O Concello convoca ás entidades sociais a unha charla informativa sobre a nova campaña de residuos

O Concello do Porriño convida a todas as entidades sociais do municipio, incluíndo asociacións veciñas, culturais, deportivas, educativas e tamén ás comisión de festas, a participar nunha charla informativa este mércores, 29 de outubro, no salón de pleno do Concello.

Na sesión, un técnico especializado explicará como se vai desenvolver a nova campaña municipal de residuos, que terá tres eixos principais: contedor marrón (biorresiduos), recollida de aceite doméstico usado e recollida de téxtil.

O Concello mellora a accesibilidade e posta en valor da lagoa de Orbenlle no espazo Rede Natura

  • O alcalde Alejandro Lorenzo visitou a zona tralos traballos de acondicionamento para o seu uso público realizados ao abeiro dos fondos Next Generation
  • A actuación que supuxo unha inversión de 34.000 euros permitiu crear un percorrido circular, eliminar elementos degradados e instalar paneis informativos
  • O proxecto supón un importante impulso para o turismo sostible e de natureza no Porriño

O Porriño, 23 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño avanza na conservación do seu patrimonio natural co remate dos traballos de mellora e posta en valor da lagoa de Orbenlle, situada dentro do espazo protexido Rede Natura 2000 “Gándaras de Budiño”. Esta mañá, o alcalde Alejandro Lorenzo e os concelleiros Antía Carrera e Carlos González visitaron a zona para comprobar o resultado das actuacións executadas. A intervención, que tivo un custe total de 34.004,24 euros, foi realizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural GDR do Baixo Miño, financiándose ao 100% con cargo ao orzamento reprogramado asignado para o desenvolvemento da “Actuación rexeneración e adecuación do destino para mitigar o cambio climático. Outras actuacións de protección da natureza e a biodiversidade, patrimonio e recursos naturais, infraestruturas verdes e azuis”, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea – Next Generation EU.

 “Este tipo de actuacións axudan a coidar e achegar o noso patrimonio natural á veciñanza”, sinalou o alcalde Alejandro Lorenzo. “A lagoa de Orbenlle é un espazo cada vez máis visitado e agora conta cun percorrido accesible e contidos interpretativos que axudan a comprender o seu valor ambiental”.

Pola súa banda, a concelleira Antía Carrera destacou que “foi posible recuperar unha zona degradada, eliminar unha estrutura en ruínas e dotar o espazo de mellores condicións para a súa conservación e desfrute, sen esquecer a importancia que ten para especies singulares como o sapoconcho europeo”.

As actuacións levadas a cabo centráronse na mellora da contorna da lagoa e na ordenación dos seus usos recreativos, sen perder de vista os principios ambientais e o respecto ao ecosistema. Así, os traballos incluíron a demolición dunha antiga caseta de bloques en estado ruinoso e retirada dos seus restos con xestión autorizada dos residuos; a roza manual e apertura dun percorrido circular ao redor da lagoa, abríndose ocos na vexetación da contorna da lagoa que permiten achegarse con facilidade ao borde da mesma; instalación dunha pasarela de madeira elevada, que permite superar un tramo inundable e serve tamén como punto de observación e colocación de material interpretativo, con contidos que fan resaltar a importancia medioambiental destes recursos para especies de aves, anfibios e réptiles como o sapoconcho europeo. Así, por unha parte instálase un panel, no acceso ao espazo, e unha mesa, na pasarela de madeira, interpretativos, coas características do percorrido, datos de interese, información ambiental e os elementos máis destacados do espazo Rede Natura; e por outra banda, un panel interactivo de cubos, pensado para público infantil e familiar, cun xogo educativo sobre especies da zona: aves, anfibios e réptiles

O prazo de execución da obra é de catro meses e unicamente resta a colocación deste material interpretativo que se levará a cabo nos vindeiros días.

Impulso turístico

Este proxecto supón un importante impulso para o turismo sostible e de natureza no Porriño, ao poñer en valor un dos espazos ambientais máis singulares do municipio. A lagoa de Orbenlle, situada no LIC Gándaras de Budiño e dentro da Rede Natura 2000, convértese así nun atractivo turístico e educativo, que permitirá descubrir a riqueza da nosa biodiversidade e o patrimonio natural do territorio.

A actuación contribúe tamén a reforzar o xeodestino “A Despensa de Galicia”, ofrecendo novos recursos vinculados ao ecoturismo, ás rutas interpretativas e á posta en valor dos valores naturais e paisaxísticos de O Porriño, consolidando o seu papel dentro do mapa turístico provincial e galego.

O Concello presenta novas campañas de residuos cun plan integral que inclúe porta a porta, colectores específicos e educación ambiental

  • Durante os meses de outubro e novembro haberá accións sobre orgánica, aceite de cociña, téxtil e compostaxe, con seis persoas promotoras facendo visitas porta a porta entregando materiais e informando á veciñanza
  • O Concello organiza unha serie de visitas a Sogama para coñecer de preto como se xestionan os residuos

O Porriño, 22 de outubro de 2025.-  O Concello do Porriño vén de presentar hoxe o seu novo plan de campañas de residuos, que se prolongarán ao longo dos meses de outubro e novembro. A iniciativa abrangue catro liñas estratéxicas: colector marrón (orgánica), recollida de aceite doméstico, recollida de téxtil usado e compostaxe doméstica e comunitaria.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou que “o Porriño quere ser un concello máis limpo, máis sostible e máis eficiente na xestión dos seus residuos. Por iso, combinamos novas infraestruturas, sensibilización cidadá e apoio porta a porta para que todas as familias poidan participar”. O rexedor indicou durante o acto de presentación no que estivo acompañado polos concelleiros de Medio Ambiente e Lixo, Antía Carrera e Carlos González, respectivamente, e o enxeñeiro e director de Permae, Rodrigo López, que “hoxe non falamos só de novos colectores ou de bolsas compostables, falamos dun cambio cultural, dunha nova forma de relacionarnos co que xeramos cada día nos nosos fogares e negocios. Cada vez que separamos ben os residuos, non só reducimos a cantidade que vai a vertedoiro, senón que tamén transformamos o que antes era lixo en recursos valiosos”.

Respecto do colector marrón, repartiranse bolsas compostables e caldeiros para fogares e grandes xeradores. Desde o 3 de novembro e durante todo o mes, seis persoas promotoras realizarán visitas porta a porta para entregar materiais e informar á veciñanza e grandes xeradores. Haberá tamén postos informativos en feiras e actividades educativas en centros escolares e asociacións veciñais.

No referente ao aceite de cociña usado, distribuiranse novos colectores específicos na vía pública. A campaña inclúe talleres prácticos para transformar aceite en xabón e a creación dun mapa dixital de contedores accesible desde a web municipal.

Por outra banda, entregaranse sacas reutilizables á cidadanía para os residuos téxtiles. Haberá obradoiros de reutilización creativa de roupa, actividades educativas sobre o impacto ambiental da industria téxtil e unha ferramenta de xeolocalización de contedores. Nesta liña, un dos aspectos máis innovadores da campaña é a colaboración con Cáritas Diocesana Tui-Vigo, que está a elaborar bolsas de tea a partir da roupa non reutilizable recollida nos contedores de téxtil. Estas bolsas, que produce un grupo de persoas voluntarias en Porriño, distribúense en todos os concellos galegos adheridos as campaña de “O Camiño Sostible”, converténdose nun símbolo de economía circular con selo local. Ademais, o coste das bolsas dedicase a un beneficio social, xerando así un dobre impacto positivo: ambiental, ao dar unha segunda vida a materiais que antes eran residuo, e social, ao apoiar ás familias que máis o precisan.

Por última, na liña de compostaxe doméstica e comunitaria seguirá cedéndose composteiros para fogares con horto ou xardín, instalaranse composteiros comunitarios en centros educativos e porase en marcha un programa de visitas de seguimento técnico. Complementarase con vídeos educativos, materiais impresos e obradoiros para distintos públicos.

A consultora galega especializada en sostibilidade e residuos, Permae, que actualmente colabora con arredor de 30 concellos en Galicia coa campaña O Camiño Sostible (www.ocaminosostible.gal) é a encargada de levar a cabo estas iniciativas. O seu director, Rodrigo López destacou que “cada xesto conta: separar mellor significa aforrar custos, reducir impacto ambiental e avanzar cara a un Porriño máis sostible”.

As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: https://porrino.ocaminosostible.gal.

Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Concello por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos. Nesta liña, o Concello do Porriño organiza unha serie de visitas ao Complexo Medioambiental de Sogama, en Cerceda co obxectivo de achegar á veciñanza ao funcionamento da planta, fomentar a conciencia ambiental sobre a correcta separación, redución e reciclaxe dos residuos, mediante charlas, experiencias con realidade aumentada e percorridos guiados. Nas vindeiras datas darase a coñecer toda a información sobre estas visitas, con días de celebracións e prazos de inscrición.

O Concello do Porriño abre o primeiro parque para animais

  • O novo espazo, situado na Avenida de Galicia, representa un espazo de convivencia entre persoas e animais, conta con máis de 1.600 metros cadrados con zonas verdes, área específica para mascotas, mobiliario urbano e fonte adaptada

O Porriño, 16 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño vén de inaugurar oficialmente o primeiro parque para animais do municipio, un novo espazo situado na Avenida de Galicia, en pleno centro urbano, que nace coa vontade de ofrecer un lugar de lecer e convivencia para a cidadanía e os seus animais de compañía.

A parcela, de 1.614 metros cadrados, foi completamente acondicionada para dar lugar a un parque moderno, funcional e accesible, dividido en dúas áreas diferenciadas. Por unha banda, unha zona verde aberta ao público, con árbores, bancos, papeleiras e outros elementos de mobiliario urbano, que permitirá á veciñanza desfrutar dun espazo de descanso e encontro. Por outra, unha área valada e pechada, pensada exclusivamente para o lecer de cans, gatos e outros animais domésticos, onde poderán correr, xogar e socializar nunha contorna segura e controlada.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado dos concelleiro Marcos Martínez, Ramón Porto e Carlos González, visitou o parque na xornada da súa apertura, destacando a importancia deste tipo de iniciativas. “Hoxe damos un paso máis cara a un Porriño máis verde, máis inclusivo e máis respectuoso cos animais. Este parque non só mellora a calidade de vida dos nosos veciños de catro patas, senón que tamén favorece a convivencia e o benestar de toda a comunidade”, sinalou o rexedor.

O parque dispón tamén dunha fonte adaptada tanto para persoas como para animais, reforzando así o compromiso co benestar de todos os usuarios. Desde o Concello faise un chamamento á responsabilidade individual para manter o espazo en bo estado, lembrando a obrigatoriedade de recoller os excrementos dos animais e empregar botellas con desinfectante para limpar os ouriños, contribuíndo así a un Porriño limpo e agradable para todos.

Esta actuación enmárcase na estratexia do goberno local de recuperación e mellora de espazos públicos, poñendo o foco nas novas necesidades da veciñanza e promovendo un modelo de vila máis sostible, integradora e comprometida co medio ambiente.

O Porriño acolle o único centro de preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos en Galicia

  • O alcalde, Alejandro Lorenzo e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitaron esta mañá, no polígono de Cataboi, Revertia, empresa referente na economía circular, coincidindo coa celebración do Día Mundial dos RAEE

O Porriño, 16 de outubro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, participou esta mañá nunha visita institucional á empresa Revertia, situada no polígono industrial de Cataboi, no Porriño, acompañando á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez. O rexedor coñeceu de primeira man o labor que desenvolve esta compañía, que constitúe o único centro de preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) en Galicia.

Durante a visita, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou a importancia de contar cun proxecto coma este no municipio, “no Porriño apostamos pola economía circular e polo desenvolvemento sostible, e empresas como Revertia son un exemplo de innovación e compromiso co medio ambiente. É un orgullo que o único centro destas características en Galicia estea aquí, xerando emprego de calidade e impulsando unha transición ecolóxica real dende o noso territorio”, sinalou.

A visita enmárcase na celebración esta semana do Día Mundial dos RAEE, unha efeméride que busca concienciar sobre a importancia da correcta xestión deste tipo de residuos e o seu potencial de reutilización. Durante a mesma, salientouse que a xestión sostible dos residuos eléctricos e electrónicos ofrece unha oportunidade de negocio e emprego verde para as empresas galegas, exemplo diso é Revertia e así se constata cos datos aportados polo seu director, Alejandro Lajo. “En Revertia somos o primeiro chanzo da cadea dentro da xerarquía da xestión de residuos, non nos esquezamos que reciclar é a última das accións que se deben facer, pois antes hai que previr e preparar a reutilización. En 2024, movemos máis de 890 toneladas de residuos e no que levamos deste ano, a data de hoxe, son xa 1.000 toneladas. Conseguimos  a reutilización de aparatos que nalgunhas categorías son máis dun 45%, o que nos permitiu evitar a emisión de 685 toneladas de CO2 á atmosfera”.

O Concello do Porriño reafirma así o seu apoio a iniciativas que promovan a reutilización, a reciclaxe e a economía circular, contribuíndo a un futuro máis sostible e respectuoso co medio.

Doce mozos de toda España despídense do Porriño tras unha estadía de voluntariado ambiental

  • O alcalde Alejandro Lorenzo e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses clausuran o Campod e Voluntariado Internacional Sendeiros do Louro

O Porriño, 20 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño puxo hoxe o broche final ao Campo de Voluntariado Internacional Sendeiros do Louro, unha iniciativa que durante doce días reuniu na vila a mozos de distintas comunidades autónomas para traballar na conservación do río Louro e coñecer o patrimonio natural da zona.

O acto de clausura contou coa presenza do alcalde Alejandro Lorenzo; a directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses e o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, que agradeceron o compromiso e a implicación dos participantes.

Durante a súa estadía, os doce voluntarios, procedentes de diversos puntos de Galicia, País Vasco, Castela e León, Castela-A Mancha, Madrid e Andalucía, realizaron labores de limpeza e eliminación de especies invasoras no río Louro e nos seus afluentes, coa coordinación da asociación ecoloxista Verdegaia. Ademais, participaron en actividades de lecer, excursións e visitas culturais pola comarca.

“Este tipo de experiencias son fundamentais para fomentar valores como a solidariedade, a convivencia e o respecto polo medio ambiente”, destacou Lara Meneses, quen puxo en valor a colaboración entre administracións para ofrecer á mocidade alternativas de lecer educativo e comprometido.

O alcalde Alejandro Lorenzo agradeceu a todos os participantes “por escoller O Porriño para vivir esta experiencia e contribuír ao coidado da nosa contorna natural”, e reafirmou a aposta do Concello por programas que combinen voluntariado, formación e lecer activo.

Este é o segundo ano que o Concello organiza un campo de voluntariado de temática ambiental, despois do das Gándaras de Budiño celebrado o pasado ano; mentres que as tres edicións anteriores estiveron centradas na figura de Antonio Palacios.

O Porriño presenta un novo proxecto que transformará a mobilidade entre o casco urbano e as parroquias

  • Destínase máis dun millón de euros a humanizar preto de dous quilómetros da rúa Antonio Palacios, nos que se inclúe as inmediacións dos centros educativos, o polideportivo municipal e o acceso á A-52
  • Crearase un carril bici dende o parque Gonzalo Ordóñez ata a entrada á parroquia de Cans e ampliaranse as beirarrúas, dando prioridade aos peóns e mellorando a seguridade viaria e a accesibilidade universal

O Porriño, 16 de agosto de 2025.- Promover un cambio modal cara un tipo de transporte menos contaminante, máis saudable e seguro, dando prioridade aos peóns fronte aos vehículos a motor, e mellorando a accesibilidade universal, é o obxectivo do último dos proxectos presentado polo Concello do Porriño que transformará unha das arterias de entrada e saída ao casco urbano.

Os traballos do proxecto “Senda ciclista e pavimentación rúa Antonio Palacios no tramo rúa Cruceiro-Cans” céntranse na construción dun carril bici, ampliación de beirarrúas e redimensionado e pavimentación dos viais de circulación, mellorando así a seguridade viaria e a accesibilidade universal. A actuación conta cun orzamento de 1.066.887,26 euros, dos cales 645.024,26 euros serán financiados cunha axuda da Deputación de Pontevedra, enmarcada no programa Reacpon, unha vez concedida neste ano 2025 e modificado e ampliado o seu proxecto inicial.

A transformación afectará a un tramo cunha lonxitude de 1.625 metros e cunha superficie de 22.960 metros cadrados, que abrangue dende o parque Gonzalo Ordóñez ata a entrada da parroquia de Cans, establecéndose un prazo de execución de seis meses.

“A creación deste carril bici formará un dos futuros eixos de mobilidade sostible que dá servizo ao conxunto do Porriño facilitando o acceso ao casco urbano da vila”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo, facendo referencia á continuidade que terá este carril ciclista pola avenida Domingo Bueno ata chegar á rotonda de A Casilla, en Atios, “para o cal xa temos tramitada outra posible subvención, o que suporía a unión destas dúas parroquias a través do centro do municipio”.

Con todo elo, esta transformación dos usos provocará un notable aumento da mobilidade ciclista e peonil nos desprazamentos cotiáns, á vez que mellorará a calidade do aire e o medio ambiente.

Ademais, este carril bici dará servizo a equipamentos municipais como son o Instituto Pino Manso, o colexio Xosé Fernández López e o polideportivo, que verán a súa contorna humanizada coa ampliación das beirarrúas en ata catro metros de ancho. De xeito paralelo, para a mellora da seguridade no tráfico rodado e nos itinerarios peonís nesta zona está proxectada  a execución dunha rotonda (prevista xa no PXOM do ano 2003) que enlazaría a rúa Antonio Palacios coa estrada que dá acceso á autovía A-52.

No proxecto “Senda ciclista e pavimentación rúa Antonio Palacios no tramo rúa Cruceiro-Cans” contémplase a reforma e reparación da capa de rodadura do vial, cun novo asfaltado e sinalización horizontal; instalación de sinalización vertical; soterramento da liña de alumeado coa recolocación dos puntos de luz e a instalación de novas columnas de tecnoloxía led; reforma dos sumidoiros; reposición da rede de abastecemento e plantación de árbores.

Mozos procedentes de toda España conviven doce días no Porriño

  • O alcalde Alejandro Lorenzo e o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, visitaron esta mañá aos participantes do Campo de Voluntariado Internacional Sendeiros do Louro que se aloxan nas instalacións do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios

O Porriño, 13 de agosto de 2025.- Atraídos polo súa contorna natural, o seu patrimonio e cultura locais, a súa gastronomía e a súa localización estratéxica, unido todo elo á experiencia da convivencia e novas amizades, unha ducia de mozos procedentes de diferentes puntos de España escolleron O Porriño para pasar un par de semanas do verán. A súa estadía na capital da Louriña enmárcanse no Campo de Voluntariado Internacional organizado dende o Concello do Porriño ao abeiro da Campaña Modo Verán Activo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Nesta edición o campamento céntrase nos sendeiros do Louro, así os voluntarios traballan, da man da Asociación Verdegaia, no coidado e limpeza deste río e os seus afluentes, con intervencións centradas principalmente na retirada de lixo e especies invasoras. A estadía deu comezo este pasado domingo e hoxe os participantes recibiron a visita do alcalde Alejandro Lorenzo e do concelleiro de Xuventude, Antonio Barros.

“É unha honra para O Porriño celebrar un verán máis un campamento desta índole que acolle na nosa vila a mozos e mozas de fóra das nosas fronteiras, o que lle dá valor á nosa aposta por un modelo de lecer saudable, sostible e con impacto social. Seguiremos traballando para que a xuventude teña oportunidades de implicarse, aprender e desfrutar do noso municipio”, sinalaba o alcalde. Nesta ocasión, dous dos participantes son galegos, un de Redondela e outro de Ourense, e os demais veñen das comunidades autónomas de País Vasco, Castela e León, Castela A Mancha, Madrid e Andalucía.

Ademais, este grupo de mozos está a coñecer de primeira man a biodiversidade do último afluente do Río Miño e de zonas de interese como as Gándaras de Budiño. “Este tipo de iniciativas demostran que a mocidade está comprometida co medio ambiente e aberta a vivir experiencias enriquecedoras. Dende o Concello queremos ofrecerlles espazos nos que poidan participar activamente na protección do noso patrimonio natural e, ao mesmo tempo, coñecer a nosa vila e facer comunidade”, explicou o concelleiro.

Todas estas intervencións realízanse en horario de mañá e ás tardes resérvanse para realizar actividades de lecer e tempo libre na contorna urbana da vila, así como excursións por toda a comarca. Estes doce mozos que se aloxan nas instalacións do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios alongarán a súa estancia no Porriño ata o vindeiro día 21 de agosto.

Logo de tres edicións do Campo de Voluntariado Ruta de Palacios, que seguía os pasos do afamado arquitecto pola súa terra natal, e da edición en 2024 do Campo de Voluntariado Gándaras de Budiño, o Concello do Porriño renova este ano a súa aposta polas alternativas de lecer saudable no verán para a mocidade co Campo de Voluntariado Sendeiros do Louro.

A EDAR de Guillarei adiántase aos obxectivos europeos e acada un récord de autoconsumo enerxético

  • Logra cubrir o 50% do seu consumo enerxético mediante fontes renovables propias, superando o 30% establecido pola directiva europea para 2030 e moi preto do 60% marcado para 2040
  • O presidente do Consorcio Aguas do Louro e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo destaca o logro como un paso firme cara á sustentabilidade e a autosuficiencia enerxética

O Porriño, 12 de agosto de 2025. O Concello do Porriño pon en valor o importante logro da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Guillarei, pertencente ao Consorcio Augas do Louro, que durante o primeiro semestre de 2025 conseguiu cubrir o 50 % do seu consumo eléctrico con enerxía renovable xerada nas súas propias instalacións, marcando un récord de autoconsumo e adiantándose aos obxectivos marcados pola Directiva Europea 2024/3019, que fixa para 2030 que estas estacións cubran polo menos o 30% do seu consumo con renovables. “A nosa planta non só superou esa cifra cinco anos antes, senón que xa se achega ao seguinte fito do 60% marcado para 2040”, puntualiza Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño e presidente do Consorcio, que integra aos concellos do Porriño, Mos, Tui e Salceda.

Neste sentido, Lorenzo destaca que “estamos dando pasos firmes cara á sustentabilidade e a autosuficiencia enerxética. Este récord amosa que a neutralidade enerxética no tratamento de augas residuais é unha realidade alcanzable con compromiso e tecnoloxía”. O compromiso do Consorcio Augas do Louro é claro: seguir investindo e innovando para acadar a neutralidade enerxética total antes de 2045 e consolidar un modelo de economía circular na xestión da auga.

Enerxía solar fotovoltaica e biogás

Este avance foi posible grazas, por unha parte, á enerxía solar fotovoltaica, cunha produción de 244.502 kWh mediante os paneis instalados nas súas instalacións; e, por outra, á xeración de 868.575 kWh ao a partir do biogás obtido no proceso de dixestión anaerobia dos lodos de depuración.

Ademais, con esta enerxía limpa producida evitouse a emisión de máis de 257.000 quilogramos de CO₂, á atmosfera, contribuíndo de forma significativa á loita contra o cambio climático.

O alcalde asegura que “para O Porriño este avance supón un paso máis cara a un territorio máis sostible e preparado para os retos ambientais do futuro”. Desde o Concello do Porriño ponse en valor este gran exemplo de innovación, compromiso ambiental e transición ecolóxica, que coloca a nosa comarca á vangarda no tratamento sostible da auga.

O Pleno municipal dá luz verde ao estudo previo dun proxecto enerxético de 10 millóns de euros

O Porriño, 28 de xullo de 2025.– O Pleno do Concello do Porriño vén de aprobar en sesión ordinaria, cos votos a favor do goberno local e os votos en contra do PSOE e BNG, o estudo de custos dun ambicioso proxecto de eficiencia enerxética, o paso previo imprescindible para iniciar o proceso de licitación. Trátase dunha iniciativa estratéxica cun investimento estimado de preto de 10 millóns de euros, que permitirá modernizar e optimizar a xestión das instalacións eléctricas municipais ao longo dos vindeiros 20 anos.

Este proxecto desenvolverase baixo o modelo dunha Empresa de Servizos Enerxéticos (ESE), que será a encargada da xestión integral das instalacións enerxéticas do municipio: desde a iluminación pública exterior ata os edificios municipais, semáforos e puntos de recarga para vehículos eléctricos.

O contrato contemplará a xestión e mantemento integral das instalacións por parte da empresa adxudicataria, que asumirá tanto o mantemento preventivo como o correctivo, cunha garantía total sobre os investimentos realizados. Así mesmo, estableceranse prazos de resposta curtos ante posibles avarías e a reposición inmediata das luminarias defectuosas, garantindo a continuidade do servizo e a eficiencia operativa.

Durante a sesión plenaria, o alcalde, Alejandro Lorenzo, sinalou que: “A aprobación deste estudo de custos supón un avance fundamental para impulsar un Porriño máis sostible, sen incrementar o gasto público. É importante destacar que O Porriño leva anos con moitas deficiencias eléctricas ou de iluminación nas parroquias e no casco urbano, e a actualización e ordenación deste servizo é fundamental para o seu funcionamento, aforro enerxético e sostibilidade. Cada ano hai incidencias cos cuadros eléctricos e moita iluminación, especialmente nas parroquias, e temos que buscar unha solución histórica. As parroquias forman parte esencial do noso municipio e merecen toda a nosa atención e coidado”.

Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, Promoción e Xestión de Vivenda, Medio Ambiente e Mercados, Antía Carrera, destacou que “este proxecto vai moito máis alá da renovación do alumeado público: é unha aposta clara por un modelo de vila máis verde, eficiente e comprometida co futuro. Incorporaremos tecnoloxías que reducirán as emisións e o consumo, mellorando a calidade de vida da veciñanza e o rendemento das infraestruturas municipais”.

UN PROXECTO SEN CUSTO ENGADIDO E FINANCIADO COS AFORROS

O Concello do Porriño comprométese a que o pagamento anual derivado deste proxecto non supere o gasto enerxético actual. A empresa adxudicataria asumirá o investimento inicial, que roldará os 10 millóns de euros, destinados á incorporación de tecnoloxías limpas e sistemas máis eficientes. Estas melloras xerarán un aforro progresivo que permitirá autofinanciar o proxecto, sen custo engadido para as arcas municipais.

A maiores, o proxecto incluirá importantes investimentos nos edificios municipais, co obxectivo de transformalos en espazos máis eficientes e sostibles, mediante a implantación de solucións baseadas en enerxías renovables e tecnoloxías de baixo consumo.

UN MODELO DE FUTURO PARA UN PORRIÑO MÁIS VERDE

Con este proxecto, o Concello do Porriño aposta por un modelo innovador de xestión enerxética, que combina eficiencia, aforro e sustentabilidade. A través da colaboración cunha ESE, garantirase non só a renovación das infraestruturas existentes, senón tamén unha xestión optimizada e comprometida co medio ambiente.

Esta iniciativa supón un paso decisivo cara a un Porriño máis verde, eficaz e moderno, colocando ao municipio como referente na transición cara a un modelo enerxético máis respectuoso co planeta e máis eficiente no uso dos recursos públicos.