O Concello promove clases de ciberseguridade entre o alumnado porriñés

Lourdes Moure, concelleira de Educación visitou esta tarde o obradoiro sobre ciberseguridade que está a desenvolverse nos centros de ensino secundario porriñeses. A concelleira compartiu actividade con alumnos e alumnas de 3º da ESO no IES Pino Manso.

A concelleira explicou que esta actividade ven motivada polas “novas formas de aprender, crear e comunicarse de xeito que nenas e nenos acceden cada vez máis cedo a dispositivos conectados a Internet. Xa sexa dende o móbil, o ordenador, a tablet ou a videoconsola, se non se forman en ciberseguridade poden correr riscos innecesarios”.

“As ameazas máis habituais nestas idades son o ciberacoso e a ciberviolencia, a suplantación de identidade, as fake news (noticias falsas), as estafas e incluso as adiccións dixitais. Por iso dende o Concello de O Porriño e a OMIX promovemos estas formacións dirixidas a 3º da ESO, para que saquen todo o partido a Internet protexendo a súa integridade física e mental”, engadiu a concelleira Moure Varela.

Trátase dunha actividade escolar das que organiza cada ano a Concellería de Educación coa OMIX do Porriño en colaboración cos centros de ensino do concello. Precisamente Lourdes Moure indicou que o vindeiro mércores 27 de outubro terá lugar a reunión preparatoria coas direccións dos centros educativos para determinar o calendario de actividades de 2022.

O Concello terá unha iluminación especial en catro datas inminentes de conmemoracións

O edificio do Concello terá unha iluminación especial en catro datas conmemorativas nas próximas semanas. A OMIX do Porriño, xunto coa Concellería de Educación e a de Igualdade e Cultura, anunciaron estas accións reivindicativas para estas catro datas: o 19 de outubro, Día Mundial contra o cancro de mama; 24 de outubro, Día Internacional contra o Cambio Climático; o 20 de novembro, Día Universal da Infancia, e o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.

A primeira destas accións celebrarase o vindeiro martes 19, cando tanto a fachada principal como o lateral do edificio do concello estarán iluminados de cor rosa claro con motivo do Día Mundial contra o cancro de mama, unha data que busca sensibilizar e concienciar as persoas de todo o mundo sobre a importancia de realizar un exame de mamas regularmente, coa finalidade de detectar calquera signo ou anomalía. Tamén se pretende facer un recordatorio do compromiso da sociedade contra o cancro de mama.

Desde a OMIX de Porriño, a Concellería de Educación e o Consello da Infancia e a Adolescencia do noso concello, “animámosvos a que compartades todo o que descubrades sobre o cancro de mama nas vosas redes sociais e a que motivedes ás mulleres para realizaren o auto diagnóstico co cancelo #DíaInternacionaldelCáncerdeMama.

 

O CIM do Porriño saca un punto de información ás rúas

A Concellería de Igualdade quere visibilizar o CIM, Centro de Información á Muller, un recurso que, desde o ámbito local, realiza unha intervención global dirixida ás mulleres e proporciónalles asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación e información.

“Por iso, sacamos un punto de información do CIM á rúa no que contamos coa colaboración de Bea Domínguez Almeida, unha adestradora (coach) do apoderamento feminino, unha persoa motivada e positiva que conta con  máis de 6 anos de experiencia ofrecendo unha moi boa asistencia e orientación ás mulleres cara ao auto-apoderamento”, segundo explicou a Concellería que dirixe Cami Moreira.

 

O CIM do Porriño que conta con 20 anos de experiencia ten, entre as súas prioridades, as actividades de prevención, información, asesoramento e, en xeral, a loita contra a violencia de xénero, así como a atención ás mulleres vítimas dela.

Desde o inicio da súa actividade no ano 2000, o CIM do Porriño é unha referencia pola súa prestación de asistencia ás mulleres vítimas de violencia machista, polas campañas de sensibilización, charlas formativas nos centros educativos, plans de igualdade, edición de guías para a detección dos malos tratos e polo uso e fomento da linguaxe non sexista e inclusiva.

A Concellería de Igualdade convoca esta tarde unha concentración para demandar “Xustiza para Samuel”

O Porriño únese a unha chea de vilas e concellos de Galicia que van celebrar hoxe luns, de tarde, concentracións de repulsa pola morte do mozo Samuel Luiz, a causa dunha malleira en A Coruña e para esixir o esclarecemento do crime. A convocatoria circula por redes sociais baixo o título “Xustiza para Samuel”.
No caso do Porriño, A Concellería de Igualdade que dirixe Cami Moreira fai un chamamento á veciñanza para sumarse a esta concentración que vai ter lugar a partir das 20 horas na praza do Concello.

Presentación dos actos de celebración do Día do Orgullo LGTBIQ+

L

A CONCELLEIRA DE IGUALDADE RECLAMA “FACER COTIÁN” A DIVERSIDADE SEXUAL

A concelleira de Igualdade do Porriño, Cami Moreira reclamou a necesidade de falar e facer cotián a diversidade sexual para aceptar as diferenzas sen temelas, para poder vivir de xeito libre e sen discriminacións”, afirmou na presentación dos actos de celebración do Día do Orgullo LGTBIQ+ 2021 que se desenvolverán durante a fin de semana.

A concelleira nacionalista explicou que os actos de celebración -todos eles nas instalacións do Centro Cultural Municipal- comezarán o sábado coa representación da obra “Debut”, coa dirección e interpretación de Rosa Romero. E continuarán o domingo coa presentación do mural elaborado pola artista Lidia Cao, no patio do auditorio exterior do Centro Cultural. Tamén se presentará outro mural feito polos nenos e nenas do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia. Na roda de prensa un deles, Laura Carmona explicou que pretenderon representar “a unión de dúas persoas con xénero indefinido”.

A continuación haberá un recital poético e a lectura do manifesto que realizará o poeta Samu Merino, quen volve repetir nese cometido. Samuel agradeceu á concelleira a confianza amosada e “de xeito especial que, de novo, a poesía sexa o vehículo para a reivindicación da diversidade sexual”.

Os actos do Orgullo LGTBIQ+ 2021  no Porriño rematarán o domingo noite co concerto musical a cargo de “Cinta Adhesiva”, tamén no auditorio exterior do Centro Cultural.

Suspendido o Campamento Municipal de Verán por prudencia

A Concellería de Igualdade do Concello do Porriño informa que o Campamento Municipal de Verán 2021 queda suspendido pola situación motivada pola Covid-19 e seguindo as medidas de prevención provocadas pola pandemia.

“O obxectivo prioritario desta concellería é preservar a saúde das nenas e nenos e entendemos que aínda non existen as garantías sanitarias suficientes nas actividades colectivas que ofrezan un control de movementos e accións cando comparten espazos, actividades, xogos, excursións, sendo moi difícil que se impida o contacto entre as pequen@s xa que as actividades de interacción grupal son a base da maior parte dos xogos nos campamentos”, segundo manifestou Cami Moreira, concelleira responsable.

“Dende a Concellería de Igualdade, facendo un exercicio de responsabilidade, decidimos apostar pola prudencia e a seguridade, dos e das cativas, das súas familias e dos seus entorno máis próximos”, engadiu a concelleira.

O Concello do Porriño agarda poder retomar a realización do campamento cara ao vindeiro ano, en canto se normalice a situación, agradecendo a comprensión por parte das familias porriñesas.

Outorgada licenza de obras á empresa que vai xestionar a futura gardería do Polígono da Granxa

A empresa que vai xestionar a futura escola infantil no Polígono Industrial A Granxa dispón de licenza municipal do Concello do Porriño para executar as obras de acondicionamento do local cedido pola Zona Franca. O espazo ten una superficie de 448 metros cadrados e o orzamento estimado das obras é de algo máis de 55.000 euros.

A documentación aportada pola mercantil que dirixe Beatriz Cabaleiro informouse favorablemente e a licenza de obra outorgouse con data de onte, 20 de maio, firmada polo concelleiro responsable de Infraestruturas, Pedro Pereira.

Zona Franca cedeu e entregou as chaves en abril de seis locais na planta baixa do Centro de Servizos en A Granxa onde a firma “Trastes” xestionará una escola infantil con 74 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, así como servizos complementarios de 3 a 8 anos.

A futura entrada en funcionamento desta gardería “atenderá unha vella demanda dos empresarios e traballadores dos polígonos industriais do Porriño. Como institucións públicas temos que favorecer e facilitar a conciliación familiar e laboral”, segundo declarou a alcaldesa, Eva García de la Torre.

 

Aberta a inscrición para a seguinte proxección do ciclo “Cinema Dirección de Mulleres” coa película “Capitáns de abril”

A Concellería de Cultura informa que está aberto, aínda, ata o xoves 22 de abril o prazo de inscrición para asistir á proxección da película “Capitáns de abril”, programada para o vindeiro venres 23, ás 19 horas, no Centro Cultural Municipal. Estableceuse polo protocolos anti-Covid, un aforamento limitado de 50 persoas.

A actividade está enmarcada no ciclo “Cinema Dirección de Mulleres” que consiste nun espazo cultural aberto onde se oferta cinema á veciñanza porriñesa e da contorna para a divulgación das actividades audiovisuais como expresión artística, segundo explicou Cami Moreira, concelleira responsable das áreas de Cultura e Igualdade.
Vai dirixido ás persoas interesadas en entender a linguaxe audiovisual, sensibilizándoas en distintas temáticas de interese xeral, como son: ecoloxía, feminismo, memoria histórica, medio ambiente, etc., creando un colectivo público que non sexan só espectadores, senón que, co intercambio de opinións e reflexións, construír unha visión crítica.

Ao finalizar cada proxección, como actividade complementaria pero esencial, haberá un foro que propicie o intercambio de opinións, reflexións, ideas, un diálogo sobre a análise do filme en si mesma e da proposta temática, alentado pola asistencia de persoas convidadas relacionadas ou co filme ou coa temática.

Ciclo Cinema, Dirección de Mulleres. Proxección do filme: Capitanes de abril

A concelleira de Igualdade asistiu no IES Ribeira do Louro ao obradoiro sobre educación afectivo-sexual para adolescentes.

A concelleira de Igualdade, Cami Moreira asistiu esta mañá ao IES Ribeira do Louro onde estaba a desenvolverse unha das sesións do obradoiro sobre educación afectivo-sexual para adolescentes. Impártese en horario lectivo para alumnado dos centros de ensino secundario do Porriño ao longo desta segunda quincena do mes de abril. Trátase dunha actividade concertada co Ministerio de Igualdade do Goberno de España e ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.


O enfoque deste obradoiro basease en que na adolescencia as decisións asociadas ao desenvolvemento sexual adoitan ter importantes implicacións para a saúde e a educación, así como para as relacións actuais e futuras.
Amais están os riscos que pode ocasionar a falta de formación emocional e sexual que co acceso a internet, as novas tecnoloxías, aos novos espazos de socialización para a mocidade poden derivar en condutas de ciberviolencia nas parellas adolescentes.
A metodoloxía anovadora deste obradoiro, crea un entorno de interese e colaboración por parte da mocidade, imprescindibles porque parte da premisa de ter en conta o seu punto de vista, as súas opinións, a rapazada é a protagonista.

Obradoiro sobre educación afectivo-sexual para adolescentes “Deseñando unha educación sexual para adolescentes”

8M: Conmemoración do Día Internacional da Muller

O Día Internacional da Muller é unha data que se celebra en moitos países do mundo. Cando as mulleres de todos os continentes, a miúdo separadas por fronteiras nacionais e diferenzas étnicas, lingüísticas, culturais, económicas e políticas, únense para celebrar o seu día, poden contemplar unha tradición de non menos de noventa anos de loita en prol da igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento.

O Día Internacional da Muller refírese ás mulleres correntes como artífices da historia e afunde as súas raíces na loita plurisecular da muller por participar na sociedade en pé de igualdade co home. Na antiga Grecia, Lisístrata empezou unha folga sexual contra os homes para poñer fin á guerra; na Revolución Francesa, as parisienses que pedían “liberdade, igualdade e fraternidade” marcharon cara a Versalles para esixir o sufraxio feminino.

A idea dun día internacional da muller xurdiu ao final do século XIX, que foi, no mundo industrializado, un período de expansión e turbulencia, crecemento fulgurante da poboación e ideoloxías radicais.

A Carta das Nacións Unidas, asinada en 1945, foi o primeiro acordo internacional para afirmar o principio de igualdade entre mulleres e homes. Desde entón, a ONU axudou a crear un legado histórico de estratexias, normas, programas e obxectivos acordados internacionalmente para mellorar a condición das mulleres en todo o mundo.

Cos anos, a ONU e os seus organismos técnicos promoveron a participación das mulleres en condicións de igualdade cos homes no logro do desenvolvemento sustentable, a paz, a seguridade e o pleno respecto dos dereitos humanos. O empoderamento da muller segue sendo un elemento central dos esforzos da Organización para facer fronte aos desafíos sociais, económicos e políticos en todo o mundo.