Comezaron as probas da ABAU nos pavillóns do Polideportivo Municipal


230 alumnos de cinco centros educativos do Porriño e Mos comezaron hoxe a realizar as probas da ABAU repartidos entre os dous pavillóns do Polideportivo Municipal.

Os exames da Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade continuarán esta tarde e seguirán mañá e o xoves.

Lourdes Moure, concelleira de Educación comprobou persoalmente xunto cos representantes da Universidade de Vigo, que o dispositivo habilitado funcionou axeitadamente.

Os dous pavillóns do Polideportivo Municipal acollerán as probas da “ABAU” de alumnos deo Porriño e Mos

Hoxe están a realizarse os preparativos para que as pistas dos dous pavillóns do Polideportivo Municipal acollan as probas da Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade (ABAU) de alumnos de cinco centros de Porriño e Mos. Os exames comezarán o vindeiro martes 7 de xullo, a partir das 8,30 horas da mañá e continuarán o mércores e o xoves.

“Debido a que o número de alumnos de Bacharelato inscritos supera os douscentos, a Universidade de Vigo solicitounos ao Concello utilizar os dous pavillóns para garantir o cumprimento dos protocolos de seguridade e prevención do Covid-19”, explicou Lourdes Moure, concelleira de Educación e Seguridade que levou as conversas coa UVI.

De tal xeito que no Pavillón nº 1 realizarán as probas da ABAU os alumnos dos Institutos de Ensino Secundario de Porriño, “Ribeira do Louro” e “Pino Manso”. E no Pavillón 2 farán os seus exames os alumnos do IES de Mos e dos colexios “Lar” e “Los Sauces”.

Os pupitres e cadeiras que están a instalarse como vemos nas imaxes son trasladados dende o IES “Pino Manso”. Tanto o material a empregar para a realización dos exames coma os espazos a ocupar, serán obxecto dun protocolo diario de desinfección e limpeza.

Tamén a Policía Local do Porriño colaborará a diario establecendo un perímetro de seguridade nos accesos ao Polideportivo Municipal, habilitando un circuíto de entrada e saída para os vehículos que trasladen e recollan aos alumnos, segundo ten planificado o departamento que dirixe Lourdes Moure.

INSTRUCIÓNS PARA SOLICITAR A CITA PREVIA PARA O REXISTRO XERAL

Lembramos que pódese acadar por teléfono, chamando ao número 986 335 000 e solicitando cita.

Ou a través desta páxina web, na pestana “sede electrónica” (non é necesario ter certificado dixital, só un correo electrónico), e seguir estas instrucións do proceso:

Acceda á páxina web do concello (www.oporrino.org)
Seleccione “SEDE ELECTRÓNICA”
Seleccione “CITA PREVIA”
Seleccione “Rexistro”
Seleccione a axenda “Rexistro 1”
Seleccione a data dispoñible que desexe
Seleccione o horario dispoñible que desexe
Seleccione “CONTINUAR”

Adxunta-mos un gráfico para visibilizar as instrucións.

A UNED valora a idoneidade do local proposto polo Concello para acoller a aula delegada

 

María Troncoso, directora e Laura Suárez, secretaría xeral do Centro Rexional da UNED en Pontevedra valoraron moi positivamente e ponderaron a idoneidade do local proposto polo Concello para establecer a aula delegada concedida ao Porriño.

As directivas da UNED reunironse hoxe con Eva García, alcaldesa e Lourdes Moure, concelleira de Educación, para tratar detalles da preparación do inmoble. Primeiro nunha reunión celebrada na Alcaldía e logo “in situ” no local, acompañados polo arquitecto Jesús Vieito, autor do proxecto e director da futura obra. A comitiva comprobou as características do inmoble de 260 metros cadrados adquirido na rúa Fernández López, nº 2 e trataron as especificacións que a UNED demanda para axeitar o inmoble ás exisencias requeribles para acoller os servizos docentes que se prestarán.

As directivas da Universidade a Distancia valoraron a ubicación do inmoble, as súas posibilidades e o feito de que estea ó carón do Centro Cultural Municipal e da Biblioteca que tamén visitaron.

A aula delegada para Porriño acollerá o curso de acceso á Universidade para maiores de 25 anos e tamén, como novidade, o curso de acceso senior, para maiores de 55 anos, segundo acordaron hoxe Concello e UNED.

As obras de axeitado do local para acoller as actividades educativas deberán acadar unha dotación económica no Orzamento Municipal, cunha previsión de gasto de 200.000 € aproximadamente.

Eva García de la Torre explicou que “a previsión é que as obras poidan acometerse no primeiro trimestre de 2021 para que a estrea da aula sexa no curso 2021/2022”.

A visita de hoxe está en consoancia coa vontade da UNED e do Concello do Porriño de materializar este proxecto. Lembramos que a finais de maio, o Centro Rexional da Universidade a Distancia de Pontevedra confirmou á alcaldesa Eva Garcia, a concesión ao Porriño desa aula delegada. A comunicación ratificou a concesión que xa databa de 2017 e eliminou as dúbidas que xurdiron debido a un cambio de persoas ao fronte dese Centro Rexional da UNED.

 

O Polideportivo Municipal acollerá as probas da ABAU de alumnos do Porriño e Mos

O Polideportivo Municipal acollerá as probas da Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade (ABAU) de alumnos de cinco centros de Porriño e Mos que se realizarán os días 7, 8 e 9 de xullo, en aplicación dos protocolos de seguridade e prevención do Covid-19..

Segundo o acordo acadado esta semana entre a Universidade de Vigo e o Concello do Porriño, representado por Lourdes Moure, concelleira de Educación, realizarán no polideportivo porrriñés estas probas de acceso á Universidade, os alumnos dos IES “Ribeira do Louro” e “Pino Manso”, do Porriño así como os alumnos procedentes do IES de Mos e dos centros privados “Colegio Lar” e Colegio Los Sauces”.

“Se o número de alumnos inscritos para facer as probas da ABAU é de 200 estudantes, empregaríase tan só a pista do Pavillón 1. Se fosen máis, utilizaríase tamén a pista do Pavillón 2”, explicou Lourdes Moure, concelleira de Educación.

Os pupitres e cadeiras serán trasladados dende o IES “Pino Manso”. Tanto o material a empregar para a realización dos exames coma os espazos a ocupar, serán obxeto dun protocolo diario de desinfección e limpeza. Tamén a Policía Local do Porriño colaborará a diario establecendo un perímetro de seguridade nos accesos ao Polideportivo Municipal, habilitando un circuito de entrada e saída para os vehículos que trasladen e recollan aos alumnos, segundo ten planificado o departamento que dirixe Lourdes Moure.

Nenos e nenas do Porriño elaboraron uns vídeos para deixar constancia da súa experiencia durante estes meses de confinamento.

Nenos e nenas do Porriño que participan do Consello Municipal da Infancia elaboraron 4 pequenas pezas audiovisuais nas que contan a súa experiencia durante a corentena fronte ao Covid-19 e de cara á “nova normalidade”.

A idea xurdiu dos propios nenos e nenas durante os contactos e conversas que durante este tempo mantiveron co persoal técnico do concello encargado do proxecto “Cidades amigas da infancia”.

Deste xeito os nenos participantes “queren deixar constancia da súa experiencia durante estes meses, tanto no plano persoal como tamén no educativo, e tamén dende a súa faceta de representantes da mocedade porriñesa no consello municipal de infancia” explicou Lourdes Moure, concelleira de Educación.

A Concellería de Educación e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) foron quen fixeron posible a elaboración dos vídeos que “pretenden visibilizar o traballo realizado polos nenos, nenas e adolescentes do consello municipal de infancia”. “Tamén evidenciar a aposta do Concello por manter estes mecanismos de participación infantil mesmo nos momentos mais complicados, xa que contribúen a coñecer mellor as necesidades reais da infancia e facilitan a posta en marcha de medidas mais axustadas a súas necesidades e realidade, como fixo este concello durante os últimos meses”,  manifestou Lourdes Moure.

A continuación poden visualizar os catro vídeos nos que nenos e nenas do Porriño relatan como levaron a corentena, que medidas de protección deberemos observar, como entenden que será a “nova normalidade” e, finalmente, falan da súa experiencia como integrantes do Consello Municipal da Infancia. 

 

https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino/videos/1274082566128934/?t=23
https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino/videos/250058769630182/?t=0
https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino/videos/666802484175710/?t=24
https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino/videos/1105965946462964/?t=0

Estrea da primeira Sala de Estudo Municipal


Esta mañá tivo lugar a estrea da primeira Sala de Estudo Municipal, creada polo Concello do Porriño, nas instalacións do Centro Cívico, na rúa Domingo Bueno,. nº 13. A sala de estudo funciona inicialmente cun horario de 8,30 a 14,30 horas, de luns a venres, e coas garantías de seguridade sanitaria polo COVID-19.

A súa creación é unha iniciativa da Concellería de Cultura que dirixe Cami Moreira. Ca súa ubicación no Centro Cívico, baleirouse á Biblioteca Municipal, separando o estudo da lectura, o que permitirá gañar espazo na Biblioteca para implementar novos servizos.

Segundo explicou a concelleira, “este novo espazo vén complementar á Biblioteca Municipal, coñecida polo seu labor e sentido de pertenza tanto de porriñesas e porriñeses, como da contorna”. “Ao mesmo tempo esta separación de espazos con funcións diferenciadas, dará solucións, tanto ás persoas que buscan un lugar para estudar comodamente e en silencio, coma que a Biblioteca Municipal recupera o seu espazo para implementar os servizos bibliotecarios a todas as persoas que queiran gozar do fondo bibliográfico”, engadiu Cami Moreira.

Apertura da primera Sala de Estudo do Concello do Porriño

O vindeiro martes 9, o Concello abrirá a primeira Sala de Estudo Municipal, nas instalacións do Centro Cívico, na rúa Domingo Bueno,. nº 13. Trátase dunha iniciativa da Concellería de Cultura que dirixe Cami Moreira.

Segundo explicou a concelleira, “este novo espazo vén complementar á Biblioteca Municipal, coñecida polo seu labor e sentido de pertenza tanto de porriñesas e porriñeses, como da contorna”. “Ao mesmo tempo esta separación de espazos con funcións diferenciadas, dará solucións, tanto ás persoas que buscan un lugar para estudar comodamente e en silencio, coma que a Biblioteca Municipal recupera o seu espazo para implementar os servizos bibliotecarios a todas as persoas que queiran gozar do fondo bibliográfico, facendo deste goce un agradábel convite”, engadiu Cami Moreira.

A concelleira de Cultura sinalou que “en definitiva, pretendemos converter a Biblioteca nun lugar polivalente que non exclúa ningunha posibilidade, sendo máis atractiva, e con diversidade nos espazos”.

Esta nova experiencia abrirá as súas portas de 8:30 a 14:30 horas de luns a venres, e coas garantías de seguridade sanitaria polo COVID-19.

O Concello licita contratos por 3,8 millóns de € que axudarán a dinamizar a economía local

O Concello do Porriño ten actualmente en curso a licitación de máis dunha ducia de contratos que suporán un importe de preto de 3.800.000 euros que axudarán a dinamizar a economía local.

As licitacións abranguen dende aprovisionamentos diversos para vías e obras, aluguer de maquinaria, subministracións varias, ata a prestación de servizos de mantemento dos campos de fútbol municipais ou limpeza dos centros educativos. Tamén están incluídas nese conxunto de licitacións varios proxectos de obra como a humanización da rúa Aloques e a pavimentación de camiños municipais en Torneiros, Centeáns, Covelo e Cavadas que sairán en tres lotes de adxudicacións.

A concelleira Lourdes Moure, responsable de Contratacións e Persoal pondeoru “o excelente traballo realizado polos funcionarios dos departamentos de Contratación, Intervención máis os técnicos municipais que habilitaron as partidas orzamentarias para acometer estas licitacións para servizos fundamentais”.

Engadiu a concelleira que “a progresiva desescalada permitiu a reincorporación da meirande parte dos traballadores e funcionarios do Concello” o que posibilitou que se reactivasen ata catorce licitacións que se resolverán neste mes de xuño.

Todas as licitacións en curso pódense consultar nesta mesma páxina web, no Portal de Transparencia, na pestana “Perfil do Contratante”.

Re-apertura da Biblioteca Municipal


Este luns 1 de xuño, volve abrir as súas portas a Biblioteca Municipal do Porriño, despois de permanecer pechada dende que se declarou o estado de alarma.
A Biblioteca funcionará de novo en horario matinal, de 10 a 15 horas, de luns a venres.

“Abrimos de novo e facémolo con responsabilidade, adoptando as máximas garantías de hixiene e seguridade. É dicir: uso de máscara, xel hidro-alcólico distancia de seguridade de 2 metros, acompañamento dos menores de 14 anos e só servizo de préstamo e devolución de exemplares no mostrador de atención sen que sexa necesaria cita previa”, segundo indicou Cami Moreira, concelleira de Cultura.

Engadiu que o persoal da Biblioteca recomenda que para a devolución de libros “non teñades presa, evitar aglomeracións, hai prazo ata o 11 de xuño, e ademais ata mediados de mes aplicaremos unha “amnistía” xeral”, manifestou Cami Moreira.
A concelleira agradece a comprensión e paciencia da veciñanza.

Quen desexe máis información pode consultar a páxina web da Biblioteca: https://bibliotecadoporrino.com/