O Concello do Porriño presenta o Plan Director para o saneamento integral

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros de Vías e Obras e Urbanismo, Ramón Porto e Antía Carrera, presentaron hoxe ante os medios os resultados do estudo que recolle o estado actual da rede de saneamento en todo o termo municipal. Un Plan Director en base ao cal se elaborará a planificación técnica, financieira e temporal para a acometida integral da rede pública.

A planificación encargada polo Goberno Municipal determina con exactitude os tramos e actuacións pendentes de executar en cada unha das parroquias, así como a súa extensión, o número de vivendas sen conexión e orzamento necesario para executala.

“Na actualidade faltan por acometer 91.111 m de rede pública  para dar servizo ás 1.611 vivendas que non contan con conexión e teñen que recurrir a sistemas individuais”, explicou o alcalde. Unhas cifras que para Lorenzo supoñen “que estamos fallando aos veciños e veciñas como administración, especialmente aos do rural, ao non prestarlles un servizo público que estamos obrigados a prestar”.

“Falamos dunha inversión de 14.064.036 euros , algo inasumible para calquera concello, que impón un compromiso firme pola nosa parte”, continuou o rexedor, “Non estou aquí para facer política nin enganar á veciñanza prometendo cousas que non podo cumprir. Estou aquí para resolver e dar solucións, esa é a miña obriga e ese é o meu compromiso”.

“Planificación fronte á improvisación para conquerir con maior eficiencia a financiación que nos permita que o saneamento chegue a todas as vivendas do Porriño no menor tempo posible”, concluíu o alcalde, e para iso, anunciou que levará ao pleno da corporación a dotación dunha partida de 500.000 euros para a elaboración dos proxectos de obra e solicitará ao Consorcio de augas do Louro que se inicie unha operación de crédito que permita costear parte do montante total da execución, así como a financiación por parte das restantes administracións.

Cabe destacar que a eiva na prestación deste servizo básico no Porriño evidenciase máis en contraposición cos restantes concellos que forman parte do Consorcio de Augas do Louro, aínda tendo unha extensión similar: en Salceda completar o saneamento requeriría unha inversión de 7.347.246 euros, Tui 2.059.636 euros e Mos 1.478,914 euros.

O rexedor adiantou tamén que o executivo que preside levará a pleno unha operación de crédito negociada co resto dos grupos da corporación de máis de 5 M de euros para financiar con fondos propios obras de execución de saneamento, soterramento da liña férrea e construción de vivenda de protección oficial e dotacións.

Rebaixa na taxa de baleirado de fosas sépticas

Durante a súa comparecencia o Alcalde explicou a reclamación trasladada ao Consorcio de Augas do Louro, entidade que preside, para a modificación da ordenanza que permita rebaixar a taxa que a veciñanza que non dispón de conexión á rede está obrigada a pagar polo baleirado da fosa séptica. “Non é de recibo que, ademais de non beneficiarse dun servizo básico e esencial ao que teñen dereito como o resto de cidadáns, teñan que pagar unhas taxas desmesuradas”, concluíu  Lorenzo.

 

O Porriño adhírese a un convenio de xestión da biomasa para loitar contra os incendios forestais

O Concello do Porriño adhírese ao convenio de Xestión da Biomasa suscrito pola Xunta, Fegamp e Seaga para a prevención e defensa contra os incendios forestais. 

A propagación dos incendios forestais afecta á nosa riqueza ambiental e paisaxística e tamén ás actividades agroforestais que se desenvolven no monte. Asimesmo, ameazan a seguridade das persoas e dos bens. 

“Para loitar contra os incendios forestais é necesario facilitar aos particulares o cumprimento das súa obriga de manter limpos os montes”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera, “Especialmente nas áreas máis sensibles, aquelas que abarcan o perímetro dos terreos forestais e os núcleos de poboación habitados”. 

O referido convenio establece facilidades para os titulares de montes que se comprometan co sistema, como o abono dunha tarifa bonificada de 350 euros por hectárea cada ano para a xestión da biomasa nos seus terreos. 

A edil explicou que, unha vez formalizado o acordo, o Concello do Porriño informará nas diferentes parroquias das zonas afectadas e como proceder. 

O Porriño propón a contratación de 43 persoas desempregadas para apoiar os servizos municipais

O Concello do Porriño vén de presentar un plan de apoio á prestación de servizos municipais que permitirá a contratación de 43 persoas desempregadas que desenvolverán función nos diferentes departamentos municipais.

“Os cidadáns do Porriño cumpren co seu deber e pagan os seus impostos e o Concello debe cumprir co seu e prestar en condicións os servizos públicos”, explicou o Alcalde, Alejandro Lorenzo, “Moitos destes servizos non se estaban a prestar de maneira axeitada,  a situación que nos atopamos é nefasta e o persoal co que contamos insuficiente. Por iso deseñamos este plan de reforzo do persoal que nos permitirá non só poner a funcionar o Concello e impulsar novas iniciativas, senón tamén incorporar ao mundo laborar a 43 persoas que neste momento se atopan en situación de desemprego”.

A tal fin, o Concello fará a maior aportación de fondos que se fixo ata o de agora. O custe deste programa laboral roza o medio millón de euros: 450.489 euros, dos cales 226.489 corresponden á solicitude cursada ao ente provincial e os 224.061 corren a cargo do Concello.

As persoas que se van contratar terán que estar inscritas no Servizo Público de Emprego que será o encargado de facer a preselección, por iso é importante que todos aqueles interesados se inscriban xa nas diferentes ocupacións para cando se presenten as correspondentes ofertas de emprego.

Impulso dos servizos municipais

 Os traballadores integraranse nos diferentes servizos e departamentos municipais. No departamento de Obras contrataranse a dous oficiais de primeira  carpinteiro, un oficial de primeira soldador, tres oficiais de primeira albaneis, sete peóns de obra pública, dous oficiais de primeira electricista, un oficial de primeira fontaneiro e un oficial de primeira tractorista/conductor de grúa.

Entre as funcións que desempeñarán neste departamento está o mantemento e reparación de parques infantís e instalación deportivas, construcción e reparación de beirarrúas, mantemento de instalacións municipais, transporte de material ou roza.

No caso do departamento de Parques e Xardíns incorporaranse doce peóns forestais, que desempeñarán tarefas de rozado e retirada de vexetación e maleza nos viais das parroquias e traballos de recollida de entullos e o mantemento e mellora dos xardíns.

Un auxiliar de enfermería dará respaldo á Unidade Asistencial a Drogodependentes, un auxiliar administrativo ao Departamento Servizos Sociais e dous para o Departamento de Cultura que desenvolverán función de información e atención aos usuarios da Biblioteca municipal.

Tamén se contratará un titulado na Diplomatura ou Grao de Turismo para traballar no desenvolvemento do Departamento de Turismo e un técnico en informática que se precisa no Departamento de Novas Tecnoloxías.

Posta en marcha de Porremprego

No tocante ao Departamento de Emprego e Formación proponse a contratación de dous orientadores laborais. Un dos piares básicos da xestión deste novo goberno será a posta en marcha de novo de Porremprego:  restablecer as acción formativas e as relacións co tecido empresarial da contorna e a bolsa de emprego local, como ferramenta clave para aumentar as posibilidades de empregabilidade.

Conserxes para a praza de abastos, aula de estudio e pavillóns municipais

 Incorporaranse seis conserxes aos departamentos de Deportes, Mercados, Persoal e Cultura que se encargarán da apertura, peche, vixilancia e atención ao cidadá dos pavillóns municipais, o Concello, aula de estudio e a Praza de Abastos.

 

 

 

 

 

 

 

 

O alcalde recolle as demandas dos veciños e veciñas de Cans

Representantes da Asociación de Veciños Castelo de Cans trasladaron ao goberno municipal as necesidades da súa parroquia nunha reunión na que estiveron presentes o alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Asociacións, Parroquias e Cultura, Bienvenido Estévez.

A xuntanza, incluída na rolda de reunións que o novo executivo está a manter coas asociacións culturais e veciñais do municipio, foi unha primeira toma de contacto onde os veciños trasladaron a necesidade de solucionar varias cuestións que afectan á parroquia, entre elas a limpeza, alumeado, o asfaltado de viais e varias intervencións que se requiren en vivendas e lugares puntuais.

Dous dos temas que centraron a xuntanza foron a histórica reclamación da veciñanza para o acondicionamento do local que utiliza a asociación e veciños e o arranxo da bancada e peche do torreiro.

Co compromiso de responder ás peticións da veciñanza de Cans o Alcalde afirmou que inciará “as xestións precisas para solucionar os problemas que nos trasmiten e ir valorando da man dos veciños e veciñas as que se poidan presentar”. Consciente de que moitas destas reclamacións levan anos sen ser atendidas, Lorenzo prometeu “traballar desde xa para que a veciñanza desta parroquia recupere a confianza no seu Concello” e concluíu “é unha parroquia pequena, como a miña, pero ten o mesmo peso que as outras que forman O Porriño e nesa liña traballaremos”.

Alejandro Lorenzo comprométese coa veciñanza de Budiño a acometer melloras na Forna

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, continúa coa rolda de xuntanzas coas asociacións veciñais e culturais do municipio. A última delas, foi con representantes da Asociación Cultural “A Forna” de Budiño, á que asistiu acompañado polos concelleiros Bienvenido Estévez e José Carlos González.

 

As principais reclamacións da directiva da asociación pasan por unha mellora das instalacións e equipamentos do Centro Cultural de A Forna que presenta unha evidente falta de mantemento, co conseguinte perxuizo que iso supón para os usuarios e usuarias.

 

O Alcalde comprometeuse a executar con inmediatez as demandas máis urxentes, entre as que se atopan o arranxo ou substitución da cadeira salvaescaleiras, o problema de humidades que presentan varias salas do centro e material necesario para poder levar a cabo as actividades que se desenvolven no mesmo.

 

“O compromiso deste goberno e o meu persoal coas asociacións das parroquias e do centro é rotundo”, explicou Lorenzo, “Iso inclúe tamén a mellora dos espazos públicos dos que fan uso. O estado de abandono no que se atopan moitos deles, que impide que poidan desenvolver a súa actividade en condicións óptimas, require que marquemos prioridades e identifiquemos todas e cada unha das súas necesidades para poder dar resposta a todas elas”. 

 

O rexedor reiterou que se reunirá con todas e cada unha das asociacións e colectivos do Porriño. “Contamos cun amplo e rico tecido asociativo e imos escoitalas a todas e atender as súas demandas”, concluíu Lorenzo avanzando que, “Estamos traballando xa para pechar os convenios anuais e formalizalos nas próximas semanas a fin de que poidan programar e desenvolver a súa actividade e comezar os cursos que imparten”.

 

Pola súa banda, o edil de Cultura, Asociacións e Parroquias, Bienvenido Estévez manifestou a súa intención de “potenciar a actividade das asociacións e o importante labor que desenvolven coa veciñanza, promover a colaboración entre elas e co Concello para poner en valor e afianzar o asociacionismo porriñés” .

O goberno municipal iniciou por Torneiros unha ronda polas parroquias para desenvolver un plan de actuacións especiais

O alcalde Alejandro Lorenzo e o concelleiro, Bienvenido Estévez, responsable de Parroquias no goberno municipal reuníronse con integrantes da nova “Asociación de Veciños e Veciñas das parroquias e polígonos de Torneiros” para coñecer de primeira man as demandas máis urxentes da veciñanza.

Este encontro é o primeiro dunha ronda de visitas e reunións coas diferentes asociacións de veciños de todas as parroquias do concello que vai manter o goberno municipal nos vindeiros días.

Trátase de “coñecer de xeito directo a través de todas as asociacións veciñais ás demandas e necesidades de cada parroquia. Teñen que ser escoitadas e atendidas. É unha das miñas prioridades absolutas e por iso nos volcaremos en cada unha delas facendo un plan especial de actuacións de mellora”, segundo explicou o alcalde Alejandro Lorenzo.

No que atinxe ás demandas planteadas polos representantes da nova AAVV de Torneiros solicitaron a recuperación do Centro Cultural Alba; a rehabilitación de diversas infraestruturas da parroquia como parques, xardíns, rúas e beirarrúa e unha mellora do alumeado público. Tamén demandaron maior limpeza e mantemento da rede de pluviais e dos contedores de lixo. En materia de seguridade cidadá piden presenza policial as 24 horas do día pola elevada poboación da parroquia. En cuestión de tráfico, demandan mellorar a sinalización citando os casos da pista do parque Alba e a posibilidade de converter en zona amarela para aparcamento de autobuses escolares a marxe dereita da estrada PO-2401, dende as instalacións de “Aimen” ata o IES “Ribeira do Louro”.