A capital da Louriña estrea as súas impoñentes letras de granito Rosa Porriño coincidindo co acendido do Nadal

 

  • A nova escultura identitaria, xa instalada na rúa Antonio Palacios, convértese nun símbolo permanente do orgullo e da tradición porriñesa

O Porriño, 28 de novembro de 2025.– O Concello do Porriño inaugurou hoxe oficialmente o conxunto escultórico “Letras O Porriño”, unha obra única realizada integramente en granito Rosa Porriño, coincidindo coa xornada na que tamén se acende o alumeado de Nadal, marcando así o inicio dun dos días máis especiais do ano na vila.

As oito letras e tres “sombreretes” que compoñen a instalación están xa colocados no seu emprazamento definitivo na rúa Antonio Palacios, onde se converten desde hoxe nun novo referente visual, turístico e emocional. As pezas, elaboradas cun planchón de granito de 37 centímetros de espesor e cun peso total arredor dos 8.500 quilos, presentan un acabado que pon en valor a textura e a artesanía da pedra máis emblemática do municipio.

A escultura, que reproduce a imaxe corporativa do Concello, destaca polas súas dimensións e pola precisión artesanal coa que foi executada, desde o “O”, de case dous metros de alto, ata o “I”, a peza máis pequena, que completan un desenvolvemento total de 8,26 metros. A iluminación lineal empotrada no pavimento, tamén activada hoxe, realza durante a noite o volume e a cor do granito Rosa Porriño.

A escultura, que reproduce a imaxe corporativa do Concello, destaca polas súas dimensións e pola precisión artesanal coa que foi executada, desde o “O”, de case dous metros de alto, ata o “I”, a peza máis pequena, que completan un desenvolvemento total de 8,26 metros. A iluminación lineal empotrada no pavimento, tamén activada hoxe, realza durante a noite o volume e a cor do granito Rosa Porriño.

 “Hoxe é un día especial para O Porriño. Estreamos un símbolo feito coa nosa propia pedra, un material que leva o nome da nosa vila polo mundo enteiro. Con estas letras reforzamos a nosa identidade. É unha homenaxe á nosa xente traballadora, á nosa tradición e ao orgullo porriñés que nos une”, sinalou o alcalde, Alejandro Lorenzo, durante o acto de inauguración no que estivo acompañado de concelleiros do equipo de goberno local e dun representante da entidade encargada de fabricar o conxunto escultórico.

A estrea da escultura enmárcase no comezo da programación de Nadal, coincidindo co acendido oficial das luces, convertendo a xornada nun encontro festivo e nunha celebración colectiva da identidade local.

O Porriño escribe un novo capítulo na identidade do municipio coa aprobación do escudo e bandeira oficiais

 

  • O pleno municipal aproba inicialmente o expediente logo dun proceso aberto no que a veciñanza puido coñecer e opinar sobre as propostas
  • As creacións, avaladas pola Comisión Heráldica da Xunta, integran símbolos que recollen a historia, a economía, o patrimonio local e tódalas parroquias

O Porriño, 24 de novembro de 2025.- O Porriño vive hoxe un momento histórico. O municipio dá a coñecer os que serán os seus primeiros símbolos oficiais, un escudo e unha bandeira deseñados seguindo a normativa heráldica e construídos a partir dos elementos que definen o carácter do territorio.

O pleno do Concello do Porriño vén de aprobar inicialmente, por maioría absoluta, o expediente. Ata o de agora, o que se utilizaba eran simples debuxos sen ningunha oficialidade, non recoñecidos pola autoridade heráldica, nin aprobados nunca en pleno. O paso que se deu hoxe chega logo de que no mes de agosto o Concello abrise unha consulta pública para que a veciñanza puidese coñecer e opinar sobre as propostas elaboradas coa colaboración da Comisión Heráldica da Xunta de Galicia. Unha vez analizadas todas as achegas e suxestións cidadás e incorporado o ditame final da Comisión, as propostas chegaron ao pleno para a súa aprobación inicial. “Hoxe é un fito para O Porriño, por fin teremos uns símbolos oficiais que representen a nosa identidade, a nosa historia e o que somos como pobo”, declarou o alcalde, Alejandro Lorenzo. O rexedor destacou que esta iniciativa non supón un gasto extraordinario e que non implicará cambios inmediatos en carteis, documentación ou material municipal, senón que a substitución realizarase progresivamente conforme se renoven existencias, “sempre con criterios claros e responsables”.

Lorenzo tamén subliñou que “a heráldica non é un deseño libre nin un exercicio artístico ao gusto persoal, senón unha disciplina histórica con normas moi claras e consolidadas ao longo dos séculos. A elaboración dun escudo ou dunha bandeira require coñecementos específicos, pois deben basearse en símbolos recoñecidos pola tradición heráldica, respectando regras sobre as cores, as figuras, a súa disposición e a interpretación histórica correspondente”. Segundo o alcalde, as propostas heráldicas son traballos fundamentados en criterios científicos e normativos contrastados.

Neste deseño en concreto integráronse varios elementos que nunca foran resaltados: o pan, a industria, a pedra ou a lembranza do ilustre arquitecto Antonio Palacios. “Como sempre dixen, a elaboración dun escudo ou dunha bandeira non é un exercicio libre de creatividade, senón que está suxeita a normas heráldicas moi precisas. Estes símbolos deben basearse en figuras recoñecidas pola tradición, cumprir regras que regulan cores, disposicións e significados, co fin de garantir que o resultado sexa lexítimo, representativo e válido oficialmente”, explicou Lorenzo.

Así pois, o escudo aprobado integra elementos que representan a historia, a economía, o patrimonio e a identidade do municipio. Mantense a ponte defendida como elemento central, coroada por unha torre que evoca a Casa Consistorial, obra emblemática do arquitecto Antonio Palacios; engádese un compás e unha chumbada de prata como homenaxe directa a Palacios, figura senlleira da nosa arquitectura; dúas espigas de trigo de ouro fan referencia á tradición panadeira do Porriño, mentres que oito rodas dentadas de prata representa ás oito parroquias e ao forte tecido industrial do Concello, cunha presenza destacada dos sectores da automoción, construción, industria farmacéutica e as explotacións de granito. O escudo vai timbrado cunha coroa real.

A bandeira deseñada garda coherencia co escudo e incorpora os mesmos elementos principais: fondo azul, torre amarela entre dúas espigas da mesma cor, compás, chumbada, roda dentada en branco na parte superior e, ao batente, dúas franxas verticais e ondadas de branco en alusión ao río Louro.

Segundo o alcalde, estes símbolos recollen elementos que nunca foran suficientemente resaltados e representan a identidade, a historia e a tradición do Porriño e tódalas súas parroquias de forma lexítima e recoñecida pola autoridade heráldica.

Procedemento para a aprobación definitiva

Trala aprobación inicial de hoxe, o expediente sométese agora a información pública durante un mes, tempo no cal a veciñanza poderá presentar alegacións. En caso de non habelas considerarase definitivo o acordo de aprobación inicial e de habelas, unha vez resoltas, o expediente será remitido á Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, que emitirá un informe preceptivo e vinculante. Se o informe resulta favorable, a proposta elevarase ao Consello da Xunta de Galicia, que aprobará definitivamente o escudo e a bandeira do Porriño.

Con este proceso, O Porriño dá un paso histórico e definitivo para contar con símbolos oficiais que reflictan con fidelidade a súa identidade, a súa historia e os valores que definen o municipio.

 

O Porriño terá as súas letras en granito Rosa Porriño no centro da vila

  • Un novo conxunto escultórico simbolizará o orgullo e a identidade porriñesa na rúa Antonio Palacios, “un símbolo feito da nosa propia pedra
  • Son once elementos, que suman un peso de oito toneladas e media, expostos nunha distancia de máis de oito metros con iluminación incorporada

O Porriño, 15 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño anuncia a instalación do conxunto escultórico “Letras O Porriño”, unha nova obra en granito Rosa Porriño, a emblemática pedra que leva o nome da vila por todo o mundo. O novo símbolo de identidade situarase na rúa Antonio Palacios, converténdose nun punto de referencia visual e emocional para veciños e visitantes.

O conxunto está composto por oito letras e tres “sombreretes”, elaborados a partir dun planchón de granito Rosa Porriño de 37 centímetros de espesor. As pezas, que pesan en total arredor de 8.500 quilos, presentan un acabado abuxardado e ranurado bidireccional na fachada principal, mentres que a parte posterior combina un areado con ranurado unidireccional, poñendo en valor o traballo artesanal e a textura natural da pedra.

O deseño parte da imaxe corporativa oficial do Concello do Porriño, e cada letra foi creada con precisión artesanal, destacando o “O”, a máis grande, de 1,97 metros de alto por 1,68 de ancho, e o “I”, a máis pequena, de 1,10 metros por 0,26 metros, cun desenvolvemento total de 8,26 metros de longo.
Os “sombreretes” en granito serán ancorados mediante pletinas de aceiro inoxidable de 10 mm de espesor, e o conxunto contará cunha iluminación lineal empotrada no pavimento, de 8 metros, que realzará o volume e a cor do granito durante a noite.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou que esta intervención “é moito máis que un elemento ornamental: é un símbolo do noso orgullo porriñés, unha homenaxe á nosa pedra e á nosa xente traballadora”. Engadiu que “o granito Rosa Porriño é o noso embaixador no mundo e agora tamén será o material co que damos a benvida a todos os que chegan á vila”.

Coa instalación destas letras, O Porriño únese ás grandes cidades e vilas que contan con esculturas identificativas, pero faino con materiais propios e identidade local, convertendo o granito Rosa Porriño en protagonista dunha peza que une arte, tradición e sentimento de pertenza.

O Porriño aposta pola rehabilitación dos muíños como espazos de encontro e recuperación do patrimonio histórico

  • O Concello está levando a cabo traballos de mantemento e limpeza tamén nas fontes, lavadoiros e cruceiros distribuídos por tódalas parroquias e que forman parte da identidade do noso rural

O Porriño, 15 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño continúa a traballar na recuperación e posta en valor dos muíños de auga repartidos por tódalas súas parroquias. Estas edificacións tradicionais, que durante séculos formaron parte esencial da vida económica e social do rural galego, están a ser rehabilitadas como espazos de encontro veciñal e como parte do patrimonio histórico e etnográfico do municipio, formando parte tamén de rutas de sendeirismo que discorren por diferentes contornas naturais.

“Recuperar os muíños é moito máis ca restaurar pedras, é devolverlle á nosa xente un anaco da súa memoria colectiva. Moitos dos nosos maiores pasaron alí moitas horas do día, non só para moer o gran, senón tamén para conversar, compartir historias e reforzar os lazos da comunidade. Foron auténticos puntos de encontro social. Hoxe queremos que volvan selo: espazos de lecer, de convivencia e de identidade. Esta rehabilitación é unha homenaxe ás xeracións que nos precederon e un legado para ás que veñen”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo.

Todos estes muíños non son de titularidade municipal e dende o Concello xa se estivo a realizar un estudo de campo para identificar a eses particulares e así poder tramitar os diferentes convenios, necesarios para acometer estes traballos de mellora. Neste sentido, o alcalde remarca que “dende o Concello debemos contar primeiro coas autorizacións e cesións dos veciños e veciñas propietarias para poder levar a cabo todas estas actuacións, tarefa na que estamos agora traballando”.

O Porriño conta con máis de vinte muíños de auga, agrupados en conxuntos localizados nas distintas parroquias: Mosende, Chenlo, Atios, Budiño, Pontellas, Cans, Torneiros e tamén en Carracido. Dende o Concello queren escoitar tamén as propostas da veciñanza propietaria para levar a cabo esas posibles intervencións, tanto na restauración arquitectónica como na recuperación das súas contornas naturais e, nalgúns casos, incluso a posta en funcionamento para amosar á veciñanza e a turistas a súa función orixinaria, o que suporía un gran descubrimento para os máis novos e gran lembranza para os maiores.

Xunto cos muíños, tamén se están levando a cabo traballos de mantemento e limpeza de fontes, lavadoiros e cruceiros, co obxectivo de conservar e poñer en valor todos aqueles elementos do patrimonio popular que forman parte da identidade do noso rural.

A rehabilitación destes bens representa un firme compromiso do patrimonio histórico e arquitectónico do Porriño e tamén medioambiental, pois ademais de acondicionar a súa contorna constituirán puntos de interese de rutas de sendeirismo que se potenciarán dende o Concello.

O Concello do Porriño recupera a maxia da correspondencia escrita co seu primeiro cuño turístico e un envío masivo de tarxetas postais de Correos

  • Escolares e veciñanza convértense en embaixadores da vila escribindo cadansúa postal co edificio consistorial como símbolo vivo do legado de Antonio Palacios, cuxo busto de perfil protagoniza o cuño
  • O alcalde Alejandro Lorenzo estrea a primeira das 5.000 impresas para remitila ao Presidente do Goberno solicitándolle un soño histórico: a supresión do paso a nivel do tren

O Porriño, 26 de setembro de 2025.- Un acto emotivo e cargado de sentimento foi o celebrado esta mañá na Praza Arquitecto Antonio Palacios do que participaron arredor de 200 escolares de 5º de Primaria dos distintos colexios do Porriño. O Concello vén de presentar o primeiro cuño turístico da vila e a tarxeta postal de Correos en homenaxe ao seu fillo predilecto, Antonio Palacios a través dunha iniciativa que parte da biblioteca municipal co obxectivo de recuperar a maxia da correspondencia escrita nun contexto comunicativo cada vez máis dixital.

O cuño, que se conseguiu grazas á solicitude que realizou o Concello do Porriño á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos e o apoio da Sociedade Filatélica e Numísmática Canguesa, está dispoñible dende hoxe na oficina de Correos do Porriño para calquera persoa que desexe enviar unha misiva con selo a calquera parte do mundo. Cómpre lembrar que a imaxe de Antonio Palacios apareceu por primeira vez nun selo no ano 1975, pero nunca nun cuño turístico. Precisamente é a destacar que ao igual que hoxe estamos nós aquí, en Madrid están a presentar outro cuño turístico e postal dedicados tamén a Palacios. O noso amosa o seu busto de perfil xunto á casa consistorial porriñesa e o de Madrid a mesma imaxe do arquitecto acompañada doutra das súas obras, o Palacio de Cibeles.

Por outra banda, emítense un total de 5.000 tarxetas postais prefranqueadas para territorio nacional. Ademais das repartidas no acto de hoxe estarán tamén a disposición da cidadanía, de xeito gratuíto, na casa consistorial e na biblioteca municipal.

“Hoxe é un día moi especial para O Porriño, porque con esta iniciativa recuperamos non só a memoria e o legado do noso ilustre arquitecto Antonio Palacios, senón tamén a maxia da correspondencia escrita por vía postal, que cada vez se vai perdendo nun mundo dominado pola comunicación dixital”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto ao que asistiron, ademais dos escolares e os seus mestres, Borja Otero, director da Oficina de Correos do Porriño; Marta Verde, presidenta da Comisión de Filatelia Aberta da Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI); María Elisa Abad, vicesecretaria da Federación Española de Sociedades Filatélicas e Isabel Couselo, directora territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na provincia de Pontevedra.

O alcalde convidou a tódolos presentes, dirixíndose especialmente á rapazada, a facer uso destas postais, “eu vou facelo agora enviando a primeira ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pedíndolle que nos axude a cumprir un soño que leva demasiado tempo esperando: eliminar o paso a nivel do tren”.

A coordinadora do Club de Lectura da Biblioteca Municipal, Ana Abad, foi a encargada de explicarlles aos escolares a actividade programada, consistente en escribir unha mensaxe a modo de invitación para que escolares de todo o país veñan coñecer O Porrriño.  Deste xeito, repartíronse cadansúa postal, xa selada e tendo como destinatarios unha listaxe de centros escolares de tódalas provincias de España, para que a redactasen e posteriormente dirixirse todos xuntos a depositala á caixa do correo máis próximo, situada ao carón da Fonte do Cristo, clausurando así o acto e poñendo punto e seguido a esta iniciativa enmarcada dentro das liñas de animación á lectura e á escritura promovida dende a Concellería de Cultura, “coa que se quere recuperar o encanto da comunicación escrita en formato físico, unha maxia que envolve tanto a quen escribe como a quen a recibe”.

Envío con posibilidade de premio

Dende o Concello do Porriño convídase a toda a veciñanza a sumarse a esta iniciativa escribindo unha postal, co destinatario que queiran e depositándoa, na caixas de correo habilitada para elo, no propio Concello, participando así nun sorteo dunha cesta con produtos de Nadal.

Ademais, en diálogo coa comunicación dixital, convídase a que as persoas que escriban e tamén as que reciban estas postais publiquen unha fotografía da mesma en redes sociais etiquetando ao Concello do Porriño (@oporrinoconcello) e engadindo o cancelo #postalpalacios.

O Porriño e Ribadeo formalizan o seu irmandamento a través da figura do filántropo Ramón González

 

O Porriño, 25 de xuño de 2025. O Concello do Porriño acolleu esta mañá un emotivo acto institucional no que se formalizou o irmandamento entre os concellos do Porriño e Ribadeo, unidos pola figura de Ramón González (1856–1925), filántropo galego cuxo legado marcou profundamente a vida social, cultural e patrimonial de ambas vilas.

O acto comezou coa recepción das autoridades na Casa Consistorial do Porriño, que sorprenderon na súa chegada caracterizados de indianos, e coa interpretación do Himno Galego. A continuación, tiveron lugar as intervencións institucionais, nas que participaron Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño; Daniel Vega, alcalde de Ribadeo; Vanessa Ucha, concelleira de Turismo do Concello do Porriño; e Begoña Sanjurjo, concelleira de Cultura do Concello de Ribadeo. Tamén interviron descendentes de Ramón González, que emocionaron aos asistentes lembrando a traxectoria humana e solidaria do seu devanceiro. 

Un legado entre dúas vilas

Ramón González naceu en Ribadeo e emigrou moi novo á Arxentina, onde fixo fortuna como comerciante en Rosario de Santa Fe. Membro activo de entidades culturais e financeiras, regresou a Galicia a comezos do século XX e estableceuse no Porriño, vila natal da súa esposa, Corona González Santos. Desde alí desenvolveu unha intensa actividade filantrópica que se materializou na financiación da igrexa parroquial do Porriño, inaugurada en 1913, na construción da Casa Consistorial deseñada polo arquitecto Antonio Palacios, e tamén en doazóns destinadas ao campo de fútbol, escolas e entidades culturais. A súa xenerosidade estendeuse igualmente á súa vila natal, Ribadeo, onde contribuíu á creación de infraestruturas educativas, culturais e sociais, como o teatro, a praza de abastos e o apoio ao Ateneo local.

Un irmandamento con visión de futuro 

Durante as intervencións do acto de Irmandamento destacouse o valor do legado indiano e o potencial turístico e patrimonial que representa para ambas vilas. O Alcalde do Porriño subliñou que este irmandamento simboliza algo máis ca unha relación institucional: representa un vínculo entre dúas comunidades que comparten historia, valores e unha visión común de futuro. 

Alejandro Lorenzo declarou: “Un día especial, hoxe abrimos unha porta simbólica entre dúas vilas. Hoxe celebramos o irmandamento entre O Porriño e Ribadeo e facémolo da man dun home que soubo tender pontes antes ca ninguén, Ramón González Fernández”. O rexedor engadiu que “cando fixo falta construir o Concello, puxos mans á obra literalmentee pagou todo cos seus aforros”. Lorenzo quixo compartir unha anécdota coas persoas presentes: “Cando chegou o busto de Ramón González ao Porriño, que debía render homenaxe ao noso benfeitor, quedou tirado na estación, sen que ninguén o recollera. Dous bandos rifaban por dicir que eran os que máis o querían e, mentres tanto, o busto seguía alí, abandonado, a piques de ser subastado en Vigo… Un esperpento, como dicía Valle-Inclán.”

Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, destacou a importancia de poñer en valor figuras como a de Ramón González, exemplo de entrega desinteresada ao progreso das súas comunidades: “Gustaríame destacar a entrega, a filantropía e o bo facer de Ramón González, que tanto beneficiaron aos pobos do Porriño e de Ribadeo. Foi un home adiantado ao seu tempo e comprometido coa mellora da sociedade. Reivindicar a súa figura era unha débeda pendente, e foi precisamente esa filantropía, ese xeito de entender o ben común por riba dos intereses persoais, o que nos levou a pensar na homenaxe”. 

Unha xornada de celebración

O acto completouse coa proxección dun vídeo conmemorativo polo décimo aniversario do festival Ribadeo Indiano, unha actuación musical e unha degustación de callos para os asistentes como colofón dunha xornada marcada pola historia, a emoción e a convivencia.

Este irmandamento entre O Porriño e Ribadeo representa un compromiso firme por reforzar a colaboración cultural, turística e institucional entre ambas vilas, sustentado na memoria compartida e no exemplo das persoas que entenderon que traballar polo ben común é o maior legado que se pode deixar ás futuras xeracións.

O Concello do Porriño inicia o proceso para dotarse oficialmente de escudo e bandeira municipais

 

O Porriño, 16 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño vén de iniciar, a través do Servizo de Heráldica da Xunta de Galicia, o expediente para a elaboración e aprobación oficial do escudo e da bandeira municipais. Trátase dun fito histórico para o municipio, que ata o de agora non contaba cunhas insignias heráldicas recoñecidas oficialmente.

O Goberno municipal deu comezo ao procedemento conforme á normativa vixente, regulada polo Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, que establece que só os escudos e bandeiras aprobados oficialmente pola Xunta de Galicia poden ser utilizados como símbolos municipais. Este proceso garante o rigor histórico e heráldico, e impide que a súa elaboración responda a criterios arbitrarios ou persoais.

A proposta do Porriño está a ser tramitada a través da Comisión de Heráldica da Xunta, órgano consultivo que se encarga de elaborar a memoria histórica e os deseños iniciais baseándose en feitos históricos, xeográficos e culturais característicos do municipio. A partir deste estudo técnico, a Comisión presentará varios propostas que servirán como base para a decisión definitiva.

Entre os elementos identitarios que se valorarán para a súa posible inclusión atópanse o pan, o río e a ponte sobre o Louro, a industria ou o edificio do Concello, deseñado polo arquitecto Antonio Palacios, que celebrou o seu centenario no ano 2024. A creación dun escudo e bandeira recoñecidos supón tamén unha homenaxe ao legado histórico e patrimonial da vila.

O obxectivo desta iniciativa é ofrecer á veciñanza uns símbolos oficiais que reflictan a identidade, a historia, a tradición e o carácter propio do Porriño. A proposta definitiva será sometida á aprobación do Pleno Municipal unha vez completado o procedemento técnico e legal correspondente, e posteriormente enviada á Xunta de Galicia para a súa validación final.

Declaración do Alcalde, Alejandro Lorenzo:

“Este proceso é moito máis que un trámite institucional: é un exercicio de memoria e orgullo colectivo. O Porriño merecía dende hai tempo contar cun escudo e unha bandeira oficiais que nos representen dentro e fóra, e que recollan todo o que somos e de onde vimos. Queremos que a veciñanza se recoñeza neles e os sinta como propios.”

 

Recuperadas máis de 1600 ferramentas líticas do xacemento paleolítico das Gándaras de Budiño

O equipo de investigadores liderado polos arqueólogos Eduardo Méndez-Quintas e Manuel Santonja, da Universidade de Vigo e do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH), retoman estes días os traballos de investigación das Gándaras de Budiño, o xacemento paleolítico máis importante e antigo de Galicia.
 
Esta sería a terceira intervención na zona, e a primeira dende que se determinou que os niveis máis antigos do xacemento datan de máis de 310.000 anos e se confirmou que no Porriño viviron os primeiros habitantes de Galicia.
 
Os traballos, que contan co apoio económico do Concello do Porriño, consistiron na última campaña nunha excavación dun área de 30 m cadarados, que complementaban a fase de sondaxes arqueolóxicos de 2018 que deu valiosa información sobre as condicións de formación dos depósitos xeolóxicos e, sobre todo, das densas acumulacións de ferramentas líticas que se atopan no lugar. E é que se trata dun xacemento de referencia para Galicia tras o seu descubrimento en 1961 por Emiliano Aguirre, reputado arqueólogo impulsor do proxecto de Atapuerca.
 
Naquel momento determinouse erroneamente que tiña unha antigüidade duns 26.000 anos, algo que levou a concluír que no noroeste da Península Ibérica existía un paleolítico anacrónico e tardío respecto do que acontecía no resto do suroeste europeo e consolidaba a equivocada idea do atraso secular de Galicia.
 
Nesta pequena superficie recuperáronse xa 1623 artefactos líticos, entre os que destacan abundantes exemplos de bifaces e outras pezas características do tipo achelense.
 
O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polo concelleiro Marcos Martínez, visitou hoxe o xacemento para interesarse polo desenvolvemento dos traballos e incidiu no “valor cultural e patrimonial que estes teñen para O Porriño xa que nos axudan a escribir a nosa historia e tamén, en gran parte, a do resto do mundo”. Incidiu o rexedor en que a man do Concello estará sempre tendida para “que continuedes coa investigación e a posta en valor deste tesouro que gardou a nosa terra durante séculos”.
 
Os traballos desta terceira fase concluirán este venres e, en colaboración co Concello do Porriño, os nenos e nenas do campamento municipal participarán nunha visita guiada para coñecelos. Ademais será tamén unha xornada de portas abertas na que todo aquel que queira coñecer de primeira man a excavación poida facelo guiado polos arqueólogos que dirixen o estudo.