

O persoal da Unidade Asistencial de Drogodependencias vacinouse hoxe

O persoal da Unidade Asistencial de Drogodependencias (U.A.D) do Concello do Porriño informa que acudiu hoxe ao Hospital Alvaro Cunqueiro para vacinarse coa primeira dose do inxectable de “Pfizer”. 
Os cinco traballadores da unidade municipal deberán recibir o 16 de de marzo, a segunda dose para a súa plena inmunización. 

Actualmente nesta unidade recíbense uns vinte pacientes por dia, xa sexa para consulta, tratamento ou control. Antes da pandemia, a media de persoas que acudían a esta unidade eran ó redor de 60 diarios pero os protocolos de seguridade anti-covid establecidos polo Servizo Galego de Saúde obrigaron a reducir.

A UAD do Porriño ten a súa dirección na rúa Domingo Bueno, 15- sótano, atende diariamente de luns a venres en horario matinal e de xeito gratuíto. Ofrece tratamento integral personalizado e multidisciplinar.

Atende a persoas con calquera tipo de adicción, xa sexa de sustancias legais (tabaco, alcohol) ou ilegais (cocaína, cannabis, opiáceos, etc) así como ludopatias e outras adiccións e que pertenzan a calquera concello da nosa área sanitaria.

 

 

Cesión temporal da aula restaurante-bar do Multiusos para unha formación de “Aceesca”


O Concello de Porriño e “Aceesca” asinaron hoxe a cesión de uso temporal da aula de restauración existente no Multiusos Municipal de Torneiros para unha formación práctica de alumnos do centro de educación especial.

A cesión realizarase do 23 de febreiro ao 14 de maio, en horario de mañá (de 10:00 a 14:00). A formación será para un curso de “auxiliar de operacións básicas de restaurante-bar” para persoas con discapacidade intelectual. O documento establece que se deben respectar os protocolos de seguridade sanitarios necesarios na prevención do Covid.

David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais asinou esta mañá con Esteban Bacelo, presidente da Asociación para o Apoio ás Persoas con Diversidade Intelectual, a cesión de uso en presenza de Angeles Leirós, xerente de “Aceesca”.

Rematou o reparto de alimentos e xoguetes ás familias máis desfavorecidas

 

Este mes de decembro a distribución de alimentos levouse a cabo entre o 17 e o 22 con entrega a domicilio, realizada por voluntarios que colaboran co Banco de Alimentos SOS Porriño e por voluntarios da Asociación de Protección Civil.

 

Na actualidade, a proporción de destinatarios dos lotes de comida diminuíu algo.  Agora están atendidas 350 familias do Porriño, polo que se estima que 1.000 persoas recibiron eses lotes.

 

A entrega realízase en casa desde novembro como consecuencia das restricións anticovidas e, sobre todo, “para evitar a vergoñenta imaxe das colas de fame” segundo declarou David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais.

Ao lote habitual de comida que recibe cada familia, neste mes de decembro engadíronse algúns extras grazas ás doazóns de empresas como “Coren” que regalaron 200 capóns conxelados e “Ceamsa” que regalaron caixas con produtos de Nadal. Os capóns entregáronse a familias con máis de 3 membros.

Por outra banda, hoxe mércores no Multiusos de Torneiros entregaronse xoguetes educativos e de mesa para 70 nenos e nenas porriñeses de 48 familias máis desfavorecidas que foron seleccionados polos Servizos Sociais.  A entrega fíxose aos seus pais que foron convocados para este fin.