O presidente da Xunta visita os traballos de recuperación das Gándaras de Budiño con motivo do Día Mundial dos Humidais

  • O proxecto conta cun investimento de 1,53 millóns de euros, cofinanciado cos fondos Next Generation UE e FEDER, para restaurar os humedais e poñer en valor a biodiversidade local.

O Porriño, 3 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño recibiu hoxe a visita institucional do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, co motivo do Día Mundial dos Humidais. Trátase dun proxecto estratéxico para a conservación dos humedais e da biodiversidade, cun investimento de 1,53 millóns de euros, cofinanciado polos fondos Next Generation UE e FEDER.


A visita comezou cun percorrido a pé polo centro do humidal, incluíndo a lagoa principal, cuxo obxectivo é duplicar a súa superficie de 6.000 m², actualmente en proceso de recuperación desde os traballos iniciados en agosto. Continuou coa inspección do Centro de Interpretación, do miradoiro de aves e doutros elementos mellorados. Durante o percorrido, Tomás José Fernández-Couto, subdirector xeral de Espazos Naturais, explicou as actuacións levadas a cabo pola Xunta: instalación dun sistema de filtrado das augas, acondicionamento do observatorio de aves, mellora do Centro de Interpretación, eliminación de especies alóctonas e mellora de accesos.


O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou a importancia do proxecto: “Esta intervención permite recuperar un espazo natural único e devolvelo á cidadanía en mellores condicións ambientais. É un claro exemplo de colaboración entre administracións que dá resultados reais na protección do medio natural e na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas do Porriño. Ademais, garantimos a conservación dos humedais e reforzamos a protección do sapoconcho europeo, consolidando as Gándaras de Budiño como un enclave de referencia na conservación da biodiversidade”.


Pola súa banda, o presidente, Alfonso Rueda, destacou: “Esta actuación nas Gándaras de Budiño é un exemplo de que é posible compatibilizar o desenvolvemento industrial coa conservación da natureza e de que non hai que renunciar a ningunha das dúas cousas. O Porriño é un dos concellos máis industriais de Galicia, pero isto é a demostración de que é posible ter aquí industrias, naves, economía e un espazo tan bonito como este. É posible vivir no territorio, vivir na economía e coidar o territorio”.


Rueda salientou tamén a importancia deste tipo de proxectos para conservar e poñer en valor unha parte esencial do patrimonio natural de Galicia e recordou que, aínda que Galicia é un territorio con abundante auga, “hai que saber regulala, aproveitala e conservala”.


Un proxecto integral de restauración ecolóxica

O proxecto, denominado “Recuperación do hábitat asociado a Emys orbicularis a través da restauración dos humedais da ZEC Gándaras de Budiño”, ten como obxectivo principal mellorar e conservar o hábitat do sapoconcho europeo, réptil en maior perigo de extinción en Galicia, e restaurar o equilibrio ecolóxico dos humedais.


As actuacións desenvólvense nunha superficie de 376,86 hectáreas no termo municipal do Porriño, incluíndo tamén a lagoa de Campa do Rei e camiños na marxe do río Louro. Ademais da duplicación da lagoa principal, as accións inclúen recuperación de ecosistemas húmidos de alto valor ambiental, mellora do leito das lagoas, eliminación de especies alóctonas, acondicionamento de sendas e accesos, reparación do observatorio de aves e do Centro de Interpretación, así como instalación de sistemas de filtrado e mantemento de infraestruturas.

As Gándaras de Budiño, declaradas Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) en 2004 e Zona de Especial Conservación (ZEC) en 2014, consolidan o seu valor como un dos enclaves máis importantes de Galicia para a conservación de humedais e especies ameazadas. Con esta actuación, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa protección da biodiversidade, a restauración ecolóxica e a posta en valor do patrimonio natural local.

O Concello do Porriño reforza como nunca a limpeza viaria e o mantemento das zonas verdes cun investimento anual de preto de 1 millón de euros

  • Un salto histórico nos servizos municipais: 553.762 € para limpeza viaria e 431.513 € para zonas verdes, con baldeo diario, mantemento de papeleiras, rego e poda en todo o municipio

O Porriño, 30 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño vén de aprobar a licitación de dous contratos fundamentais para o coidado do espazo público, o servizo de limpeza viaria e o mantemento das zonas verdes municipais, cun investimento anual conxunto de preto dun millón de euros destinado a mellorar de maneira notable a imaxe urbana, a salubridade e a calidade de vida da veciñanza.

Estas novas licitacións supoñen un salto cualitativo nos servizos municipais, incorporando máis medios, maior frecuencia de actuacións e novas prestacións tanto no núcleo urbano como nas parroquias, nos polígonos industriais e nos espazos naturais do municipio.

No ámbito da limpeza viaria, o novo contrato contará cun orzamento anual de 553.762,42 euros e permitirá reforzar de forma significativa os traballos de hixiene urbana. Entre as melloras previstas inclúese o baldeo manual diario nas principais rúas do núcleo urbano, o aumento dos baldeos tanto no centro como en Torneiros, así como o baleirado, reposición e mantemento das papeleiras en todo o municipio. O servizo abrangue tamén a recollida de animais mortos, a limpeza inmediata en caso de accidentes, a limpeza periódica do mobiliario urbano e a prestación de servizos de limpeza en todos os eventos e actos públicos que se celebren no termo municipal. A estas actuacións súmanse os traballos habituais de varrido manual, mixto e mecánico, a limpeza de sumidoiros e drenaxes, a retirada de residuos abandonados, a recollida intensiva de folla no outono, así como a limpeza de pintadas e a retirada de carteis.

Pola súa banda, o contrato de mantemento das zonas verdes, cun custo anual de 431.513,55 euros, permitirá unha atención máis completa e profesional dos parques, xardíns, sendeiros e espazos naturais do Porriño. O servizo inclúe a limpeza e o mantemento continuado das zonas verdes municipais, a limpeza de rúas e beirarrúas nos polígonos industriais, o mantemento e a limpeza de parcelas municipais e sendeiros, o mantemento e reposición das redes de rego no núcleo urbano e en Torneiros, así como a poda de árbores en parcelas municipais e centros educativos. Este contrato abrangue máis de 400.000 metros cadrados de zonas axardinadas, zonas verdes, monte baixo, sendeiros e viarios industriais, e contempla actuacións de sega, poda, fertilización, roza, prevención de incendios, retirada de árbores caídas ou ramas perigosas e mantemento das infraestruturas de rego.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca que este conxunto de licitacións supón “un investimento pola limpeza e polo coidado do espazo público como nunca antes se fixera no Porriño”, subliñando que se trata dunha aposta clara por mellorar a calidade dos servizos municipais e responder ás demandas da cidadanía. O rexedor sinalou que máis limpeza, máis mantemento e unha maior presenza nas rúas, nos parques e nos polígonos industriais “tradúcense nunha vila máis coidada, máis saudable e máis agradable para vivir”. “Queremos ser un referente en medio ambiente, no coidado das zonas verdes e na limpeza viaria”, concluíu.

Con estas dúas licitacións, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso cun modelo de vila máis limpa, máis ordenada e máis sostible, apostando por servizos públicos de calidade que terán un impacto directo e visible no día a día da veciñanza.

A conselleira de Medio Ambiente visita O Porriño no marco das axudas ás traídas veciñais

  • Dúas comunidades de augas do municipio, Atios e San Xurxo de Mosende, reciben 30.000 euros para mellorar as súas infraestruturas de abastecemento

O Porriño, 16 de xaneiro de 2026.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañou esta mañá á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, nunha visita institucional ao municipio no marco das axudas autonómicas destinadas ás comunidades de augas veciñais, na que tamén estiveron presentes a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o concelleiro de Xestión de Comunidades de Augas e Montes, Marcos Martínez.

A visita desenvolveuse na Comunidade de Usuarios de Atios, unha das traídas do Porriño beneficiarias destas subvencións, onde representantes da Xunta, do Concello e das comunidades de usuarios coñeceron sobre o terreo as actuacións realizadas e previstas, orientadas á mellora das infraestruturas de abastecemento e á optimización do servizo.

Estas actuacións forman parte das liñas de axuda impulsadas pola Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, dirixidas a apoiar ás comunidades de usuarios na execución de melloras en captación, bombeo, almacenamento, control e eficiencia enerxética das traídas veciñais.

Durante o encontro, a conselleira explicou aos representantes das comunidades o alcance destas axudas e o destino dos fondos concedidos, destacando a importancia de seguir avanzando na mellora da xestión do ciclo da auga, especialmente no ámbito rural.

O alcalde Alejandro Lorenzo sinalou que “este tipo de investimentos permiten ás comunidades de augas acometer actuacións necesarias para manter e modernizar unhas infraestruturas que prestan un servizo básico á veciñanza do Porriño”. Ademais, destacou “a importancia da coordinación entre a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello, que hoxe en día xa se está a cumprir, reforzando o apoio ás comunidades de augas, que desempeñan unha labor esencial na xestión dun recurso básico”. Neste senso, o rexedor subliñou que “as tres administracións estamos levando a cabo axudas anuais co obxectivo de garantir o bo funcionamento e a mellora continua destas infraestruturas”.

Pola súa banda, a conselleira Ángeles Vázquez quixo destacar que ao longo deste primeiro semestre a Xunta porá en marcha novas liñas de axudas nesta materia por un importe de 9,3 millóns de euros, subliñando que “vivimos nun paraíso, pero que ese paraíso ten que traducirse tamén nunha calidade excelente das nosas augas”. Neste senso, puxo en valor o traballo da Comunidade de Usuarios de Atios polo bo aproveitamento destas axudas, que permiten mellorar o control sanitario da auga, avanzar no aforro enerxético mediante paneis solares e apostar pola dixitalización dos sistemas, facilitando a detección inmediata de incidencias e unha xestión máis eficiente do abastecemento.

Comunidades de augas do Porriño beneficiarias das axudas

A Comunidade de Usuarios de Atios recibiu unha axuda de 15.000 euros destinada á mellora das súas instalacións mediante a instalación de sistemas de protección no equipo de bombeo e no telecontrol, a incorporación dun panel solar e dunha válvula de control de enchido, a instalación de contadores no depósito de bombeo e a execución do conexionado eléctrico entre o cadro de control e o depósito, co obxectivo de mellorar a eficiencia e a seguridade do sistema de abastecemento.

Pola súa banda, a Comunidade de Augas San Xurxo de Mosende – Porriño contou tamén cunha axuda de 15.000 euros que permitirá realizar actuacións de impermeabilización no depósito da ETAP do Casal, mellorar a seguridade das instalacións coa colocación dunha porta de aceiro, e instalar contadores de entrada tanto no depósito da ETAP do Casal como no depósito da ETAP Circular de Fox, co fin de optimizar o control do consumo e a xestión do abastecemento.

Desde o Concello do Porriño reafírmase o compromiso de seguir colaborando coas comunidades de augas veciñais e co resto das administracións para mellorar a calidade e a eficiencia dos servizos de abastecemento, especialmente no rural, apostando por infraestruturas máis seguras, sostibles e adaptadas ás necesidades da veciñanza.

O Porriño aposta pola enerxía limpa cunha inversión de máis de 113.000 euros nun proxecto innovador de autoconsumo colectivo

 

  • O Concello adhírese ao programa “Concellos + Renovables”, impulsado pola Deputación de Pontevedra e financiado con fondos Next Generation
  • A iniciativa permitirá instalar unha planta fotovoltaica con almacenamento no pavillón municipal e reducir custos enerxéticos e emisións de CO₂

O Porriño, 15 de decembro de 2025.- O Concello do Porriño vén de adherirse ao proxecto PR-RENOINN Concellos + Renovables I, unha iniciativa innovadora promovida pola Deputación de Pontevedra e presentada ante o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), co obxectivo de impulsar o autoconsumo colectivo con sistemas de almacenamento e garantir a participación de consumidores vulnerables.

O proxecto permitirá avanzar cara a un modelo enerxético máis sostible, eficiente e tamén inclusivo, reducindo o consumo eléctrico, os custos asociados e as emisións de CO₂, ao tempo que se combate a fenda enerxética.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinalou que “este proxecto supón un paso firme na aposta do Concello polas enerxías renovables e pola sustentabilidade. O rexedor destacou ademais que “o autoconsumo colectivo permítenos optimizar os recursos públicos e avanzar cara a un Concello máis eficiente e responsable co medio ambiente”.

O custo total das actuacións previstas ascende a 113.654,09 euros, dos cales 64.440,50 euros serán financiados a través dunha subvención do IDAE con cargo aos fondos Next Generation EU; a Deputación de Pontevedra achegará 24.975 euros, mentres que o Concello do Porriño asumirá os 24.238,59 euros restantes con fondos propios.

Deputación e Concello xa asinaron o convenio para levar a cabo os traballos de instalación e posta en funcionamento dunha instalación fotovoltaica de autoconsumo colectivo no pavillón municipal de capacidade máxima de 99,99 kWp, composta por 185 paneis solares de 540 W, así como dun sistema de almacenamento de enerxía de 50 kWh mediante baterías de litio. A instalación contará tamén cun sistema software de monitorización, que permitirá controlar en tempo real a produción e o consumo enerxético.

O proxecto inclúe ademais a participación obrigatoria de consumidores vulnerables, que representarán polo menos o 10 % da enerxía producida, garantindo así un acceso máis xusto e sostible á enerxía renovable e contribuíndo a reducir a fenda enerxética no municipio.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa transición enerxética, a innovación e a sustentabilidade, avanzando cara a un modelo de desenvolvemento máis respectuoso co medio ambiente e socialmente responsable.

 

O Porriño celebra o Día da Sostibilidade cunha xornada festiva e educativa para toda a veciñanza

 

  • A Praza do Concello convértese este sábado 22 de novembro nun espazo de aprendizaxe, xogos e promoción de hábitos responsables co medio ambiente
  • O alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira Antía Carrera destacaron na presentación do evento que o obxectivo é seguir aprendendo de maneira sinxela e divertida, sen esquecer o compromiso colectivo coa transformación e protección ambiental, avanzando con decisión cara a un Porriño máis limpo e eficiente

O Porriño, 18 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño celebrará este sábado 22 de novembro o Día da Sostibilidade cun gran evento participativo que converterá a Praza do Concello nun espazo aberto ao coñecemento, á educación ambiental e á convivencia veciñal. O alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera, presentaron esta mañá o evento que se levará a cabo dende ás 12.00 e ata ás 19.00 horas a través de actividades, xogos, demostracións e stands divulgativos centrados na correcta separación dos residuos e no impulso dun modelo de vida máis responsable e respectuoso co medio ambiente.

“Este evento representa unha oportunidade única para reforzar este compromiso colectivo e para seguir aprendendo de maneira sinxela e atractiva como facer mellor as cousas no día a día”, explicou o rexedor. Neste senso, dende o Concello “convidamos a toda a cidadanía a participar nesta xornada, desfrutar das actividades e seguir construíndo entre todas e todos un Porriño máis verde e máis consciente”.

O evento contará con sete postos diferentes, un por cada fracción do sistema municipal: orgánico, aceite doméstico usado, téxtil, envases lixeiros, papel e cartón, vidro e fracción resto. En cada posto, a veciñanza poderá aprender de forma práctica e sinxela onde vai cada residuo, resolver dúbidas habituais e descubrir o impacto real que ten a separación correcta no día a día, tanto a nivel ambiental como económico. 

Para facer máis dinámica a aprendizaxe, instalaranse tamén tótems informativos interactivos con contidos audiovisuais, explicacións, exemplos e preguntas frecuentes, de maneira que persoas de todas as idades poidan comprender como funciona o sistema e cales son as claves para utilizalo ben. 

Ao mesmo tempo, durante toda a tarde haberá xogos e dinámicas para a cativada, retos de clasificación de residuos, explicacións guiadas e espazos de divulgación para adultos. “O obxectivo é crear unha xornada familiar, accesible e divertida, que permita aprender mentres se desfruta dun ambiente festivo e comunitario”. Ademais, repartiranse agasallos sostibles como embudes especiais para facilitar a reciclaxe do aceite usado, bolsas elaboradas con téxtil reciclado e outros detalles pensados para promover hábitos responsables. 

O evento contará cun posto de Cáritas no que se poñerá á venda roupa de segunda man grazas á colaboración de Aroupa, promovendo así a reutilización, o consumo consciente e a economía circular. A actividade servirá tamén para dar visibilidade á importante labor social destas entidades e á necesidade de reducir o desperdicio téxtil.

Acollida extraordinaria da campaña do colector marrón

A celebración do Día da Sostibilidade chega nun momento especialmente relevante para O Porriño, xa que a principios de novembro arrancou oficialmente a campaña do colector marrón no municipio, cunha acollida extraordinaria por parte da veciñanza. En apenas dúas semanas superáronse os 500 fogares inscritos, e o Concello ten marcado como obxectivo chegar aos 1.000 antes de que remate o mes. 

Grazas a esta participación inicial, xa se están a recoller 2.000 quilos máis de restos orgánicos cada semana, o que supón un aforro estimado de 12.000 euros ao ano no custo de tratamento dos residuos, ao desviar a materia orgánica cara a unha vía de aproveitamento máis eficiente e sostible. Por ese motivo, o Concello anima a todas as persoas que aínda non teñen a súa chave do colector marrón a achegarse ao evento deste sábado, onde poderán recibir información detallada, aprender como funciona o sistema e recoller o seu acceso ao colector de forma inmediata.

O Concello do Porriño agradece á veciñanza a súa implicación e boa resposta, así como ao persoal técnico e ás entidades colaboradoras que fan posible esta transformación ambiental. A participación cidadá está a demostrar que o cambio cara a un modelo máis sostible é unha responsabilidade compartida e que, coa colaboración de todos, é posible avanzar con decisión cara a un Porriño máis limpo, máis eficiente e máis comprometido coa protección ambiental. 

As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: porrino.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.

Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do concello por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.

O Concello impulsa un obradoiro para elaborar chaveiros de macramé a partir de camisetas reutilizadas

  • A iniciativa de reciclaxe creativa enmárcase no programa “O Camiño Sotible” e celebrarase o vindeiro venres 21 no Centro de Maiores

O Porriño, 17 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño, da man da iniciativa “O Camiño Sostible”, continúa a súa aposta pola concienciación ambiental coa organización dun obradoiro totalmente gratuíto sobre reciclaxe e sustentabilidade, impartido por profesionais especializados.

Baixo o nome “Recicla e crea: chaveiros de macramé”, a artesá Marga González guiará ás persoas participantes na transformación de dúas camisetas vellas nun fermoso chaveiro elaborado con técnicas de macramé, demostrando como a creatividade pode dar unha nova vida a materiais en desuso.

A actividade terá lugar o venres 21, de 10.30 a 12.00 horas, no Centro de Maiores do Porriño, e está dirixida a persoas adultas.

Para participar, é necesaria inscrición previa cubrindo o formulario dispoñible neste enlace: https://forms.office.com/e/5hDg5QtQKR

As persoas asistentes deberán acudir co seguinte material: rotulador, tesoiras, mosquetón ou argola, cinta adhesiva, cinta métrica e unha camiseta vella

Esta actividade enmárcase no ciclo de talleres promovido polo Concello do Porriño xunto á iniciativa “O Camiño Sostible”, e conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU.

Charlas de residuos polas parroquias

Enmarcadas nesta mesma campaña a través da cal se promove a recollida separada, a compostaxe e o fomento da economía circular, continúan as charlas informativas polas parroquias dirixidas á veciñanza nas que persoal técnico explica en detalle as principais novidades do plan, que abrangue catro liñas estratéxicas: a posta en marcha do colector marrón para materia orgánica, a recollida de aceite doméstico usado, a recollida de téxtil e o programa de compostaxe doméstica e comunitaria.

Logo de celebrarse a pasada semana no salón de plenos, na Forna de Budiño e en Mosende, hoxe está programada ás 20.00 horas en Chenlo; mañá martes ás 17.00 horas en Pontellas e ás 19.30 horas en Atios e o venres 21, ás 19.00 horas en Cans. Por último, a semana vindeira, o xoves 27, ás 19.00 horas, realizarase no Centro Cultural Alba de Torneiros.

O Concello impulsa a recuperación das Gándaras de Budiño cun investimento de máis de 800.000 euros

  • O alcalde Alejandro Lorenzo destaca que esta actuación permitirá restaurar os humedais e garantir a supervivencia do sapoconcho europeo, o réptil en maior perigo de extinción de Galicia

O Porriño, 10 de novembro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros Antía Carrera e Carlos González visitaron a Zona de Especial Conservación (ZEC) Gándaras de Budiño para supervisar os traballos de restauración ecolóxica que o Concello está a executar neste espazo natural. O proxecto, denominado “Recuperación del hábitat asociado a Emys orbicularis a través de la restauración de los humedales de la ZEC Gándaras de Budiño”, conta cun investimento de 802.634,02 euros, a través dunha subvención da Xunta de Galicia financiado cos fondos Next Generation da Unión Europea, e ten un prazo de execución de dez meses.

O obxectivo principal é mellorar e conservar o hábitat do Emys orbicularis, coñecido popularmente como sapoconcho europeo, o réptil en maior perigo de extinción de Galicia, así como restaurar o equilibrio ecolóxico dos humedais e eliminar elementos que alteran a súa conservación natural.

Durante a visita, o alcalde Alejandro Lorenzo subliñou que “esta é unha das actuacións ambientais máis importantes que se teñen feito nas Gándaras de Budiño nos últimos anos, un proxecto ambicioso que recupera un espazo natural de enorme valor e contribúe á protección dunha especie emblemática como o sapoconcho europeo”.

A actuación abrangue 376,86 hectáreas dentro do termo municipal do Porriño, na contorna do Centro de Interpretación e da lagoa principal, e inclúe tamén traballos na lagoa de Campa do Rei e nun camiño existente na marxe do río Louro. As principais medidas que se están a executar inclúen a recuperación dos ecosistemas húmidos de alto valor ambiental, mediante o tratamento da vexetación, a retirada de especies invasoras e a eliminación de elementos antrópicos; a mellora do leito da lagoa, ampliando o seu calado para evitar o secado estacional e favorecer o hábitat de especies acuáticas e a protección das áreas de alto valor, coa adecuación de sendas e accesos, a minimización e ordenación da presión do uso público mediante a reparación e acondicionamento do observatorio de aves na lagoa principal así como da caseta do centro interpretación, e a limpeza e mantemento de filtros.

O alcalde destacou que “os traballos avanzan a moi bo ritmo e xa se poden ver melloras significativas na contorna da lagoa principal. Estas actuacións reforzan o compromiso do Concello coa conservación do medio natural e a mellora dos espazos públicos de interese ambiental”.

As Gándaras de Budiño, declaradas Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) en 2004 e Zona de Especial Conservación (ZEC) en 2014, contan cunha superficie total de 727 hectáreas repartidas entre os concellos do Porriño, Salceda de Caselas e Tui.

Con este proxecto, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa protección da biodiversidade, a restauración ecolóxica e a posta en valor do patrimonio natural local, consolidando as Gándaras de Budiño como un dos enclaves máis importantes de Galicia para a conservación dos humedais e de especies ameazadas como o sapoconcho europeo.

 

O Porriño acollerá unha xornada informativa sobre as vantaxes das comunidades enerxéticas para as empresas

  • O encontro, organizado pola Deputación de Pontevedra, busca fomentar a participación das empresas locais na creación de comunidades enerxéticas e impulsar un modelo máis sostible e eficiente

O Porriño, 31 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño acollerá o xoves 27 de novembro, ás 11.00 horas no salón de plenos, unha xornada informativa sobre comunidades enerxéticas, organizada pola Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación de Pontevedra (OTC DEPO).

Esta sesión ten como obxectivo achegar información práctica ás empresas e entidades locais sobre as vantaxes das comunidades enerxéticas, o seu funcionamento e os pasos necesarios para a súa creación, promovendo así a participación activa do tecido empresarial porriñés na transición cara a un modelo enerxético máis sostible e colaborativo.

A Oficina de Transformación Comunitaria presentará exemplos de boas prácticas e resolverá dúbidas sobre como as empresas dos polígonos industriais poden reducir custos enerxéticos e mellorar a eficiencia a través da cooperación.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta iniciativa sinalando que “desde o Concello do Porriño queremos facilitar todas as ferramentas posibles para que as nosas empresas poidan avanzar cara a un modelo enerxético máis eficiente, competitivo e respectuoso co medio ambiente. As comunidades enerxéticas son unha oportunidade real para compartir recursos, aforrar custos e reforzar a cooperación entre o tecido empresarial local. Por iso, animamos a todos os empresarios e empresarias dos nosos polígonos industriais a participar nesta xornada e coñecer de preto o potencial deste modelo.”

Desde o Concello do Porriño anímase a participar nesta xornada, que constitúe unha oportunidade para coñecer de preto un modelo enerxético innovador e con importantes beneficios económicos e ambientais.

As persoas interesadas deben confirmar a súa asistencia previamente enviando un correo electrónico a antia.carrera@oporrino.org. Para máis información poden contactar coa Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación de Pontevedra a través do enderezo otc@depo.es.

 

O Concello esteriliza máis dun cento de gatos no que vai de ano dentro do seu plan de protección das colonias felinas

  • O protocolo CES/CER garante o control ético das colonias e establece pautas claras de alimentación para evitar problemas de salubridade pública

O Porriño, 30 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño continúa a dar pasos firmes na protección e benestar dos animais, especialmente no control e coidado das colonias felinas urbanas. No que vai de ano, foron esterilizados xa 111 gatos ao abeiro do programa CES/CER (Captura, Esterilización e Solta), cun máximo previsto de 200 esterilizacións anuais.

Este programa, desenvolvido en colaboración coa Deputación de Pontevedra desde o ano 2024, está dirixido á atención das 63 colonias felinas rexistradas, a día de hoxe, no municipio. Dende decembro pasado, o Concello conta ademais cun contrato coa protectora INMA, que permite reforzar este servizo e grazas ao cal se atendeu xa a medio cento de gatos nos últimos meses.

O pasado 21 de marzo foi aprobado definitivamente o protocolo de actuación municipal para a xestión das colonias felinas, co obxectivo de garantir o máximo nivel de protección e promover a convivencia harmónica destes animais co entorno urbano. O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “é fundamental garantir o benestar dos animais e promover a convivencia harmónica coa contorna urbana. O método CES/CER permítenos abordar unha cuestión de saúde pública e protección animal dunha maneira ética e efectiva”. Pola súa parte, a concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera, subliñou que “a colaboración cidadá e o traballo das asociacións e voluntarios é clave para o éxito deste proxecto. Queremos un Porriño máis respectuoso cos animais e máis consciente da súa responsabilidade cara a eles”.

Este protocolo inclúe mecanismos para a autorización, rexistro e xestión das colonias, en coordinación cos servizos municipais, asociacións protectoras e colaboradores autorizados. As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude mediante declaración responsable, indicando datos de contacto, localización da colonia e número aproximado de gatos.

O Concello lembra tamén que está habilitado un espazo na zona de rexistro municipal para a entrega de doazóns voluntarias de penso e comida húmida destinadas á asociación INMA.

Así mesmo, apela á responsabilidade da veciñanza á hora de alimentar as colonias, recordando que só se permite o uso de penso seco ou comida húmida, quedando totalmente prohibidos os restos de comida, co fin de evitar problemas de salubridade pública.

O Concello do Porriño reafirma o seu compromiso co benestar animal e lembra que segue traballando no anteproxecto para a creación dunha protectora municipal, actualmente en fase de estudo e análise, que reforzará os recursos e infraestruturas para a protección animal no municipio.

 

 

O Concello organiza tres excursións ecoturísticas durante o mes de novembro para maiores de 55 anos

  • Serán os días 4, 11 e 19 e combinarán unha visita á planta de Sogama con percorrido polas cidades da Coruña e Santiago de Compostela e ao Pazo de Oca, na Estrada
  • Os formularios de inscrición estarán xa dispoñibles a partir de mañá martes no Concello e o prazo para anotarse abre o xoves 30 de outubro

O Porriño, 27 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño continúa coa organización de viaxes dirixidas a persoas maiores de 55 anos. Así, para o vindeiro mes de novembro están programadas tres excursións ecoturísticas co obxectivo de fomentar a educación ambiental e o turismo sostible entre a veciñanza.

As saídas celebraranse os días 4, 11 e 19 de novembro e combinarán unha visita ao Complexo Medioambiental de Sogama, en Cerceda, cun percorrido por diferentes puntos de interese das provincias da Coruña e Pontevedra: a cidade da Coruña, a Santiago de Compostela e o Pazo de Oca, na Estrada.

Esta proposta, totalmente de balde para os participantes, busca concienciar sobre a importancia da separación correcta dos residuos, a redución do lixo e o consumo responsable, ofrecendo ao mesmo tempo unha experiencia educativa e cultural nunha das instalacións máis avanzadas de Galicia en xestión ambiental.

Durante a visita a Sogama, que se enmarca na nova campaña de residuos que vén de presentar o Concello nos últimos días, as persoas participantes poderán asistir a unha charla formativa, experimentar unha inmersión virtual polas instalacións mediante lentes de realidade aumentada, participar nun xogo interactivo sobre reciclaxe e realizar un percorrido guiado pola planta de tratamento de residuos, o laboratorio e a sala de control.

A continuación, cada xornada completarase cun xantar incluído e unha visita guiada polos principais puntos de interese turístico e patrimonial das cidades. Na Coruña, o día 4, coñecerase a contorna da Torre de Hércules, o paseo marítimo e o casco histórico. En Santiago de Compostela, o día 11, realizarase un percorrido pola Praza do Obradoiro, a Catedral e as rúas do centro histórico. E o 19, no Pazo de Oca, as persoas participantes poderán desfrutar dos seus impresionantes xardíns históricos e do seu patrimonio natural e arquitectónico, coñecido como o “Versalles galego”.

O alcalde Alejandro Lorenzo destacou que “apostamos por actividades que acheguen á cidadanía ao coidado da súa contorna dun xeito práctico e útil. Estas excursións combinan a educación ambiental coa posta en valor do noso patrimonio, ofrecendo unha experiencia completa e enriquecedora”.

As prazas son limitadas, polo que será necesaria inscrición previa. As persoas interesadas poden recoller a partir de mañá martes o formulario que deberá entregar cuberto a partir do xoves, 30 de outubro, no Rexistro do Concello.