A xunta de voceiros municipais debateu novas propostas de axuda á economía local e futuros convenios coas comunidades de montes

 

O alcalde accidental, Pedro Pereira presidiu hoxe a reunión da xunta de voceiros municipais que abordou dous asuntos: novas propostas de axudas á economía local e a negociación de convenios coas comunidades de montes.
O concelleiro de Promoción Económica, David Alonso solicitou aos restantes grupos da corporación que fixeran as súas propostas sobre que destino darlle aos cartos sobrantes do fondo de axudas Covid que ao longo deste ano repartiu o Concello entre establecementos de hostalería, comercio, autónomos e micro empresas que as solicitaron. A partida era de 140.000 € dos que se entregaron achegas por importe de 112.280 € polo que a cantidade nos disposta é de preto de 28.000 €.
Acordouse que o concelleiro daralle forma a unha proposta para habilitar unha convocatoria de axudas á que poderán presentarse establecementos, autónomos e micro empresas que non tiveran recibido anteriormente achegas desta liña de axudas ”Porriño Impulsa”.
Por outra banda, Pedro Pereira, en condición de concelleiro de Patrimonio Municipal informou aos voceiros dos grupos da corporación que está a negociar coas comunidades de montes. Trasladoulles un borrador de convenio coa comunidade de montes de Budiño que establece unha cesión de uso dos locais namentres non haxa unha resolución xudicial firme. Pereira Fernández informoulles que tamén está a traballar e negociar outro convenio similar coa comunidade de montes de Atios.

 

Convocada xunta de voceiros municipais para debater novas propostas de axudas á economía local e convenios coas comunidades de montes de Atios e Budiño

O xoves 5 celebrarase xunta de voceiros municipais, convocada ás 12,30 horas, con dous asuntos na orde do día que se comunicou aos grupos políticos da corporación.

Por unha banda trasladase á consideración dos voceiros municipais, a proposta de convenios coas comunidades de montes de Atios e Budiño, negociados polo concelleiro de Patrimonio Municipal, Pedro Pereira.

E por outro lado, por iniciativa do concelleiro de Promoción Económica, David Alonso debateranse novas propostas de axuda á hostalería e outros sectores da economía local cos cartos sobrantes do fondo de axudas Covid, dotado con 140.000 euros que se habilitaron polo Concello para este exercicio. Dese total abonáronse nestes meses trancorridos, 112.280 euros en axudas económicas directas á hostalería, comercio, autónomos e micro empresas que se destinaron polos solicitantes a pagos de alugueres, hipotecas, mercadorías, subministracións e gastos xerais. 

De xeito que hai un sobrante de algo máis de 27.000 euros para destinar ás novas propostas de axudas que se traten pola xunta de voceiros municipais. 

Primeiro día de atención á veciñanza sobre a actualización de parcelas

 
Desde esta mañá está a funcionar o espazo de información á veciñanza para aclarar dúbidas é consultas sobre a actualización da calificación das parcelas, realizada pola Xerencia Territorial do Catastro en aplicación da lexislación vixente.
 
O punto de información situouse no propio salón de plenos. Funcionará de luns a venres, en horario de 9 a 14 horas.
 
Para ser atendido hai que solicitar cita previa chamando por teléfono ao número 986 335000 marcando a extensión número 7 (Alcaldía). Tamén pódese pedir cita previa a través da App “Bandomóbil, O Porriño Informa”.
 
Cada quenda de atención é por 15 minutos por persoa. A previsión é que este servizo funcione tres semanas que serían prorrogables, no caso de ser necesario.
 
A alcaldesa Eva García interesouse polo funcionamento do punto de información que é produto dunha xestión da rexedora coa Xerencia Territorial do Catastro e co Organismo de Recadación da Administración Local (ORAL).
 
 

O Concello habilitará un espazo de información á veciñanza sobre a actualización de parcelas en colaboración co Catastro e o ORAL

 

A partir do luns 19, o Concello do Porriño habilitará un espazo de información á veciñanza no salón de plenos para aclarar as dúbidas e consultas sobre a actualización da calificación das parcelas, realizada pola Xerencia Territorial do Catastro en aplicación da lexislación vixente de ámbito estatal.

O punto de información será atendido por funcionarios da Xerencia Territorial do Catastro e do Organismo de Recadación de Administración Local (ORAL). Funcionará de luns a venres, de 9:00 a 14 horas.

Esta atención personalizada aos contribuíntes foi solicitada polo Concello ao Catastro e ao ORAL á vista das numerosas demandas de aclaración que chegan ás dependencias municipais e a través da “app” “O Porriño Informa”.

Hai que ter en conta que nada menos que 17.400 parcelas (dende a última revisión de valores que data de 1985) pasan a ter consideración de chan urbano e polo tanto pasan do padrón de rústico ao de urbana. Esta revisión tamén terá como referencia os valores catastrais de 1985 aos efectos dos recibos do IBI.

O Concello insta ao Bispado, ás empresas e ás aseguradoras a que cheguen a un acordo para arranxar a capela e reabrir o parque do Cristo

O Concello de O Porriño “agarda que o Bispado de Tui-Vigo e as empresas e aseguradoras implicadas, cheguen a un acordo para resolver as actuais diferenzas que manteñen e se poida arranxar a capela e, por conseguinte, a administración municipal sexa quen de reabrir o parque e a zona de lecer pública”, manifestou hoxe Pedro Pereira, concelleiro responsable do Patrimonio.

Pereira avogou por “unha saída dialogada e razoable” do contencioso existente desde que o 16 de marzo do ano pasado, un guindastre de grandes dimensións precipitouse contra a cuberta da capela e tamén alcanzou ao edificio líndante de “Telefónica”. Aquel suceso saldouse só con danos materiais e sen feridos, grazas a que a poboación estaba confinada no primeiro estado de alarma pola pandemia.

Desde entón, o recinto relixioso e parte dos espazos públicos do parque do Cristo permanecen valados e pechados.

O concelleiro fixo esta apelación tras ter coñecemento o Concello de que a Diocese de Tui-Vigo, propietaria da capela do Cristo, ven de presentar unha reclamación contra as empresas e aseguradoras implicadas por aquel sinistro. En concreto, a demanda admitida a trámite polo Xulgado nº 2 do Porriño, presentouse contra “Promociones Romansil SL”; “Allianz compañía de seguros”; “Grupo de Montaje Espinosa Gruesga SL”; “Asefa SA seguros y reaseguros”; “Tüv SüD Atisae” e “Caser seguros”.

Se a demandante e os demandados non acadan antes unha solución negociada, o caso chegará a xuízo ordinario.