400 escolares aprenden a alimentarse de maneira saudable nos colexios

O Concello do Porriño segue apostando pola promoción de hábitos de vida saUdable entre a cativada e a mocidade con múltiples iniciativas centradas na educación. No marco do Plan de Saúde Local a concellería de Sanidade e a OMIX, en colaboración co SERGAS, impulsa un ano máis o programa de “Nutrición na Escola” no que participan 400 escolares de 3º de Educación Primaria e 2ª da ESO. 

O obxectivo desta actividade é promover unha alimentación saudable e tamén a actividade física na infancia e adolescencia; así como reducir o sobrepeso e a obesidad nesta poboación.   Os nenos e nenas que participan aprenden a elixir os alimentos correctamente e nas cantidades adecuadas, favorecendo deste modo o autocontrol da alimentación.

“Promover unha alimentación saudable durante a infancia e os primeiros anos da adolescencia é un aspecto clave para asegurar un correcto crecemento e desenvolvemento de nenos e nenas”, explicou a concelleira, Teresa Veloso.  Ademais, “trátase dunhas etapas moi importantes na adquisición de hábitos alimentarios, polo que é primordial darlle a importancia que merece a alimentación na etapa escolar e desde o Concello non queremos quedar ao marxe”

Mercado de Nadal da AECC do Porriño

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) do Porriño inaugurou xa o seu tradicional Mercado de Nadal, unha iniciativa solidaria cuxo obxectivo é recadar fondos para apoiar ás familias afectadas polo cancro. Este evento conta coa colaboración do Concello de Porriño e os comercios locais, e estará aberto ao público ata o próximo 30 de decembro, no número 68 da rúa Ramón González, en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

O Mercado de Nadal ofrece unha ampla variedade de produtos artesanais elaborados polas voluntarias da AECC, así como artigos doados xenerosamente polos comercios da vila. Todo o recadado será destinado á loita contra o cancro, apoiando a aqueles que se enfrontan á enfermidade e aos seus familiares, quen a miúdo atravesan momentos difíciles durante o tratamento.

Mari Palacín, presidenta da AECC do Porriño, destacou a importancia deste tipo de iniciativas: “Desde a AECC de Porriño, queremos achegar o noso gran de area para os enfermos e familiares desta terrible enfermidade. Facémolo con todo o noso agarimo e estamos encantados de recibirvos no noso Mercado de Nadal. Cada pequeno xesto conta e este mercado é unha forma de ofrecer esperanza e apoio a quen máis o necesita.”

Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, expresou o seu apoio á AECC e ás súas iniciativas:  “Este Mercado de Nadal é un exemplo claro do que significa a solidariedade no Porriño. Estamos moi orgullosos de poder colaborar e constatar que unión dos comercios locais, as voluntarias e as institucións é fundamental para que podamos seguir loitando xuntos contra esta enfermidade e ofrecer o apoio que necesitan os afectados.”

Reúnese a Mesa Local de Saúde no Porriño para promover un estilo de vida saudable no concello

Esta mañá tivo lugar no Porriño unha mesa local de saúde á que estaban convocados todas as entidades e colectivos implicados do Concello, coa finalidade de detectar as principais necesidades en materia de saúde pública e promover un estilo de vida saudable entre a poboación. Esta Mesa pretende poñer o foco sobre os recursos dos que se dispoñe nos diferentes servicios existentes e unha posta en común das ideas e suxestións dos diferentes axentes sociais na procura dun Porriño que potencie hábitos e comportamentos o mais saudables posibles.

Na mesa, presidida polo alcalde, Alejandro Lorenzo, participaron representantes de diversos centros educativos do municipio e entidades sociais, unha representación do Centro de Saúde e dos distintos departamentos do Concello, todo isto co fin de abordar de maneira transversal unha cuestión de vital importancia para todas e todos. 

A conselleira de Sanidade, Teresa Veloso, considera que “todo o que se poida aportar á hora de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas merece ser tido en conta. As diversas ideas que xurdiron ao longo desta Mesa servirán para implementar novos proxectos”. Pola súa banda, o rexedor destacou que “a atención á saúde emocional, especialmente da mocidade e da infancia, a promoción de hábitos saudables e a atención das persoas maiores seguen sendo os eixos centrais da nosa estratexia local de promoción da saúde e traballaremos nesa liña”.