Aberta a inscrición no Campamento de Semana Santa

A concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, abre a inscrición do Campamento de Semana Santa 2023, dirixido ás nenas e nenos do Porriño de entre 3 e 12 anos. Desenvolverase en instalacións municipais os días 3, 4, 5 e 10 de abril en horario de mañá, de 9 a 14h.

 “É moi importante contar no concello cos recursos suficientes durante os periodos de lecer para que os nenos e nenas poidan adicar o seu tempo libre a interaccionar cos demais, adquirir valores como a solidariedade, a empatía e o respecto entre eles, apuntou a alcalde, Alejandro Lorenzo, “A isto hai que engadir a importancia de que as nais e pais poidan conciliar a súa vida laboral e familiar durante as vacacións escolares e dispoñan de alternativas”.

A concelleira incidiu en que “estes campamentos son unha experiencia moi positiva para os pequenos e pequenas, xa que aúnan aprendizaxe e diversión”.

O prazo de inscrición ábrese hoxe, a partir das 12 h, e estará aberto ata o 17 de marzo ás 24h.  Hai 50 prazas dispoñibles. As persoas interesadas deberán dirixirse ao Rexistro Xeral do Concello do Porriño onde se lles facilitará a folla de inscrición e toda a información complementaria. Para máis información poden dirixirse ao CIM do Porriño. 

No caso de existir máis demandas que prazas, estas cubriranse segundo o baremo de puntuación establecido.

 

FOLLA DE INSCRICIÓN E BAREMOS CAMPAMENTO SEMANA SANTA

O Porriño segue camiñando da man da educación cara a igualdade

O Concello do Porriño segue apostando pola educación en igualdade para alcanzar unha sociedade máis xusta. Baixo esta premisa, a concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, vén de presentar a súa programación conmemorativa do Día Internacional da Muller baixo o lema “Da man da educación cara a igualdade” na que os protagonistas son as futuras xeracións de porriñesas e porriñeses.

“As/os nenas/os educados dende pequenas/os sen distinción de xénero, incidindo nos valores do respecto e a igualdade, serán mañá esas/es adultas/os que defendan unha sociedade libre de comportamentos machistas”, explicou a a concelleira, “Por iso continuamos co traballo comezado o ano pasado centrado na infancia, un traballo continuo e transversal que non se limita a unha semana ao ano”.

Salientar neste sentido que o alumnado dos centros educativos do municipio estivo participando nos obradoiros Xénero Diverso, no que traballaron a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes a través dunha metodoloxía baseada no xogo. Como parte do mesmo, o vindeiro 8 de marzo, ás 18:30 h na praza Arquitecto Antonio Palacios, representarase a obra de teatro “Adiviña quen son”, que busca desmontar os roles e estereotipos de xénero tradicionais e ofrecer as ferramentas para camiñar cara unha igualdade real. “Con esta actividade buscamos crear un espazo de diversión con familias, alumnado e comunidade educativa, na que ademais se proxectará un vídeo de resumen dos obradoiros levados a cabo nos coles a fin de mostrar o traballo que realizaron durante todo o proxecto”, apuntou a concelleira.

A xornada do 8M continuará na praza coa lectura do manifesto e de seguido a música tomará o relevo da man de varias artistas, todas elas mulleres empoderadas que se fixeron cun espazo na industria musical. Ás 20h subirán ao escenario Noemí Fernández, porriñesa finalista de La Voz Kids e gañadora do certame Tes Talento 22, Carla Lourdes, cantautora e compositora natural de Ponferrada cuxos temas superan 100.000 reproduccións en redes sociais, Mati, cantante nacida en México pero afincada na nosa terra que acaba de sacar o seu primeiro e pisa por primeira vez un escenario no Porriño, e as Girl´s Gang , a banda de mozas mosense que presentan neste evento o seu primeiro single propio, Kaos.

Cabe destacar que todas elas visitarán o día anterior, 7 de marzo, os dous IES do Porriño para conversar cos mozos e mozas e animalos a que loiten polos seus soños e contarlles tamén as súas experiencias.

Ademais, dende as 12 h instalarase na praza Arquitecto Antonio Palacios o Punto Violeta, no que persoal cualificado ofrecerá información e asesoramento.

“Lamentablemente a desigualdade entre homes e mulleres segue a ser unha realidade en moitos ámbitos da vida e por iso é necesario que as administracións e todas os axentes sociais nos impliquemos. A igualdade de dereitos non só se debe asegurarse sobre papel, ten que garantizarse na práctica e por iso loitamos”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, que convidou a toda a veciñanza a participar e implicarse nestes actos reivindicativos.

O Centro Cultural do Porriño acolle a exposición “Mujeres científicas de ayer, hoy y mañana”

 

O centro cultural do Porriño acolle dende onte e ata o vindeiro sábado, 11 de febreiro, a exposición “Mujeres científicas de ayer, hoy y mañana” organizada polo grupo Zendal.

Trátase dunha mostra con vocación divulgativa que fai un percorrido histórico por 23 mulleres que deixaron pegada no coñecemento científico e no avance médico, desde a enfermeira Isabel Zendal, a galega Alicia Estévez ata a astronauta Sara García.

A exposición poderá visitarse ata o 11 de febreiro, xornada na que se conmemora o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, co que se trata de visibilizar a necesidade de lograr acceso e participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e o empoderamento da súa creatividade e intelixencia.

En esta liña, é a destacar a aposta do grupo Zendal pola difusión, promoción e recoñecemento da investigación, a innovación e os científicos que está tamén presente noutras accións corporativas como a celebración dos seus premios Internacionais Zendal, que na súa primeira e segunda edicións recaeron en científicas destacadas como María Vallet-Regí e María Blasco, directora do Centro de Investigaciones Oncológicas (CNIO) pola súa traxectoria en pro da ciencia e do papel da muller neste ámbito.

O Porriño camiña da man da educación cara a igualdade

 

O Porriño vólcase un ano máis coa igualdade. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González, presentaron hoxe o inicio da programación anual  baixo o lema “Da man da educación cara a igualdade”.

Foi no CEIP Plurilingüe Antonio Palacios onde se estaba a desenvolver o primeiro dos Obradoiros de Xénero incluídos no programa. Nesta actividade, dirixida aos nenos e nenas de 6º de educación infantil dos centros educativos do Porriño, o alumnado traballará os estereotipos de xénero.   Nestes obradoiros participarán preto de 200 nenos e nenas.

“Temos moi claro que para acadar unha igualdade real efectiva é esencial traballar da man da educación”, explicou a concelleira, “Para loitar contra os estereotipos de xénero é necesario actuar en idades moi temperás xa que é cando se pode romper con estas etiquetas e perxuízos que sustentan a desigualdade”. 

No mesmo sentido se expresou o rexedor que destacou a importancia de “desenvolver unha programación anual tal e como se recolle no Plan de Igualdade, que non se limite a conmemorar unhas datas sinaladas, senón que traballe cada día na sensibilización, información e, sobre todo, na educación das/os máis pequenas/os, xa que eles serán ese mundo xusto e igualitario de mañá”. 

365 días traballando por unha igualdade real e efectiva

A concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, vén de facer balance do camiño percorrido no último ano.

“Dende o inicio entendemos que esta era unha área á que non se lle estaba a dar a importancia que ten e apostamos pola introdución transversal da perspectiva de xénero en todas as políticas municipais”,  explicou a concelleira, Carolina González,  “En definitiva, estamos  a facer da igualdade o eixo vertebrador da nosa liña de goberno para dar pasos reais e efectivos”.  

“Non imos limitarnos a reivindicar ou conmemorar dous días ao ano”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Plantexamos un plan de intervención e traballo anual e continuo xa que a igualdade e os dereitos das mulleres deféndense todos os días”.

Para facelo posible, o novo executivo duplicou a inversión nesta área destinando máis de 40.000 euros.

A conciliación e corresponsabilidade, a atención especializada e eficaz ás mulleres vítimas da violencia de xénero, a concienciación e sobre todo, a educación, marcaron a folla de ruta en materia de igualdade.

No tocante á conciliación e corresponsabilidade, reactiváronse os campamentos en períodos non lectivos co fin de fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar nos que participaron preto de 400 nenas e nenos de entre 3 e 12 anos de idade.  Desenvolveuse o campamento de semana santa, o de verán e o de Nadal, púxose en marcha por primeira vez o servizo de ludoteca durante os meses de outubro e novembro e nestas vacacións de Nadal estase a desenvolver os talleres de fomento da corresponsabilidade dirixidos á infancia e á adolescencia. “Estas actividades dan resposta á demanda das familias de contar cun recurso de conciliación durante as vacacións escolares e incluso como actividade extraescolar”, apuntou a concelleira.

Pero xunto con estas, celebráronse outras dirixidas directamente ao alumnado adolescente, como o Escape Room que se celebrou nos institutos con motivo do 8M. Tamén se deu voz á toda a cidadanía para que aportaran as súas achegas e opinións coa iniciativa “Voces na rúa” que acadou unha gran participación de mulleres, homes nenas/os e adolescentes.

 

A atención especializada, eficaz e inmediata ás mulleres foi e segue ser un obxectivo da Concellería de Igualdade do Concello do Porriño, para o cal se impulsou a participación do persoal técnico encargado desa atencion en accións formativas ao longo do 2022 , para a súa reciclaxe e mellora nas intervencións para con elas. Destacar que o número de atencións neste senso aumentou considerablemente.

 

Este ano ademais coa participación do departamento da Policía Local e de igualdade, ubicouse en lugar extratéxicos durante as festas locais ,o 8 M e o 25 N , un  Punto violeta para informar e no seu caso, intervir recurrindo ao persoal técnico e profesional axeitado para dar unha resposta rápida e axeitada ante unha agresión.

 

Como non podía ser doutra forma, en días sinalados como son o 8M e o 25M, impulsáronse programacións específicas para seguir apostando pola concienciación e visibilización desta realidade.

 

 

O Porriño pon en marcha unha ludoteca municipal

O Concello do Porriño, a través da concellería de Igualdade que dirixe Carolina González, pon en marcha por primeira vez unha ludoteca municipal gratuíta.

“Dende o vindeiro 1 de outubro e ata o 30 de novembro ponse en funcionamento o servizo de ludoteca nas instalacións do Centro Cultural Municipal, cun horario que abranguerá dende as 16 h ata as 20 h”, explicou a concelleira, “Desenvolveranse actividades dirixidas a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos nun espacio común que lles permitirá relacionarse entre eles e compartir momentos de ocio, á vez que se traballan valores tales como o respecto e a solidariedade”.

O aforo será de 30 nenas e nenos cada día que as súas familias poderán deixar ao cargo das monitoras e monitores dentro do horario establecido. Non é necesaria inscrición previa, e os pequenos e pequenas serán admitidos ata completar as prazas diarias.

“Queremos contribuír a mellorar a conciliación da vida persoal e laboral das familias do Porriño e á vez fomentar nos máis pequenos valores como a cooperación, igualdade e corresponsabilidade”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Nese sentido traballamos e, dentro das nosas competencias, pretendemos impulsar medidas que poidan a curto/medio prazo consolidarse na vila”.

Cabe destacar que esta iniciativa forma parte do “Plan corresponsables 2022” da Secretaría Xeral de Igualdade.

 

Volven as clases de defensa persoal para mulleres

As clases de autodefensa para mulleres, impulsadas pola concellería de Igualdade, volven este sábado tras o parón estival. Impartiranse no ximnasio “Jovhen Sport” , de 10 h  12 h.

Dende o Concello do Porriño convidamos a todas as mulleres interesadas en recibir esta formación a acudir a estas clases, que son totalmente gratuítas e para as que non se require inscrición previa. Tan só é necesario acudir á hora sinalada anteriormente con roupa deportiva e ganas de aprender.

 O curso, organizado polo Concello coa colaboración do Ministerio de Igualdade, o Pacto de Estado contra a violencia de xénero e á Policía Local, conta con monitores de defensa persoal que, en colaboración con axentes da Policía Local, ensinan ás participantes técnicas de fácil asimilación para repeler os ataques máis habituais.

O Porriño súmase ao programa de dixitalización para mulleres “Galegas Dixitais”

O Concello do Porriño vén de formalizar a súa colaboración co programa de formación “Galegas Dixitais”, cuxo principal obxectivo é mellorar as capacidades dixitais de mulleres que se atopan en situación de desemprego ou que simplemente queren mellorar a súa capacidade de empregabilidade, ademais de impulsar o emprendemento no Porriño e contribuír a reducir a fenda de xénero.  

A actividade é totalmente gratuíta, xa que está impulsada Xunta de Galicia e financiada polos Fondos Europeos NextGenerationEU  e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

A formación agrúpase nos seguintes bloques temáticos:

• Competencias dixitais básicas con 40 horas de duración

• Competencias dixitais avanzadas con 40 horas de duración

• Competencias dixitais para o emprendemento con 40 horas de duración

O programa desenvolverase de luns a venres, en horario de 9h a 14h, no Multiusos de Torneiros. Dará comezo o 3 de outubro e finalizará o 14 de novembro.

Xunto co material didáctico, e co fin de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, as participantes serán obsequiadas cun ordenador portátil co que poderán poñer en práctica todo o aprendido.

Para máis información pode contactar chamando 986 338 217 ou por whatsapp no 604 039 575.  

O Porriño edita a súa primeira guía de linguaxe inclusiva

O Concello do Porriño, a través das concellerías de Normalización Lingüística e Igualdade, vén de publicar a súa primeira Guía de Linguaxe Inclusiva. “Trátase dun documento que constitúe unha ferramenta práctica para non perpetuar na linguaxe os estereotipos e erradicar o sexismo e calquera tipo de discriminación nas actuacións administrativas, tanto no consistorio como fora del”, explicou a concelleira, Carolina González.

A través desta Guía de linguaxe inclusiva o Concello do Porriño pretende proporcionar, tanto ao seu cadro de persoal coma á cidadanía en xeral, unha ferramenta práctica e sinxela cunha dobre finalidade: evitar o uso sexista ou discriminatorio nos documentos administrativos públicos e resolver as súas dúbidas mediante a achega de solucións que proporcionen unha lectura fluída e non discriminatoria coa sociedade.

A tal fin, repartiranse 500 exemplares entre a veciñanza e o persoal municipal.

“Dende o Concello temos que ser os primeiros en dar exemplo e comunicar, tanto internamente como coa cidadanía, de maneira igualitaria e respectuosa”, concluíu a concelleira.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “a través da linguaxe interpretamos e poñemos nome ás cousas que nos rodean, creamos realidades. Por iso, a través dela, podemos contribuír a construír formas de pensamento máis igualitarias e respectuosas”.

Talleres para fomentar a corresponsabilidade

Están dirixidos a nenos de 3 a 12 anos e desenvolveranse do 16 ao 26 de agosto en horario de mañá en instalacións municipais

Esta actividade, impulsada pola Concellería de Igualdade que dirixe Carolina González, pretende fomentar entre os pequenos e pequenas valores como a corresponsabilidade, a igualdade e a cooperación á vez que facilita a conciliación laboral e familiar.

O taller desenvolverase do 16 ao 26 de agosto en horario de mañá en instalacións municipais e as prazas son limitadas (60 prazas) polo que se require inscrición previa.

O prazo para inscribirse comeza mañá,  mércores 3 de agosto, e estará aberto ata as 23:59 h do martes 9 de agosto.

 A inscrición pode facerse por sede electrónica ou a través do rexistro xeral do Concello. Terán prioridade as solicitudes que refiran e acrediten algún dos requisitos que se estipulan nas bases e o resto será por orde de entrada. Importante destacar que a documentación obrigatoria deberá aportarse xunto coa solicitude, debidamente cuberta e asinada, ou do contrario será excluída.

 

FOLLA DE INSCRICIÓN: https://oporrino.org/documentos/folla-inscricion-talleres-corresponsabilidade-22/