III CONCURSO DE PINTURA RÁPIDA: PINTANDO A PALACIOS

O Concello do Porriño convoca o seu III Concurso de Pintura Rápida: Pintando a Palacios, que terá lugar o día 13 xuño de 2026 no Porriño.

As presentes bases rexerán a participación e concesión de premios para aquelas persoas que se presenten ao concurso Pintando a Palacios.

BASES:

1. PARTICIPANTES

As persoas interesadas poderán participar nas seguintes categorías:

  • Adultos/as: persoas nacidas en 2008 ou con
  • Mocidade: persoas nacidas entre os anos 2009 e
  • Alevín: persoas nacidas entre os anos 2013 e
  • Infantil: persoas nacidas entre os anos 2019 e

2. INSCRICIÓNS

As inscricións poderán presentarse de xeito presencial no rexistro xeral do Concello do Porriño (de luns a venres de 9h a 14h) ou de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello do Porriño mediante impreso normalizado que se poderá descargar da web ecultura.net ou solicitalo no Centro Cultural Municipal do Porriño.

Achegarase a seguinte documentación:

  • A solicitude de inscrición, que figura como ANEXO I para adulto/a ou ANEXO II menor de idade, debidamente cuberta e asinada.

O prazo de inscrición será dende o día seguinte á publicación das bases no taboleiro de anuncios municipal ata o luns 8 de xuño de 2026 ás 23:59h, ambos os dous incluídos.

3. CARACTERÍSTICAS

TEMA: O Porriño. Centro urbano

TÉCNICA: as persoas participantes poderán empregar a técnica que consideren (óleo acuarela, carbón, lapis etc.) e deberán achegar todo o material necesario para a realización do seu traballo.

TAMAÑO: máximo de 100×100 cm

OBRA: as obras realizaranse ao aire libre o mesmo día do concurso, unha vez seladas e ata as 17:30 h (as obras que sexan entregadas despois desa hora quedarán fóra do concurso).

Procederase ao selado dos soportes das obras de 9:30 h a 11:00 h no salón de plenos do Concello do Porriño, rúa Antonio Palacios nº1, 36400, e non se admitirá a participación daquelas persoas que ás 11:00 h non teñan o soporte selado.

As obras serán realizadas in situ, exclusivamente dentro do recinto da vila, e non se admitirá pintar mediante o emprego de fotografías, temas dixitais ou imaxinarios.

Todas as obras, xa sexan en papel, táboa ou lenzo, se presentarán sen asinar, e procederase á sinatura das obras premiadas tras a decisión do xurado.

As persoas participantes faranse responsables da recollida de calquera residuo que xeren durante o desenvolvemento do concurso.

4. XURADO

O xurado estará constituído por un comité de observación e valoración de premios, nomeado por resolución de Alcaldía, composto por unha serie de membros en número impar.

Este estará composto por distintas persoas vinculadas coas artes plásticas.

-Veredicto do xurado

O veredicto do xurado e a entrega de premios realizaranse o mesmo día do concurso, ás 19:00 h na praza Arquitecto Antonio Palacios.

Emitido o veredicto e realizada a entrega de premios, as obras poderán ser retiradas polos/as autores/as, salvo as premiadas na categoría adultos/as.

-Valoración do xurado

Na valoración do xurado teranse en conta os seguintes criterios:

  • Acabado e limpeza do traballo
  • Manexo da cor ou da técnica creativa
  • Creatividade e orixinalidade
  • Composición e mensaxe

5. PREMIOS

Os premios establecidos pola organización son os seguintes:

– PERSOAS ADULTAS:

1º PREMIO: 1.500,00 €

2º PREMIO: 1.000,00 €

3º PREMIO: 500,00 €

– MOCIDADE, ALEVÍN E INFANTIL:

Establécense 3 categorías de acordo coa idade, nas que haberá, para cada unha delas, 1º, 2º e 3º premio, baseados en diferentes lotes de material escolar:

1) Mocidade

  1. Primeiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 75€
  2. Segundo premio baseado nun lote de material escolar valorado en 60€
  3. Terceiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 50€

2) Alevín

  1. Primeiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 75€
  2. Segundo premio baseado nun lote de material escolar valorado en 60€
  3. Terceiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 50€

3) Infantil

  1. Primeiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 75€
  2. Segundo premio baseado nun lote de material escolar valorado en 60€
  3. Terceiro premio baseado nun lote de material escolar valorado en 50€
     
    • Os premios poderán ser declarados desertos se se considera que non alcanzan un nivel artístico mínimo.
    • Todos os premios estarán suxeitos á normativa fiscal que proceda aplicar.
    • Cada obra optará a un único
    • Coa inscrición neste concurso, as persoas beneficiarias dalgún premio, autorizan ao Concello do Porriño a realizar as consultas necesarias nas bases de datos da Axencia Tributaria Estatal, da Seguridade Social e do ORAL, co fin de comprobar que se atopan ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
    • Ás persoas que resulten gañadoras na categoría de adultos/as seralles requirida a seguinte documentación:
      • Fotocopia do DNI ou
      • Certificado orixinal da conta
      • Certificado acreditativo de atoparse ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA)

6.  OBRAS

  • As persoas participantes non poderán vender directamente a súa obra ao público durante a celebración do concurso.
  • Concello non se fará responsable da perda, roubo ou deterioro da obra.
  • As obras premiadas na categoría adultos/as pasarán a ser propiedade do Concello do Porriño.
  • O Concello    reserva    todos    os   dereitos    de   publicación    e reprodución.
  • As persoas gañadoras do 1º premio non poderán volver participar nas dúas seguintes convocatorias.
  • A participación no concurso supón a total aceptación destas

 

7.  PUBLICIDADE

As presentes bases serán publicadas no taboleiro de anuncios municipal, na web ecultura.net e nas redes sociais do Concello do Porriño.

O Concello do Porriño licitará un novo parque infantil con zona de auga para a fase II de Torneiros

  • O proxecto contempla a renovación e mellora dunha área de uso público, mediante a implantación dun conxunto de elementos que combinan o xogo infantil, o uso recreativo da auga o espazo de lecer, configurando un entorno atractivo, inclusivo e adaptado a diferentes rangos de idade.
  • O granito do Porriño en bancadas e xardineiras complementa un novo espazo verde dando identidade e e harmonía cromática ao conxunto

O Porriño, 8 de abril de 2026. O Concello do Porriño está a piques de sacar a licitación un novo parque infantil na Fase II de Torneiros. Un proxecto que transformará completamente este espazo, a súa renovación e mellora, coa a implantación dun conxunto de elementos que combinan o xogo infantil, o uso recreativo da auga e o espazo de lecer, configurando un lugar atractivo, inclusivo e adaptado a diferentes rangos de idade.

Así, proxéctase a creación dunha nova zona de xogo infantil de 11 m por 16,5 m de dimensións . Trátase de un espazo con pavimento de céspede artificial que contará cunha zona de multixogo que será o elemento principal da área infantil, permitindo o uso simultáneo por varios nenos/nenas e fomentando o desenvolvemento psicomotor e a interacción social. Nesta área haberá tamén outros elementos como balancíns ou unha mesa con bancos e taboleiros de xogo.

ESTANQUE ORNAMENTAL ACCESIBLE

Neste mesmo espazo proxéctase a execución dun estanque ornamental de xeometría orgánica, cunha superficie aproximada de 38 m² e unha profundidade máxima de 20 cm, concibido como lámina de auga accesible, que incluirá instalación hidráulica completa e iluminación subacuática LED, o que o converte nun atractivo a calquera hora.

En parte do perímetro do estanque proxéctase un largo banco corrido en granito do Porriño un lugar para descansar, para vixiar á cativada ou simplemente para contemplar o entorno.

O granito do Porriño en bancadas e xardineiras complementa un novo espazo verde dando identidade e e harmonía cromática ao conxunto

XARDINERÍA

O proxecto que sae a licitación contempla tamén a renovación de parte da xardineira existente, executándose xardineiras de granito.

En todo o contorno do parque renovarase a xardinería con especies arbustivas e tapizantes adaptadas ao clima atlántico, mediante unha composición de baixo mantemento formada por arbusto estrutural e especies tapizantes para xerar un espazo verde, confortable e harmonioso, integrado co entorno.

“Este proxecto é o inicio das grandes obras que imos a acometer nos cinco polígonos resicenciais de torneiros” asegura o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, apuntando que “a combinación de novas áreas de xogo co estanque ornamental e a posta en valor do noso granito amosa que O Porriño segue medrando con calidade. Queremos espazos públicos que sexan atractivos, inclusivos e que se convertan no orgullo da nosa veciñanza. Porque seguimos traballando nun Porriño máis amable e accesible”

REHABILITACION INTEGRAL

As actuacións contempladas nesta Fase II do Parque de Torneiros inscríbense no marco do Programa de axuda á rehabilitación a nivel de barrio (ERRP) do Concello do Porriño, contando con financiamento da Unión Europea

No caso concreto desta nova zona de lecer, o orzamento ascende a 70.234,82 €.

O Porriño convértese nun museo ao aire libre coa mostra “Rostros” de Afundación

  • O Concello do Porriño reforza a súa aposta pola cultura de proximidade transformando durante o mes de abril o Parque do Cristo nunha galería de arte urbana, coa colaboración con ABANCA e Afundación

O Porriño, 1 de abril de 2026. O Parque do Cristo transfórmase este mes de abril nunha galería de arte de excepción. A exposición “Rostros”, froito da colaboración estratéxica entre o Concello do Porriño, ABANCA e Afundación, achega á rúa unha selección imprescindible de obras que percorren a historia do retrato en Galicia. Desde o realismo de Sotomayor ata a modernidade de Maruja Mallo ou Laxeiro, a mostra convida á veciñanza a redescubrir os seus espazos habituais a través da mirada dos grandes mestres, convertendo un paseo cotián nunha experiencia cultural de primeiro nivel.

Esta mostra, ao abeiro do proxecto Corrente Cultural, nace para dar a coñecer a nosa arte desde o corazón das vilas, nas rúas. Unha selección de obras de diferentes autorías, atesouradas nas coleccións de arte de ABANCA e Afundación, adáptanse a formato fotográfico para exhibiren o mellor do xénero do retrato. “É un orgullo para O Porriño converterse no escenario desta ‘Corrente Cultural’. Queremos que a arte non estea pechada entre catro paredes, senón que forme parte viva do noso día a día. Traer os rostros de artistas como Seoane ou Lamazares ao Parque do Cristo é unha aposta decidida por democratizar a cultura e poñer o noso concello no mapa das grandes exposicións de Galicia” asegura o alcalde do Porriño que convida a todos os porriñeses e porriñesas a que “se deteñan, miren a estes ollos que nos falan desde o pasado e o presente, e desfruten deste privilexio no corazón da nosa vila.”

O acto de inauguración tivo lugar este mércores 1 de abril, na Praza do Cristo do Porriño e contou coa asistencia do alcalde do Concello do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo; a subdirectora da oficina de ABANCA no Porriño, María Cristina Rodríguez

Real; o xestor especialista da oficina de ABANCA no Porriño, Abel Gallego Rodríguez; e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación e Responsable de Exposicións, Paloma Vela. Vera explicou que “estas imaxes abranguen 120 anos de arte, dende o romanticismo ao naturalismo, as vangardas… para que cada un descubra cal é a linguaxe que máis lle interesa”.

Artistas

Sotomayor | Dionisio Fierros | Juan Luis | Ramón Caamaño | Julia Minguillón | María Antonia Dans | Segura Torrella | Legísima | Santi Jiménez | Luís Seoane | Maruja Mallo | Jano Muñoz | Laxeiro | Antón Lamazares | Soledad Penalta | Din Matamoro | Murado…

O retrato na mostra

Considérase retrato a imaxe dunha persoa reproducida en pintura, escultura, debuxo ou fotografía, que describe a aparencia e o carácter do individuo representado. Ao longo da historia da arte, o retrato foi un dos xéneros de maior prestixio, cuxo interés radica en que non só se trata dunha representación do individuo, senón que tamén nos fala das diferentes épocas históricas, os seus códigos e os seus sinais de identidade. Hoxe en día, as imaxes de rostros enchen as nosas pantallas, dende as redes sociais ata as campañas publicitarias na Internet ou na televisión ou en medios escritos, e reflexan a nosa sociedade globalizada e conectada. Os selfies da era dixital democratizan a arte do autorretrato, xogando un importante papel na construción de identidades persoais e colectivas.

Esta mostra invita a explorar as diferentes e fascinantes interpretacións que as e os artistas fixeron (e fan) deste xénero, mergullarnos nas lembranzas das xentes que evocan, nas sensacións que transmiten, e nas novas fórmulas que foron introducindo desde finais do século XIX ata os nosos días, ao compás dos movementos artísticos que se van sucedendo.

 

O Porriño convértese no epicentro do Trail Running co “Montes de Atios”: cume no Roupeiro e puntuable para a Superliga Galega

  • Unha proba que discurre por un espazo único, cheo de natureza, e que conta con tres modalidades: 21K, 12K e andaina

O Porriño, 28 de marzo de 2026 – O vindeiro 25 de abril, as montañas do Porriño vibrarán coa celebración do Trail Montes de Atios, unha cita que arranca este ano xa como puntuable para a Superliga Galega de Trail. Esta competición permitirá aos corredores sumar puntos clave para o ránking autonómico, consolidándose como unha das probas de referencia no calendario galego.

Esta carreira é unha iniciativa da Comisión de Festas da Guía de Atios, que nace cunha vocación de continuidade e respecto pola natureza. Segundo explican desde a organización, o evento ponse en marcha “coa intención de que perdure moito tempo para conservar o monte e a paisaxe, e co obxectivo de poñer en valor a nosa riqueza natural”. A proba non é só un reto deportivo, senón unha homenaxe ao patrimonio ambiental da parroquia.

Un percorrido épico: Entre muíños e campás

O percorrido, deseñado polo Club AC Castelos, é todo un reto para os corredores e corredoras, pero tamén para os amantes da paisaxe. A xornada arrancará desde o emblemático Torreiro da Guía, punto neurálxico do evento. Tras unha saída vibrante, os participantes dirixiranse cara ao campo de fútbol para iniciar o ascenso polos históricos Muíños de Atios, un tramo que combina natureza e patrimonio.

O desafío culminará no punto máis alto do Porriño: a cima do Roupeiro. Neste lugar estratéxico, onde se atopa a famosa formación rochosa en forma de seta, os corredores vivirán un dos momentos máis simbólicos da proba: tocar a campá situada sobre a rocha. Para inmortalizar este fito, a organización contará cun fotógrafo oficial que capturará o paso de cada atleta coas impresionantes vistas de todo o val do Porriño de fondo. “Chegar a esta campá será para os corredores tocar o ceo no Próximo Trail de Atios”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, lembrando que normalmente está emprazada no roupeiro e dende alí “podemos ver ao fondo O Porriño dende un entorno privilegiado, porque somos un pobo de deporte e natureza”.

Dúas distancias para todos os niveis

 Tras alcanzar o cumio, a proba divídese en dous percorridos deseñados para diferentes perfís de corredor:

  • Distancia Curta (Mini Trail12 km): Descende cara ao campo de fútbol do Roupeiro para regresar directamente ao ambiente festivo do Torreiro da Guía. Ten un desnivel positivo de
  • Distancia Longa (Trail – 21 km): Un trazado máis esixente que se desvía cara ao impoñente Castelo de Cans. Os corredores bordearán esta zona histórica antes de iniciar o descenso final cara á meta na Guía. Aquí está o reto, cun desniel de 1080m.
  • Andaina (12 km): Non todo vai ser correr. Neste caso con 500m desnivel positivo , un percorrido ideal para familias e para quen quere disfrutar coa paisaxe, que é única neste

Padriños de luxo e competición de elite

A presentación do evento contou coa presenza de dúas figuras referentes do trail running nacional e internacional: con Eloy Martínez Faro como padriño, destacado atleta que vén de triunfar en Francia ao gañar unha das probas do prestixioso Mont Blanc; e con María Martínez González, como madriña: campioa galega de Trail Running e campioa de España de Short Trail. María lidera actualmente o ránking galego na distancia Classic, posición que lle asegura a súa terceira convocatoria consecutiva coa Selección Galega.

Premios e Inscricións

A organización dispuxo trofeos para as diferentes categorías (Feminina e Masculina), recoñecendo o esforzo dos mellores tempos nesta dura xornada de montaña. As inscricións seguen abertas a través da plataforma oficial: https://magmasports.es/.

O Concello do Porriño impulsa a mellora integral do entorno do local social do Casal, en Budiño

  • Cunha inversión arredor dos 250.000 euros, O Concello do Porriño mellorará a accesibilidade e a calidade das instalacións e creará un parque infantil e varias zonas axardinadas

O Porriño 21 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño promove un proxecto de actuación integral para a mellora do entorno do local social do Casal, na parroquia de San Salvador de Budiño, co obxectivo de reforzar a calidade do espazo público e fomentar a convivencia veciñal.

A actuación, que xa conta co proxecto redactado e cos permisos correspondentes, desenvolverase sobre unha superficie aproximada de 3.460 metros cadrados nun ámbito estratéxico para a vida social da zona, tradicional punto de encontro, lecer e actividade comunitaria.

Novos espazos de convivencia
O proxecto contempla unha reorganización integral do espazo, priorizando o uso peonil fronte ao tráfico
rodado, que na actualidade xera conflitos en materia de seguridade e accesibilidade. Neste sentido, delimitarase un único vial para a circulación de vehículos, ao tempo que se crearán novas áreas de convivencia máis seguras, accesibles e funcionais.

Entre as principais actuacións inclúense a creación dun parque infantil, a habilitación de novas zonas
axardinadas con especies autóctonas, a mellora da pista deportiva e a adecuación de espazos peonís e de
aparcamento. Así mesmo, prevese a posta en valor de elementos existentes como o palco da música e o
entorno do cruceiro, reforzando o carácter identitario do lugar. “Será poñer en valor este espazo, un antes
e un despois para o entorno do local social do Casal, unha zona con moita vida, cuns veciños que precisan un espazo acorde a historia que ten este lugar, e iso será posible cando rematemos esta actuación”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Integración paisaxística
A intervención aposta por criterios de sustentabilidade ambiental, incrementando a permeabilidade do terreo e favorecendo a xestión eficiente das augas pluviais. Ao mesmo tempo, contribuirá á recuperación da imaxe tradicional do espazo mediante unha integración paisaxística respectuosa coa contorna.

Cun orzamento de execución por contrata de 250.210 euros e un prazo estimado de execución de seis meses, o proxecto responde a unha demanda da veciñanza e permitirá avanzar na mellora da calidade de vida da cidadanía, consolidando este enclave como un referente social e comunitario en Budiño.

 

Adxudicadas as obras que mellorarán a rede de sameamento en Budiño

  • O investimento nesta actuación sitúase arredor dos 180.000 euros, consolidando unha mellora significativa das infraestruturas hidráulicas na parroquia de Budiño.

Porriño 17 de marzo de 2026.– O Comité Directivo do Consorcio de Augas do Louro aprobou a adxudicación das obras do proxecto Bombeo en Budiño, no concello do Porriño, tras o proceso de licitación e a proposta formulada pola Mesa de Contratación, dando así un paso decisivo para executar unha actuación destinada a mellorar a rede de saneamento nesta parroquia e moi demandada pola veciñanza.

As obras terán como obxectivo completar a rede de saneamento existente, permitindo conectar á rede xeral as vivendas que actualmente carecen deste servizo básico, das que se beneficiarán un total de 25 vivendas. En concreto, o proxecto contempla a execución de novos colectores de PVC de distintos diámetros, cunha lonxitude total próxima aos 190 metros, así como a construción dun pozo de bombeo e unha condución de impulsión duns 292 metros que permitirá transportar as augas residuais ata a rede xa existente. O sistema contará con dúas bombas que funcionarán de maneira alterna, garantindo a continuidade do servizo e un funcionamento eficiente da infraestrutura.

Esta actuación enmárcase no desenvolvemento do Plan Director da rede de saneamento do Porriño, presentado en xuño de 2022, que establece a planificación técnica, financeira e temporal para a execución integral das actuacións necesarias no conxunto do municipio, identificando con precisión os tramos pendentes, as vivendas sen conexión e os investimentos necesarios en cada parroquia.

O Concello continúa avanzando na planificación e execución de investimentos estratéxicos, prestando especial atención ás necesidades reais das parroquias. Neste contexto, resulta imprescindible priorizar actuacións que garantan a mellora da calidade de vida da veciñanza, sendo o saneamento unha infraestrutura básica e urxente.

A extensión e modernización da rede de saneamento non só responde a unha demanda histórica, senón que constitúe unha intervención prioritaria desde o punto de vista sanitario, ambiental e de equilibrio territorial. Dotar a todas as parroquias deste servizo esencial é clave para evitar desigualdades, protexer os recursos naturais e favorecer un desenvolvemento sostible.

Por iso, o Concello mantén o seu compromiso firme de seguir impulsando investimentos prioritarios, situando o saneamento como unha actuación de máxima urxencia dentro da súa folla de ruta.

O alcalde do Porriño e presidente do Consorcio de Augas do Louro, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta actuación: “Estamos a dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza de Budiño, garantindo un servizo básico como é o saneamento e mellorando a calidade ambiental da contorna”.

Así mesmo, subliñou que: “Este investimento reflicte o compromiso do Consorcio coa mellora das infraestruturas hidráulicas e coa protección dos nosos recursos naturais, avanzando cara a un territorio máis sostible”.

Segundo as previsións, as obras poderán iniciarse nun prazo aproximado dun mes, unha vez completados os trámites administrativos previos á formalización do contrato. O prazo estimado de execución da actuación é de tres meses, tras os cales Budiño contará cun sistema de saneamento máis eficiente e adaptado ás necesidades actuais.

Con esta intervención, o Consorcio de Augas do Louro continúa impulsando actuacións destinadas a mellorar a rede de saneamento nos concellos integrantes, reforzando a calidade de vida da cidadanía e a protección do medio ambiente.

Aviso de suspensión temporal do subministro de auga

O Porriño, 16 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño informa á veciñanza dunha suspensión temporal do subministro de auga debido á realización de traballos de mantemento na rede.

  • Data: 16 de marzo de 2026
  • Hora de inicio: 09:30 h
  • Hora prevista de finalización: 12:30 h

Zonas afectadas:

  • Rúa Pinar
  • Rúa Cruceiro
  • Antonio Palacios

Dende o Concello do Porriño pedimos desculpas polas molestias ocasionadas e agradecemos a comprensión da veciñanza.

O Porriño pon en valor o traballo e a entrega das mulleres que manteñen a alma das parroquias

  • O Concello celebra un emotivo acto de recoñecemento á traxectoria e ao legado de Carmen Alonso, Adoración Carrera, Mercedes Besada, Juana Freiría, Fermina Fernández, Dolores Codesada, Teresa Castro, Carmen Míguez e Carmen Martínez.

Porriño 8 de marzo de 2026.– Nun acto cargado de simbolismo e emoción, o Concello do Porriño rendeu homenaxe este domingo, 8M, a nove mulleres que representan a esencia viva e o motor invisible das parroquias do municipio. Baixo o lema de que “cada parroquia ten unha alma e moitas veces esa alma ten nome de muller”, a xornada serviu para reivindicar o papel fundamental das mulleres como piares da memoria, o traballo e a cohesión social.

As homenaxeadas, procedentes dos distintos puntos da xeografía local, foron: Adoración Carrera Rodríguez, fundadora de Érguete (O Porriño); Mercedes Besada Martínez, unha das fundoras da Coral de Budiño (Budiño); Juana Freiría Roris, xornaleira (Mosende); Carmen Alonso Alonso, tendeira (Chenlo); Fermina Fernández Pérez, costureira (Cans); Dolores Codesada Carracedo, leiteira (Atios), Teresa Castro López, mestra (Carracido), Carmen Míguez González, peixeira (Pontellas),  e Carmen Martínez Pérez, perruqueira (Torneiros). Todas as súas vidas representan traballo, esforzo, conciliación e unión coa comunidade.

Mulleres raíz e faros da comunidade

Durante o acto, o alcalde de O Porriño , Alejandro Lorenzo, destacou que estas nove mulleres son “como as raíces das árbores: non sempre se ven, pero sen elas nada se sostén”. A través de diversas metáforas, comparou a súa entrega coa firmeza das montañas, a fertilidade da terra e a guía constante dos camiños antigos. “Hoxe estas nove mulleres representan a todas esas mulleres que coidaron, traballaron, loitaron e ensinaron sen pedir nada a cambio. Son o pan de cada día: sinxelas, necesarias e imprescindibles”, sinalou durante o discurso oficial.

Un legado que constrúe pobo

A homenaxe puxo o foco en que a construción dun pobo non reside só nos seus edifícios ou as súas rúas, senón na súa xente e, moi especialmente, na “forza tranquila” das mulleres que uniron xeracións e transformaron o esforzo en froitos para a comunidade.

O acto contou coa participacion da Escola Municipal de Música do Porriño e coa intervención, ademais do alcalde, da concelleira de Igualdade, Carolina González Costas e, por suposto, das protagonistas, porque se trata de darlles voz para  facelas visibles.

O recoñecemento concluíu cun agradecemento unánime por seren “memoria, exemplo e camiño para quen vén detrás”, asegurando que o seu testemuño permite que as parroquias sigan sendo un fogar cheo de luz e esperanza.

As mulleres homenaxeadas:

  • CARMEN ALONSO ALONSO (Chenlo)

Á fronte dunha tenda e un bar ao longo da súa vida laboral, Carmen é unha institución en Chenlo. O seu traballo visible foi o sustento de moitos, pero foi o seu traballo invisible —o dos coidados, a crianza de catro fillos, as tarefas do campo e a atención aos animais— o que a converte como un expoñente máximo das mulleres da súa xeración.

A pesar de que Carmen afirma con humildade que “non viviu a vida” debido ao moito que traballou, a súa enerxía segue intacta: participa en clases de pilates, ximnasia de memoria e continúa activa no campo. O seu desexo para o futuro é claro e xusto: “que o home e a muller sexan iguais e que saiban facer de todo”.

  • DORA CARRERA (O Porriño)

A súa historia é a da , valentía e coraxe compartida. En 1984, Dora Carrera foi peza fundamental na fundación da Asociación Érguete xunto a Carmen Avendaño. Nunha época de sombras, este grupo de nais tivo a determinación de enfrontarse ao narcotráfico, saíndo á rúa para desenmascarar as súas tramas e logrando fitos históricos como a reforma das leis e a humanización do tratamento das persoas con adiccións.

Grazas a ese pulo inicial, o proxecto que Dora axudou a sementar non deixou de medrar con, aínda hoxe, unha rede que presta axuda anual ao miles de persoas e fai unha la labor integral en programas de prevención, vivenda, integración social e busca de emprego.

Dora Carrera   non só coidou da súa casa, uniu o seu pobo, senón que se converteu en fogar e esperanza para un país enteiro, demostrando que a unión das nais é capaz de cambiar o curso da historia.

  • CARMEN MARTÍNEZ PÉREZ (Torneiros)

Carmen é a viva imaxe de que a paixón polo traballo non entende de horarios, senón de compromiso. Comezou a traballar sendo apenas unha moza, nunha época na que ser perruqueira significaba moito máis que un oficio: era converterse en confidente, en veciña e nun piar fundamental da vida social de Torneiros.

Carmen é unha muller que loitou por amor, unha forza que a impulsou a sacar adiante o seu proxecto de vida e o seu negocio a base de horas roubadas ao descanso.  Ese amor polo oficio non quedou nela, senón que floreceu nas súas fillas, que hoxe herdan con orgullo a súa peluquería. Ver como a súa tesoira segue o tempo en mans da seguinte xeración é o maior recoñecemento ao seu esforzo.

  • CARMEN MÍGUEZ GONZÁLEZ (Pontellas)

Carmen é a personificación da cultura do esforzo que define ás mulleres da nosa terra. Durante 43 anos, foi a peixeira que unía as lonxas da ribeira coas casas de media bisbarra. Mentres o mundo durmía, Carmen xa estaba en pé; a súa xornada comezaba ás catro da mañá, desafiando o frío e o cansazo para escoller o mellor produto.

Unha ruta de servizo á comunidade que non quedaba en Pontellas, co seu coche percorría dferntes parroquias de Mos, O Porriño ou Tui para achegar   a vida e o recado de porta en porta. Unha muller que tamén atendeu o campo e a súa casa, nunha época na que o descanso non estaba pensado para elas. Cun currículo escrito con madrugóns e quilómetros, Carmen reivindica con firmeza a importancia da muller traballadora neste día tan especial.

  • DOLORES CODESADA CARRACEDO (Atios)

Lola é o retrato da forza e da determinación que levantou as nosas parroquias. Nun tempo onde as mans non descansaban, ela fixo da súa vida un exemplo de entrega total: a casa, o campo e, por riba de todo, o seu oficio como leiteira.

Ser leiteira “toda a vida” era un compromiso inquebrantable co reloxo e cos veciños. Foi o vínculo entre a produción da terra e a alimentación das familias de Atios. O seu traballo esixía unha disciplina de ferro, e ademais, muller de carácter foi   o centro de gravidade da súa casa.

  • FERMINA FERNÁNDEZ PÉREZ (Pontellas)

Fermina, costureira de Pontellas, é a guardiá dunha memoria que non debemos esquecer, transformando a dureza da posguerra nun camiño de aprendizaxe e oficio.Lembra ben que “a vida de antes non era a de agora”. Eran tempos de silencio e necesidade, de xente agochada nos montes e de ausencias marcadas pola guerra. Nese contexto, a escola era un luxo ao que só se ía “cando se podía”, porque as mans facían falta para o sustento diario.

Con 18 anos, Fermina decidiu labrarse o seu propio futuro. Baixou ao Porriño para aprender a arte de costureira, un oficio que require paciencia e precisión. Sen recursos para mercar unha máquina de coser, non se rendeu: logrou mercala a prazos, fío a fío, puntada a puntada, ata que aquela ferramenta foi de seu. Aquela máquina fiou a súa vida e a da parroquia.

  • TERESA CASTRO LÓPEZ (Carracido)

Luguesa de nacemento, porriñesa de adopción e mestra de vocación, Teresa dedicou 37 anos da súa vida a unha das tarefas máis nobres: cultivar o futuro a través do ensino. 

Testemuña do cambio social durante eses anos, ela, que foi educada nun colexio de nenas ata sexto,  viviu de primeira man como pouco a pouco se combatía o machismo, un traballo de respeto que se fixo tamén dende as aulas. Pero tamén sinala con preocupación que  aínda que avanzamos en dereitos, o machismo segue sendo un reto e mesmo se perciben retrocesos que nos obrigan a non baixar a garda.

  • MERCEDES BESADA MARTÍNEZ (Budiño)

Mercedes é o exemplo vivo de como a dureza do traballo e a beleza da arte poden camiñar da man. Foi unha das fundadoras da Coral de Budiño, onde leva 39 anos cantando e facendo parroquia, e pobo. A súa vida foi un constante equilibrio entre a entrega á terra e a paixón pola música, sendo hoxe unha das figuras máis queridas da súa parroquia.

Na súa retina ainda, o na leira co seu bebé en brazos, os callos nas mans cando o chan se fregaba de xeonllos, e o retumbar da súa voz nunha agrupación qu pervive e que fai comunidade, demostrando que a cultura é o que nos mantén vivos e unidos.

  • JUANA FREIRÍA RORÍS (Mosende)

Aos seus 90 anos, Juana é a memoria viva dun Mosende de sacrificio, pero tamén de dignidade absoluta. Viúva con sete fillos ao seu cargo, lonxe de renderse, Juana multiplicou os seus esforzos. Traballou sen acougo, de sol a sol, para que na súa casa non faltase o sustento. Foi pai e nai, xornaleira e guía, levantando a súa familia coa única forza dos seus brazos e a súa vontade de ferro.

A súa vida é un relato de resistencia, o de quen tivo que converterse en xigante para protexer aos seus cando o destino se volveu difícil. Os seus 90 anos o tempo lle permite descansar pero segue sendo un exemplo para a súa parroquia.

O pleno do Porriño ratifica a solicitude de cesión da N-120 ao seu paso por Cans para mellorar a seguridade e desbloquear investimentos clave

  • A cesión permitiría ao Concello executar actuacións prioritarias como a construción de beirarrúas, a creación de pasos peonís ou a mellora da iluminación pública, medidas fundamentais para garantir un tránsito seguro nunha vía cun elevado nivel de tráfico.

Porriño 2 de marzo de 2026.– O Pleno do Concello do Porriño aprobou a semana pasada a ratificación da solicitude formal dirixida ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a cesión da titularidade da estrada N-120 ao seu paso pola parroquia de Santo Estevo de Cans.

Trátase dunha petición xa trasladada a principios do ano 2023 á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, apoiada en informes técnicos e xurídicos municipais que acreditan que o treito cumpre cos requisitos legais para ser considerado vía urbana, segundo establece a Lei de Estradas. Ante a falta de resposta por parte do Ministerio, o Goberno municipal decidiu reforzar esta demanda mediante a súa ratificación en Pleno, co obxectivo de avanzar nun proceso clave para garantir a capacidade de actuación do Concello sobre un tramo estratéxico para a parroquia.

Desde o inicio do mandato, o actual executivo puxo en marcha os trámites necesarios para conseguir esta transferencia, consciente da urxencia de actuar nunha estrada que atravesa o centro da parroquia e que presenta importantes deficiencias en materia de seguridade viaria.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliña que “estamos a falar de actuacións moi necesarias para mellorar os servizos básicos e a calidade de vida da veciñanza de Cans. Non podemos seguir condicionados por trámites que dependen doutras administracións cando o Concello ten proxectos redactados e financiamento previsto”. O rexedor engade que “a cesión da N-120 permitiríanos axilizar as autorizacións e coordinar mellor as obras de saneamento co resto das intervencións previstas na parroquia, optimizando recursos e evitando demoras innecesarias”.

A ausencia de cesión deste treito está a retrasar tamén a execución de importantes proxectos para a parroquia, ao depender das autorizacións do Ministerio. Entre eles atópanse o saneamento de Eidos, cun investimento superior a 120.000 euros; o saneamento da Graña e Sequeiras, con máis de 740.000 euros; a reforma da Casa Cultural de Cans, valorada en 150.000 euros; así como a reforma do lavadoiro do Sabias.

Neste sentido, o concelleiro de Saneamento e Parroquias, Marcos Martínez, destaca que “a cesión permitiría ao Concello executar actuacións prioritarias como a construción de beirarrúas, a creación de pasos peonís ou a mellora da iluminación pública, medidas fundamentais para garantir un tránsito seguro nunha vía cun elevado nivel de tráfico”.

En paralelo, o Concello ten previsto iniciar este ano un ambicioso proxecto de máis de 800.000 euros no treito anterior da N-120, xa cedido ao municipio durante o mandato do exalcalde Xosé Manuel Barros. A actuación abranguerá desde o casco urbano do Porriño ata O Paizal e contempla a renovación do firme, a execución de novas beirarrúas, a modernización da iluminación pública e a creación dun carril bici, configurando unha transformación integral deste eixo viario.

Coa ratificación plenaria da solicitude, o Goberno local reafirma o seu compromiso coa parroquia de Cans e reclama ao Ministerio unha resposta á maior brevidade posible para avanzar nunha solución largamente demandada pola cidadanía.

Pontellas e Atios melloran a súa rede viaria cun investimento próximo aos 73.000 euros

  • A actuación, subvencionada pola AGADER con 61.048 euros, permitirá mellorar a seguridade viaria nos camiños de Rocal, Outeiro, Galegos e A Torre
  • O prazo de execución será de tres meses e enmárcase no plan municipal de modernización das parroquias

O Porriño, 20 de febreiro de 2025. O Concello do Porriño continúa avanzando no seu plan de mellora das infraestruturas do rural coa execución do proxecto de pavimentación e mellora da seguridade viaria nos camiños de Rocal e Outeiro, na parroquia de Pontellas, e Galegos e A Torre, na parroquia de Atios.

A actuación supón un investimento próximo aos 73.000 euros (IVE incluído), tras a súa adxudicación, e conta cunha achega de 61.048 euros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026. O prazo estimado de execución é de tres meses desde o inicio das obras.

O proxecto contempla traballos de desbroce e limpeza, fresado do firme existente, execución dunha nova base granular, pavimentación con aglomerado asfáltico en quente, recalce de tapas de rexistro e renovación da sinalización horizontal e vertical. A intervención realizarase sen modificar nin o trazado nin a rasante actual dos camiños, garantindo así unha actuación respectuosa coa súa configuración.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “O Concello está a dar resposta a necesidades reais das parroquias, actuando con planificación, responsabilidade e aproveitando todas as oportunidades de financiamento que permiten acelerar investimentos necesarios”.

O rexedor destacou tamén a complexidade administrativa que rodea moitas destas actuacións: “Hai proxectos que levan anos á espera de informes sectoriais e autorizacións, en ocasións vinculados a estradas ou a organismos hidráulicos. Cada permiso que conseguimos desbloquear supón un paso decisivo para poder executar obras que a veciñanza leva tempo reclamando”.

“Estamos a traballar con rigor técnico e coordinación institucional para que esas autorizacións cheguen e para que cada proxecto que se pon en marcha teña todas as garantías legais e administrativas”, engadiu Lorenzo.

Estas obras forman parte dun plan máis amplo de mellora das infraestruturas nas parroquias, no que o saneamento continúa a ser unha prioridade estratéxica para o Goberno municipal. O Concello reafirma así o seu compromiso cun rural vivo, dotado de servizos modernos, seguros e adaptados ás necesidades actuais.