24 mulleres participan na primeira quenda do ano do curso de defensa persoal feminina

Un total de 24 mulleres de diferentes idades participaron hoxe na que foi a primeira quenda do ano do curso de defensa persoal feminina que organiza o Concello do Porriño, coa colaboración do Ministerio de Igualdade, o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a Policía Local.

O curso conta con monitores de defensa persoal que, en colaboración con axentes da Policía Local, ensinan ás participantes técnicas de fácil asimilación para repeler os ataques máis habituais.

A concelleira de Igualdade, Carolina González, participou hoxe da clase e ao terminar animou a todas as mulleres a acudir ás seguintes xornadas.  “É unha experiencia enriquecedora e moi práctica para a nosa vida cotiá que nos axuda a estar preparadas para resolver situación de risco”, apuntou a edil.

Para asistir non é preciso ter unas condicións físicas específicas nin rexistro previo. A asistencia é totalmente gratuita e está aberta a que participen mulleres dos concellos da contorna. 

As clases impártense en dúas quendas ao mes, en sábadoalternos, polo que a vindeira será o sábado 29 de xaneiro, como sempre no ximnasio Jovhen Sport de 10h a 12h.

Unha patrulla da Policía Local vixiará os polígonos residenciais de Torneiros

O Goberno Local reforza a presenza policial atendendo a unha das principais demandas da parroquia

 

Unha patrulla da Policía Local do Porriño vixiará os polígonos residenciais de Torneiros. A concellería de Seguridade Cidadá, que dirixe Abel Estévez, decidiu intensificar a presenza policial naqueles puntos que poden resultar máis conflitivos ou de maior afluencia.

Atendendo á reclamación dos veciños da parroquia, os axentes patrullarán unha zona que aglutina un elevado número de poboación, varios centros escolares e o multicentro polo que, en horas de entrada e saída, presenta aglomeracións e require presenza policial.

“Trátase dunha medida que os veciños de Torneiros levaban anos reclamando”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo, “Para garantir a seguridade nos núcleos residenciais de Torneiros requírese unha patrulla centrada en cubrir esa zona en exclusiva”.

Pola súa banda o concelleiro, Abel Estévez, mostrou especial preocupación polos accesos aos centros educativos onde “a presenza policial é esencial para garantir a seguridade dos escolares ás horas de entrada e saída”.

O Alcalde ponderou “o comportamento admirable do público” no Desfile de Rondallas que foi “un sopro de aire fresco”

O alcalde Alejandro Lorenzo valorou “o comportamento admirable” do público que presenciou o desfile conxunto de rondallas de Mos e O Porriño celebrado onte domingo. O rexedor municipal fixo hoxe unha valoración do acto que foi “un sopro de aire fresco que todos necesitabamos e nada mellor que as rondallas que son un selo de identidade e un dos nosos baluartes culturais”.

O alcalde afirmou que a cidadanía do Porriño demostrou que somos un pobo moi animado, que nos gusta compartir e gozar dos nosos costumes e facémolo de  xeito responsable, conscientes da situación que estamos atravesando”, engadiu.

Alejandro Lorenzo expresou o seu agradecemento “a todos aqueles que fixeron posible a celebración do evento coas máximas garantías de seguridade”. Eloxiou de “magnífico o traballo da Policía Local e Protección Civil; e das rondallas que se organizaron en tempo marca” e cualificou de “admirable comportamento o de todos os que acudiron para velo nas rúas”.

GRAN IMPACTO

O desfile conxunto rondallas de Mos e O Porriño respondeu á expectación suscitada xa que acreditan, sobre todo, os datos de audiencia nas redes sociais.

Aínda que a presenza de espectadores foi numerosa, as cifras de audiencia a través das redes sociais do Concello xa superan hoxe as 10.000 visualizacións. Miles de persoas seguiron o mesmo domingo, a emisión en streaming que se realizou e que se emitiu a través das canles de Facebook e YouTube do Concello.

O Alcalde convoca á Comisión Municipal de Seguimento da Covid

Alejandro Lorenzo convoca unha reunión da Comisión Municipal de Seguimento do Covid para avaliar a situación sanitaria no Porriño, á vista dos datos epidemiolóxicos desta sexta onda da pandemia.

A día de hoxe, O Porriño presenta 418 casos activos e unha taxa de incidencia de 1.925 por 100.000 hbts, segundo a última actualización de datos do Sergas.

A reunión da Comisión de Seguimento terá lugar mañá, xoves 30, ás 18,00 horas, presencialmente, no salón de plenos, onde se poden garantir as distancias de seguridade.

Por parte do goberno municipal, ademais do alcalde, asistirán tres concelleiros do goberno municipal: Abel Estévez, responsable de Seguridade; Carolina González, concelleira da área de Sanidade e Antía Carrera, delegada de Atención ao Cidadán. Todos os grupos políticos da corporación forman parte e están representados na Comisión Municipal de Covid. Tamén se convocan representacións da asociación de hostaleiros (AHOSPOR), comerciantes (ACIPOR) e vendedores da Praza de Abastos. Asimesmo convidouse a participar a unha representación do persoal sanitario do Centro de Saúde do Porriño.

A intención do goberno municipal, segundo explicou o alcalde, é que “sendo os concellos as institucións máis cercanas á cidadanía, temos a obriga de facer fronte ás necesidades máis inmediatas e, no marco das nosas competencias, garantir a seguridade do día a día da vila”, manifestou Alejandro Lorenzo.  “Por iso analizaremos polo miúdocada unha das actividades que se desenvolvan nos vindeiros días, co fin de minimizar o impacto da pandemia na actividade do concello”, engadiu o rexedor municipal.

O novo goberno municipal potenciará a atención cidadá e a transparencia, e dedicará unha concellería á terceira idade

 

O alcalde Alejandro Lorenzo fixo público hoxe o reparto de responsabilidades e delegacións entre os seus concelleiros. Destaca a creación das áreas de Atención Cidadá e Transparencia que dependerán da concelleira Antía Carrera.

A subliñar tamén a creación da área de Terceira Idade que desenvolverá Ascensión Rosario Costas. Trátase dunha concellería específica para dar resposta ás necesidades dos nosos maiores e garantir que a nosa vila ofreza a calidade de vida que merecen, traballando conxuntamente co resto de departamentos.

DISTRIBUCIÓN DE ÁREAS E DELEGACIÓNS 

O propio alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo levará tamén as áreas de Economía e Persoal.

Abel Estévez, que será o primeiro tenente de alcalde dirixirá Seguridade, Policía Local, Protección Civil, Voluntariado, Deportes e Benestar Social.

Carolina González, segunda tenente alcalde, desenvolverá as delegacións de Educación, Uned e Programas Europeos; Igualdade; Sanidade e Normalización Lingüística.

Ramón Porto será o concelleiro responsable de Vías, Obras e Servizos

Antía Carrera levará Urbanismo, Patrimonio Municipal do Solo, Contratación, Comercio, Mercado, Atención Cidadá e Transparencia, e Medio Ambiente.

José Carlos González terá as competencias de Parques e Xardíns; Limpeza; Lixo e Cemiterios.

Bienvenido Estévez colle as competencias de Traída de Augas Veciñais; Asociacións; Parroquias; Novas Tecnoloxías; Xuventude; Cultura e Festas.

Por último, Ascensión Rosario Costas asume a nova área de Terceira Idade e ademais as deegacións de Industria, Turismo, Formación e Emprego.

“EQUIPO POR E PARA PORRIÑO”

As competencias repártense entre os oito concelleiros do equipo. A idea é desenvolver un traballo transversal e coordinado que beneficie á cidadanía”, explicou o alcalde.

Trátase de “un equipo por e para Porriño”, afirmou Alejandro Lorenzo como síntese do esquema de traballo que propón.

“Xorden problemas e demandas cotiáns que non afectan só a un ámbito senón ao conxunto do Concello e tamén a diversos sectores da poboación e por iso son necesarias actuacións integrais para optimizar os recursos dos que dispoñemos, aproveitar as sinerxías, e dar unha maior eficiencia e eficacia. calidade do servizo que prestamos”, engadiu o rexedor municipal.

Alejandro Lorenzo mostrouse satisfeito de ter un equipo cohesionado que traballe xunto e témolo“. E citou como proba diso” o traballo da brigada de Deportes que se encarga de arranxar os parques infantís; ou a cooperación das concellerías de Vías e Obras, Servizos, Limpeza Viaria, Parroquias e Asociacións nas actuacións urxentes de lavado e limpeza como a que hoxe se leva a cabo no entorno da Igrexa de Santa María”, concluíu Alejandro Lorenzo.

A Concellería de Seguridade celebra a pena xudicial derivada dun operativo da Policía Local contra o tráfico de drogas en Pontellas

 

A Concellería de Seguridade que dirixe Lourdes Moure celebra que unha operación contra o narcotráfico desenvolvida pola Policía Local do Porriño concluíse coa pena de 3 anos e medio de prisión e 24.000 euros de multa aos tres condenados, segundo a sentenza que remata a ditar o Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra.

A sentenza chegou por conformidade no xuízo celebrado este martes na cidade do Lérez, ao que acudiron en calidade de testemuñas peritos os catro axentes da Policía Local de Porriño que participaron no operativo desenvolvido en Pontellas, o 27 de setembro de 2020. , conxuntamente. coa Garda Civil.

A actuación policial respondeu ás reiteradas denuncias veciñais polo tráfico de drogas nesa zona.

Tres persoas foron detidas, unha delas de Porriño e o resto de Portugal e Madrid. O operativo policial permitiu interromper unha operación de compravenda de marihuana, coa intervención de 2 quilos desa droga e a incautación de 6.000 euros en metálico.

Jesús González Pexegueiro “Carrola”, condecorado polos seus 25 anos de servizo

 
Jesús González Pexegueiro “Carrola”, técnico responsable do Servizo Municipal de Protección Civil recibiu onte un distintivo de permanencia por superar os 25 anos de servizo público.
 
Ao acto, celebrado na Academia Galega de Seguridade, acudiron a acompañar a Suso Carrola, a concelleira de Seguridade, Lourdes Moure e o inspector xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez, en representación do Concello do Porriño.
 
Aínda que a distinción recibida foi por superar os 25 anos de servizo público, en realidade, Jesús Gónzalez Pexegueiro leva xa 31 anos de servizo público dende que comezou a súa carreira primeiro en Cruz Vermella e despois en Protección Civil.

A concelleira de Seguridade participou na primeira quenda dos cursos de defensa persoal feminina que organiza o Concello

 

Lourdes Moure, concelleira de Seguridade, participou hoxe como unha alumna máis, na primeira quenda dos cursos de defensa persoal feminina que retomou o Concello do Porriño despois da obrigada paralización en 2020, a consecuencia da pandemia.

Estes cursos, organizados polo Concello do Porriño coa colaboración do Ministerio de Igualdade, o Pacto de Estado contra a violencia de xénero e a Policía Local do Porriño, realízanse nas instalacións do Ximnasio Jovhen Sport, na avenida Buenos Aires, 18.

O departamento que dirixe a concelleira Lourdes Moure convidou a todas as mulleres interesadas, sen límite de idade, que queiran recibir esta formación, que será totalmente gratuíta e non é necesario rexistro previo. Hoxe foron 32 as participantes nesta primeira quenda, incluída a propia concelleira.

As clases distribuense en dúas quendas por mes, en sábados alternos e durante todo un ano.

Os monitores do curso, que contan coa colaboración de axentes da Policía Local, ensinan técnicas de fácil asimilación para repeler os ataques máis habituais contra as mulleres.

Tamén a diferenza da convocatoria de 2019, nesta ocasión, o curso de defensa persoal feminina está aberto a mulleres dos concellos veciños.

Volve o curso de defensa persoal feminina promovido polo Concello

 
A Concellería de Seguridade Cidadá comunica que o vindeiro sábado 27 de novembro retomaranse as clases de autodefensa para as mulleres que xa se lles ensinaba antes da pandemia.
As clases impartiránse no ximnasio “Jovhen Sport”, sito na rúa Buenos Aires, número 18.
 
O departamento que dirixe a concelleira Lourdes Moure convida a todas as mulleres interesadas, sen límite de idade, que queiran recibir esta formación, que será totalmente gratuíta e non é necesario rexistro previo. “Só deberán acudir o vindeiro sábado día 27, ás 10:00 horas, con roupa de deporte e gañas de aprender”, declarou Moure Varela. “Non se precisan condicións físicas especiais”, afirmou a concelleira responsable de Seguridade Cidadá, que xa anunciou “eu mesmo acudirei e podo dicir abertamente que non estou en forma. “, engadiu Lourdes Moure.
 
Os monitores do curso, que contarán coa colaboración de axentes da Policía Local, ensinarán técnicas de fácil asimilación para repeler os ataques máis habituais contra as mulleres.
Tamén a diferenza da convocatoria de 2019, nesta ocasión, o curso de defensa persoal feminina está aberto a mulleres dos concellos veciños. “Cando falamos de protección e formación das mulleres nesta materia non pode haber ningún tipo de barreira; as administracións públicas deben favorecer este tipo de iniciativas”, concluíu Lourdes Moure.
 
 
 
 
 
 
 
 

A Concelleira de Seguridade felicita ao responsable de Protección Civil, distinguido polos anos de servizo público


A concelleira de Seguridade, Lourdes Moure recibiu hoxe a Jesús Gónzalez Pexegueiro, técnico responsable do Servizo Municipal de Protección Civil para felicitalo pola distinción que recibirá en breve. O Diario Oficial de Galicia publicou unha lista de distincións que proximamente se outorgarán aos membros de Protección Civil de diversos concellos, entre eles o presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Porriño.

Gónzalez Pexegueiro, coñecido popularmente como Suso Carrola, recibirá un distintivo de permanencia por superar os 25 anos de servizo público. En realidade, Jesús Gónzalez Pexegueiro leva xa 31 anos de servizo público dende que comezou a súa carreira primeiro en Cruz Vermella e despois en Protección Civil.