Os nenos e nenas coñecen o seu concello a través da lingua

O Concello do Porriño retomou hoxe as visitas dos nenos e nenas do Porriño á Casa Consistorial. Esta actividade, dirixida ao alumnado de 3º de Educación Primaria e ao alumnado de Aceesca, desenvolverase nos meses de novembro, decembro e xaneiro en diferentes quendas.

En total serán 174 nenos e nenas os que participarán destas visitas guiadas organizadas pola Concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX co obxectivo de que coñezan un pouco mais o funcionamento do Concello, á vez que dinamizan a lingua e cultura galegas.

A técnica de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, Andrea González Pereira, é a encargada de guiar ao alumnado para darlles a coñecer a súa historia, as distintas salas e espazos, o organigrama dos departamentos e o seu funcionamento interno. O emprego de léxico administrativo galego, así como o desenvolvemento dun pequeno glosario galego-castelán de termos cotiás dun concello, fan que as visitas guiadas teñan, unha vez máis, a lingua galega como o elemento catalizador. Hoxe foron os nenas e nenos do colexio Hermanos Quiroga os que percorreron os corredores das dependencias municipais, entraron no salón de plenos, na alcaldía ou no balcón desde o que tradicionalmente se pregoa o inicio do Entroido, das festas do Cristo…, á vez que reafirmaron a importancia da lingua nunha Administración pública e o funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística do seu Concello.

O Porriño incremente a súa achega directa a Aceesca

O Concello do Porriño materializa o seu compromiso coa inclusión social ao duplicar o apoio económico a ACEESCA, alcanzando un total de 30.000 euros neste ano. Este respaldo, o maior que se prestou a esta entidade social, formalízase a través de dous convenios de colaboración que reforzan a atención integral que ofrece a entidade nas súas distintas áreas: atención temperá, educación, centro de día, talleres ocupacionais e fomento do emprego.

A administración local mantén a súa achega de 9.800 euros a ACEESCA e duplica o investimento no seu programa de emprego LUME, que agora ascende a 20.000 euros. Este esforzo económico destínase a apoiar as diversas actividades que realiza a asociación, cuxo traballo é fundamental para a integración e o desenvolvemento de persoas con discapacidade intelectual no Porriño e na contorna.

A colaboración do Concello con ACEESCA vai máis aló das axudas económicas. O concello implicouse activamente en proxectos como a Cafetería Lume, un innovador programa de formación dual ao que contribuíu coa cesión de instalacións, así como no centro de FP Dual e na inclusión de ACEESCA nas actividades das áreas de Política Social e Benestar Social, así como nas educativas.

Ademais, brindouse respaldo á construción da nova residencia inclusiva que ampliará as oportunidades de atención e apoio ás persoas con discapacidade intelectual.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o labor diario de ACEESCA, subliñando o seu compromiso coa inclusión e o benestar social. “O traballo que realizan é inconmesurable, loitan desde hai décadas por un Porriño máis inclusivo e empático. Cambian moitas vidas e cámbianas a mellor, e iso é algo que o Concello sempre ten que respaldar”.

Cunha traxectoria de máis de 40 anos, ACEESCA consolidouse como un referente na inserción laboral e social de persoas con discapacidade no Porriño, ofrecendo programas e servizos que promoven a súa autonomía e desenvolvemento persoal.

A súa marca de emprego, Aceesca Emprego, naceu no ano 2006 co seu centro especial de emprego, para xerar oportunidades laborais ás persoas con discapacidade intelectual, ante a dificultade que encontran para conseguir postos de traballo na empresa ordinaria. Comezou cunha actividade de xardinería e a día de hoxe coa imaxe renovada de LUME aglutina a 63 traballadores. Prestando servizos de deseño e mantemento de xaardíns, producción de plantas ou limpeza, ademais da formación profesional en xardinería, limpeza, hostalería ou administración.

O Pleno Infantil reivindica “para cada infancia os seus dereitos”

A corporación infantil do Concello do Porriño reuniuse esta mañá para celebrar a súa sesión plenaria anual cumprindo co compromiso adquirido da administración local de conmemorar cada ano o Día Internacional dos Dereitos da Infancia.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presidiu o pleno acompañado polas concelleiras de Educación e Infancia, Carolina González e Rosa Isabel ALonso. A corporación completábana representantes dos nove centros educativos de primaria e secundaria do municipio e de ACEESCA.

Os portavoces de cada uns dos centros tiveron a oportunidade de transmitirlle de primeira man, tanto ao alcalde coma ao resto de concelleiros e concelleiras, o resultado do traballo feito cos seus compañeiros e compañeiras nas aulas e defender as súas propostas para que O Porriño sexa un concello máis implicado na loita polos dereitos da infancia. Baixo o lema deste ano “Para cada infancia, todos os dereitos!” puxeron o foco na participación dos nenos e nenas na sociedade, na consecución dun planeta habitable e na paz.

No eido más local, propuxéronse cuestións como unha nova piscina pública, a necesidade de habilitar parques libres de fumo, a eliminación de barreiras arquitectónicas ou o transporte público.

Outro dos puntos da orde do día era a convocatoria dunha nova edición da campaña de recollida de alimentos infantís e productos de hixiene A Hora de Dar que axudarán a moitas familias do Porriño que o necesitan. A proposta foi aprobada por unanimade e desenvolverase o vindeiro 28 de novembro nos centros escolares.

Aberto o prazo de solicitude para o Campamento de Nadal 2024

O Concello de Porriño abre este martes 26 de novembro o prazo de inscrición para o seu Campamento de Nadal, un programa de lecer e tempo libre dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Esta actividade desenvolverase en varias datas do período vacacional escolar, e está deseñada para fomentar o desenvolvemento integral dos menores a través de xogos, talleres, dinámicas de grupo e actividades deportivas.

O obxectivo principal do campamento é ofrecer un espazo lúdico e educativo que favoreza a conciliación da vida familiar e laboral das familias do municipio, proporcionando aos nenos e nenas unha contorna segura, de diversión e aprendizaxe durante as vacacións.

Ademais, será unha oportunidade para que os nenos e nenas desenvolvan a súa sociabilidade e gocen dun ambiente de encontro e relación cos seus compañeiros.

O campamento desenvolverase os días 23, 26, 27 e 30 de decembro de 2024 e 2, 3 e 7 de xaneiro de 2025.

As actividades levaranse a cabo en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 h. Ademais, ofrecerase a opción de aula matinal, con entrada a partir das 8:30 h e recollida ás 14:30 h, para facilitar a conciliación das familias.

A actividade é completamente gratuíta e requírese inscrición previa, tendo preferencia os nenos e nenas do Porriño. O prazo para inscribirse será do 26 de novembro ás 8:59 h ata o 2 de decembro ás 8:59 h. As inscricións poden formalizarse de maneira presencial no rexistro municipal ou a través da sede electrónica do Concello do Porriño.

A UNED segue apostando por facilitar a formación superior no Porriño

O Concello de Porriño acolleu hoxe a presentación da oferta formativa da UNED Porriño para este curso, un evento que contou coa presenza do alcalde, Alejandro Lorenzo, o director da UNED Pontevedra, Víctor M. González, e o coordinador de Extensión Universitaria, Rafael Cotelo.

A Universidade Nacional de Educación a Distancia o ampliou a súa oferta no municipio, incluíndo graos oficiais en Dereito, Socioloxía e Traballo Social. Estes programas permiten aos estudantes avanzar ao seu propio ritmo, beneficiándose de recursos de alta calidade e acompañamento académico personalizado.

Ademais, a UNED Porriño ofrece actividades e cursos de extensión universitaria para quen desexe completar a súa formación. Entre estas atópase un curso para a obtención do título da ESO para maiores de 18 anos e os cursos de UNED Senior, deseñados para fomentar a aprendizaxe sen límite de idade. Tamén se ofertan novos cursos, como a segunda parte do taller de xestión do estrés a través do movemento e un curso sobre a elaboración de pan de `masa madre´, rescatando a tradición culinaria.

O director da UNED Pontevedra, Víctor M. González, agradeceu “o compromiso do Concello do Porriño coa UNED. Somos unha universidade vinculada ao territorio e iso non sería posible sen o compromiso das institucións e a súa colaboración. Un compromiso compartido enfocado a dinamizar na medida das nosas posibilidades a nosa presenza no Porriño”. González concluíu animando á veciñanza do Porriño e da contorna a estar este novo grao de Dereito e lembrando que non é necesaria nota de corte.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de seguir ampliando a oferta educativa no Porriño, subliñando que “é fundamental que a xente poida estudar e forxarse un futuro sen necesidade de abandonar o seu pobo”.

Engadiu que isto non só beneficia aos cidadáns, senón que tamén é clave para o desenvolvemento do concello, xa que “Porriño conta cun gran potencial industrial con máis de 2.200 empresas e formar persoal cualificado para elas supón un avance enorme”. Concluíu apuntando que “en definitiva, a UNED no Porriño representa o noso compromiso coa educación e o desenvolvemento local e sempre estarei agradecido porque ese compromiso co noso pobo e a nosa xente sea mutuo”.

A UNED do Porriño empezou a súa actividade no curso 2022-2023, consolidándose ao longo dos seguintes anos cunha gran acollida por parte da cidadanía.