O Porriño saca a licitación o servizo das novas escolas infantís municipais

  • O importe total do contrato ascende a 3.350.701,22 euros por un período inicial de catro anos, ampliables mediante prórroga

Porriño 26 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño vén de sacar a licitación o servizo das novas escolas infantís municipais de Pontellas e Budiño, que sumarán un total de 132 prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, ampliando de maneira significativa a oferta educativa no municipio.

As escolas contarán con 10 unidades en total —cinco en Pontellas e cinco en Budiño— distribuídas por tramos de idade, garantindo unha atención adaptada ás distintas etapas do primeiro ciclo de educación infantil.

A construción das novas escolas infantís supuxo un investimento superior aos 1,8 millóns de euros, financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude e pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia con cargo aos fondos Next Generation, ao que se sumou unha achega municipal superior aos 500.000 euros.

Pola súa banda, o contrato para a xestión do servizo ten un importe total de 3.350.701,22 euros para un período inicial de catro anos, con posibilidade de prórroga. Coa publicación da convocatoria, as empresas especializadas no sector poderán presentar as súas ofertas dentro do procedemento de contratación pública. A adxudicación definitiva do servizo será elevada ao Pleno unha vez completado o proceso.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que esta actuación “é unha aposta clara por dotar de máis servizos ás nosas parroquias” e subliñou que “as familias pagarán exactamente o mesmo que nunha escola da rede Galiña Azul: a atención educativa será gratuíta e os servizos complementarios, como o comedor ou o horario ampliado, terán os mesmos prezos públicos en función da renda. Non haberá ningunha diferenza económica; a única variación será a titularidade do centro, que pasará a ser municipal”.

Ademais, o rexedor avanzou que o Concello continuará ampliando de maneira progresiva a carteira de servizos municipais, incorporando novas iniciativas destinadas a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e reforzando o compromiso do goberno local co benestar do conxunto da veciñanza.

Do libro á escena: o Porriño impulsa un obradoiro onde as historias cobran vida

  • O obradoiro está aberto a toda a poboación a partir de 16 anos e celebrarase os xoves de marzo a maio
  • As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición na Biblioteca Municipal, tendo preferencia aquelas censadas no Concello do Porriño

O Porriño, 17 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño, a través da Biblioteca Municipal, pon en marcha o obradoiro “Libros que latexan”, unha proposta de expresión e creación que convida á veciñanza a transformar a lectura nunha experiencia viva a través das artes escénicas, especialmente o teatro e a narración oral.

A actividade desenvolverase no Centro Cultural Municipal do Porriño, concretamente na Biblioteca, consolidando este espazo como auténtica “casa dos libros”: un lugar de encontro, relación, aprendizaxe permanente e intercambio creativo que contribúe ao desenvolvemento persoal e colectivo.

O obradoiro, que constará de oito sesións, celebrarase os xoves de 18.00 a 19.30 horas nas seguintes datas: 5, 12 e 26 de marzo; 9, 16, 23 e 30 de abril; e 7 de maio de 2026. A última sesión incluirá unha mostra final aberta ao público co material traballado ao longo do proceso.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta iniciativa cultural, que promove a participación e reforza o papel da biblioteca como motor social: “Queremos que a nosa Biblioteca sexa moito máis que un lugar de préstamo de libros; queremos que sexa un espazo vivo, onde a cultura se comparta, se experimente e se cree en comunidade. ‘Libros que latexan’ representa perfectamente esa filosofía: ler, sentir e transformar as historias en experiencia compartida”.

A formación será impartida por Ana Abad de Larriva, coordinadora e dinamizadora do club de lectura municipal. Ademais de ter experiencia desenvolvendo diferentes actividades de animación sociocultural e teatral, mediación e comunicación cultural; é escritora, actriz, cantautora, creadora e docente de artes escénicas, con formación superior en Arte Dramática e unha tese doutoral en Comunicación e Artes Escénicas. A súa experiencia garante un enfoque pedagóxico rigoroso, participativo e adaptado ás persoas asistentes.

O programa estrutúrase arredor de oito eixes temáticos —o latexo do espazo, das palabras, do corpo, da memoria e da voz, entre outros— que se interrelacionarán nun proceso lúdico e progresivo, combinando lectura sensorial, escritura creativa e expresión oral e corporal.

Ademais do seu valor cultural, a actividade contribúe aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 impulsada pola ONU, especialmente aqueles vinculados coa saúde e o benestar, a educación de calidade, a igualdade de xénero e a redución das desigualdades.

O obradoiro está aberto a toda a poboación a partir de 16 anos, promovendo o diálogo interxeracional. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición na Biblioteca Municipal, tendo preferencia aquelas censadas no Concello do Porriño.

Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso cunha cultura viva, participativa e transformadora, na que os libros non só se len, senón que tamén se escoitan, se senten e, sobre todo, latexan.

Publicada a listaxe definitiva de participantes no Campamento de Entroido 2026

 

  • O Campamento desenvolverase do 16 ao 18 de febreiro nas instalacións municipais, co CEIP Xosé Fernández López como punto de entrega e recollida

O Porriño, 11 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño fai pública a listaxe definitiva de participantes no Campamento de Entroido 2026, que se celebrará os días 16, 17 e 18 de febreiro nas instalacións municipais. O campamento é un espazo pensado para que os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos disfruten dunha experiencia educativa e lúdica, fomentando valores como a cooperación, o respecto, a empatía, a sororidade e a solidariedade. Ademais, contribúe a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral das familias do municipio.

O lugar de entrega e recollida será o CEIP Xosé Fernández López, en horario de 8:30 a 14:30 horas. O Concello lembra que só as persoas que asinaren a folla de inscrición poderán entregar e recoller aos menores, e en caso de delegación, deberá presentarse a autorización correspondente no primeiro día do campamento.

Listaxe definitiva de participantes:

Alonso Cuerdo Martín
Alonso Pereira León
Álvarez Rodríguez Leo
Álvarez Rodríguez Noa
Amoedo Campo Adrián
Bao Mouzo Greta
Benegas Rolon Emma
Benegas Rolon Jorge Rolando
Cabeiras Monteiro Martín
Carrera Domínguez Sabela
Davila Trigo Gala
De Las Cuevas Fernández Berta
Domínguez Rodríguez Adriana
Domínguez Sánchez Noah
Domínguez Sánchez Raúl
Duval Luna Joel André
Fasero Rodríguez Hugo
Fernández Sánchez Yanira
Fernández Sánchez Dalia
Filgueira Lorenzo Pedro
Giménez León Ester
González Pintos Claudia
Gómez López Luca
Hernández Fernández Lara
Hernández Fernández Eva
Iglesias Gameiro Valentina
Landesa González Theo
Landesa González Laia
López Álvarez Sabela
Lorenzo Robledo Iria
Mansini de Souza María Antonia
Mora Arroyave Antonella
Moreno Rivas Avril Luciana
Mosquera Venero Amelie
Muñoz Hermida Marco
Oliveira González Fabricio Alejandro
Pallarés Pereira Martín
Pallarés Pereira Nicolás
Pérez Santalla Helena
Rivera Piaggio Alice
Rodríguez Avendaño Eric
Rodríguez Infante Dylan Costiel
Rojo López Mauro
Romero Suárez Claudia
Sánchez Zuleta Dulce María
Sendín Puentes Lucas
Sequeiros Alonso Alba
Sestelo González Gabriela
Sestelo González Xabier
Vázquez Cao Lía
Vázquez Fernández Emma
Vázquez Fernández Bella

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia deste tipo de actividades: “O Campamento de Entroido permite que os nenos e nenas disfruten, aprendan e relacionen de forma segura e divertida, ao tempo que reforza valores fundamentais. É tamén unha ferramenta de apoio ás familias para conciliar a vida laboral e familiar. Animamos a todos a participar activamente e desfrutar destes días tan especiais.”

O Concello lembra aos participantes que deben levar roupa cómoda, mochila con bebida e merenda, calzado de reposto e moitas gañas de pasalo ben.

Entrega dos premios do Concurso Escolar de Carteis do Entroido 2026 do Porriño

 

  • Javier Fernández Alonso recibe o premio absoluto e participará no pregón da festa co seu cartel, no que debuxa a cara de Cuquín

O Porriño, 5 de febreiro de 2026.- Hoxe tivo lugar na Sala de Comunicacións do Concello do Porriño a entrega de premios do Concurso Escolar de Carteis do Entroido 2026, unha iniciativa que recoñece a creatividade e o talento artístico da rapazada do municipio. O acto contou coa presenza do alumnado participante, das súas familias, do alcalde, Alejandro Lorenzo, da concelleira de Educación, Carolina González e dos membros do xurado –Juan de la Cruz Castaño Vicente, Nito Pereiro-Oliveira e Nuria Vilanova Ferreira– que decidiron os gañadores por unanimidade seguindo criterios de orixinalidade, beleza artística e emprego da lingua galega. 

Segundo explicou o alcalde, “hoxe celebramos a creatividade e o esforzo de todos os participantes. Este concurso é unha oportunidade para que a nosa mocidade se implique na cultura local, na nosa lingua e nas tradicións que nos identifican como pobo. Ademais, é moi especial que o cartel gañador represente a Cuquín, unha figura moi querida do Entroido do Porriño, que o autor pintou na súa obra con moito detalle e cariño”.

Na categoría de 6 a 8 anos, o primeiro premio foi para Yael Pérez Romero, de 7 anos e alumno de 2º de Educación Primaria do colexio Cruz-Budiño. O segundo premio recaeu en Vera Fernández Rodríguez, de 8 anos e alumna de 3º de Educación Primaria do colexio Hermanos Quiroga, e o terceiro premio foi para Xabi Álvarez Rama, de 8 anos e tamén alumno do colexio Hermanos Quiroga.

Na categoría de 9 a 12 anos, o primeiro premio foi para Álex Lago Alonso, de 11 anos e alumno de 6º de Educación Primaria do colexio Xosé Fernández López. O segundo premio recaeu en Mario Romero Pérez, de 9 anos e alumno de 4º de Educación Primaria do colexio Hermanos Quiroga, e o terceiro premio foi para Mario Pintos Romero, de 12 anos e alumno de 1º de ESO do colexio Santo Tomás.

Na categoría de 13 a 16 anos, o primeiro premio e gañador absoluto foi para Javier Fernández Alonso, de 14 anos e alumno de 3º de ESO do colexio Santo Tomás. Javier participará no pregón do Entroido do Porriño 2026, xunto co resto das persoas premiadas, no balcón da Casa Consistorial o sábado 14 de febreiro. O seu cartel servirá como imaxe oficial desta edición, destacando no seu traballo a pintura da cara de Cuquín, un antigo traballador municipal moi querido pola veciñanza que faleceu hai uns meses e que se converteu en todo un símbolo do Entroido no Porriño, polo seu vínculo con estas festas e a tradición local. Será lembrado cunha homenaxe especial durante o Enterro da Sardiña, como mostra de respecto e gratitude polo seu legado, ademais de ser a súa imaxe a protagonista da lona oficial do Entroido nesta edición. 

O segundo premio foi para Lizar Alonso Martínez, de 13 anos e alumno de 2º de ESO do colexio Hermanos Quiroga, e o terceiro premio foi para Daniela Rodríguez Blanco, de 14 anos e alumna de 3º de ESO do colexio Santo Tomás. Ademais, o xurado concedeu un accésit á creatividade e diversidade a Dunia Pérez Méndez, de 19 anos, da entidade ACEESCA, por unha obra especialmente orixinal.

O alcalde Alejandro Lorenzo subliñou que “o Entroido do Porriño é unha festa que une xeracións, e ver como a nosa mocidade se implica e representa tradicións tan queridas, como a figura de Cuquín, é un orgullo. Hoxe celebramos talento, creatividade e memoria colectiva ao mesmo tempo”.

Todos os carteis permanecerán expostos ao público no Centro Cultural Municipal, permitindo que veciños e veciñas poidan gozar da creatividade das novas xeracións e da presenza de Cuquín na obra gañadora.

O Porriño reforza a colaboración educativa nun novo Almorzo Pedagóxico

O Porriño, 4 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño celebrou un novo encontro dos Almorzos Pedagóxicos, unha iniciativa que consolida o traballo conxunto entre a administración local e os equipos directivos dos centros educativos do municipio.

Esta reunión serviu para afondar no intercambio de impresións, detectar necesidades actuais dos colexios e institutos e avanzar en propostas que contribúan a mellorar a calidade do ensino na nosa vila. O formato destes encontros, máis próximo e participativo, permite abordar cuestións prácticas do día a día educativo e poñer en común experiencias e boas prácticas.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou o valor destes almorzos como ferramenta de escoita activa e coordinación. “Estes encontros permítennos coñecer de primeira man a realidade dos centros e actuar con máis eficacia. Apostamos por unha relación fluída, na que as ideas se compartan con naturalidade e se transformen en medidas concretas que beneficien á comunidade educativa. Un dos obxectivos desta iniciativa é que as cousas non queden en papeis ou reunións formais. Queremos traballar de maneira práctica, que o diálogo sexa real, directo e con resultados”, sinalou.

Durante a xuntanza tamén se avanzou na planificación de futuras accións conxuntas, facendo fincapé na importancia de impulsar proxectos que fomenten a participación do alumnado e a colaboración entre centros. Segundo explicou o rexedor, “o obxectivo é seguir construíndo unha educación de calidade, con recursos axeitados e co apoio constante do Concello”.

Ademais, avanzouse na planificación de futuras accións, co foco na participación do alumnado e na colaboración entre centros, e tratouse a cuestión do reforzo de recursos e a ampliación da oferta formativa. Segundo explicou o rexedor: “A través dos fondos europeos contaremos con aulas de formación que tamén poderán aproveitar os centros educativos. É unha oportunidade para mellorar as competencias do profesorado e do alumnado, e para dinamizar a oferta educativa na nosa vila”.

Os Almorzos Pedagóxicos celébranse de xeito trimestral, consolidándose como un espazo estable de diálogo para aliñar as políticas municipais coas necesidades reais do ámbito educativo no Porriño.

O Concello convoca o V Concurso Infantil de Postais de Nadal

 

  • O certame está dirixido á cativada de 3 a 14 anos e o prazo de entrega é do 5 ao 26 de decembro, na caixa de devolución de libros ou na biblioteca

O Porriño, 3 de decembro de 2025.- O Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación e Normalización Lingüística, xunto coa OMIX, vén de anunciar a posta en marcha do V Concurso Infantil de Postais de Nadal, unha iniciativa dirixida a toda a infancia porriñesa de entre 3 e 14 anos, coa finalidade de promover a creatividade, a expresión artística e o uso da lingua galega nestas datas tan especiais.

O certame establece tres categorías por franxa de idade —de 3 a 6 anos, de 7 a 11 anos e de 12 a 14 anos— e convida á creación dunha postal física de temática de Nadal. As nenas e nenos poderán empregar calquera técnica creativa empregando ceras, acuarelas, colaxe, carbón ou materiais vexetais, agás purpurina. A postal deberá incorporar obrigatoriamente unha mensaxe en galego, valorándose de forma especial a expresión creativa mediante rimas, cantigas, refráns ou frases feitas propias desta época do ano. O tamaño máximo permitido será o formato A5.

As postais deberán entregarse entre o 5 e o 26 de decembro, introducidas nun sobre pechado, na caixa de devolución de libros da Biblioteca Municipal do Porriño ou na propia biblioteca. Todas as obras recibidas serán posteriormente expostas ao público no Centro Cultural Municipal e nas redes sociais do Concello ao longo das festas do Nadal.

O xurado valorará a técnica creativa, o uso da lingua galega e a composición xeral da postal, de acordo cos criterios apropiados a cada grupo de idade.

O concurso contará con tres premios por cada categoría, consistentes en lotes de material escolar. A relación de persoas premiadas farase pública na derradeira semana do ano e a entrega de premios será o día 2 de xaneiro de 2026.

Desde a Concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX anímase a toda a cativada do municipio a participar nunha actividade que fomenta tradición, creatividade e o orgullo pola nosa lingua.

O Concello do Porriño continúa así a anunciar iniciativas para este Nadal, que virán acompañadas dunha completa programación festiva con actividades destinadas a toda a veciñanza, que se dará a coñecer nos vindeiros días.

 

O Porriño avanza coa voz da infancia

  • Parques renovados, mellora da accesibilidade, actividades inclusivas, zonas verdes e con sombra, carrís bicis, unha piscina ao aire libre e unha biblioteca móbil foron algunhas das propostas presentadas polo alumnado dos centros educativos do municipio nunha sesión plenaria especial
  • O alcalde Alejandro Lorenzo aseguroulles que “escoitamos todo o que propoñedes; moitas destas ideas xa forman parte do noso traballo diario e outras tomámolas como compromisos para seguir mellorando O Porriño entre todos e conseguir un Concello mais verde, mais sostible, accesible e inclusivo
  • O Concello conmemora deste xeito o Día Mundial da Infancia, iluminando de cor azul a fachada da Casa Consistorial e apoiando unha carreira contra e leucemia infantil

O Porriño, 20 de novembro de 2025.- O salón de plenos do Concello do Porriño transformouse esta mañá nun espazo diferente: as butacas ocupáronas voces novas, participación activa e moita ilusión por formar parte da vida municipal. No Día Mundial da Infancia, foi o alumnado dos centros escolares quen marcou o rumbo, converténdose en concelleiros e concelleiras por un día para explicar como queren que sexa o Porriño do futuro.

A sesión estivo dirixida polo alcalde Alejandro Lorenzo que explicou que “este pleno infantil é unha mostra de que a participación non ten idade. É unha satisfacción ver tanta implicación na vida do noso municipio”. Como secretaria actuou a concelleira de Educación, Carolina González, e como interventora a concelleira de Infancia, Ana Isabel Alonso, que agradeceron aos escolares e ao seu profesorado a implicación nesta e noutras actividades organizadas dende o Concello. Foron unha vintena de participantes os que se subiron ao estrado, dous estudantes en representación de cada un dos colexios: Budiño, Atios, Santo Tomás, Aceesca, Ribeira, Antonio Palacios, Fernández López  e Hermanos Quiroga e os institutos Ribeira do Louro e Pino Manso. Ao igual que na celebración de calquera outro pleno, as propostas votáronse e, por suposto, contaron co respaldo unánime.

Entre propostas, ilusión e responsabilidade, a rapazada coincidiu, ademais de en melloras nos seus propios centros, en aspectos para mellorar o municipio como pode ser a accesibilidade e inclusión, con máis espazos adaptados, como parques e actividades e campamentos de conciliación onde todos teñan cabida; máis zonas verdes e con sombras; mobilidade sostible a través da creación de carrís bici e liña de transporte que una as zonas rurais co casco urbano; instalacións deportivas e de ocio: canchas de baloncesto, pista de patinaxe e, sobre todo, unha piscina ao aire libre. A creación dun centro xuvenil ou unha biblioteca móbil que percorra tódalas parroquias foron as propostas máis destacada no ámbito cultural, cun novo auditorio e sala de cine, que serán xa pronto unha realidade. Neste aspecto, solicitan actividades interxeracional, poñendo de exemplos sesións de contacontos con avós. Baños públicos, máis iluminación e seguridade con outras das peticións formuladas.

“A vosa voz é imprescindible. Cando a infancia fala, o Concello aprende, mellora e avanza. Hoxe deixástesnos moi claro o Porriño que queredes, e imos seguir traballando nesa dirección.” O alcalde agradeceu a participación e o traballo dos escolares e asegurou que moitas das propostas xa están contempladas en proxectos algúns deles en execución e outros que botarán a andar proximamente, “e o resto quedan anotadas para seguir construíndo, xuntos, O Porriño que queredes. Queremos que saibades que o Concello escoita todo o que propoñedes. Moitas destas ideas xa forman parte do noso traballo diario e outras tomámolas como compromisos para seguir mellorando o Porriño entre todos. O Porriño que construímos hoxe será o voso Porriño mañá e por iso é tan importante escoitarvos. Agradezo a responsabilidade e o cariño con que fixestes cada unha das propostas que hoxe nos presentastes”.

Ademais do Pleno Infantil, o Concello suma dúas accións especiais neste 20 de novembro baixo o lema “Acéndete polos dereitos da infancia”, a iluminación azul da fachada do Concello, como símbolo de apoio aos dereitos da infancia e o apoio dunha carreira solidaria contra la leucemia infantil, organizada polo CEIP da Ribeira en Torneiros.

O Concello impulsa obradoiros de relaxación e regulación emocional para o alumnado de infantil

  • Técnicas de Jamyang Yoga e dinámicas da Pedagoxía Waldorf buscan fomentar a calma, a atención e o benestar na aula
  • O alcalde participou na xornada inaugural hoxe no CEIP de Mosende; mañá continuará no CEIP Antonio Palacios e nos seguintes días en todos os centros educativos da vila

O Porriño, 12 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación e a OMIX, iniciou esta mañá os obradoiros de relaxación e regulación emocional destinados ao alumnado de 5º de Educación Infantil. A actividade pretende achegar á cativada técnicas sinxelas de respiración e consciencia corporal de Jamyang Yoga, así como dinámicas da Pedagoxía Waldorf, para favorecer a atención, a regulación emocional ea  calma en situación de contrariedade, enfado, frustración, axitación ou conflito.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado do concelleiro Marcos Martínez, acudiu á xornada inaugural celebrada no CEIP de Mosende, onde destacou a importancia destas iniciativa. “É fundamental ofrecer ao alumnado ferramentas que lles permitan xestionar as súas emocións, concentrarse mellor e mellorar o ambiente en clase. Estes obradoiros non só benefician aos nenos e nenas, senón tamén facilitan o traballo dos docentes,” sinalou.

Os obradoiros, organizados pola Concellería de Educación e OMIX do Porriño, continuarán mañá xoves no CEIP Antonio Palacios e ao longo das dúas próximas semanas realizaranse no resto dos colexios do municipio.

Durante as sesións, o alumnado poderá practicar técnicas de respiración, visualización e consciencia corporal, deseñadas especificamente para a mellora da atención, a calma e a regulación emocional

Esta iniciativa busca mellorar o ambiente de aula, reducindo conflitos, aumentando a concentración e promovendo a empatía entre o alumnado. Estas actividades están pensadas para que os nenos e nenas aprendan a calmarse e centrarse, mellorando non só a súa atención, senón tamén a convivencia e a calidade educativa no conxunto do centro. Para que estes talleres teñan un impacto moi positivo no alumnado, trala propia práctica das técnicas do taller, déixase a gravación dunha técnica para que practiquen e darlle continuidade a experiencia vivida no obradoiro.

O Porriño enche as aulas de tódolos centros educativos de música e movemento coas II Xornadas Danzando na Escola

  • O alcalde Alejandro Lorenzo acudiu esta mañá á sesión inaugural celebrada no CEIP Cruz de Budiño, na que o alumnado participou dun obradoiro de danza que combina diversión, aprendizaxe e desenvolvemento integral
  • As xornadas, organizadas polo Concello, continuarán o xoves no CEIP Antonio Palacios e visitarán tódolos centros educativos do municipio ao longo do mes de novembro

O Porriño, 4 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño deu comezo hoxe ás II Xornadas “Danzando na Escola”, cunha primeira sesión celebrada no CEIP Cruz de Budiño da que participaron 149 estudantes. En total, serán máis de 1.500 alumnos os que tomen parte da segunda edición destes obradoiros de música e movemento organizados pola escola de baile Studio 57. A actividade ten como obxectivo fomentar o desenvolvemento integral do alumnado a través da danza e o movemento creativo, unha forma diferente e divertida de facer exercicio.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, declarou que “é un pracer ver como a danza e a música poden acompañar aos nosos nenos e nenas no seu desenvolvemento, fomentando non só a saúde física, pois é unha maneira diferente de facer exercicio, senón tamén a creatividade, a cooperación e o respecto polos demais. Estas xornadas son un exemplo de como a educación pode ser divertida e formativa á vez, e seguiremos apostando por iniciativas que acheguen alegría e aprendizaxe ao noso alumnado.”

Pola súa parte, a concelleira de Educación, Carolina González, explicou que “estes obradoiros constitúen unha proposta pedagóxica coherente cos principios da educación integral, emocionalmente conectada e centrada no benestar e desenvolvemento harmónico do alumnado, potenciando aprendizaxes significativas e duradeiras nun contexto dinámico, creativo e motivador.”

O alcalde participou nesta primeira xornada, compartindo cos escolares a experiencia de movemento, música e diversión. As xornadas continuarán o xoves no CEIP Antonio Palacios, coa intención de chegar a todos os centros educativos do municipio ao longo do mes de novembro, ofrecendo ao alumnado unha forma diferente e lúdica de exercitar o corpo e a mente. Así a vindeira semana realizarase o martes no IES Ribeira do Louro, o xoves na escola infantil de Mosende e en Aceesca e o venres no CEIP de Atios. Xa o luns 17 terá lugar no IES Pino Manso, o 18 no colexio Santo Tomás e o 20 no Hermanos Quiroga. E a última semana chegará ao CEIP da Ribeira, o día 26 e ao CEIP Fernández López o 27.

Os obradoiros promoven a creatividade, o autocoñecemento corporal, a cooperación, o respecto e a socialización, ao tempo que permiten ao alumnado liberar tensións e aprender a través do xogo e a música, incluíndo ritmos e xogos doutras culturas para favorecer a interculturalidade.

O Concello do Porriño reafirma así o seu compromiso coa educación integral, o benestar do alumnado e a promoción de actividades que combinen aprendizaxe, diversión e movemento físico.