O Concello presenta en Pío XII a súa gran transformación urbana ao abeiro do Plan Extra

  • O proxecto, que supera os 2 millóns de euros, permitirá recuperar máis de 4.000 m² para crear un gran espazo público accesible e verde que conectará diversas rúas do casco urbano, con zonas de auga, sombra e xogos cubertos
  • A Deputación de Pontevedra escolle ao Porriño para presentar os proxectos que se están a executar noutros cinco concellos da comarca a través do Plan Provincia Extraordinaria Plan Extra

O Porriño, 17 de novembro de 2025.- O Porriño converteuse esta tarde no punto de encontro de rexedores, concelleiros e representantes do tecido veciñal de seis concellos que integran a comarca de Vigo —O Porriño, Mos, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Redondela e Soutomaior— nun acto no que a Deputación de Pontevedra expuxo o carácter estratéxico e transformador dos proxectos que se están a executar ao abeiro do Plan Extra.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, deu a benvida a tódolos presentes e falou do Porriño como claro exemplo de transformación, futuro, colaboración, progreso e espazos que unen ás persoas. “É para min unha enorme satisfacción darvos a benvida hoxe aquí, na rúa Pío XII, un espazo que está a vivir unha transformación histórica para O Porriño e que simboliza perfectamente o que hoxe queremos compartir: proxectos que melloran a vida das persoas e fan das nosas localidades lugares máis humanos, sostibles e modernos”. Pola súa parte, o presidente da Deputación, Luis López, salientou o compromiso do ente provincial coa financiación das actuacións en todos estes concellos e destacou o papel decisivo que teñen estes á hora de definir as obras que mellor responden ás necesidades da súa veciñanza.

No marco deste acto, o Concello do Porriño presentou o proxecto do “Novo espazo público no entorno de Pío XII”, unha intervención chamada a transformar o centro urbano do municipio e que supón unha das actuacións máis relevantes dos últimos anos. Cun orzamento total de 2.076.926,24 euros, a obra estrutúrase en 1.740.703,82 euros destinados á execución dos traballos, actualmente en fase de licitación, e 336.222,42 euros dirixidos á adquisición das parcelas que permitirán ampliar a superficie pública. A Deputación financia o proxecto con 1,1 millóns de euros a través do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, facendo posible a recuperación e apertura dunha gran praza interior ata agora fragmentada e de uso limitado.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou no acto que este proxecto marcará un antes e un despois no deseño urbano da vila. “Estamos diante dunha intervención que cambia realmente o Porriño. Recuperamos máis de 4.000 metros cadrados que durante anos foron parcelas privadas ou espazos residuais, para convertelos nun gran parque urbano, accesible, cheo de vida e pensado para todas as xeracións. É unha aposta pola calidade de vida e polo futuro do noso municipio”, afirmou. Lorenzo agradeceu tamén o respaldo da Deputación, destacando que “a colaboración institucional permite que proxectos que levaban décadas agardando se convertan hoxe en realidade”.

O novo espazo público completará a rehabilitación do Parque de Fontevella, actualmente en execución, e conectará coa rúa Antonio Palacios e tamén coa avenida Domingo Bueno, configurando un eixo urbano continuo, verde e peonil. O proxecto integra ademais o Centro Social, abrindo o equipamento ao novo ámbito e facilitando un acceso máis amable ás persoas maiores, principais usuarias do edificio.

A proposta introduce elementos pensados para o uso ao longo de todo o ano, como un parque infantil cuberto situado en dúas cotas, unha zona de sombra e descanso aproveitando o arborado existente, un anfiteatro exterior integrado na topografía para actividades culturais, e varias zonas de auga con chorros e pequenos canais destinadas ao xogo e refresco sobre todo dos máis pequenos.

O alcalde porriñés foi máis alá e fixo mención de proxectos futuros para os cales se solicitará a axuda de Deputación da Pontevedra. “A rexeneración urbana de Torneiros, a renovación do velódromo municipal, único en Galicia, sen esquecernos dunha gran prioridade para nós, como son as parroquias, mellorando os servizos básicos como son o saneamento e o acondicionamento de viais”. Neste sentido, tamén se expresou o presidente provincial, “escoller O Porriño para organizar este encontro é moi pertinente”, declarou para contextualizar a celebración deste encontro nun concello do interior que é un dos motores económicos da provincia e que será tamén un dos beneficiados do esforzo investidor que deixará o vindeiro ano 128 millóns de euros nos concellos pequenos e medianos da provincia a través dos plans de cooperación +Provincia, Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e Plan Extra.

 

 

O Porriño impulsa un novo servizo de transporte público con autobús eléctrico que conectará as parroquias co centro urbano

  • O novo servizo municipal suporá un sistema de mobilidade sostible que mellorará substancialmente a liña autonómica xa existente, con máis frecuencias, máis paradas e un sistema intelixente de xestión e información en tempo real
  • O proxecto responde a unha demanda veciñal histórica e xa se está a realizar un estudo para determinar as necesidades reais dos potenciais usuarios

O Porriño, 14 de novembro de 2025.-  “Un salto cualitativo na mobilidade do Porriño é o que suporá o sistema pioneiro de transporte municipal eléctrico que hoxe presentamos”. Así daba inicio o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a súa intervención ante os medios de comunicación esta mañá para dar conta deste proxecto. “Non se trata só de conectar as sete parroquias e o barrio de Carracido co centro, senón de ofrecer un servizo accesible, moderno e respectuoso co medio ambiente”, explicaba o rexedor.

O Concello do Porriño continúa a impulsar políticas de mobilidade sostible e inclusiva coa posta en marcha dun novo sistema de transporte público municipal mediante autobús eléctrico, que conectará as zonas rurais co centro urbano. O proxecto busca mellorar a comunicación entre os distintos núcleos do municipio, reducir a dependencia do vehículo privado e avanzar cara a unha vila máis verde, accesible e cohesionada.

O proxecto responde a unha demanda veciñal histórica, ao tempo que complementará o servizo autonómico existente, mellorando frecuencias, ampliando o número de paradas e garantindo conexións con puntos estratéxicos do centro urbano como o centro de saúde, o polideportivo municipal ou o concello e tamén aos diferentes polígonos industriais. “Precisamente, a día de hoxe xa se está a traballar nun estudo potencial a través do cal coñeceremos as demandas reais dos usuarios, para poder marcar horarios e frecuencias e conseguir ter así un servicio óptimo e adaptado ás necesidades da veciñanza, que sempre será susceptible de cambios”, sinalou o alcalde.

O novo autobús eléctrico municipal percorrerá tódalas parroquias do termo municipal, conectándoas co casco urbano mediante unha rede de paradas intelixentes. Así, cada parada contará con casetas identificadas, paneis informativos con horarios e rutas actualizadas e estará integrada nunha aplicación móbil que permitirá consultar información en tempo real, planificar desprazamentos e mesmo solicitar viaxes baixo demanda en situacións puntuais.

“O noso obxectivo é conectar de verdade O Porriño: parroquias, barrios e centro urbano. Apostamos pola innovación, a accesibilidade e a cohesión territorial, construíndo unha vila máis verde, máis humana e mellor comunicada”, engadiu Lorenzo.

A idea principal desta iniciativa está contemplada no Plan de Actuación Integral (PAI) “O Porriño O Noso Encontro”, que vén de ser beneficiario dunha asignación de fondos europeos. O proxecto está enmarcado no terceiro dos catro obxectivos estratéxicos do PAI, centrado en fomentar unha mobilidade integrada, sostible e eficiente entre Torneiros e o casco urbano pero o Concello amplía a actuación, cubrindo a totalidade das parroquias, por iso parte do proxecto contará cunha aportación municipal.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño dá un paso máis cara a un modelo de mobilidade sostible, moderna e adaptada ás necesidades da cidadanía, reforzando as conexións entre os núcleos urbanos e rurais do municipio, apostando pola innovación, a accesibilidade e a cohesión territorial.

O Concello impulsa o saneamento en Budiño cun investimento de máis de 220.000 euros no barrio de Trapa

  • A actuación permitirá conectar case unha trintena de vivendas, dando servizo a máis de 140 veciños, ao sistema xeral de saneamento do río Louro, ademais de mellorar o pavimento e o alumeado público da zona
  • O proxecto, financiado a través do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, sairá nos vindeiros días a licitación e terá un prazo de execución de dous meses

O Porriño, 13 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño sacará a licitación nos vindeiros o proxecto de saneamento en Budiño-Trapa, unha actuación que conta cun investimento de 220.430,31 euros, financiados a través do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, e que terá un prazo de execución de dous meses desde a súa adxudicación.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros Ramón Porto e Carlos González, visitou esta mañá o lugar no que se acometerán as obras e destacou a relevancia deste proxecto “para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Trapa e avanzar cara a un Porriño con todos os servizos básicos garantidos”. O rexedor lembra que “o saneamento nas parroquias é unha das nosas grandes prioridades. Traballamos a diario para que ningún veciño quede sen este servizo esencial. Desde o inicio do noso mandato fixemos un esforzo económico e organizativo sen precedentes para planificar e executar todas as obras necesarias. Gracias a ese traballo previo, hoxe seguimos cumprindo a nosa folla de ruta”, engadiu Lorenzo.

Un proxecto integral de mellora dos servizos básicos

Na actualidade, o núcleo rural de Trapa, en Budiño, carece de rede de saneamento municipal polo que se fai necesario conectalo ao sistema xeral de saneamento do río Louro, ao tempo que se melloran a rede viaria e a iluminación da zona.

A solución proxectada permitirá prolongar a rede de saneamento desde o núcleo de O Mosteiro, eliminando as fosas sépticas actuais e conectando directamente un total de 28 vivendas, que agrupan a máis de 140 habitantes, ao sistema municipal. Ademais, reporase o pavimento dos camiños afectados, mellorarase o drenaxe superficial e renovarase o alumeado público con luminarias LED de 40W, semellantes ás instaladas noutras zonas do municipio.

“Esta é unha obra que non só mellora o saneamento, senón que tamén renova o aspecto e a seguridade do vial, reducindo o impacto ambiental e garantindo un servizo sostible a longo prazo”, explicou o alcalde

Un esforzo continuado e histórico en materia de saneamento

“Sabemos que o saneamento é unha prioridade para moitos veciños, pero tamén é un servizo de gran complexidade técnica e custo moi elevado. Por iso seguimos avanzando paso a paso, coa colaboración de institucións como a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, que nos axudan a facer realidade proxectos coma este en tódalas parroquias”, concluíu Lorenzo.

O Concello acomete a transformación integral de Torneiros cun investimento de máis de 2,7 millóns de euros para convertelo nun espazo máis accesible, sostible e moderno

  • O proxecto, que será financiado pola Deputación de Pontevedra e fondos europeos, modernizará infraestruturas, mellorará a mobilidade e impulsará a cohesión territorial do municipio
  • Inclúe a creación dun parque acuático e actuacións de humanización que farán desta parroquia un modelo de rexeneración urbana que mellorará a calidade de vida da veciñanza

O Porriño, 8 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño vén de presentar o proxecto de rexeneración urbana do núcleo de Torneiros, unha actuación estratéxica que suporá unha transformación profunda desta parroquia a nivel urbanístico, social e ambiental. Fíxoo esta mañá o alcalde Alejandro Lorenzo nun acto público celebrado no centro cultural Alba.

Cun investimento total de 2.749.500 euros, dos cales 1,1 millóns serán financiados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Extra 2025 e o resto con fondos europeos, o proxecto converterase nun dos máis ambiciosos impulsados polo Concello nos últimos anos. Nel inclúese tamén o proxecto de parque acuático no Parque Alba, que complementará a intervención coa creación dun novo espazo de lecer familiar e deportivo, reforzando a oferta de equipamentos e a integración social da zona. “Son consciente de que se fixeron moitas novas infraestruturas, en distintos puntos do municipio, e nesta ocasión actuaremos en Torneiros, en cada un dos cinco polígonos residenciais que concentra un dos maiores núcleos de vivendas do Porriño. Pero isto non quedará aquí, continuaremos a rexenerar e transformar todas e cada unhas das parroquias, porque sabemos que son moitas as melloras que precisan e niso estamos a traballar cada día, en facer que eses proxectos sigan adiante e vaiamos avanzando, porque é moi complexo, case imposible ter os recursos suficiente para facer todo en tan pouco tempo, de aí que traballemos a medio e longo prazo”, explicaba o alcalde.

O investimento previsto abrangue dende a modernización dos servizos públicos básicos, a mellora da accesibilidade universal, a eficiencia enerxética, a creación de espazos públicos de calidade, ata a revitalización social e económica do núcleo de Torneiros. A intervención proposta responde a unha necesidade real e prioritaria do Concello do Porriño: mellorar de forma sostida e equilibrada as condicións urbanas, sociais e ambientais dun dos núcleos máis relevantes do municipio, garantindo a cohesión territorial e o benestar da poboación.

O proxecto en Torneiros busca mellorar o medio ambiente urbano e fomentar a mobilidade peonil mediante a redistribución do espazo viario. Prevese ampliar as zonas peonís, mellorar as beirarrúas e a iluminación, eliminar barreiras arquitectónicas e incorporar vexetación e mobiliario urbano. Estas actuacións permitirán crear un espazo máis amable, accesible e sostible, no que a veciñanza poida gañar protagonismo fronte ao tráfico motorizado facendo especial fincapé naqueles viarios nos que se localizan puntos de gran afluencia como poden ser os centros educativos, o multiusos de Torneiros ou o centro cultural Alba.

A intervención contempla ademais a renovación das redes de abastecemento, saneamento e drenaxe pluvial, así como a modernización do alumeado público con tecnoloxía LED, reducindo o consumo enerxético e as emisións de CO₂. A actuación aposta por un modelo de mobilidade sostible e accesibilidade universal. Segundo explicou o alcalde “Torneiros é un dos núcleos máis dinámicos e con maior potencial do Porriño, pero tamén un dos que máis precisaba unha modernización profunda. Con este proxecto imos equilibrar o territorio, mellorar a calidade de vida da veciñanza e crear un espazo máis humano, seguro e sostible”. O rexedor destacou que a actuación permitirá equiparar o nivel de servizos desta parroquia ao do centro urbano, reforzando a cohesión interna e reducindo a dependencia funcional do núcleo principal.

“Queremos que o Porriño avance de maneira equilibrada, onde cada parroquia teña servizos e espazos públicos de calidade. Torneiros vai ser un exemplo de como queremos construír o futuro do noso concello”, concluíu o rexedor.

O Concello do Porriño reafirma así a súa aposta por un modelo de desenvolvemento sostible, inclusivo e eficiente, en liña coa Axenda Urbana 2030 e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, consolidando a Torneiros como un espazo máis habitable, seguro e ambientalmente responsable.

 

 

O Concello impulsa a modernización dos seus polígonos industriais con dúas actuacións por importe de 300.000 euros

  • O Concello recibiu as dúas axudas solicitadas á Consellería de Economía e Industria, que permitirán mellorar as infraestruturas e reforzar a seguridade viaria nestas zonas
  • O alcalde Alejandro Lorenzo e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, visitaron os traballos que deron comezo esta semana en As Gándaras e para a vindeira farano en A Granxa

O Porriño, 29 de outubro de 2025.– O Concello do Porriño iniciou esta semana as obras de mellora de infraestruturas no Polígono das Gándaras, un dos dous proxectos aos que a Xunta de Galicia concedeu subvención ao abeiro da liña de axudas da Consellería de Economía e Industria destinada á modernización dos parques empresariais galegos.

O municipio recibiu a totalidade das axudas solicitadas, por un importe conxunto de 300.000 euros (150.000 euros por proxecto), que permitirán executar tamén as actuacións de mellora da seguridade viaria no Polígono de A Granxa, cuxo inicio está previsto para a vindeira semana.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado dos concelleiros Ramón Porto e Carlos González, desprazáronse ata o Polígono das Gándaras para coñecer de primeira man o avance dos traballos, que inclúen a renovación de pavimentos, mellora da iluminación e adecuación de zonas comúns e accesos.

Lorenzo salientou que “estas actuacións son unha mostra máis do compromiso do Concello coa modernización e competitividade do noso tecido industrial, motor económico da comarca e de Galicia”. Engadiu ademais que “gracias á colaboración coa Xunta e ao esforzo conxunto coas asociacións empresariais, seguimos avanzando na mellora dos nosos polígonos, que contan con máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial e máis de 2.200 empresas asentadas”.

O alcalde destacou “a importancia de continuar investindo en infraestruturas de calidade que garantan a seguridade e faciliten o desenvolvemento da actividade empresarial”, asegurando que as actuacións previstas “mellorarán significativamente o día a día de traballadores e empresas”. Con todo, estas obras non son únicas nin puntuais, senón que se enmarcan nunha liña de traballo continuo que o Concello do Porriño vén desenvolvendo para dar resposta ás demandas do tecido empresarial e mellorar as infraestruturas municipais. Dende o goberno local trabállase a diario para manter e acondicionar estes espazos, atendendo ás necesidades que xorden e garantindo que os polígonos industriais do municipio continúen a ser un referente en calidade e servizos.

O Porriño continúa coas obras de modernización da praza de abastos garantindo a actividade comercial durante os traballos

  • As actuacións desenvolveranse por partes co obxectivo de manter a praza aberta, con reubicación temporal dalgúns postos de froita e peixe
  • Logo do acondicionamento do pavimento, canalizacións e saneamento estase a proceder agora a melloras en accesibilidade, iluminación e novas infraestruturas nos postos
  • Este proxecto supón un investimento de preto de 400.000 euros e dá continuidade a dúas fases anteriores nas que o Concello, coa a axuda da Xunta de Galicia, investiu máis de 550.000 euros en distintas actuacións

O Porriño, 21 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño vén de iniciar as obras de mellora e modernización da praza de abastos, unha actuación que supón un importante paso adiante na posta en valor deste espazo clave para a economía e a vida social da vila. Os traballos comezaron esta semana segundo o calendario previsto, e desenvolveranse en dúas partes co obxectivo de garantir que todos os postos poidan continuar coa súa actividade durante o proceso. O alcalde Alejandro Lorenzo e os concelleiros de Mercados e Obras, Antía Carrera e Ramón Porto, respectivamente, visitaron esta mañá a praza valorando positivamente o comezo dos traballos e agradeceron a boa disposición do sector. “Estamos diante dun proxecto transformador que atende ás súas demandas e que converterá a praza nun espazo máis moderno, funcional e atractivo tanto para o comercio como para a veciñanza”, sinalou o alcalde, quen tamén quixo agradecer expresamente “a paciencia, comprensión e colaboración dos praceiros e praceiras nestes días de traballos e adaptación. Son o verdadeiro motor da praza e esta modernización tamén é un recoñecemento ao seu esforzo diario”.

As obras están deseñadas para causar o menor impacto posible na actividade habitual, e o desenvolvemento por fases permitirá que a praza permaneza aberta e operativa durante todo o proceso.

O proxecto inclúe actuacións tanto estéticas como funcionais, cun investimento de 398.122,11 euros, financiado maioritariamente pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, dentro do programa de impulso aos mercados de Galicia. Este proxecto forma parte da estratexia do Concello para seguir fortalecendo o pequeno comercio local e consolidar a praza de abastos como espazo de referencia para a compra de proximidade no Porriño. Así, dá continuidade a dúas fases anteriores nas que o Concello, coa a axuda da Xunta de Galicia, investiu máis de 550.000 euros en distintas actuacións, entre elas o acondicionamento do pavimento, canalizacións e saneamento.

Durante esta primeira parte dos traballos acometeranse melloras no interior do edificio consistentes na aplicación dunha pintura protectora antideslizante para facilitar a limpeza do pavimento, instalación de teito na zona de venda de peixe e froita, un novo sistema de iluminación, así como a creación de postos de cabeceira e espazos de exposición e venda. Tamén se iniciarán os traballos de limpeza dos paneis de formigón do teito, lixado da estrutura metálica e aplicación de pintura protectora e antioxidante.

Co obxectivo de garantir a continuidade da actividade comercial durante a execución das obras, procedeuse á reubicación temporal dalgúns postos da zona de froita e peixe, que seguirán atendendo á clientela noutras localizacións provisionais dentro da mesma praza.

Unha das novidades destacadas é a instalación de taquillas térmicas para a conservación de produtos fríos e a incorporación de catro novas cámaras de frío, máis eficientes e sostibles que as actuais, que permitirán reducir o consumo enerxético.

Así mesmo, actuarase nos seis locais baleiros que se sacarán a licitación, mellorando os seus acabados, e procederase á renovación dos aseos en ambos andares, con novos aparatos sanitarios e portas. No exterior, intervirase na fachada do edificio, recuperando o seu aspecto orixinal e eliminando elementos discordantes que desvirtúan a súa imaxe.

 

O Porriño presenta un novo proxecto que transformará a mobilidade entre o casco urbano e as parroquias

  • Destínase máis dun millón de euros a humanizar preto de dous quilómetros da rúa Antonio Palacios, nos que se inclúe as inmediacións dos centros educativos, o polideportivo municipal e o acceso á A-52
  • Crearase un carril bici dende o parque Gonzalo Ordóñez ata a entrada á parroquia de Cans e ampliaranse as beirarrúas, dando prioridade aos peóns e mellorando a seguridade viaria e a accesibilidade universal

O Porriño, 16 de agosto de 2025.- Promover un cambio modal cara un tipo de transporte menos contaminante, máis saudable e seguro, dando prioridade aos peóns fronte aos vehículos a motor, e mellorando a accesibilidade universal, é o obxectivo do último dos proxectos presentado polo Concello do Porriño que transformará unha das arterias de entrada e saída ao casco urbano.

Os traballos do proxecto “Senda ciclista e pavimentación rúa Antonio Palacios no tramo rúa Cruceiro-Cans” céntranse na construción dun carril bici, ampliación de beirarrúas e redimensionado e pavimentación dos viais de circulación, mellorando así a seguridade viaria e a accesibilidade universal. A actuación conta cun orzamento de 1.066.887,26 euros, dos cales 645.024,26 euros serán financiados cunha axuda da Deputación de Pontevedra, enmarcada no programa Reacpon, unha vez concedida neste ano 2025 e modificado e ampliado o seu proxecto inicial.

A transformación afectará a un tramo cunha lonxitude de 1.625 metros e cunha superficie de 22.960 metros cadrados, que abrangue dende o parque Gonzalo Ordóñez ata a entrada da parroquia de Cans, establecéndose un prazo de execución de seis meses.

“A creación deste carril bici formará un dos futuros eixos de mobilidade sostible que dá servizo ao conxunto do Porriño facilitando o acceso ao casco urbano da vila”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo, facendo referencia á continuidade que terá este carril ciclista pola avenida Domingo Bueno ata chegar á rotonda de A Casilla, en Atios, “para o cal xa temos tramitada outra posible subvención, o que suporía a unión destas dúas parroquias a través do centro do municipio”.

Con todo elo, esta transformación dos usos provocará un notable aumento da mobilidade ciclista e peonil nos desprazamentos cotiáns, á vez que mellorará a calidade do aire e o medio ambiente.

Ademais, este carril bici dará servizo a equipamentos municipais como son o Instituto Pino Manso, o colexio Xosé Fernández López e o polideportivo, que verán a súa contorna humanizada coa ampliación das beirarrúas en ata catro metros de ancho. De xeito paralelo, para a mellora da seguridade no tráfico rodado e nos itinerarios peonís nesta zona está proxectada  a execución dunha rotonda (prevista xa no PXOM do ano 2003) que enlazaría a rúa Antonio Palacios coa estrada que dá acceso á autovía A-52.

No proxecto “Senda ciclista e pavimentación rúa Antonio Palacios no tramo rúa Cruceiro-Cans” contémplase a reforma e reparación da capa de rodadura do vial, cun novo asfaltado e sinalización horizontal; instalación de sinalización vertical; soterramento da liña de alumeado coa recolocación dos puntos de luz e a instalación de novas columnas de tecnoloxía led; reforma dos sumidoiros; reposición da rede de abastecemento e plantación de árbores.

A EDAR de Guillarei adiántase aos obxectivos europeos e acada un récord de autoconsumo enerxético

  • Logra cubrir o 50% do seu consumo enerxético mediante fontes renovables propias, superando o 30% establecido pola directiva europea para 2030 e moi preto do 60% marcado para 2040
  • O presidente do Consorcio Aguas do Louro e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo destaca o logro como un paso firme cara á sustentabilidade e a autosuficiencia enerxética

O Porriño, 12 de agosto de 2025. O Concello do Porriño pon en valor o importante logro da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Guillarei, pertencente ao Consorcio Augas do Louro, que durante o primeiro semestre de 2025 conseguiu cubrir o 50 % do seu consumo eléctrico con enerxía renovable xerada nas súas propias instalacións, marcando un récord de autoconsumo e adiantándose aos obxectivos marcados pola Directiva Europea 2024/3019, que fixa para 2030 que estas estacións cubran polo menos o 30% do seu consumo con renovables. “A nosa planta non só superou esa cifra cinco anos antes, senón que xa se achega ao seguinte fito do 60% marcado para 2040”, puntualiza Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño e presidente do Consorcio, que integra aos concellos do Porriño, Mos, Tui e Salceda.

Neste sentido, Lorenzo destaca que “estamos dando pasos firmes cara á sustentabilidade e a autosuficiencia enerxética. Este récord amosa que a neutralidade enerxética no tratamento de augas residuais é unha realidade alcanzable con compromiso e tecnoloxía”. O compromiso do Consorcio Augas do Louro é claro: seguir investindo e innovando para acadar a neutralidade enerxética total antes de 2045 e consolidar un modelo de economía circular na xestión da auga.

Enerxía solar fotovoltaica e biogás

Este avance foi posible grazas, por unha parte, á enerxía solar fotovoltaica, cunha produción de 244.502 kWh mediante os paneis instalados nas súas instalacións; e, por outra, á xeración de 868.575 kWh ao a partir do biogás obtido no proceso de dixestión anaerobia dos lodos de depuración.

Ademais, con esta enerxía limpa producida evitouse a emisión de máis de 257.000 quilogramos de CO₂, á atmosfera, contribuíndo de forma significativa á loita contra o cambio climático.

O alcalde asegura que “para O Porriño este avance supón un paso máis cara a un territorio máis sostible e preparado para os retos ambientais do futuro”. Desde o Concello do Porriño ponse en valor este gran exemplo de innovación, compromiso ambiental e transición ecolóxica, que coloca a nosa comarca á vangarda no tratamento sostible da auga.

O Concello do Porriño destina tres parcelas municipais para a construción de vivenda protexida

  • O alcalde Alejandro Lorenzo presenta as tres grandes liñas de actuación do goberno municipal para os vindeiros anos. Os terreos están localizados no centro urbano e en Torneiros e suporán a creación de 80 novos fogares
  • A atención ás persoas maiores e o saneamento integral son as outras dúas prioridades

O Porriño, 11 de agosto de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presentou esta mañá nun encontro informativo cos medios de comunicación as principais liñas de actuación que dende o Concello se pretenden levar a cabo nos vindeiros anos 2026 e 2027, centradas na posta en marcha dun ambicioso programa de vivenda protexida, a construción dunha residencia de maiores e un novo centro de día e o avance decidido nas obras para acadar o saneamento integral.

Dende fai máis de 20 anos non se impulsou ningún proxecto de vivenda protexida no Porriño e, sen embargo, a poboación non deixou de medrar, pasando dos 16.000 habitantes hai dúas décadas aos máis de 21.000 na actualidade. A posta a disposición de tres parcelas municipais que suman máis de 3.000 metros cadrados e que suporán a creación de aproximadamente 80 vivendas protexidas foi o primeiro dos temas a tratar. O alcalde anunciou a localización de cada un destes terreos no casco urbano e na parroquia de Torneiros, máis concretamente “na rúa Fernández Areal en conexión con Antonio Palacios; en Domingo Bueno, na contorna da Capela da Guía, e entre os polígonos tres e cinco de Torneiros”. Unha oferta que ben seguro terá unha rápida resposta se se teñen en conta as 738 persoas rexistradas como demandantes de vivenda protexida, incluídas aquelas que escollen O Porriño como concello secundario.  “Este dato unido  tamén ao da alta taxa de natalidade fan do Porriño un municipio con gran demanda de vivenda e dende o Concello queremos transmitir a todas esas persoas interesadas que estamos xa en marcha para a promoción da creación de novas vivendas. O Porriño vai garantir que vivir aquí sexa unha opción real, non un luxo”, incide o rexedor. Neste sentido, explicou tamén que dende o Concello “estudaremos posibles axudas e bonificacións para a construción e o acceso a este tipo de vivenda”.

A maiores deste solo municipal enmarcado no Programa de Oferta de Solo de Entidades Locais que facilita que a Xunta de Galicia promova vivenda protexida en terreos municipais, o municipio dispón duns 45.000 metros cadrados para destinalos á posible construción de vivendas, “que podería ser tanto para venda como para aluguer”, puntualiza Lorenzo. As parcelas dispoñen de condicións urbanísticas favorables e licenza directa, o que permitirá reducir prazos e iniciar os proxectos de forma áxil.

 

Dous novos centros para dar resposta ao envellecemento activo da poboación

A segunda das prioridades presentadas por Alejandro Lorenzo foi a atención ás persoas maiores, a través de dous proxectos estratéxicos que combinan a recuperación de espazos públicos con valor social coa creación de novos servizos de proximidade. O primeiro é o proxecto de construción dun novo Centro Residencial de Maiores en Budiño. Cun orzamento estimado de 1,2 millóns de euros, construiríase nunha parcela municipal de máis de 4.000 metros cadrados situada en Budiño e disporía dunha capacidade para 24.

Pola súa parte, o novo Centro de Día será froito da rehabilitación da antiga escola unitaria do Covelo, na parroquia de Atios. Terá capacidade para unha vintena de usuarios e contará cun investimento de 420.000 euros, cofinanciado pola Xunta de Galicia.

“Ambas iniciativas, cuxos proxectos iniciamos xa en 2023, responden a un modelo de coidado máis humano, próximo e de calidade, que dignifica a atención ás persoas maiores e á vez, no caso do centro de día, dá unha segunda vida a edificios históricos en desuso. O Porriño ten hoxe máis de 4.000 persoas maiores de 65 anos e estes dous centros permitirán que moitas delas poidan seguir vivindo preto das súas familias, coa atención que precisan e merecen. Apostamos por un modelo que combina calidade asistencial e arraigo no territorio”, sinalou o alcalde.

 

Saneamento integral en todas as parroquias

A terceira liña de actuación que tratou o rexedor no encontro foi o saneamento  presentada polo alcalde foi o saneamento, asegurando que dende o goberno local “trabállase sen descanso para acadar o obxectivo do saneamento integral, marcado tamén dende o Consorcio Augas do Louro”, o cal el mesmo preside. Dende 2022 o Concello leva investidos máis de 3,5 millóns de euros nesta materia, “cando accedemos ao goberno marcamos como prioritario a redacción de todos os proxectos pendentes e así coñecer de primeira man a situación real. Con todo elo xa elaborado, a día de hoxe quedan por executar obras por importe total de 16 millóns euros, para o cal iremos avanzando con medios propios e a través de fondos doutras administracións, seguindo a nosa folla de ruta inicialmente establecida, clara, técnica e realista”.

Actualmente está en execución a obra de Picouzo, en Budiño, cun investimento de 380.000 euros e están xa licitadas outras dúas actuacións, unha en Sobral–Eiriz, tamén en Budiño, cun orzamento de 344.000 euros, e a conexión entre Seixo, en Torneiros, e Arrotea, en Pontellas, que suporá un investimento próximo aos 200.000 euros.

A Praza de Abastos continuará a súa transformación cun investimento superior aos 400.000 euros

 

O Concello do Porriño seguirá avanzando na modernización e mellora do seu Mercado Municipal grazas á concesión dunha nova subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Esta achega, enmarcada na creación dunha rede galega de mercados excelentes, permitirá acometer unha nova fase de intervencións cun investimento total que supera os 400.000 euros, dos cales máis de 320.000 euros serán financiados pola administración autonómica.

Este novo impulso enmárcase nun proxecto estratéxico posto en marcha polo Concello no ano 2023, cunha visión clara: transformar a praza de abastos nun espazo moderno, funcional e acolledor, que responda ás necesidades actuais tanto dos praceiros como da clientela. A actuación busca adaptar o mercado aos novos hábitos de consumo sen renunciar á súa identidade nin ao seu valor arquitectónico e histórico, preservando a esencia dun edificio que forma parte do patrimonio e da memoria colectiva do Porriño. O edificio, obra do prestixioso arquitecto José Bar Boo, segue a ser un símbolo do centro urbano e comercial do Porriño, e a súa recuperación integral constitúe unha prioridade para o goberno local.

Na mañá de hoxe, o alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira de Mercados, Antía Carrera, reuníronse co colectivo de praceiros e praceiras para explicarlles en detalle as actuacións previstas e trasladarlles de primeira man a confirmación da concesión desta nova subvención. Ambos trasladaron a súa intención de manter un diálogo constante co sector durante todo o proceso, co fin de que cada paso responda ás necesidades reais da veciñanza.

Durante a reunión, o alcalde sinalou que este novo investimento permitirá seguir avanzando na mellora dun espazo que é clave para a vida social e económica da vila. “Falamos dun mercado que forma parte da nosa identidade, tanto desde o punto de vista arquitectónico como comercial. A nosa responsabilidade é coidalo, actualizalo e poñelo ao día para que siga sendo útil, funcional e atractivo tanto para os praceiros como para os veciños e veciñas que cada día confían no comercio de proximidade”, afirmou Lorenzo.

Antía Carrera tamén puxo en valor o papel do mercado como motor de dinamización económica local e espazo estratéxico para o pequeno comercio. “Estas melloras non son só un investimento en obra; son un investimento na nosa economía local, nas persoas, nos vínculos de confianza entre quen vende e quen compra. Apostamos por un modelo que combina tradición e innovación, adaptado aos novos tempos pero profundamente enraizado no Porriño”, engadiu.

A nova fase incluirá a rehabilitación da cuberta e a restauración das fachadas, que permitirán mellorar a conservación e a imaxe exterior do edificio. No interior, reordenaranse os postos de venda, especialmente nas zonas de peixaría e froitería, que contarán cun novo deseño máis moderno, eficiente e adaptado ás súas necesidades específicas. Incorporaranse novos sistemas de iluminación, estruturas de protección solar e equipamentos comerciais de uso común como cámaras de frío, taquillas térmicas e espazos de almacenamento.

A intervención tamén contempla a recuperación dos locais actualmente baleiros para favorecer a súa ocupación por novos negocios, o acondicionamento da sala de estar, a renovación completa dos aseos da planta baixa e superior, e a mellora dos accesos, incluíndo a instalación de novas portas automáticas para a entrada de mercancías. Todo isto realizarase co máximo respecto ao valor patrimonial do edificio e cun enfoque centrado na sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a calidade dos servizos.

Este proxecto dá continuidade a dúas fases anteriores nas que o Concello, coa a axuda da Xunta de Galicia, investiu máis de 550.000 euros en distintas actuacións. A primeira delas, iniciada en 2023, centrouse na renovación das instalacións de fontanería, saneamento e electricidade, a instalación de iluminación LED, sistemas de dixitalización, a mellora dos pavimentos e a ampliación da segunda planta, gañando así novos espazos de uso. Posteriormente, na segunda fase, substituíronse os antigos paneis opacos das fachadas por grandes xanelas de aluminio que permiten unha maior entrada de luz natural e contribúen a un mellor illamento térmico e acústico.

Durante o ano 2024 executáronse ademais obras de mellora nas fachadas e nos postos do mercado, cun investimento que superou os 68.000 euros, financiados en gran parte por unha subvención da Xunta de máis de 54.000 euros. Estas actuacións, xa rematadas, reforzaron a imaxe exterior da praza de abastos e contribuíron a mellorar a funcionalidade dos postos de venda.

O Concello do Porriño reafirma así o seu compromiso co comercio de proximidade e co desenvolvemento dun modelo de mercado público moderno, sostible e plenamente integrado na vida diaria da vila.