Rematado o acondicionamento da rotonda de Antonio Palacios, sen custe para o erario municipal

A Concellería de Infraestruturas e Mobilidade, que dirixe Pedro Pereira, comunica o remate dos traballos realizados estes días na rotonda de confluencia de Antonio Palacios coa rúa Domingo Bueno e a avenida de Galicia.

Consistiron no rebaixe dos bordillos e do adoquín perimetral. A reforma da rotonda realizouse a solicitude da empresa “Citic Censa” para facilitar o paso de camións. A configuración anterior da rotonda, cos bordes altos, impedía ou dificultaba o paso de transportes con pezas especiais de grandes dimensións. O problema radicaba en que os vehículos pesados tiñan moi complicado o radio de xiro entre as rúas Domingo Bueno e Antonio Palacios.

Precisamente ao longo do mes de xullo, “Citic Censa” ten que atender varios pedidos de pezas especiais que se teñen que trasladar ao Porto de Vigo.

As obras de reforma da rotonda, co rebaixe de bordes e adoquíns realizaronse e financiaronse pola propia empresa “Citic Censa”. Pola súa banda, o Concello aproveitará para acondicionar a zona verde da rotonda durante o mes de xullo, segundo informou o concelleiro Pedro Pereira.

O Concello licita o proxecto de saneamento no núcleo rural do Picouzo (Budiño)

O proxecto para dotar de saneamento ao núcleo rural do Picouzo, na parroquia de Budiño, atópase en fase de licitación polo Concello do Porriño. A actuación requirirá dun investimento de 352.972 euros, co IVE incluído e un prazo de execución de 3 meses, a partir da adxudicación.  

A Concellería de Infraestruturas que dirixe o nacionalista Pedro Pereira é a responsable desta actuación que persegue conectar esta zona de alta densidade de vivendas e na que está situado o Colexio Público da Cruz. Coa execución deste proxecto “pretendemos dar resposta a unha antiga demanda dos veciños e vecinas do barrio e resolver a falla de conexión á rede de saneamento do centro docente de Budiño”, manifestou Pedro Pereira.

Para conectar O Picouzo coas redes de suministro e saneamento xerais do Porriño, proxectanse a instalación de catro grandes colectores de 542, 370, 404 e 1.010 metros máis colectores de tramo, de tal xeito que se instalarán preto de dous quilómetros de tuberías. Un deses grandes colectores, o número 4 segundo se describe no proxecto, descorrerá polas inmediacións da estrada PO-510, de titularidade autonómica. O concelleiro Pedro Pereira xa mantivo reunión coa Xunta de Galicia para acadar informe favorable autorizando a súa execución. “Esta autorización da Xunta é moi importante para poder executar todos os colectores proxectados por gravidade e así evitar estacións de bombeo”, segundo explicou o responsable municipal de Infraestruturas.

 

A Concellería de Infraestruturas licita o saneamento de Corzón, en Pontellas

 

O Concello do Porriño anuncia que a Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira (BNG) vai executar obras de saneamento en Corzón, parroquia de Pontellas.

O proxecto de rede de saneamento atópase actualmente en fase de licitación. O prazo de presentación de ofertas aínda está aberto e rematará o mércores 9 de xuño.

O orzamento total, base da licitación, é de 56.129 €  

Esta obra está financiada polo “Plan Concellos 2021” da Deputación Provincial de Pontevedra.

A partir da adxudicación, a data aproximada de inicio das obras será no mes de setembro, segundo a previsión que manexa o concelleiro Pedro Pereira. O prazo para a execución dos traballos estímase en tres meses.

 

O Porriño proxecta un gran parque público no Louro

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Patrimonio e Urbanismo dirixida polo nacionalista Pedro Pereira, anuncia que chegou a un acordo para a compra de aproximadamente 20.000 metros cadrados de terreos na contorna do río Louro.

Pedro Pereira ven de formalizar un acordo de compra con persoas propietarias de parcelas próximas ao río que permitirán crear un parque público tan necesario na contorna do Louro para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

“Temos que apostar por abrir o río para as persoas. Pensamos que a contorna do Louro ten que ser a gran zona verde e de lecer do centro urbano do Porriño. Este  é o primeiro paso necesario para transformar este entorno. Queremos proxectar un parque público na zona, que gañe máis espazos para a xente e no que instalar novos equipamentos”, apuntou  Pedro Pereira.

Na imaxe adxunta pódese observar as parcelas que vai adquirir o Concello 

 

Adxudicadas as obras para a execución dunha senda peonil

Adxudicadas as obras para a execución dunha senda peonil na estrada PO-331, ppolos concellos do Porriño e Mos

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar o contrato para a execución dunha senda peonil e ciclista ao longo da estrada PO-331, no lugar de Atín, concretamente entre os puntos quilométricos 1+890 e 2+810, a o seu paso polos Concellos de Mos e O Porriño.

Esta actuación, cun prazo de execución de seis meses,supón un investimento de máis de 378.000€, co cofinanciamento de Fondos FEDER 14/20. O itinerario está enmarcado no Plan de Sendas na comarca de Vigo, que ten un oramento de 3,9 millóns de euros para a execución de 9 proxectos que contemplan 11 treitos identificados como prioritarios.

A senda na estrada PO-311 dará continuidade ao itinerario peonil existente no núcleo do Porriño ata o paso superior existente sobre a AP-9 nas proximidades de Atín.

A actuación iníciase na marxe esquerda da estrada, na que se construirá unha senda da 933 metros de lonxitude, desde as proximidades do Colexio Santo Tomás no que finalizan as actuais beirarrúas, ata a ponte sobre a AP-9, pasando pola intersección existente coa estrada a Pereiras – Tameiga.

Pola marxe dereita da estrada, a obra terá unha lonxitude de 200 metros e comezará na intersección coa estrada municipal Pereiras- Tameiga, dado que ata este punto xa existe beirarrúa. A senda nesta marxe desviarase da estrada nos últimos 80 metros ata o acceso ao centro escolar de Atín. Neste último tramo terá un ancho de 3 metros.

Coa execución desta senda existirá un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da vía que comunicará os dous centros de ensinanza co Porriño.

Xornada de portas abertas no ‘Consorcio de Augas do Louro’

Con motivo do Día Mundial da Auga que este ano leva o lema “Augas Residuais”, este mércores, día 22 de Marzo, o Consorcio de Augas do Louro súmase á iniciativa da Asociación Española de Abastecementos de Auga e Saneamentos (AEAS) e celebrará a súa 1ª xornada de portas abertas na EDAR de Guillarei, durante a cal se realizarán ademais varios actos conmemorativos.

Os interesados en visitar as instalacións da depuradora, deberán cubrir a solicitude de visita dispoñible na web www.consorciodolouro.es e enviala ao enderezo de correo electrónico indicado.

Estableceranse 3 quendas de visita: a primeira ás 10:00, a segunda ás 12:00 e a terceira ás 16:00, en función do número de inscritos e cun máximo de 30 persoas por quenda.

Outros actos previstos polo Consorcio para esta xornada, serán a presentación da 2ª Edición do Concurso de Debuxo para escolares e a publicación da app Smart aqua que pon a dispor do usuario un servizo adaptado ás novas tecnoloxía