O Porriño forma á cidadanía para estar preparada ante calquera emerxencia

  • As Charlas de Primeiros Auxilios son de balde para toda a veciñanza e asociacións participantes
  • As primeiras sesións celebraranse o 10 de febreiro no Centro Cultural As Mimosas de Carracido e o 26 de febreiro no Centro Cultural de Atios, en horario de 17:00 a 18:30 horas

O Porriño, 4 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño, en colaboración con Protección Civil, pon en marcha un programa de formación en primeiros auxilios dirixido á veciñanza e ao tecido asociativo do municipio.

As accións formativas, Charlas de Primeiros Auxilios, comezarán no barrio de Carracido e na parroquia de Atios, co obxectivo de achegar coñecementos básicos e fundamentais para actuar ante situacións de emerxencia no día a día. Nas charlas aprenderase a actuar fronte a paradas cardiorrespiratorias, afogamentos, ictus, cortes e feridas, e queimaduras.

Ademais, estas formacións son totalmente de balde para toda a veciñanza e asociacións participantes. A primeira sesión celebrarase o 10 de febreiro, en horario de 17:00 a 18:30 horas, no Centro Cultural As Mimosas de Carracido. A segunda terá lugar o 26 de febreiro, no Centro Cultural de Atios, mantendo o mesmo horario.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anima a todos os veciños e veciñas a participar: “É fundamental que toda a comunidade saiba como actuar en situacións de emerxencia. Estas charlas son unha oportunidade única para aprender coñecementos que poden salvar vidas. O noso obxectivo é chegar a todas as asociacións, centros culturais, barrios e parroquias do Porriño, coa intención de fomentar unha cidadanía máis preparada, segura e formada en primeiros auxilios”. Esta iniciativa forma parte dun programa máis amplo que se irá estendendo progresivamente a todas as asociacións culturais das parroquias e barrios do Porriño.

Estas charlas enmárcanse dentro das políticas municipais de promoción da saúde, da seguridade e da participación social, reforzando a colaboración co voluntariado e cos servizos de emerxencia locais, e consolidando a Protección Civil como un piar fundamental na atención á cidadanía.

O Concello anima á veciñanza e ás asociacións culturais, sociais e veciñais a participar nestas xornadas formativas, que contribúen a salvar vidas, e a implicarse activamente na construción dunha comunidade máis responsable e preparada ante calquera situación de emerxencia.

O Porriño, referente de solidariedade en Galicia coa súa elevada taxa de doazón de sangue

 

  • Tras acadar 1.375 doazóns o pasado ano e situarse moi por riba da media autonómica, O Porriño acolle hoxe unha nova visita da unidade móbil de doazón de sangue dentro da súa campaña especial de Nadal

O Porriño, 15 de decembro de 2025.- O Concello do Porriño continúa a destacar polo compromiso solidario da súa cidadanía nas doazóns de sangue e anima a seguir participando nunha das campañas máis importantes do ano. En 2024, a veciñanza efectuou 1.375 doazóns de sangue, o que supuxo 66 doazóns por cada 1.000 habitantes, unha taxa 27 puntos superior á media galega e que sitúa ao municipio como un dos máis solidarios da provincia de Pontevedra e de toda Galicia.

Dende a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) sinalan que do presente exercicio, polo momento, non se dispoñen de datos oficiais pero aseguran que a participación está sendo excelente e estímase unha participación similar, “o que xa é moito, pois acadadas estas taxas de doazón, resulta complexo xa non só incrementalas, senón mantelas. Trátase de índices moi elevados e que falan moito e moi ben do carácter solidario dos seus veciños e veciñas”, indican dende ADOS.

Neste sentido, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, expresa “o noso máis sincero agradecemento a todas as persoas que, coa súa solidariedade, contribuíron a estas elevadas cifras de doazón. A presenza da unidade móbil hoxe na nosa vila é unha nova oportunidade para que moitas máis persoas se sumen a este xesto altruísta. Cada doazón axuda a salvar vidas e fortalécenos como comunidade.”

Con motivo da campaña especial de Nadal, que se estende do 15 de decembro ao 15 de xaneiro para cubrir as necesidades dos centros sanitarios, unha unidade móbil de doazón de sangue permanece hoxe no Porriño. Está, como sempre, ao carón do Centro Cultural, en horario de 10.00 a 14.30 horas e de 16.00 a 21.00 horas, facilitando así que máis persoas poidan doar sangue sen ter que desprazarse fóra do municipio.

A colaboración de todos é fundamental para alcanzar a meta de 8.500 doazóns que precisan os centros sanitarios nestas datas tan especiais. Dende ADOS aseguran que “nos consta a excelente participación de todos os veciños e veciñas do Porriño e, por suposto, da corporación municipal, que sempre nos apoia no desenvolvemento de campañas destinadas a promover este acto solidario. Ademais, todas as iniciativas destinadas a sensibilizar á poboación que parten desde a corporación municipal axúdanos a achegarnos de modo máis directo á cidadanía”.

O Concello aproba por unanimidade o traspaso á Xunta de Galicia do Servizo da Unidade Asistencial de Drogodependencias

 

  • A corporación municipal deu luz verde ao acordo que permitirá integralo no Servizo Galego de Saúde, garantindo a continuidade da atención e a estabilidade do persoal e dos recursos

 

O Porriño, 10 de decembro de 2025.- O Concello do Porriño celebrou esta mañá un Pleno extraordinario urxente no que se aprobou por unanimidade o traspaso á Xunta de Galicia dos servizos e medios persoais e materiais vinculados á Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) municipal, un recurso que leva preto de catro décadas prestando asistencia sanitaria e apoio ás persoas con problemas de drogodependencias dunha vintena de concellos do sur da provincia de Pontevedra.

Co acordo adoptado hoxe, o Concello valida o borrador do Decreto de traspaso elaborado pola Consellería de Sanidade e remitido pola FEGAMP, así como o certificado da Comisión Mixta encargada de avaliar e formalizar a integración das UADs municipais no sistema sanitario autonómico. O Porriño é unha das 13 unidades existentes en Galicia que se incorporarán ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

A concelleira de Sanidade e Política Social, Teresa Veloso, explicou no Pleno que este traspaso “supón un avance importante na integración funcional e sanitaria dun servizo esencial, garantindo unha atención máis coordinada, estable e plenamente incorporada ao ámbito sanitario autonómico”.

O acordo plenario inclúe tamén a aprobación dos anexos correspondentes ao persoal que se integra no SERGAS, os postos vacantes, o inventario de bens, contratos e inmobilizado, así como a cesión temporal do local municipal situado no edificio do Centro Cívico, onde continuará funcionando a UAD.

Desde a Intervención Municipal emitiuse un informe favorable ao considerar que o traspaso é positivo para a estabilidade orzamentaria, mentres que o Secretario Municipal informou tamén favorablemente tanto sobre a cesión do inmoble como sobre o proceso de integración do persoal.

O Concello notificará ás persoas traballadoras afectadas a súa nova situación administrativa e remitirá ao SERGAS toda a documentación preceptiva. O acordo queda supeditado á aprobación definitiva do Decreto por parte da Xunta de Galicia, previsto para entrar en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2026.

O alcalde Alejandro Lorenzo lembra que o Concello do Porriño vén prestando desde fai 37 anos o servizo de atención a persoas drogodependentes a través do denominado centro de asistencia de drogodependencias e marxinación no ano 1988, que logo pasou a ser denominado Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) no ano 1991, nome que persiste na actualidade. Expertos nesta materia fixeron recomendacións de que este tipo de centros debían integrase, funcional e organicamente, nos servizos de atención primaria das Comunidades Autónomas ou, de ser o caso, de atención especializada-saúde mental.

O Concello presenta unha ampla oferta de actividades para o curso 2025-2026 enfocada no benestar emocional e prevención

  • As concelleiras de Educación e Sanidade reuníronse cos equipos directivos dos centros educativos do municipio para planificar actividades que fomenten a calma, a educación afectivo-sexual e a prevención de riscos entre o alumnado

O Porriño, 9 de outubro de 2025.- A concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González, e a concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, mantiveron unha reunión cos equipos directivos dos centros educativos do Porriño para presentar a oferta de actividades para o curso 2025-2026, que teñen como eixe principal o benestar emocional e a prevención de problemáticas sociais e de saúde.

As actividades programadas inclúen a práctica do inglés, talleres para a calma e a relaxación, visitas á Casa Consistorial e ao parque de bombeiros, así como unha exhibición das forzas de seguridade. Neste curso destaca especialmente a incorporación de talleres afectivo-sociais e sexuais, unha demanda expresada polos propios centros.

A concelleira de Educación destacou que “a reunión foi moi positiva e frutífera, pois permitiu afondar nas necesidades reais dos centros e axustar a oferta para garantir o benestar tanto do alumnado como do profesorado, que é o pilar fundamental deste proceso”. Pola súa banda, a edil de Sanidade subliñou que “estes programas son unha prioridade para o Concello porque abordan aspectos fundamentais para a saúde emocional e física da comunidade educativa, dende Sanidade, en colaboración co centro de saúde da vila, continuaremos coa realización de obradoiros divulgativos de nutrición, enfermidades de transmisión sexual e hixiene dental”.

O programa de benestar na comunidade educativa, que se dirixe a docentes e alumnado, ten como obxectivo facilitar ferramentas para o coidado das emocións, a atención e a calma, mellorando o ambiente escolar e fomentando hábitos saudables para afrontar situacións como exames, conflitos ou momentos de estrés.

Ademais, o Concello lanzará unha serie de programas específicos que inclúen educación afectivo-sexual e prevención das agresións sexuais infantís; prevención do consumo de pornografía, da prevención da violencia de xénero, dos trastornos da conduta alimentaria e violencia estética e do acoso escolar.

Estas iniciativas buscan crear un entorno escolar seguro e igualitario, garantindo a participación activa das familias e o profesorado. Desde o Concello do Porriño insístese na aposta por unha educación integral que, ademais de formar, coide e protexa a comunidade educativa.

Volven ao Porriño as andainas saudables, sociais e deportivas

  • Concello organiza esta actividade para maiores de 65 anos todos os mércores e venres de outubro e novembro
  • As persoas interesadas xa poden inscribirse no rexistro municipal

O Porriño, 26 de setembro de 2025.- Tralo parón estival, a Concellería de Sanidade do Concello do Porriño retoma as andainas saudables, sociais e deportivas dirixidas a persoas maiores de 65 anos. Esta actividade, que tivo un gran éxito desde o seu inicio, volve co obxectivo de fomentar a actividade física e o envellecemento activo, ao mesmo tempo que contribúe a combater o illamento social que afecta a moitos dos nosos maiores.

“As andainas saudables son unha excelente oportunidade para que os participantes se manteñan activos e socialicen, evitando así o sedentarismo”, explica a concelleira Teresa Veloso. Durante o paseo, estarán acompañados en todo momento por persoal cualificado, garantindo así o seu benestar e seguridade.

Serán todos os mércores e venres ás 10.30 horas e arrancarán o vindeiro 1 de outubro, ata o 28 de novembro. Para participar é necesario inscribirse no rexistro do Concello do Porriño indicando os días que desexen asistir.

“Convidamos a todos os maiores a unirse a esta iniciativa que non só promove a saúde, senón que tamén crea un espazo de encontro”, indica o alcalde, Alejandro Lorenzo, que anima a “seguir camiñando xuntos cara un envellecemento activo”.

A veciñanza do Porriño aprende a salvar vidas

  • O Concello organizou unha nova sesión práctica de RCP da que que participaron máis de 40 persoas
  • A boa acollida da actividade fai que se programe outra nas vindeiras datas

O Porriño, 18 de agosto de 2025.– Co obxectivo de capacitar á cidadanía e mellorar a súa capacidade de resposta en situacións de emerxencia, o Concello do Porriño organizou esta tarde unha sesión práctica de reanimación cardiopulmonar (RCP) aberta a toda a veciñanza.

Foron máis de 40 persoas as que amosaron o seu interese por participar desta actividade que, trala gran acollida, volverase a repetir e así o amosou a concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, asistente tamén á sesión celebrada na sala de usos múltiples do polideportivo municipal. “Completouse a cota prevista de participación, foi un éxito total, por iso repetirase en vindeiras datas”, sinalou a edil quen agradeceu tamén aos profesionais do sistema sanitario pola clase impartida. Estes achegaron os coñecementos clave, tanto teóricos como prácticos, para actuar con seguridade ante situacións de risco vital, como é o caso dunha parada cardiorrespiratoria.

O alcalde Alejandro Lorenzo indica que “estamos comprometidos co benestar da nosa xente, e actividades como esta de reanimación cardiopulmonar son unha mostra de que, ademais de atender as necesidades sanitarias, tamén debemos formar a nosa veciñanza para que poidan actuar con seguridade e eficacia en momentos de emerxencia. A gran acollida desta sesión demostra o interese da cidadanía por mellorar a súa preparación e, por iso, seguimos apostando por este tipo de formacións que contribúen á prevención e á saúde comunitaria”.

Esta actividade enmárcase dentro da estratexia do Concello en prevención, saúde comunitaria e formación cidadá, consolidando a imaxe dun Porriño preparado e comprometido co benestar da súa xente.

O Concello do Porriño organiza unha nova sesión formativa en RCP para toda a veciñanza

  • A actividade terá lugar o luns 18 de agosto e as persoas interesadas poden anotarse ata o xoves no Rexistro

O Porriño, 11 de agosto de 2025.– O Concello do Porriño continúa coa súa aposta pola formación en emerxencias sanitarias e convoca unha nova sesión práctica de Reanimación Cardiopulmonar (RCP), aberta a toda a veciñanza e de carácter gratuíto.

A actividade, que ten o obxectivo de mellorar a capacidade de resposta cidadá ante situacións de emerxencia sanitaria, celebrarase o luns 18 de agosto, de 18:00 a 20:00 horas, na sala de usos múltiples do Pavillón Municipal 1, e estará dirixida a persoas de todas as idades. A formación será impartida por profesionais do sistema sanitario, que achegarán coñecementos clave para actuar con seguridade ante situacións de risco vital, como unha parada cardiorrespiratoria.

As persoas interesadas poderán anotarse ata o xoves 14 de agosto no Rexistro Xeral do Concello.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta iniciativa como parte da política municipal en materia de saúde e seguridade: “Formarse en RCP é unha ferramenta clave que pode marcar a diferenza entre salvar ou non unha vida. Quero que os nosos veciños e veciñas estean preparados e preparadas, porque cada minuto conta nunha emerxencia. Este tipo de accións reflicten o noso compromiso cun Porriño máis seguro e máis humano. Seguiremos apostando por este tipo de formacións, como vimos facendo dende hai tempo, porque salvar unha soa vida xa é un éxito total e absoluto.”

Esta actividade enmárcase dentro da estratexia do Concello en prevención, saúde comunitaria e formación cidadá, consolidando a imaxe dun Porriño preparado e comprometido co benestar da súa xente.

O Concello do Porriño anima á veciñanza a participar na campaña de doazón de sangue desta fin de semana

 

 O Porriño, 31 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño informa da presenza esta fin de semana no municipio da unidade móbil da Axencia de Doazón, Órganos e Sangue (ADOS), que estará operativa para facilitar a doazón de sangue á cidadanía.

A unidade móbil instalarase na Avenida Domingo Bueno, ao carón do Centro Cultural, e funcionará nos seguintes horarios:

  • Venres, 1 de agosto: de 10:00 a 14:30h e de 15:30 a 21:00h

  • Sábado, 2 de agosto: de 10:00 a 15:00h

Desde o Concello facemos un chamamento á solidariedade da veciñanza, lembrando que cada doazón pode salvar ata tres vidas. A colaboración cidadá é especialmente importante durante os meses de verán, cando as reservas de sangue adoitan baixar.

O Concello do Porriño agradece de antemán a participación e compromiso da veciñanza nesta campaña tan necesaria.

O Concello do Porriño porá en marcha cursos gratuítos de reanimación cardiopulmonar (RCP) abertos á veciñanza

O Porriño, 29 de xullo de 2025.– O Concello do Porriño porá en marcha nas vindeiras semanas unha serie de cursos de formación en Reanimación Cardiopulmonar (RCP) dirixidos á veciñanza, co obxectivo de mellorar a capacidade de resposta cidadá ante situacións de emerxencia sanitaria.

As sesións serán de balde e estarán impartidas por profesionais do sistema de saúde. Esta iniciativa permitirá que as persoas asistentes adquiran coñecementos básicos en RCP, que poden resultar fundamentais á hora de actuar ante unha parada cardiorrespiratoria, ou outra situación de risco vital, e supor a diferenza entre a vida e a morte. 

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salienta a importancia desta acción formativa no marco dun compromiso municipal continuado coa seguridade e a saúde pública: “As propias asociacións culturais, os clubs deportivos e mesmo as instalacións municipais repartidas polas distintas parroquias do noso concello están a ser dotadas de mochilas de reanimación específicas para actuar ante emerxencias. Seguiremos apostando por esta formación, algo que xa fixemos en moitas ocasións, porque somos conscientes de que pode salvar vidas. O feito de salvar unha soa vida é para nós un éxito total e absoluto.

As datas e localizacións dos cursos comunicaranse próximamente a través dos canais oficiais. A participación está aberta a toda a veciñanza interesada. O Concello está a analizar a demanda por parte de colectivos interesados, así como a dispoñibilidade de espazos e técnicos cualificados para garantir o éxito da actividade.

Esta nova acción forma parte da liña de actuación do Concello en materia de prevención, saúde comunitaria e formación cidadá, consolidando O Porriño como un concello preparado e comprometido coa vida. 

Talleres dixitais para maiores de 65 anos no Porriño

 

O Porriño, 14 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño colabora nos obradoiros dixitais para maiores de 65 anos organizados por Cruz Roja. Estes talleres están dirixidos a persoas maiores de 65 anos, cun claro obxectivo: achegar este colectivo ás novas tecnoloxías e reducir a fenda dixital.

A actividade desenvolverase todos os mércores dos meses de xullo e agosto, ás 10:00 horas da mañá, no Centro Sociocomunitario. Os obradoiros están pensados para ofrecer formación básica en habilidades dixitais esenciais, como o uso do teléfono móbil, navegación por internet, xestión de aplicacións ou o manexo das redes sociais.

A participación é gratuíta, pero será preciso inscribirse previamente no propio centro.

Esta iniciativa forma parte do compromiso do Concello coa inclusión dixital e co benestar da veciñanza de máis idade, facilitando o acceso ás ferramentas tecnolóxicas que xa forman parte da vida cotiá.