Amplíase ata hoxe a exposición de fotografías “Unha mirada de antano” no Centro Cultural Municipal

A exposición «Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia» que se exhibe no Centro Cultural Municipal extendese un día máis xa que inicialmente estaba previsto que pechase na data de hoxe, 2 de xuño, segundo informa o persoal do Centro.
Entre as fotografías seleccionadas para exhibirse en Porriño ocupan un lugar sobranceiro catro imaxes que Anderson tomou na nosa vila e unha delas serviu para o cartel anunciador. Está alcumada como “Método para
carrexar un cesto entre Mondariz e Porriño”. Foi sacada por Ruth Matilda o 12 de septembro de 1924 e empregouse como imaxe do programa de man da exposición.
Esta mostra de fotografías exhíbese en Porriño grazas ó convenio de colaboración que subscribiron “ABanca”, “AFundación” e o Concello de Porriño”, dende o pasado 9 de maio. Daquela, na cerimonia de inauguración, presidida por Eva García, manifestara que “como muller e como alcaldesa síntome moi orgullosa de que a nosa cidade acolla esta mostra de fotografía baseada na obra dunha muller pioneira do seu tempo” e valorou que “a calidade do traballo vai máis aló das imaxes; reflexou como ningún antes unha Galicia rural e costeira en tempos de depresión, retraso e pobreza”.
A exposición, de entrada libre e gratuíta pódese visitar neste derradeiro día en Porriño ata as 20.30 horas.

Competición escolar de mini basket organizada polo “Porriño Baloncesto Base” cos colexios da cidade

Alumnos de 2º, 3º e 4º de Educación Primaria dos colexios da cidade participaron durante estes últimos días na competición escolar de mini basket organizada polo “Porriño Baloncesto Base” (PBB).


Durante as tres xornadas que durou a competición, preto de 450 nenos e nenas tiveron a oportunidade de coñecer e disfrutar do deporte da canastra da mán dos técnicos do PBB. “Predominou un ambiente de convivencia e armonía” segundo valorou Quico Dopico, coordinador de colexios do Porriño Baloncesto Base e tivo oportunidade de comprobar persoalmente Lourdes Moure, concelleira de Educación e tenente de alcalde que lles fixo unha visita.

“CORTO E CAMBIO”: presentamos as dez pezas audiovisuais elaboradas por alumnos porriñeses para alertar contra o consumo de drogas, alcol e tabaco.

Segundo anunciou a OMIX, subimos a esta páxina web do Concello os dez traballos audiovisuais elaborados por alumnos porriñeses que participaron no programa “Corto e cambio”. As curtas presentaronse o pasado martes no Centro Cultural Municipal como colofón do ciclo formativo para a prevención de consumos de drogas, alcol e tabaco entre a mocedade porriñesa.

1. Ribeira do Louro / 4º C
O menudeo de droga leva consigo moita violencia e abuso de poder. Aquí vai unha mostra.

2. Pino Manso / 1º FP
Esta é unha historia do cotián, de como as drogas poden afectarnos no noso día a día.

3. Pino Manso / 4º AC G2
Hai moitas presións externas e de grupo á hora de consumir drogas. Esta curta mostra precisamente iso.

4. Ribeira do Louro / 4º B G1
Esta peza ensina esa espiral da droga que afunde a moita xente, pero cun toque diferente… Ata aquí podemos ler.

5. Pino Manso / 2º FP
Seguro que algún de vós séntese identificado con un ou varios dos efectos recreados polos compañeiros…

6. Pino Manso / 4º AC G3
Velaquí unha historia de rehabilitación, que nos mostra que non importa o noso pasado se temos forza para mudar as cousas.

7. Pino Manso / 4º AC G1
Esta é, probablemente, a curta máis experimental de todas… mostrando dun xeito único como o consumo de drogas consume ás persoas.

8. Ribeira do Louro / 4º A
Se o habitual é contar historias dende o punto de vista do consumidor, aquí temos unha dende o punto de vista do camello e da súa responsabilidade nas vidas da xente que consume.

9. Pino Manso / 4º B
Se antes falábamos da rehabilitación, aquí pasamos á destrución… hai veces que a droga pode rematar con absolutamente todo.

10. Ribeira do Louro / 4º B
Para rematar a peza audiovisual máis poética de todas. Dende logo, unha curta para reflexionar.

A Concellería de Servizos Sociais fai balanzo de actuacións do Servizo de Prevención de Drogodependencias

O Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Porriño informa que ó longo deste ano ten levadas a cabo “numerosas iniciativas destinadas a previr o acceso ó mundo das drogas entre distintos sectores da poboación”, segundo o balanzo que fixo público a Concellería de Servizos Sociais.
As accións do SPD desenroláronse en Porriño e tamén en Salceda de Caselas, mediante unha actuación coordinada que contou con subvención da Xunta de Galicia. Despegáronse en diversos ámbitos. Un deles, prioritario, é o alumnado dos centros educativos dos dous concellos. En diferentes sesión traballáronse hábitos saudables e habilidades sociais durante a adolescencia, co alumnado de Ensino Secundario.
Outro eido do traballo do Servizo de Prevención de Drogodependencias foi o alumnado máis pequeno, en Educación Primaria, ó que se achegaron a través de “Cinensino”, unha serie de películas cuio visionado completouse con unidades didácticas.


Outras actividades preventivas desenroladas polo SPD foron andainas saudables en familia, Foro Teatro e clases de iniciación ó surf impartidas en colaboración coa Escola Prado na Praia de Patos en Nigrán.

“Corto e cambio”: presentadas as 10 pezas audiovisuais elaboradas por alumnos porriñeses para sensibilizar contra o consumo de alcol, drogas e tabaco

Os concelleiros do goberno municipal, Lourdes Moure e Orlando Márquez asistiron esta tarde á presentación dos traballos audiovisuais do programa “Corto e Cambio” que se puideron ver en estrea no Centro Cultural Municipal. Estas 10 pezas audiovisuais elaboradas por alumnos porriñeses estarán en breve dispoñibles tamén na web municipal e nas redes sociais e forman parte do curso preventivo promovido pola OMIX do Concello de Porriño.

“Corto e Cambio” é un programa de prevención do consumo de tabaco, alcol e drogas entre adolescentes, no que participaron uns 120 mozos e mozas. Os participantes elaboraron eses audiovisuais para sensibilizar sobre esta problemática ao resto de compañeiros e a cidadanía en xeral.
As pezas audiovisuais, entre curtas de ficción, documentais e spots foron pensados, dirixidos, protagonizados e gravados por alumnos e alumnas dos IES Pino Manso e Ribeira do Louro en moitos casos cos seus propios teléfonos móbiles.


O programa “Corto e cambio” organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello do Porriño pretende sensibilizar sobre as consecuencias físicas, psíquicas e sociais derivadas do consumo deste tipo de sustancias.Así durante varias semanas os alumnos/as participantes contaron co apoio dunha psicóloga para traballar os contidos mais teóricos e dun titulado en comunicación audiovisual para apoiar na parte técnica de todo o que rodea a elaboración das pezas audiovisuais.
Segundo informou Noelia de la Fuente, responsable da OMIX, “o traballo baseouse na utilización doutros recursos audiovisuais realizados por mozos e mozas de idades similares as súas, de xeito que lles fose máis doado empatizar e implicarse na elaboración de novas pezas audiovisuais que axudasen aos seus compañeiros/as a identificar os riscos físicos e psíquicos para a saúde derivados do consumo deste tipo de sustancias, a analizar a presión grupal como factor favorecedor do inicio no consumo, a desmontar tópicos e mitos existentes respecto ao consumo e adquirir coñecementos e pautas de actuación para a redución de riscos”.

Presentación de 10 pezas audiovisuais elaboradas polo alumnado dos IES do Porriño, no marco do programa “Corto e Cambio” organizado pola OMIX.

“Corto e Cambio” é un programa de prevención do consumo de tabaco, alcol e drogas entre adolescentes, no que participaron uns 120 mozos e mozas promovido polo Concello de Porriño e organizado pola OMIX. Os mozos e mozas elaboraron distintas pezas audiovisuais para sensibilizar sobre esta problemática ao resto de compañeiros e a cidadanía en xeral.
En total presentaranse 10 pezas audiovisuais, entre curtas de ficción, documentais e spots pensados, dirixidos, protagonizados e gravados por alumnos e alumnas dos IES Pino Manso e Ribeira do Louro en moitos casos cos seus propios teléfonos móbiles.
Esta actividade forma parte do programa “Corto e cambio” organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello do Porriño que ten solicitada unha subvención a Xunta de Galicia, e pretende sensibilizar sobre as consecuencias físicas, psíquicas e sociais derivadas do consumo deste tipo de sustancias.
Así durante varias semanas os alumnos/as participantes contaron co apoio dunha psicóloga para traballar os contidos mais teóricos e dun titulado en comunicación audiovisual para apoiar na parte técnica de todo o que rodea a elaboración das pezas audiovisuais.
Segundo informa Noelia de la Fuente, responsable da OMIX, “o traballo baseouse na utilización doutros recursos audiovisuais realizados por mozos e mozas de idades similares as súas, de xeito que lles fose máis doado empatizar e implicarse na elaboración de novas pezas audiovisuais que axudasen aos seus compañeiros/as a identificar os riscos físicos e psíquicos para a saúde derivados do consumo deste tipo de sustancias, a analizar a presión grupal como factor favorecedor do inicio no consumo, a desmontar tópicos e mitos existentes respecto ao consumo e adquirir coñecementos e pautas de actuación para a redución de riscos”.
O resultado destes traballos audiovisuais poderá verse en estrea este martes pola tarde ás 16:15 horas no Centro Cultural Municipal e estará dispoñible tamén na web municipal e nas redes sociais a partir desta data.

Este domingo Porriño acolle a proba ciclodeportiva “Xarotos Gran Fondo”, a festa gastronómica dos “Cachos” e a última xornada da Feira do Libro

A proba ciclodeportiva “Xarotos Gran Fondo”, organizada polo clube “Máster da Louriña” e patrocinada polo Concello de Porriño e Deputación Provincial, contará finalmente cunha inscripción de 350 participantes. O dorsal número 1 será para o ex-ciclista profesional Gustavo Rodríguez, actualmente adicado ó triatlón, que nesta edición recibirá unha homenaxe especial polos organizadores.


A proba partirá dende o Concello de Porriño onde estará tamén a liña de meta. Cubrirá unha distancia de 130 kilómetros dos que 83 serán cronometrados. Tamén haberá outras duas probas complementarias de medio fondo e mini fondo sobre distancias de de 95 km e 71km, respectivamente que reunirán perto de 200 participantes.
A alcaldesa Eva García realizará a entrega de maillots e premios ós gañadores das diferentes categorías, ó termo da competición.

Por outra banda na mesma praza Arquitecto Antonio Palacios continuará e rematará este domingo a IV Feira do Libro que conta con 8 stands de librarías. Hoxe haberá tamén cinco presentacións de libros entre os que destaca Ledicia Costas que firmará exemplares da súa última obra, “Infamia e outros libros”. A Feira do Libro de Porriño pechará ás 21 horas.

E finalmente hoxe domingo 12 de maio tamén terá lugar a festa gastronómica dos “Cachos”. Organizan a Asociación de Hostaleiros do Porriño e a Asociación Veciñal San Benito e San Sebastian, coa colaboración do Concello do Porriño.
Segundo relata a web del departamento de Cultura do Concello de Porriño, a historia deste evento festivo ven de lonxe.
“Remóntase á resistencia porriñesa para evitar a entrada dos franceses na vila. Para conmemorar aquel momento histórico levantouse un cruceiro en Porriño e, ao redor del, foi crecendo un barrio que se converteu nun dos máis emblemáticos da localidade. Honrando ao Cristo dos Afligidos comezou a celebración dunha festa en maio e aos elementos relixiosos fóronse sumando outras actividades de lecer, entre elas, a parte gastronómica coas centolas como protagonistas; un marisco que aquí chaman “cachos” como se coñece desde entón ao propio barrio. Esta festa foi gañando fama nos arredores, con todo, a principios dos 80 fóronse perdendo seguidores, ata desaparecer. Hai uns anos, e grazas ao apoio da Administración, os veciños recuperárona e para que non volva desaparecer, edición tras edición, esfórzanse por ter unha programación máis atractiva”

Haberá “cachos” (centolas), ademais tamén se poderán degustar polbo, rosca, rosquillas, pan e viño, a partir de mediodía como poden ver na imaxe do cartel que adxuntamos.

A infancia de Porriño demanda carril bici, transporte público, un paseo polo río Louro, máis espazos de lecer e para deporte

Vinte representantes de 10 centros educativos de Porriño (dous por centro) participaron hoxe no Pleno Infantil que o Concello celebra cada ano para promover a participación de nenos, nenas e adolescentes. Tratábase de visibilizar a súa opinión e dereito a participar na xestión da cidade recollendo as súas propostas, tal e como sinala a Convención sobre os Dereitos do Neno.

Previamente a alcaldesa e a concelleira de Educación, en compañía dos nenos e nenas representantes dos centros de ensino máis os seus profesores e titores, acudiron ata a entrada do termo municipal pola Avenida de Galicia onde instalouse un dos catro sinais informativos que lembran a condición de Porriño como “Cidade Amiga da Infancia”.

A continuación, de volta na casa consistorial, a alcaldesa deu a benvida ós representantes de cada centro. Eva García lembrou que o mérito de esa declaración da UNICEF a favor de de Porriño que acadou o Concello e recibiu en Oviedo hai meses, “tamén é un mérito de todos vós e da comunidade educativa da cidade”.

Entre as propostas que os rapaces realizaron durante o Pleno Infantil moitas delas insistiron nunha maior dotación de espazos de lecer e para practicar deporte; demandaron carril bici e transporte público en autobús para comunicar as parroquias e o centro urbán de Porriño. Asimesmo representantes de varios centros coincidiron en pedir un paseo polo río Louro xunto co saneamento do caudal e as súas marxes.

A alcaldesa Eva García agradeceu as aportacións de todos os representantes de colexios e institutos participantes. Ó remate do pleno infantil a alcaldesa e a concelleira de Educación, Lourdes Moure entregaron agasallos e una placa conmemorativa a cada centro escolar participante.

Inaugurada a IV Feira do Libro de Porriño

Eva García, alcaldesa de O Porriño inaugurou este serán a IV Feira do Libro de Porriño que conta con oito stands instalados na praza Arquitecto Antonio Palacios.


Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia e representantes da Federación de Libreiros de Galicia participaron no acto que contou coa escritora Clara do Roxo, mosense e tamén vencellada con Porriño, coma a pregoeira.

A pesar da choiva intensa o publico seguiu as intervencións e logo a primeira charla coloquio programada que tivo como protagonista á propia Clara do Roxo.


Oito stands de librarías, quince actos de presentacións, coloquios e firmas de libros e vinte autores que estarán presentes, son alguns dos números máis salientables da Feira do Libro de Porriño.
Entre os escritores que pasarán pola Feira estarán Ledicia Costas, María Soliño, Raquel Castro, Sonia Mirón ou o porriñés Diego Giráldez co seu libro “Hotel para coleccionistas” publicado hai unas semanas por Editorial Galaxia que será protagonista mañán venres.
Unha das actividades novidosas deste ano esta vencellada cos actos de lembranza á figura de Antonio Palacios que está a realizar o Concello de Porriño. Consistirá nun “roteiro” polas obras que legou o arquitecto na súa cidade. O percorrido será guíado por dous especialistas na obra de Palacios: Xosé Ramón Iglesias e Xosé Ramón Paz Antón e terá lugar o sábado 11.

INAUGURADA A EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFIAS DE RUTH MATILDA ANDERSON NO CENTRO CULTURAL MUNICIPAL DE PORRIÑO

A Alcaldesa de Porriño, Eva García presidiu hoxe a inauguración da exposición «Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia» que se exhibirá no Centro Cultural Municipal ata o 2 de xuño. Lourdes Moure, concelleira de Educación; Walter Alvarez , director territorial de “ABanca” e Paloma Vela, coordinadora adxunta de Cultura de “AFundación” asistiron tamén en representación das institucións que trouxeron esta exposición a Porriño.

“Como muller e como alcaldesa síntome moi orugullosa de que a nosa cidade acolla esta mostra de fotografía baseada na obra dunha muller pioneira do seu tempo”, dixo Eva García na súa intervención.
A alcaldesa de Porriño valorou que “a calidade do traballo vai máis aló das imaxes; reflexou como ningún antes unha Galicia rural e costeira en tempos de depresión, atraso e pobreza”.
Nesa misma liña, Paloma Vela, en representación de AFundación, sinalou que a mostra “presenta un completo relato documental e antropolóxico da Galicia dos anos vinte”. E salientou a capacidade desa xoven neoiorquina “para aprender algo de galego e castelán o que lle facilitou aproximarse ás xentes e que incluso lle franquearán ó acceso as súas casas para reflectir con tanto coidado e empatía a realidade da nosa terra”.

A exposición, de entrada libre e gratuíta pódese visitar de luns a venres en horario de 8.30 a 20.30 h. Hoxe coincidindo coa inauguración, unha comitiva de 25 estudantes do IES Pino Manso, de Porriño participaron da primeira visita guíada á mostra. En vindeiros días conmtinuarán outros centros educativos de Porriño.
Entre as fotografías seleccionadas para exhibirse en Porriño ocupan un lugar sobranceiro catro imaxes que Anderson tomou na nosa vila e unha delas serve para o cartel anunciador. Titulada “Método para carrexar un cesto entre Mondariz e Porriño”, sacouse por Ruth Matilda Anderson o 12 de septembro de 1924 e serve ademáis como imaxe do programa de mán da exposición.

IMG