Detido no Porriño un fuxitivo cunha decena de ordes de procura tras unha persecución policial nun coche roubado

  • O home, de 36 anos e sen permiso de condución, eludiu un control e acabou chocando contra o gardarraíl

O Porriño, 10 de setembro de 2025.- A Policía Local do Porriño detivo a un home de 36 anos que levaba fuxido da xustiza máis de tres anos. O detido, que circulaba nun vehículo roubado horas antes en Tui, tentou fuxir polas rúas do casco urbano do Porriño ao detectar a presenza policial,  circulando incluso en sentido contrario, ata que chocou contra un garda raíl na rúa Antonio Palacios, momento no que foi detido polos axentes da Policía Local.

Fontes policiais indican que o home nunca obtivo permiso de condución, polo que tamén se lle investiga por un presunto delito contra a seguridade viaria. O vehículo foi recuperado e devolto ao seu propietario, que non se decatou do roubo ata ser avisado pola propia Policía.

Ao detido cónstanlle ata dez ordes de detención e un ingreso en prisión ditado polo Xulgado do Penal nº1 de Pontevedra. As mesmas fontes sinalan tamén que se trata da mesma persoa que, meses atrás, participara presuntamente en varios roubos con forza en establecementos comerciais do centro do Porriño, motivo polo que estaba sendo buscado polas autoridades locais, cuxa presión, fixo que trasladase a súa residencia a outro municipio.

A Policía Local do Porriño entregou ao detido no Xulgado en funcións de garda do Porriño, o cal ordenou  o seu ingreso na cárcere de A Lama.

Desde o Concello do Porriño transmítese á cidadanía o firme compromiso coa seguridade e o benestar de toda a veciñanza.

O Concello do Porriño solidarízase cos veciños e concellos afectados polos incendios en Ourense

 

  • Desprazáronse un operario municipal, tres axentes da Policía Local, dous voluntarios de Protección Civil e mobilizáronse dous camións municipais
  • Esta colaboración municipal realízase en coordinación coa Xunta de Galicia e cos alcaldes e alcaldesas da zona afectada

O Porriño, 18 de agosto de 2025.– O Concello do Porriño leva varios días mobilizando recursos humanos e materiais municipais para colaborar na loita contra os incendios forestais que están a afectar diferentes zonas da provincia de Ourense.

O operativo do Porriño está presente en varias zonas afectadas polos lumes, entre elas a contorna do Concello de Melón, traballando en coordinación cos equipos locais e contribuíndo ás tarefas de control e extinción dos incendios. Os nosos efectivos están a actuar tamén en coordinación co CECOPI (Centro de Coordinación Operativa Integrado), unha instancia que se activa en situacións de emerxencia de interese supraautonómico e que integra os mandos das administracións estatal e autonómica para garantir unha resposta conxunta, eficaz e coordinada ante este tipo de crises.

Ata o de agora, desprazáronse ás áreas afectadas catro membros do persoal municipal —un operario e tres axentes da Policía Local—, así como dous voluntarios de Protección Civil. Ademais, puxéronse a disposición vehículos e camións municipais, co obxectivo de apoiar os labores de extinción e protección dos núcleos de poboación.

Esta colaboración realízase en coordinación coa Xunta de Galicia e en contacto directo cos alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados, aos que se lles está a ofrecer apoio constante.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, afirma: “Estamos totalmente comprometidos coa defensa do noso territorio e coa solidariedade cos concellos afectados por estes incendios. Desde o primeiro momento puxemos a disposición todos os recursos municipais para colaborar na extinción e protección das zonas afectadas. Seguiremos a disposición de calquera concello da provincia de Ourense que precise a nosa axuda, dentro da nosa dispoñibilidade e en coordinación co CECOPI e coa Xunta.”

Desde o Concello do Porriño reiteramos a nosa disposición a continuar colaborando con calquera concello que precise a nosa axuda e se poña en contacto connosco, como sempre fixemos.

A nova unidade móbil da Policía Nacional permite renovar o DNI e Pasaporte no Porriño ao instante

 

Ademais do DNI, a VIDOC permitirá a veciñanza expedir ou renovar o pasaporte sen necesidade de desprazarse a outros municipios.

As persoas interesadas en renovar ou expedir os seus documentos a través desta unidade deben solicitar cita previa nas dependencias da Policía Local do Porriño.

 

O Porriño, 14 de maio de 2025.- O novo Vehículo Integral de Documentación (VIDOC) da Policía Nacional estivo hoxe no Porriño, facendo parada na Praza do Concello, onde os veciños e veciñas tiveron a oportunidade de expedir ou renovar ao momento o seu Documento Nacional de Identidade (DNI) e por primeira vez tamén o pasaporte sen ter que desprazarse a outra localidade.

Este novo servizo, dependente da Comisaría de Vigo-Redondela, supón un importante avance na prestación deste tipo de trámites, especialmente para os municipios que, como O Porriño, non contan con unidades fixas da Policía Nacional.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, foi un dos primeiros en renovar o seu DNI na unidade móbil, e destacou a importancia da iniciativa: “Este tipo de servizos melloran a calidade de vida da veciñanza e afondan na igualdade de acceso aos recursos públicos, especialmente para as persoas maiores ou con dificultades de mobilidade. Agradecemos á Policía Nacional esta aposta pola proximidade.”

O VIDOC permite realizar toda a tramitación no momento e nun único desprazamento, grazas á súa capacidade tecnolóxica para a emisión instantánea dos documentos. Ata agora, a expedición do pasaporte só se realizaba en dependencias policiais, e para o DNI era necesario acudir en dúas fases a unidades móbiles que logo se desprazaban novamente para a entrega dos documentos xa emitidos.

O vehículo regresará ao Porriño de forma regular. As persoas interesadas en renovar ou expedir os seus documentos a través desta unidade deben solicitar cita previa nas dependencias da Policía Local do Porriño.

 

 

Aviso de cortes de tráfico polo Enterro da Sardiña – 5 de marzo de 2025

 

O próximo 5 de marzo de 2025, con motivo da celebración do tradicional Enterro da Sardiña, estableceranse restricións de tráfico nas seguintes rúas:

  • A partir das 18:00 h:
    Rúa Domingo Bueno ata a baixada da fonte da rúa San Sebastián.
  • Última hora da tarde:
    Rúa Peña e rúa Buenos Aires ata a ponte do Valo.

Ademais, infórmase do percorrido da comitiva do Enterro da Sardiña:

  • Saída ás 18:00 h desde o Círculo Recreativo Cultural.
  • Itinerario: Rúa Domingo Bueno, rúa San Sebastián, rúa San Bieito e rúa peonil ata a praza Arquitecto Antonio Palacios.
  • A última hora da tarde, a comitiva continuará dende a praza Arquitecto Antonio Palacios por rúa Peña e rúa Buenos Aires ata a ponte do Valo.

Pregamos desculpen as molestias e agradecemos a colaboración da veciñanza.

Cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento polo desfile de comparsas do Entroido

 

O Concello informa de que, con motivo do Desfile de Comparsas que terá lugar o martes 4 de marzo, estableceranse as seguintes medidas de tráfico:

Prohibición de estacionamento

A partir das 14:30 horas estará prohibido estacionar nas seguintes rúas:

  • Rúa Manuel Rodríguez
  • Rúa Domingo Bueno, en ambos marxes á altura do Parque Infantil e no marxe dereito desde o cruce da Pontenova ata a farmacia de Atios, en dirección Tui.
  • Rúa Ramiranes

Corte de tráfico

A partir das 18:30 horas procederase ao corte de tráfico desde a Rúa Manuel Rodríguez ata a Praza Central.

Rógase á veciñanza que respecte as indicacións e colabore para garantir o correcto desenvolvemento do desfile.

Grazas pola súa colaboración.

Restricións de tráfico e estacionamento pola actuación da orquestra París de Noia

 

O Concello informa que, con motivo da actuación da orquestra París de Noia, prevista para o domingo 2 de marzo ás 19:00 h, estableceranse diversas restricións de tráfico e estacionamento na zona.

Sábado 1 de marzo
Desde as 20:00 h, estará prohibido o estacionamento na rúa Domingo Bueno, no tramo comprendido entre a intersección coa rúa Pío XII e a intersección coa Avenida de Galicia.

Domingo 2 de marzo
Desde as 12:00 h ata as 6:00 h (madrugada do luns), producirase un corte de tráfico na rúa Domingo Bueno, afectando o mesmo tramo: desde a rúa Pío XII ata a Avenida de Galicia.

Recoméndase planificar os desprazamentos con antelación e seguir as indicacións da Policía Local para garantir a seguridade e a boa organización do evento.

Grazas pola vosa colaboración.

A Policía Local do Porriño desactiva unha concentración ilegal de vehículos no polígono industrial Oceanis-Cataboi

A Policía Local do Porriño levou a cabo o pasado sábado 12 de outubro a “Operación Caba”, unha intervención destinada a desactivar unha masiva concentración de vehículos e persoas no polígono industrial Oceanis-Cataboi. Este evento, convocado a través de redes sociais, converteuse nun espazo para exhibicións de condución e carreiras ilegais, xerando un grave risco para a seguridade pública.

Desde hai varias semanas, as autoridades detectaron un aumento na concentración de turismos e asistentes no polígono os sábados pola noite. Inicialmente, estas reunións eran simples quedadas, pero co tempo evolucionaron cara a carreiras ilegais e manobras perigosas, como trompos e arranques que comprometían a seguridade de case un milleiro de persoas presentes.

A operación, en honra ao falecido policía local Manuel Cabaleiro Martínez, foi coordinada polo Xulgado de 1ª Instancia e Instrución número 1 do Porriño. Dispúxose un amplo dispositivo policial que incluíu o uso de drons e outros medios técnicos para documentar as infraccións. Ás 00:55 horas do 13 de outubro, a policía pechou sorpresivamente todos os accesos ao polígono, obrigando aos vehículos a saír por un único paso habilitado, onde se realizaron inspeccións exhaustivas.

Como resultado da operación, cinco condutores foron investigados pola presunta comisión dun delito contra a seguridade viaria (condución temeraria). Nove condutores enfrontan denuncias administrativas, con sancións de 500 euros e a perda de 6 puntos da súa licenza. Rexistráronse máis de 20 infraccións ao Regulamento Xeral de Vehículos, así como denuncias por circular sen seguro e sen cinto de seguridade.

As investigacións revelaron que este tipo de concentracións están a levarse a cabo en varios municipios da comarca e no país veciño, con organizadores que implementan medidas de vixilancia para detectar a presenza policial.

Entre os vehículos involucrados nestas carreiras ilegais atopáronse desde automóbiles con máis de 20 anos de antigüidade ata vehículos modernos, sorprendendo a participación mesmo dun vehículo fúnebre.

Os investigados foron citados perante o xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 1 do Porriño, onde catro deles aceptaron a pena de prisión e a retirada do permiso de condución solicitada polo Ministerio Fiscal, quedando un pendente de comparecer co seu avogado designado.

O Porriño pon a proba os protocolos de evacuación en caso de incendio nos centros educativos

Escolares e profesorado dos centros educativos do Porriño viviron evacuacións realistas nos seus centros, guiados pola Policía Local. Soamente os directores/as dos centros estaban ao corrente destes simulacros, para que a experiencia fose o máis real posible.

Deste xeito, a Policía Local xunto con Protección Civil, simulou incendios con máquinas de fume estratéxicamente colocadas no interior dos centros para que se activaran tódolos protocolos de seguridade e evacuación. Incluso se contaba coa colaboración dos directores dos centros para `agochar´ algún neno/a nalgunha estancia e traballar a resposta nos profesores encargados, coa finalidade de comprobar si se cumpren os protocolos de evacuación e de afianzalos, tanto nos alumnos/as, coma nos mestres e resto de traballadores dos centros.

Nesta ocasión os centros nos que se fixeron os simulacros de evacuación foron o CEIPP Antonio Palacios, CEIPP da Ribeira, CPR Santo Tomás, CEIP Cruz Budiño, CPR Hermanos Quiroga e CEIPP Atios. O CEIPP Fernández López xa levara a cabo o simulacro no primeiro trimestre.

Estes teñen o obxectivo, polo tanto, de valorar a metodoloxía cun caso práctico realista: se a evacuación se desempeña no tempo e na forma adecuada, se reúnen no punto de encontro acordado e se os responsables comproban que están a salvo tódalas persoas baixo a súa responsabilidade.

Daniel Rodríguez, Inspector Principal Xefe da Policía Local do Porriño aclara que “esta é a metodoloxía de traballo idónea para fomentar os planes de autoprotección e, tanto o alumnado e o profesorado, teñan interiorizado unha evacuación nunha situación real”.

Pola súa banda, a Concelleira de Educación, Carolina González apunta que “dende o Concello, en colaboración cos centros educativos do Porriño, realizamos estos simulacros tratando de ser o máis reais posibles e nunha situación de risco, tal e como aparecen recollidos nos plans de evacuación dos propios centros. Trataremos de levalos a cabo todos os anos para que estean preparados en caso de que se presente unha situación na que teñan que evacuar o edificio”. 

Abel Estévez, Concelleiro de Seguridade engade que “é moi importante que este tipo de normas de seguridade e protocolos de evacuación se aprendan e interioricen, especialmente na rapazada, para que as poidan aplicar sen dubidar en caso de situación de risco”. O alcalde, Alejandro Lorenzo, concluíu destacando a importancia de “enfrentarse a determinadas situacións de emerxencia para poder detectar posibles fallos na resposta e poder actuar con dilixencia e efectividade no caso de incendio real” e agradeceu “o traballo da Policía Local e Protección Civil que se implica especialmente nestas actividades e tamén da comunidade educativa”.