A AECC atendeu a 253 pacientes e familias no Porriño

A Asociación Española Contra o Cancro levou a cabo o ano pasado 253 intervencións que tiveron como beneficiarios a veciños e veciñas do Porriño, a través dos seus diferentes programas. En concreto, foron 138 as intervencións de atención social, que van dende consultas de información, orientación sobre axudas económicas, préstamo de material ou programa de alimentos. Foron 84 as de atención psicolóxica a pacientes e familiares e 27 no eido do traballo social.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Sanidade, Carolina González, mantiveron esta semana unha xuntanza con representantes da AECC  para analizar o papel que desempeña esta entidade no municipio. Á mesma acudiron a presidenta provincial, Carmen Abeledo, o coordinador das xuntais locais de Pontevedra, Telmo Crespo, e a presidenta da AECC do Porriño, Chelo Conde.

“O labor que realizan para apoiar aos pacientes e ás súas familias é impagable”, indicou o rexedor, “O cancro require unha abordaxe integral, non é suficiente con loitar contra a enfermidade, tamén hai que facelo contra as consecuencias emocionais que produce nos enfermos e nas familias, e para iso necesítase o compromiso de todos e todas”.

Co obxectivo de sumar esforzos, estudáronse liñas de traballo conxunto a desenvolver nos próximos meses e as fórmulas para establecer lazos de colaboración entre ambas entidades, que se irán dando a coñecer nas próximas semanas.

 

AECC O PORRIÑO

C/ Domingo Bueno, S/N, 36400 O Porriño (Centro Cívico)

Tlf: 986 33 95 03

 

 

O Alcalde ponderou “o comportamento admirable do público” no Desfile de Rondallas que foi “un sopro de aire fresco”

O alcalde Alejandro Lorenzo valorou “o comportamento admirable” do público que presenciou o desfile conxunto de rondallas de Mos e O Porriño celebrado onte domingo. O rexedor municipal fixo hoxe unha valoración do acto que foi “un sopro de aire fresco que todos necesitabamos e nada mellor que as rondallas que son un selo de identidade e un dos nosos baluartes culturais”.

O alcalde afirmou que a cidadanía do Porriño demostrou que somos un pobo moi animado, que nos gusta compartir e gozar dos nosos costumes e facémolo de  xeito responsable, conscientes da situación que estamos atravesando”, engadiu.

Alejandro Lorenzo expresou o seu agradecemento “a todos aqueles que fixeron posible a celebración do evento coas máximas garantías de seguridade”. Eloxiou de “magnífico o traballo da Policía Local e Protección Civil; e das rondallas que se organizaron en tempo marca” e cualificou de “admirable comportamento o de todos os que acudiron para velo nas rúas”.

GRAN IMPACTO

O desfile conxunto rondallas de Mos e O Porriño respondeu á expectación suscitada xa que acreditan, sobre todo, os datos de audiencia nas redes sociais.

Aínda que a presenza de espectadores foi numerosa, as cifras de audiencia a través das redes sociais do Concello xa superan hoxe as 10.000 visualizacións. Miles de persoas seguiron o mesmo domingo, a emisión en streaming que se realizou e que se emitiu a través das canles de Facebook e YouTube do Concello.

O goberno municipal acordou máis presenza policial no mercado e estudar unha posible reubicación

 
O Concello do Porriño aumentará a presenza policial no mercado ambulante dos martes para informar aos usuarios/as e vendedores/as da normativa sanitaria en vigor e garantir que se cumpla.
 
O control da seguridade no mercado ambulante e na Praza de Abastos foi un dos eixos centrais da xuntanza da Comisión Municipal de Seguimento da Covid celebrada o pasado xoves 30.
 
Esta decisión tomouse tras terse detectado unha relaxación no cumprimento das medidas.
Tamén se anuncióu que o Goberno Municipal estudará o cambio de ubicación do mercado ambulante a un espazo que permita ampliar distancias entre os postos de venta.
 
INFORMACIÓN AO CIDADÁ
Outro dos puntos abordados pola Comisión Municipal de Seguimento foi a información que dende o Concello se debe prestar ao cidadá nesta situación sanitaria.
 
0 Goberno Municipal facilitará información diaria do número de contaxios no municipio e medidas sanitarias en vigor. O fará a través dos seus perfís oficiais en redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) e a través da APP local BandoMóvil.
 
Tamén se difundirán estes datos actualizados na pantalla instalada na rúa Antonio Palacios, xunto á rotonda.
 
ATENCIÓN ÁS PERSOAS CONFINADAS
Lembramos que o número de atención a persoas confinadas que presta Protección Civil é o 689 76 47 17 para dar resposta ás necesidades das persoas que se atopan nesa situación.
 
Todos aqueles veciños/as que deban estar confinados poden chamar a este número e os voluntarios e voluntarias da agrupación encargaranse de garantir as necesidades básicas destas persoas estean cubertas, realizando tarefas como facer a compra ou acudir á farmacia.

Cancelada a Carreira Nocturna de Reis ante a imposibilidade de garantir a seguridade sanitaria no evento

Pola contra valorouse que no desfile conxunto de rondallas de Mos e O Porriño, sí poderán manterse as debidas garantías e distancias polo seu longo percorrido

O Goberno Municipal acordou a suspensión da Carreira Nocturna de Reis programada para o 8 de xaneiro ante a imposibilidade de garantir na mesma a seguridade sanitaria dos/as participantes, segundo anunciou hoxe o concelleiro de Deportes, Abel Estévez. A decisión obtivo un respaldo unánime na xuntanza da Comisión de Seguimento da Covid-19 que presidiu hoxe o alcalde Alejandro Lorenzo.
 
O feito de que os atletas participantes na carreira non leven a máscara de protección mentres corren e a imposibilidade de establecer a obrigatoriedade desta medida fixo que dende a organización se valoraran fórmulas alternativas como unha contrareloxo individual. Pero desestimouse xa que desvirtuaba a propia natureza lúdico-deportiva do evento.
 
Tamén se abordou a seguridade do Desfile Conxunto de Rondallas do Porriño e Mos que se celebrará o vindeiro día 2. O Goberno Municipal, tras analizar as características do evento, que se celebrará ao aire libre nun amplo percorrido que permite a distribución dos asistentes, mantendo a distancia de seguridade, acordou mantelo.
 

O Alcalde convoca á Comisión Municipal de Seguimento da Covid

Alejandro Lorenzo convoca unha reunión da Comisión Municipal de Seguimento do Covid para avaliar a situación sanitaria no Porriño, á vista dos datos epidemiolóxicos desta sexta onda da pandemia.

A día de hoxe, O Porriño presenta 418 casos activos e unha taxa de incidencia de 1.925 por 100.000 hbts, segundo a última actualización de datos do Sergas.

A reunión da Comisión de Seguimento terá lugar mañá, xoves 30, ás 18,00 horas, presencialmente, no salón de plenos, onde se poden garantir as distancias de seguridade.

Por parte do goberno municipal, ademais do alcalde, asistirán tres concelleiros do goberno municipal: Abel Estévez, responsable de Seguridade; Carolina González, concelleira da área de Sanidade e Antía Carrera, delegada de Atención ao Cidadán. Todos os grupos políticos da corporación forman parte e están representados na Comisión Municipal de Covid. Tamén se convocan representacións da asociación de hostaleiros (AHOSPOR), comerciantes (ACIPOR) e vendedores da Praza de Abastos. Asimesmo convidouse a participar a unha representación do persoal sanitario do Centro de Saúde do Porriño.

A intención do goberno municipal, segundo explicou o alcalde, é que “sendo os concellos as institucións máis cercanas á cidadanía, temos a obriga de facer fronte ás necesidades máis inmediatas e, no marco das nosas competencias, garantir a seguridade do día a día da vila”, manifestou Alejandro Lorenzo.  “Por iso analizaremos polo miúdocada unha das actividades que se desenvolvan nos vindeiros días, co fin de minimizar o impacto da pandemia na actividade do concello”, engadiu o rexedor municipal.