A fin de semana sáldase con catro detidos no Porriño

A Policía Local do Porriño informou da detención de catro persoas esta fin de semana.

A primeira actuación policial desenvolveuse na noite do sábado 10 de setembro. Ás 5:25 h unha patrulla da Garda Civil solicitaba a colaboración dos axentes tras saltar a alarma de roubo nun céntrico establecemento da vila. Unha vez no lugar, compobaron as imaxes dos presuntos autores dos feitos nas cámaras de seguridade. Nelas distinguíase claramente a tres mozos dunhas características moi concretas, dos que ademais se tiña constancia de que intentaran abrir vehículos estacionados na vía pública en outra ocasión.

Tras montar un dispositivo conxunto coa Garda Civil de vixilancia estreita no centro urbano, localizaron a un dos mozos nas proximidades do pavillón municipal e, minutos máis tarde, a outros dous escondidos baixo dous turismos. Por todo isto, procederon á detención destas tres persoas por un presunto delito de Roubo con forza nas cousas, cuxas penas oscilan entre 1 e 3 anos de prisión.

A segunda intervención tivo lugar o domingo pola tarde nun dos Polígonos Residenciais de Torneiros. Unha persoa foi detida pola presunta comisión dun Delito de furto, tras subtraer a un veciño pertenzas por valor de 1050 euros. A vítima, denunciou que se olvidara nas escaleiras da súa vivenda un ordenador portátil e unha cazadora e que ao ir buscalo non estaba. O home viu sair a unha persoa cargada con bolsas cara un vehículo e, tras preguntarlle, este negou ter algo que ver co roubo, polo que alertou á policía. Tras personarse no lugar localizaron no interior dun turismo o material roubado.

O policía local do Porriño, Javier Rodríguez, proclámase campión do mundo en Rotterdam

Javier Rodríguez, axente da Policía Local do Porriño, proclamouse esta fin de semana campión do mundo en ciclismo nos XIX Xogos Mundiais de Policías e Bombeiros, que se disputaron na cidade holandesa de Rotterdam.

O axente é un veterano deste evento, no que compite dende o ano 2003 colleitando éxitos: catro medallas de ouro, tres de prata e dúas de bronce. Este ano, suma un novo ouro tras impoñerse na súa disciplina.

Este evento bianual, aberto á participación tanto de persoal en activo como de xubilados das forzas de seguridade e bombeiros de todo o mundo, é o segundo con maior participación a nivel mundial, só por detrás dos Xogos Olímpicos.

Desta vez acudiron á cita algo máis de 10.000 atletas de máis de 80 países. Os xogos constan de 63 disciplinas que van dende o ciclismo ao atletismo, pasando polo baloncesto, tenis, natación… e outras específicas destes corpos de intervención como a carreira vertical, tiro policial ou subida de escaleiras.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, felicitou ao axente por este novo éxito que “coñecendo a Javi seguro non será o último” .

Liberada unha muller que foi retida 6 días nun piso do Porriño

Axentes da Policía Local do Porriño e do posto principal da Garda Civil do Porriño liberaron onte a muller que levaba retida contra a súa vontade seis días nunha céntrica vivenda do Porriño e detiveron ao presunto responsable dos feitos, M.F.R de 26 anos de idade e veciño da vila, por senllos delitos de Detención ilegal e Agresión sexual e lesións.

Os feitos aconteceron onte, luns 25 de xullo, ás 6:34 h, cando a Policía Local recibe aviso a través do 112 de que unha muller enviara dúas notas manuscritas en papel por unha fiestra alertando de que se atopaba retida en contra da súa vontade nunha vivenda e pedindo axuda. Unha veciña atopou unha das notas, na que facilitaba datos do presunto autor e a dirección de onde se atopaba, e o puxo en coñecemento do 112 .

De inmediato desprazáronse ao lugar seis axentes da Policía Local e unha patrulla da Garda Civil e, tras realizar as primeiras pescudas, comprobaron que a dirección e os datos facilitados pola vítima,  coincidían cos dun varón que se atopaba en busca e captura por diversos xulgados da provincia e sobre o que pesaba tamén unha orde de ingreso en prisión. Este home, protagonizou supostamente un episodio similar nun concello limítrofe, sen  poder ser detido.

Cabe destacar que a familia da vítima denunciou a súa desaparición tras levar días sen ter coñecemento do seu paradoiro.  

Ante tales feitos, os axentes optan por tocar o timbre sen obter resposta pero muller xa tiña feito constar que se o suposto agresor se percataba da presencia da Policía a mataría, e ante a posible comisión dun delito flagrante, optaron por tirar a porta pola forza utilizando un ariete.

Ao acceder á vivenda, os axentes atopáronse co home durmindo na cama e a vítima aterrorizada e en estado de nerviosismo. De inmediato e sen darlle tempo a reaccionar procederon á súa detención.

A moza, que presentaba diversos hematomas no corpo -según manifestou ela- producidos polo agresor co fin de manter relacións sexuais,  relatou aos axentes que levaba dende o día 19 de xullo encerrada na vivenda, sen que se lle deixara comunicarse con ninguén do exterior.

A vítima foi trasladada pola ambulancia do 061,acompañada en todo momento por unha axente da Policía Local do Porriño, ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde se iniciou o protocolo de agresións sexuais, sendo recoñecida pola médico forense. Posteriormente, formulou a correspondente denuncia por todo o acontecido.

O home foi detido e posto a disposición xudicial como presunto autor dos delitos anteriormente mencionados cuxas penas oscilan entre os 15 e 20 anos de prisión.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Seguridade, Abel Estévez, felicitaron aos axentes que interviñeron por “actuar coa determinación necesaria e sen demoras cando diso dependía evitar un dano grave e irreparable á muller, rexíndose polos principios de oportunidade, congruencia, e proporcionalidade no uso dos medios ao seu alcance para lograr a pronta liberación da moza”.

Dous axentes da Policía Local salvan a vida dun home que entrou en parada cardiorrespiratoria

Dous axentes da Policía Local do Porriño salvaron a vida dun varón de 80 anos, veciño do Porriño, que entrou en parada cardiorrespiratoria na tarde de onte.

Aconteceu na céntrica rúa Ramirás, cando o home circulaba no seu vehículo. Foi unha viandante a que alertou á Policía ao ver a unha persoa inconsciente no interior dun coche parado no medio da calzada.

A patrulla, equipada cun equipo DESA, desprazouse ao lugar e en tan só dous minutos estaban a prestar atención ao home. Ao chegar puideron comprobar que non respondía aos estímulos polo que procederon a realizar as maniobras de reanimación cardiopulmonar, utilizando o desfibrilador do coche patrulla ata que se estabilizou e foi atendido polos servizos médicos. Cabe destacar que os vehículos da Policía Local están equipados con equipos DESA de primeiros auxilios.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu hoxe aos axentes para agradecer o seu bo facer e o esencial labor que desempeñan. Un agradecemento que estes recibiron e quixeron facer extensivo aos/as cidadáns/as que colaboraron a atender a esta persoa.

A Policía Local detén a un home en busca e captura

A Policía Local do Porriño detivo na tarde de onte a un home que levaba varios meses fuxido da xustiza española. O detido, A.A.G.R., de 36 anos de idade, asentárase en Portugal para eludir as responsabilidades penais que pesaban contra el pola comisión de diferentes delitos.

Na tarde de onte, foi localizado por axentes da Policía Local nun taller mecánico do municipio ao que acudira para posteriormente regresar ao país veciño. Tras realizar as pertinentes comprobacións coa autoridade xudicial e constatar que contra esta persoa estaban ditadas tres ordes xudiciais de busca e captura, procedeuse á súa detención e foi posto a disposición da autoridade xudicial correspondente.

Detido o presunto autor de varios roubos no Porriño

Un operativo conxunto de Garda Civil e Policía Local do Porriño culminou hoxe coa detención do presunto autor de varios roubos con forza no centro urbano.

O detido, un veciño do Porriño de 36 anos de idade, está investigado por un delito continuado de roubo con forza, como presunto autor de máis de 20 roubos no termo municipal. Entre os feitos que se lle imputan están roubos e danos en vehículos, locais comerciais, destrozos no cemiterio municipal e tamén na Capela de San Benito.

O pasado mércores, foi detido e posto a disposición xudicial, decretando o xulgado a súa posta en liberdade. Finalmente, esta madrugada foi interceptado polos axentes esta noite tras roubar e causar cuantiosos danos na Praza de Abastos Municipal.

Desarticulado un punto de venta de drogas nunha vivenda do centro urbano do Porriño

Un operativo conxunto da Policía Local do Porriño e a Garda Civil culminou onte coa desarticulación dun importante punto de venda e distribución de estupefacientes nunha vivenda do centro urbano do Porriño.

As investigacións iniciáronse o pasado mes de febreiro cando se interceptou a un veciño do municipio con 30 gramos de cocaína e 400 euros en efectivo, dando inicio á denominada “Operación Cela Sebe”.

A vivenda desta persoa era frecuentada consumidores habituais de estupefacientes, moitos deles mozos. No transcurso do operativo, no que tamén participou a patrulla da Compañía de Vigo, leváronse a cabo máis dunha decena de controis, e constatáronse outras tantas transaccións de cocaína e hachis na controna desta vivenda.

No rexistro levado a cabo onte, participaron axentes da Policía Local e da Garda Civil, así como o Servizo Cinolóxico da Garda Civil, incautando 304 gramos de cocaína en pedra, 189 gramos de polen de hachís, 67 bellotas de hachís de 10g cada unha, 250 gramos dunha sustancia de corte, 278 gramos de cocaína en polvo, 1.270 euros en efectivo e 42 billetes falsos de 20 euros.

O habitante da vivenda foi detido como presunto autor dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas e foi posto a disposición do Xulgado de Instrucción 2 do Porriño. A parella do mesmo, que convivía con el, é investigada polo mesmo delito.

Concello e Protección Civil do Porriño asinan o seu convenio anual

O Concello do Porriño e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil renovaron o convenio de colaboración para atención de emerxencias no termo municipal. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o presidente da agrupación local, Miguel Rivas, formalizaron o acordo que contempla que o Concello aportará 30.000 euros para dotar de persoal e uniformidade aos membros da agrupación, así como para a compra de material e subministros. No acto de sinatura estiveron presentes tamén a secretaria da agrupación, Avelina Tato  e o responsable do servizo, Jesús Pexegueiro.

“O labor destes voluntarios e voluntarias é esencial para garantizar a resposta ás emerxencias que se producen no municipio”, explicou o rexedor, “Situacións como a pandemia puxeron de relieve a eficacia do traballo que realizan os efectivos de protección civil. Foron claves para atender ás persoas máis vulnerables durante o confinamento ao igual que o son cada vez que hai algunha emerxencia”.  Con tal motivo, o novo executivo inclúe no seu novo orzamento (que presentará nas vindeiras semanas) un incremento de 10.000 euros para a agrupación de protección civil, consolidando unha partida de 40.000 euros.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Porriño conta a día de hoxe con 24 voluntarios e voluntarias e aspirantes que colaboran coa Policía Local, Garda Civil e os demais servizos de emerxencias na atención ás alertas do 112, participando en máis de 2.300 operativos anuais.  Tamén desempeñan tarefas de seguridade e loxística nos diferentes eventos culturais e deportivos que se celebran no concello.

 

 

Detectado un aumento de furtos de carteiras en días de mercado

A concellería de Seguridade Cidadá, que dirixe Abel Estévez, informou hoxe que se detectou un aumento significativo de furtos de carteiras os martes de mañá, coincidindo co mercado semanal. Nas últimas semanas notouse un repunte importante, chegando a denunciarse ata catro ou cinco furtos nalgunha xornada.

 

A Policía Local, en colaboración coa Garda Civil, traballan de forma coordinada para tratar identificar aos presuntos autores destes feitos e evitar que sigan producíndose estes actos delictivos no municipo.

 

Desde a concellería de Seguridade Cidadá chaman a tomar certas precaucións para non ser vítima dos carteiristas:

 

  • O lugar predilecto dos carteiristas son os espazos cheos de xente, nestes lugares somos vulnerables ao roubo, polo que é moi importante abrir os nosos ollos, ter as nosas pertenzas sempre ao noso alcance e non confiar o absolutamente ningún descoñecido que se achegue demasiado a nós con calquera pretexto.
  • Nunca saias de casa cun bolso que non pecha ben ou que permite o fácil acceso ás túas pertenzas. Estes son os favoritos dos carteiristas.
  • Se utilizas mochila, lévaa sempre no peito en lugar das costas, desta forma terás sempre a vista posta nas túas cousas mentres estás nos espazos onde es propenso ao roubo.
  • Se usas bolsos o mellor é levalos cruzados e ben agarrados a ti, desta forma evitas que alguén poida pasar correndo e arrincalo do teu ombreiro. Ademais convén pechar ben o bolso e levar sempre a nosa man encima del.
  • Cando prepares o teu bolso e mochila, coloca os obxectos de valor abaixo, no fondo do mesmo. Así se un carteirista tenta roubarche non conseguirá acceder facilmente a eles, senón que se atopará na superficie con cousas sen valor (unha botella de auga, un xersei, unha bufanda, etc).
  • Se levas unicamente a carteira e o móbil, o mellor é telos sempre nos petos dianteiros do teu pantalón, ao teu alcance. No peto traseiro resultan moi fáciles de extraer polos carteiristas profesionais.
  • Atención cando falas con estraños, non deixes en ningún momento as túas cousas nin che distraias. Os carteiristas, ademais de actuar en lugares públicos, moitas veces van en grupos de dous ou tres e abordan ás persoas con distintas técnicas de distracción para roubar as súas pertenzas. É importante manterche alerta das túas cousas.
  • É necesario que esteas pendente do que ocorre ao teu ao redor. Moitas veces os carteiristas seguen ás súas vítimas durante un bo tempo ata que descobren un momento no que son vulnerables para atacar.
  • Se descobres a un carteirista en pleno acto, non temas gritar e chamar a atención da xente. Estes adoitan actuar en lugares públicos polo que ao ser descubertos foxen de inmediato. A discreción é o seu maior arma, ante a evidencia non reaccionan de forma violenta senón que prefiren escapar sen ser identificados.

Cortes de tráfico pola carreira ciclista “O Gran Camiño”

A Policía Local informou hoxe dos cortes de tráfico e restricións de estacionamento que se levarán a cabo con motivo da saída no Porriño da carreira ciclista “O Gran Camiño”.

Desde o mércores 23 ata o xoves 24 queda prohibido estacionar e aparcar nas rúas:

 

  • Pío XII: Ambos lados, desde as 14h do mércores ata as 14h do xoves.
  • Domingo Bueno: Ambos lados desde o cruce do cemiterio ata a rotonda dos Aloques, desde as 22h do mércores ata as 14h do xoves.
  • Finca do Roxi: desde as 23 horas do mércores ata as 14h do xoves.

O tráfico permanecerá cortado desde as 7h do xoves na Avda. Domingo Bueno ata as 14h.

Tamén se cortará a rúa Pío XII desde as 18 h do mércores ata as 14h do xoves.

Haberá tamén cortes puntuais que afectarán desde as 11:15 h as seguintes rúas e que non durarán máis de 15 minutos: Ramiráns, Avda. de Galicia e Antonio Palacios.