O alcalde do Porriño recolle na Universidade de Albacete o Premio Nacional Rebiun polo proxecto “Contos que curan”

  • No seu discurso, o rexedor compartiu o éxito co persoal bibliotecario e destacou o impacto social de “Contos que curan”, unha iniciativa de biblioterapia infantil gratuíta e accesible

O Porriño, 27 de maio de 2026.— O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recolleu hoxe no paraninfo da Universidade de Albacete o “Premio REBIUN ás boas prácticas en biblioteca”, outorgado á Biblioteca Municipal do Porriño polo seu innovador proxecto de biblioterapia infantil “Contos que curan”. No acto e sobre o escenario, estivo acompañado polos responsables deste proxecto, Albino Alonso e David Pérez.

Este prestixioso galardón de carácter único, concedido pola Red de Bibliotecas Universitarias y Científicas Españolas (REBIUN), está dotado con 3.000 euros e un diploma acreditativo. O seu obxectivo é recoñecer o mellor proxecto de boas prácticas levado a cabo por bibliotecas españolas non universitarias e organismos vinculados, poñendo o foco nesta ocasión no forte compromiso social e a calidade do servizo porriñés.

Un triunfo con nomes e apelidos

Durante a súa intervención ante as autoridades e o xurado de REBIUN, o alcalde asegurou que “este premio é froito do traballo dun gran equipo: Albino Alonso e David Pérez, xunto a todo o equipo da Biblioteca Municipal do Porriño” e agradeceu tanto a Rebium como a Baratz o apoio a este tipo de proxectos. Destacando “o seu traballo, a súa dedicación e o seu compromiso” e apuntando “que fan que O Porriño aposte polo futuro”.

O rexedor lembrou o “simbólico” momento no que se confirmou a noticia o pasado 23 de abril, Día do Libro. “Pilloume nas propias instalacións, rodeado de nenos e nenas que asistían, precisamente, a unha sesión de ‘Contos que curan’. Recibir este recoñecemento celebrando o poder da lectura foi a mellor recompensa posible ao esforzo de todo o persoal bibliotecario”.

Libros que protexen a saúde mental desde a infancia

O proxecto galardoado, “Contos que curan”, consiste nunha colección de boletíns temáticos publicados periodicamente tanto en formato físico coma dixital (en galego e castelán) para a súa descarga libre e gratuíta. A través do traballo de busca, selección e clasificación do persoal da biblioteca, fúndase un recurso documental aberto para que familias, colectivos educativos e profesionais da saúde dispoñan dunha guía práctica de “terapia con libros”.

A iniciativa está destinada a menores de entre 3 e 12 anos, unha etapa clave para previr, identificar e xestionar distintos problemas e trastornos mentais. Ata o de agora, tense editado material para abordar temáticas complexas como “Morte e loito”, “Acoso escolar” e “Timidez e fobia social”. O proxecto contempla ampliar proximamente a súa axenda cara a outras cuestións esenciais coma a sexualidade, o medo á escuridade, os malos tratos, a baixa autoestima ou a normalización da neurodiverxencia (autismo, dislexia, TDAH ou síndrome de Down).

Unha biblioteca viva e con proxección internacional

O xurado do premio REBIUN valorou moi positivamente que “Contos que curan” cumpra cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030, promovendo un acceso equitativo á información e mellorando os servizos bibliotecarios tradicionais. Ao estar dispoñible en formato dixital e en varias linguas, convértese nunha utilidade aberta a todo o mundo hispanofalante.

No peche do seu discurso, o alcalde amosou o seu agradecemento á organización: “Grazas de corazón a REBIUN por poñer en valor o impacto social das bibliotecas municipais, e a Baratz por impulsar e apoiar este premio. A nosa biblioteca, a do Porriño, está viva, os seus libros laten na rúa e os seus responsables merécense este premio”.

O Porriño abre o prazo de inscrición para o Campamento de Verán Corresponsables 2026

Este luns 25 de maio ás 9:00 h ábrese o prazo de presentación das solicitudes para participar no Campamento de Verán Corresponsables 2026 . Durante toda a semana ata o luns 1 de xuño ás 8:59 h as persoas interesadas poderán presentar a inscripción por sede electrónica ou presencialmente por rexistro.

Un ano máis os rapaces e rapazas de entre 3 e a 12 anos ( ambos inclusive) desconectaranse da rutina. Dende a Concelleria de Igualdade do Concello do Porriño, a través do Centro de Información á Muller e co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través do Plan Corresponsables organiza un campamento cheo de deportes e actividades ao aire libre, talleres creativos e coeducativos, piscina, música e experiecias diversas todas elas para vivilas , contalas e recordalas.

Duración: do 29 de xuño ao 8 de setembro distribuídas en semanas.

Horario: de 9:00 a 14:00h con aula madruga dende as 8:30 ata as 14:30 h

Para a inscrición débese cubrir e asinar a folla de inscrición debidamente ,achegando a documentación obrigatoria así como no caso de concurrir algunha circunstancia excepcional das descritas na solicitude achegar aquela que acredita a mesma.

Só as persoas que aparecen como representantes legais na solicitude e asinen a mesma poderán entregar e recoller aos participantes . As demais persoas deberán levar autorización asinada polo representante legal e pola persona autorizada xunto con copias do D.N.I de ambas.

No ten quedes sen a túa praza VIVE CON NÓS ESTA AVENTURA!

Para dubidas escribir ao correo cim@oporrino.org ou chamar ao 986335000 Ext O.

DATOS CAMPAMENTO

FOLLA DE INSCRICIÓN

 

 

O Porriño busca espazos de recreo máis inclusivos, libres de violencias e igualitarios, a través do proxecto Patios Coeducativos

  • A iniciatia realizouse en todos os colexios públicos e concertados do municipio implicando a alumnado, profesorado e familias

O Porriño, 20 de maio de 2026.  O Concello do Porriño vén de completar no CEIP Ribeira o desenvolvemento do proxecto “Patios coeducativos”, unha iniciativa que xa foi implantada nos centros nos centros educativos de Atios, Antonio Palacios, Budiño, Fernández López, Santo Tomás e Hermanos Quiroga, acadando así a súa extensión a todos os colexios do municipio.

Este programa ten como obxectivo principal transformar os patios escolares en espazos máis inclusivos, diversos e igualitarios, favorecendo unha convivencia máis respectuosa e promovendo a cultura dos bos tratos entre o alumnado. A través dunha metodoloxía participativa, o proxecto implica á comunidade educativa no seu conxunto -alumnado, profesorado e familias- para repensar os usos do patio e romper cos estereotipos de xénero que tradicionalmente condicionan estes espazos.

Entre as actuacións desenvolvidas inclúense obradoiros de sensibilización co alumnado, actividades formativas coas familias e procesos de análise e redeseño dos patios, co fin de convertelos en lugares polivalentes onde teñan cabida diferentes formas de xogo e relación.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que participou no obradoiro que se desenvolveu na biblioteca do CEIP da Ribeira, destacou a importancia desta iniciativa “para avanzar cara unha educación en igualdade real desde as primeiras idades”. “Estamos a falar de transformar espazos cotiáns como os patios escolares en lugares que fomenten o respecto, a convivencia e a igualdade de oportunidades para todos os nenos e nenas”, sinalou.

Pola súa banda, a concelleira de Educación, Carolina González, puxo en valor o carácter participativo do proxecto: “Este programa non só cambia os patios, senón tamén a maneira de relacionarse do alumnado. Implica a toda a comunidade educativa e contribúe a construír unha sociedade máis xusta desde a base”.

O proxecto “Patios coeducativos” enmárcase nas políticas municipais de promoción da igualdade e prevención das violencias, apostando pola educación como ferramenta clave para combater estereotipos e fomentar valores como o respecto, a empatía e a inclusión.

 

Éxito rotundo do I Foro do Porriño Conecta Talento cun pavillón ateigado e centos de encontros laborais

  • O Polideportivo Municipal converteuse no epicentro Emprego, reunindo a centos de mozos, relatores de primeiro nivel e preto dunha decena de empresas punteiras.
  • O Conselleiro de Educación visitou o espazo expositivo pola mañá e o Conselleiro de Emprego participou no acto de clausura xunto ao alcalde, Alejandro Lorenzo.
  • Joaquín Dosil, Pedro Rodríguez e Emilio Duró inspiraron coas súas conferencias aos asistentes

O Porriño, 19 de maio. – O Porriño demostrou hoxe o enorme potencial do seu capital humano e o músculo empresarial coa celebración do I Foro de Emprego e Desenvolvemento Profesional: O Porriño Conecta Talento. A xornada, que superou todas as expectativas da organización, saldouse cun éxito rotundo de participación, deixando a imaxe dun pavillón municipal ateigado de estudantes, profesionais e desempregados en busca de novas oportunidades.

Desde primeira hora da mañá, a afluencia de asistentes foi constante no Polideportivo Municipal. O gran atractivo do evento non só estivo no seu potente programa de relatorios e mesas redondas, senón tamén no espazo Talent Hub, onde se xeraron numerosas citas interpersoais e entrevistas rápidas de traballo entre os mozos e os responsables de recursos humanos de grandes compañías multisectoriais.

O foro contou ademais coa presenza do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, quen realizou unha visita institucional ao recinto, percorrendo os diferentes stands do espazo expositivo e compartindo impresións co medio cento de empresas representadas e aqueles que acudían a visitalas. Durante o seu percorrido, destacou a importancia de aliñar a oferta formativa coas demandas reais do tecido produtivo galego.

Pola súa banda, o broche de ouro á intensa xornada tivo lugar ás 19:00 horas co acto de clausura oficial. Nel participou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, quen estivo acompañado polo alcalde do Porriño, Alejandro Loreaalcnzo, presente durante toda a xornada.

O rexedor porriñés amosou a súa enorme satisfacción pelo resultado deste primeiro foro: “Ver este pavillón cheo de talento, de mozos con ganas de comerse o mundo e de empresas dispostas a escoitalos é o mellor indicador de que O Porriño ten moito futuro. Este concello vai seguir sendo o motor industrial da contorna e o mellor aliado para o emprego”, sinalou Lorenzo, quen agradeceu o traballo de todas as entidades colaboradoras e a implicación dos relatores. Con esta primeira edición, O Porriño Conecta Talento consolídrase como unha ferramenta indispensable para conectar de forma directa a oferta e a demanda laboral, impulsando a empregabilidade local e motivando as novas xeracións a construír o seu futuro profesional desde Galicia.

Con esta primeira edición, O Porriño Conecta Talento consolídrase como unha ferramenta indispensable para conectar de forma directa a oferta e a demanda laboral, impulsando a empregabilidade local e motivando ás novas xeracións a construír o seu futuro profesional desde Galicia.

Conferencias

Joaquín Dosil, profesor da Universidade de Vigo e presidente de Libredón, deu as claves para facer entrevistas de traballo importantes e impactantes. Porque o talento que buscan as empresas está, explicou, “nas competencias transversais: hoxe en día as empresas están a buscar candidatos ou candidatas que teñan a capacidade de saber traballar en equipo, capacidade de poder persistir, ter resiliencia, persoas que teñan capacidade de relacionarse con outras persoas con facilidade e crear bo clima de traballo”. Así, puxo o foco en como desenvolver individualmente estas habilidades sociais que son tan necesarias para chegar á entrevista e causar impacto desde a chegada, desde o saúdo inicial ata o desenvolvemento da propia entrevista, e como facer o peche desta.

Xa na xornada de tarde, foi a quenda de Pedro Rodríguez, que plantexou a busca de traballo como un proceso de venda, e “ao igual que as decisións de compra de produtos ou servizos se basean fundamentalmente nas emocións que os vendedores e as vendedoras transmitimos, no caso da venda nun proceso de selección, exactamente igual”. Polo tanto, adestrar a actitude e a motivación que temos ante un process de busca de emprego é fundamental para xerar oportunidades e para conseguir ese traballo que tanto desexamos, explicou. Neste senso, apuntou que “o que diferencia as persoas non é o que saben, senón o que fan con iso que saben. É moi importante ante a busca de emprego facer cousas, e moitas veces, lamentablemente, o medo paralízanos e fai que nos quedemos parados ante esa situación.”

Durante o Talent Briefing, os directores de Recursos de ZENDAL, Gonvarri Steel Industries, Ganain, Clece, Grupo Trapega e CEAMSA deron as claves sobre as necesidades reais de talento no mercado laboral.

O prato forte era Emilio Duró, e non defraudou, cunha conferencia interpretada en lingua de signos, na que desbordaron a enerxía, a paixón e o optimismo, animou o pavillón, ateigado de público, ao que asegurou que “a ilusión segue a ser a enerxía máis rendible do mundo”, sinalando que “a actitude é a diferenza entre ver problemas… ou ver oportunidades” e que “emprender non é non ter medo, é avanzar a pesar do medo” e concluíndo que “O Talento abre portas, pero a attitude decide ata onde chegas”.

Durante o Foro, ademáis o Talent Pitch, con sete candidatos que tiveron dous minutos para mostrar as súas fortalezas e coa especialista en reclutamento e xestión de talento de Abanca Lara Ríos que os introduciu no programa TOP ABANCA, o programa para impulsar carreiras profesionais e que logo deu feedback a cada un dos participantes. Tamén a oferta formativa da Universidade de Vigo,  con Noa Lema Rodríguez, egresada no Grao de Publicidade e Relacións Públicas da UVigo no Campus de Pontevedra. 

O acto de clausura contou coa participación do alcalde do Porriño, e o Conselleiro de Emprego José Gonzáñez Vázquez.

Diversidade de postos de traballo

Como estaba anunciado, as empresas participantes chegaron con ofertas de traballo en busca de candidatos, que se dividiron entre perfís técnicos, talento altamente cualificado e sector servizos e atención social. Así, os perfís técnicos estiveron presentes sobre todo na industria pesada e de automoción.

Durante o encontro, as entidades participantes ofertaron postos para técnicos/as de calidade, operarios/as de produción, specialists en mantemento industrial e montaxe, así como perfís especializados en robótica industrial, automatización e programación de robots. Tamén houbo un oco destacado para oficios especializados como soldadores/as TIG e MIG/MAG, caldeireiros/as e profesionais de loxística con manexo de carretilla elevadora. O talento altamente cualificado e a innovación tecnolóxica foron outros dos piares fundamentais do Talent Hub, con ofertas para enxeñeiros/as industriais, químicos, mecánicos e electrónicos, xunto con programadores/as Python e profesionais do sector das telecomunicacións. No ámbito da xestión e a saúde laboral, buscáronse técnicos/as superiores en PRL, consultores/as de formación e especialistas en xestión empresarial e normativa. Ademais, a oferta incluíu perfís de investigación ligados á innovación tecnolóxica e á I+D+i. Por último, o sector servizos e a atención social completaron unha oferta laboral moi heteroxénea. O foro serviu para cubrir vacantes de repartidores/as, condutores/as profesionais, persoal de atención ao cliente e xestores de banca. No ámbito social e educativo, ofertáronse postos para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), educación infantil e persoal de cociña. Incluso os oficios tradicionais como a albanelería, fontanería ou carpintería, así como tarefas agrícolas de recollida e poda, tiveron o seu espazo nesta exitosa convocatoria.

O Porriño énchese de cor coa inauguración dos “Mini Can Parede” e o obradoiro “Pintando Cans”

O Porriño, 14 de maio de 2026 – O centro do Porriño transformouse hoxe nunha improvisada galería de arte ao aire libre. O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañou esta mañá aos escolares da vila na inauguración da exposición “Mini Can Parede”, unha das actividades máis queridas e agardadas que serven de limiar ao recoñecido Festival de Cans.

Durante a xornada os alumnos máis dun cento de alumnos e alumnas dos diferentes centros educativos do Porriño participaron nesta xornada de creación colectiva na que decoraron os míticos cans do Festival.

Este proxecto, que tanto éxito acada entre os/as máis cativos/as da vila, volve para facer partícipes a todos os nenos e nenas, traballando xuntos (sen importar a idade) na decoración dun “Can Parede” (unha silueta do noso emblema oficial que a organización lles facilitará aos colexios participantes).

A temática é libre e o material decorativo tamén. Non hai restricións técnicas nin materiais.

Todos os “Mini Can Parede”- 9 siluetas- se exhibirán nos farois da zona peonil do Porriño

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer en valor o talento e o esforzo dos participantes durante o percorrido: “Cada ano os nosos nenos e nenas sorpréndennos coa súa creatividade e ilusión. O ‘Mini Can Parede’ demostra que a cultura pode e debe ser accesible, participativa e integradora dende as primeiras etapas da vida”. Neste mesmo senso a concelleira de Educación, Carolina Gonzalez, destacou que “esta actividade é unha oportunidade para que os rapaces se sintan parte activa do festival, ao tempo que desenvolven habilidades artísticas e valores fundamentais como a cooperación e o respecto polo traballo común”.

Sete alumnos do Porriño sitúanse na elite creativa nacional co seu vídeo sobre o benestar emocional

  • O alcalde, Alejandro Lorenzo, felicitou persoalmente aos sete estudantes de Comercio Internacional que foron seleccionados entre os mellores de España polo seu vídeo sobre solidariedade e equidade.

O Porriño, 13 de maio de 2026.– O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu na Casa do Concello a un grupo de sete alumnos e alumnas de 1º curso do Ciclo Superior de Comercio Internacional do IES Ribeira do Louro. O motivo da recepción foi o recoñecemento ao seu traballo audiovisual titulado “Juventud en acción: Solidaridad y equidad en 60 segundos”, que resultou seleccionado polo SEPIE (Servizo Español para a Internacionalización da Educación) como un dos sete mellores proxectos a nivel nacional.

Un reto entre centros de toda España

A iniciativa xurdiu como un reto lanzado pola axencia nacional SEPIE para celebrar a Semana Europea da Xuventude. O comité de avaliación elixiu a proposta porriñesa entre múltiples centros de toda España. O equipo, formado por Verónica Vilaboa, David Lago, Gala Torres, Cristóbal Olmedo, Nerea Costas, Caroline Finol e Daniel Gregores, desenvolveu un “reel” que simboliza o peso emocional que cargan os mozos hoxe en día e como o apoio mutuo pode aliviar esa carga.

O alcalde salientou “o orgullo que supón para O Porriño contar con mocidade tan talentosa, capaz de unir a creatividade técnica cos valores de solidariedade e compromiso social”.

Formación práctica e transversal

Este éxito é froito da colaboración educativa no centro. A actividade encadrouse dentro da asignatura de negociación internacional como práctica real de comunicación dentro deste módulo formativo e dentro do proxecto de centro, integrado na temática anual da Biblioteca do IES Ribeira do Louro, dedicada ao Cine.

O equipo de traballo

O proxecto foi un esforzo colaborativo onde cinco alumnos exerceron como actores e actrices, mentres que os outros dous asumiron as tarefas de guión e dirección. No dossier presentado ao alcalde, detállase o uso de recursos simbólicos como unha mochila chea de pezas de roupa que representan os problemas invisibles da mocidade, que se van repartindo grazas á axuda dos compañeiros ata acadar un final de liberación e benestar emocional.

Con este recoñecemento, o Concello do Porriño quere poñer en valor a calidade do ensino público do municipio e a capacidade dos seus estudantes para destacar en certames de ámbito estatal.

O Porriño convértese no epicentro das letras coa Feira do Libro do 14 ao 17 de maio

  • Desde o pregón da Libraría Paz ata obradoiros de seres fantásticos e teatro familiar, o programa busca converter o libro no protagonista absoluto do lecer porriñés.

O Porriño, 12 de maio de 2026 O Barrio de San Bieito acollerá desde este xoves a Feira do Libro do Porriño, unha cita imprescindible para os amantes da lectura que contará cunha ampla representación de librarías, autores e actividades culturais para todas as idades.

O evento, que se estenderá ata o domingo 17 de maio, ofrecerá un desconto do 10% en todos os libros. O horario de apertura será de 11:30 a 14:00 h e de 17:30 a 21:00 h, agás o xoves (só pola tarde) e o domingo, que pechará as súas portas ás 20:00 h.

Unha programación para todos os públicos

A feira arrancará oficialmente o xoves 14 ás 18:00 h co acto inaugural e o pregón a cargo da Libraría Paz, precedido pola actuación musical das Cantareiras Fonteliño.

Destaca o rexedor, Alejandro Lorenzo, a historia desta libraría no Porriño, apuntando a importancia das librarías para afianzar o comercio local. “Co desconto do 10% en todos os exemplares, esta é a oportunidade perfecta para que os a cidadanía porriñesa apoie o sector libreiro e leven a cultura ás súas casas. Convido a todo o mundo a participar nos obradoiros e a compartir este tempo cos autores e autoras que nos visitan.”

Entre os pratos fortes da programación destacan as actividades  infantís e familiares, con obradoiros de biblioterapia como “Contos que curan” , o espectáculo “Os Xogos do Paporrubio” e diversas sesións de teatro con Pablísimo e a compañía Pedras de cartón. Haberá, claro, encontros literarios coa  presentación de Mulleres que viven xuntas de Abril Camino ou a actividade de lecturas compartidas “Ler o que les” con Lucía Aldao, Silvia Penas e Samuel Merino o domingo.Tamén obradoiros: o sábado pola tarde, David Rodríguez guiará aos asistentes nun curioso obradoiro sobre os seres fantásticos de Galicia.

Autores nas casetas

Un nutrido grupo de escritores darase cita nas casetas das librarías participantes (Libraría Paz, Porto, Bahía Ribadeo, Copi-Rey, Uróboros, Boulevar e A Gata Tola) para asinar os seus últimos traballos. Entre os autores confirmados figuran Manuel Esteban, Amara Castro Cid, Samuel Ferro, Carlos Gabriel Fernández e Alba López Geada, entre moitos outros.

As persoas interesadas en participar nos obradoiros poden realizar a súa inscrición a través do sitio web oficial da Federación de Librarías de Galicia (www.librarias.org).

Actividades infantís

A Feira contará cun completo programa de actividades pensadas para todas as idades. Dentro destas actividades o Concello do Porriño ten programado  un contacontos que se levará a cabo no barrio de San Bieito o vindeiro 15 de maio (con dúas representacións, ás 11 e ás 12 horas, de 40 minutos de duración cada unha).

Mireia Casal, artista e especialista en desenvolvemento infantil, trasladrá o seu espectáculo de contacontos ao barrio de San Bieito  na data 15 de maio , para o disfrute dos nenos/as do noso Concello.

Como extensión do seu programa de biblioterapia infantil, “Contos que curan” (unha colección de boletíns que se publican periodicamente desde a biblioteca, para previr e xestionar distintos problemas emocionais na infancia), a biblioteca do Porriño ofrece tamén distinta sesións de contacontos nas instalacións da biblioteca.

Desde marzo a xuño, os segundos xoves de cada mes ás 17:30, a contacontos Mireia Casal escolle un dos contos recomendados na publicación para leer ao nenos e nenas de 3  a12 anos de idade.

Estas funcións van destinadas ao alumnado de 6º de Educación Infantil dos centros educativos do Porriño e ao alumnado de Educación Infantil do CEIP de Mosende, o que fai un total de 169 alumnos/as.

“Esta Feira do Libro é moito máis que un mercado de novidades editoriais; é a porta a universos infinitos que abrimos para toda a veciñanza do Porriño. Queremos que nenos, nenas e adultos se acheguen á carpa de actividades para gozar dunha programación que mestura literatura, música e teatro”, dixo Lorenzo.

Esta edición da Feira do Libro está organizada pola Federación de Librarías de Galicia e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello do Porriño e a Deputación de Pontevedra.

Podes consultar o programa premendo aquí.

Libros que Latexan pecha con broche de ouro na biblioteca do Porriño

  • A Biblioteca Municipal do Porriño acolleu a mostra final deste obraoiro que puxo en valor a literatura

O Porriño, 08 de maio de 2026. O Concello do Porriño, a través da Biblioteca Municipal, estivo a desenvolver durante os meses de marzo e a abril o obradoiro de expresión e creación Libros que latexan, que convidou a veciñanza a transformar a lectura nunha experiencia viva a través de ferramentas de diferentes campos artísticos.

Este xoves, 7 de maio, a sala de lectura da Biblioteca, sita no primeiro andar do Centro Cultural Municipal do Porriño (Avda. Domingo Bueno, 9), acolleu a última sesión desta actividade, cunha mostra en aberto dalgúns dos procesos e materiais desenvolvidos ao longo das oito sesións do obradoiro.

O programa, impartido por Ana Abad de Larriva, coordinadora e dinamizadora do club de lectura municipal, estruturouse arredor de varios eixes temáticos (o latexo do espazo, das palabras, do corpo, da memoria e da voz, entre outros), que se interrelacionaron nun proceso lúdico e progresivo, combinando lectura sensorial, escritura creativa e expresión oral e corporal.

Ademais de fomentar a expresión e a creación nas persoas participantes e poñer en valor a vida dos libros, o obradoiro e esta mostra final aberta tamén reforzan o papel da Biblioteca Municipal como auténtica “casa dos libros” para a cidadanía: un lugar de encontro, relación, aprendizaxe permanente e intercambio creativo que contribúe ao desenvolvemento persoal e colectivo.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacara xa na presentación de Libros que latexan a importancia desta iniciativa cultural, que promove a participación e reforza o papel da biblioteca como motor social: “Queremos que a nosa Biblioteca sexa moito máis que un lugar de préstamo de libros; queremos que sexa un espazo vivo, onde a cultura se comparta, se experimente e se cree en comunidade. Libros que latexan representa perfectamente esa filosofía: ler, sentir e transformar as historias en experiencia compartida”.

O Concello do Porriño licita o servizo integral de mantemento e vixilancia para centros educativos e instalacións deportivas

  • O contrato divídese en dous lotes cun orzamento base que supera os 250.000 euros anuais.
  • O obxectivo é garantir o perfecto estado dos colexios e o control de accesos nos pavillóns e centros municipais as 24 horas en eventos especiais.

O Porriño, 07 de maio de 2026. O Concello do Porriño anuncia a licitación do novo contrato para a prestación de servizos integrais de mantemento, reparación, vixilancia e conserxería. Este contrato ten como finalidade asegurar que os centros educativos e as instalacións deportivas do municipio conten cun funcionamento óptimo e seguro para todos os usuarios.

Así, o contrato sae a licitación dividido en dous bloques: o primeiro para o mantement integral dos centros educativos, que comprende o CEIP Plurilingüe Xosé Fernández López, Antonio Palacios, da Ribeira, Atios e Da Cruz Budiño. Este primeiro lote ten un orzamento de 150.000 euros anuais, para un servizo que cubrirá o mantemento preventivo e arranxos de fontanaría, electricidade e carpintaría, o coidado de xardíns, patios e zonas comúns durante a xornada escolar, e o servizo de conserxería con apertura, peche, control de accesos e vixilancia das alarmas.

O segundo lote, cun orzamento máximo de 101.000 euros ao ano, está destinado á vixilancia e control de accesos en instalacións como o Pavillón Municipal, os campos de fútbol de Atios, Mosende, Lourambal, Budiño e Pontellas, o Velódromo e o Centro Multiusos de Torneiros, entre outros. Este servizo inclúe a xestión de entradas, aluguer de pistas ou a vixilanza e custodia das instalacións, tamén o control e bo funcionamento de todos os servicios ou recepción e distribución de material.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, explica que con esta nova contratación, o Concello  do  Porriño  reafirma  a  súa  aposta  pola  mellora  e  mantemento das infraestruturas públicas, garantindo espazos máis limpos, seguros e mellor atendidos para toda a cidadanía.

O Porriño ofrece unha charla sobre o consumo de cannabis na adolescencia xunto a Asociación Érguete

  • A formación, que comeza ás 00 horas deste mércores no Centro Cívico, presentará o programa ADOS da entidade
  • Ofrece unha alternativa educativa aos menores con sancións administrativas relacionadas con esta droga

O Porriño, 5 de maio de 2026. O cannabis é a droga ilegal máis consumida durante a adolescencia. É unha substancia que pode ter especial incidencia nos seus procesos cognitivos, xa que o cerebro aínda está en desenvolvemento. Por este motivo, o programa de Prevención da Asociación Érguete insiste en formar as familias e aos menores dos perigos desta droga e, tamén, en darlles unha alternativa a través do seu Programa ADOS a todos os menores que foron sancionados por consumir ou ter cannabis. É dicir, este servizo permite substituír a multa a cambio de comezar a asistir ao servizo que ofrece a Asociación Érguete para axudar aos menores a deixar de consumir. Este programa será presentado o vindeiro mércores ás 12.00 horas no Centro Cívico do Porriño cunha charla gratuíta enfocada a familias e profesionais.

A responsable de Prevención da Asociación Érguete, Noelia Romero, explica que con este programa pretenden “dar unha resposta socioeducativa a este problema social. Facilitamos información sobre as consecuencias derivadas do uso e abuso de drogas, modificando estereotipos sociais e culturais, e, tamén, facilitamos estratexias educativas que favorezan estilos de vida máis saudables para motivar a prevención de condutas de risco”. Ademais, insiste en que o programa xa atendeu a decenas de menores da área de Vigo e que ofrece aos adolescentes e as súas familias un lugar seguro e libre de prexuízos para tratar a problemática.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de traer esta iniciativa ao municipio. “Dende o Concello temos o compromiso de protexer a saúde e o futuro dos nosos mozos e mozas. Non queremos que unha sanción sexa o final do camiño, senón o inicio dunha solución. Grazas ao programa ADOS e á colaboración con Érguete, cunha relación moi cercana co municipio, ofrecemos ás familias do Porriño unha ferramenta real para reconducir estas situacións dende a educación e o apoio, fuxindo do carácter puramente punitivo”. O rexedor citaba a Dora Carrera, unha das fundadoras da asociación a que este ano se lle outorga o Premio de Honra Antonio Palacios e que terá unha rúa no municipio.

Na Asociación Érguete lembran que os delitos máis frecuentes relacionados co cannabis son os que se cometen debido aos efectos da substancia: “Non podemos obviar a importancia de que unha persoa teña o seu primeiro contacto coa lei durante a adolescencia”, continúa Romero, que lembra que no momento en que a familia recibe a primeira notificación da sanción administrativa, pode comezar no programa ADOS da Asociación Érguete.

A charla no Porriño busca dar a coñecer entre as familias do municipio un servizo público ao que poden acceder chamando ao 986.250.240 ou escribindo un correo a prevencion@asociacionerguete.org