O Concello apoia a candidatura do neno porriñés Lucas Giráldez Fernandes aos premios da “Fundación Romper Barreras”

A alcaldesa Eva García e a concelleira de Educación, Lourdes Moure recibiron esta mañá no Concello a Lucas Giráldez Fernandes, un rapaz porriñés de 13 anos que opta aos premios nacionais da “Fundación Romper Barreras”. Lucas é a única persoa porriñesa candidata a estes galardóns que premian a mellora entre persoas con capacidades diversas, a través da tecnoloxía da comunicación.


O caso de Lucas concorre na modalidade individual para persoas con capacidades diversas que empregaron, individualmente ou xunto coa súa familia, escola ou ambiente de traballo, tecnoloxía de apoio para mellorar a súa calidade de vida dun xeito orixinal, eficiente ou determinado.
A Lucas diagnostícaselle desde 2010 a síndrome de Angelman, un trastorno neurolóxico de orixe xenética que provoca un grave atraso no desenvolvemento, discapacidade intelectual, falta de linguaxe e ataxia, entre outros síntomas.
Desde decembro de 2020, a través dun comunicador adaptado a un iPad, as habilidades e autonomía de comunicación de Lucas experimentaron unha notable mellora. Tanto no ámbito familiar como no colexio. Lucas vai dous días á semana ao colexio Fernández López e os tres días restantes ao centro de educación especial “Saladino Cortizo” de Vigo.
A candidatura presentada pola familia de Lucas aos premios da “Fundación Romper Barreras” consiste en adquirir un “Ipad Grid 3” cun altofalante incorporado que suporía unha mellora substancial para Lucas para aumentar a súa comunicación cos demais e mellorar a súa inclusión.
É por iso que a súa familia solicitou a través do Concello que a poboación porriñesa que desexe amosar o seu apoio á candidatura de Lucas votando ata o 12 de outubro no enlace que engadimos.

https://pr.easypromosapp.com/voteme/919128/639828469?lc=es-es&ep1=ws#
A nai de Lucas, Paula Fernandes, agradeceu ao Consello, a través do concelleiro de Educación, a acollida realizada hoxe que “nos permite dar visibilidade a estas situacións”, segundo a nai.

A concelleira de Educación visitou o autobús “Creactivity”, un espazo para promover o enxeño de nenos e adultos

 
A Concellería de Educación e a OMIX do Concello do Porriño, en colaboración coa “Fundación La Caixa”, organizan a actividade “Creactivity” que é un espazo itinerante promovido pola entidade financeira. Consiste en obradoiros que se realizan en colaboración cos centros educativos do municipio.
 
A concelleira de Educación, Lourdes Moure visitou o autobús que estaba aparcado ao carón do CEIP Fernández López. Alumnos deste Colexio acudiron hoxe á actividade.
Ata o venres 17 de setembro continuará en horario de mañá para o alumnado de Primaria e de 1º e 2º da ESO.
Polas tardes, estes obradoiros permanecen abertos para o público en xeral.
“Creactivity” é un espazo interactivo que fomenta o enxeño e a creatividade. Un novo proxecto itinerante que propón obradoiros para espertar o enxeño de nenos e nenas e axudalos a sentirse cómodos nunha sociedade cambiante.
O espazo permite investigar, formular retos concretos, pensar solucións, inspirarse, compartir, colaborar, improvisar, traballar en equipo e moito máis.

Chega ao Porriño “Creactivity”, un espazo para promover o enxeño

A Concellería de Educación e a OMIX do Concello do Porriño, en colaboración coa “Fundación La Caixa”, convidan a participar na actividade “Creactivity” que é un espazo itinerante promovido pola entidade financeira. Consistirá en obradoiros que se realizaran polos centros educativos do municipio.
Os días 15, 16 e 17 de setembro en horario de mañá para o alumnado de Primaria e de 1º e 2º da ESO, previa inscrición por parte de cada colexio e instituto.
Polas tardes, estes obradoiros permanecerán abertos para o público en xeral.

“Creactivity” é un espazo interactivo que fomenta o enxeño e a creatividade. Un novo proxecto itinerante que propón obradoiros para espertar o enxeño de nenos e nenas e axudalos a sentirse cómodos nunha sociedade cambiante.
O espazo permite investigar, formular retos concretos, pensar solucións, inspirarse, compartir, colaborar, improvisar, traballar en equipo e moito máis. O alumnado traballará competencias transversais no ámbito matemático, científico e tecnolóxico.

As localizacións do vehículo de “Creactivity” en Porriño serán as seguintes:
* 15 DE SETEMBRO 2021
Chaira da Igrexa de San Rosendo de Torneiros

* 16 e 17 DE SETEMBRO 2021
Polideportivo Municipal do Porriño

Para concertar visitas e reservar datas, ou realizar calquera consulta, as persoas interesadas poderán chamar ao teléfono gratuíto 900 101 493 ou enviar un correo electrónico ao enderezo: info@creactivitybus.com

CARTEL O PORRIÑO CREATIVITI

A concelleira de Educación visitou o CEIP “Fernández López” no primeiro día do curso 2021/2022

Lourdes Moure, concelleira de Educación asistiu ao colexio “Fernández López” con motivo do primeiro día do curso 2021/2022 que comezou hoxe en Educación Infantil, Primaria e Educación Especial.

No concello de Porriño iniciaron hoxe as clases preto de 2.000 nenas e nenos destes niveis educativos, tendo o maior número de alumnos os colexios “Fernández López” e “Antonio Palacios”.

Con motivo desta visita, a concelleira de Educación comprobou a provisión de libros na Biblioteca do CEIP, como consecuencia da doazón feita polo Concello do Porriño á ANPA “A Oliveira” deste centro.

Asistiron xunto a Mónica Pita, presidenta da Asociación de Nais e Pais, o director do colexio, Benito Rodríguez e o responsable da biblioteca, o profesor Ricardo García.

Durante a visita ao centro, a concelleira de Educación indicou aos responsables do colexio que espera recibir en breve o proxecto técnico e o orzamento para as obras de reposición do tellado, actualmente feito de uralita, que se comprometeu a enviar a Xefatura Territorial de Consellería de Educación. Segundo o acordo acadado recentemente, o Concello e a Xunta de Galicia colaborarán na realización e financiamento da obra.

A Escola Municipal de Música abre o prazo para formalizar a matrícula para o curso 2021/22


Dende o martes 14 ata o venres 17 de setembro pódese formalizar a matrícula e reservar horarios na sede da Escola Municipal de Música (no Centro Multiusos de Torneiros), en horario de 16 a 21 horas, segundo a preinscrición realizada no mes de xuño.

 

Da mesma forma, o alumnado de novo ingreso que teña feita a preinscrición correspondente no mes de xullo poderá matricularse a partir das 17 horas do venres 17 de setembro.

As listaxes co nome, día e hora do alumnado preinscrito están expostas nas portas do Centro Cultural e da Escola Municipal de Música.
Na formalización da matrícula cumpriranse as normas establecidas no protocolo anexo.

O alumnado sen preinscrición poderá matricularse a partir das 18.30 horas do venres 17 de setembro ou a partir do día 22 de setembro de 16.30 a 18.30 horas, sempre e cando queden prazas dispoñibles.

Máis información nesta ligazón 

A Escola Municipal de Música do Porriño abre o prazo para formalizar a matrícula do curso 2021/2022

A alcaldesa manifesta “a satisfacción do Concello” polos compromisos da Xunta para os arranxos no IES Pino Manso e no CEIP Fernández López

A alcaldesa Eva García manifestou “a satisfacción do Concello polos compromisos adquiridos pola Consellería de Educación” para arranxar centros de ensino do municipio,  que “agardo que sexa un sinal dun cambio de actitude da Xunta de Galicia cara ao Porriño e que esa atención ás nosas necesidades non remate aquí”, declarou hoxe a rexedora.

García de la Torre valorou hoxe como “moi necesaria” a obra de mellora da eficiencia enerxética do Instituto de Ensino Secundario “Pino Manso” que presentou onte o conselleiro Roman Rodríguez cun investimento de máis dun millón e medio de euros.

A alcaldesa subliñou tamén o compromiso acadado con César Pérez Ares, o xefe territorial de Educación que acompañou o conselleiro, para “acometer no Colexio Fernández López a retirada da actual cuberta de uralita que ten amianto e a súa substitución por materiais máis modernos e non nocivos”. Nesta obra o Concello “vai colaborar coa remodelación dos teitos da parte das aulas de educación infantil, de acordo co proxecto que a Consellería realizou e que nos enviará nos vindeiros días para establecer a nosa colaboración orzamentaria”, rematou Eva García.

Mozos e mozas porriñeses participarán nunha avaliación sobre o cumprimento da Convención dos Dereitos do Neno

 

Mozos e mozas que integran o Consello da Infancia e da Adolescencia do Porriño participarán ao longo do mes de setembro en diferentes grupos focais que traballaran nunha avaliación sobre o grao de cumprimento da Convención dos Dereitos do Neno por parte das institucións do noso país.
Segundo informan a Oficina Municipal de Información á Xuventude, OMIX do Porriño e a Concellería de Educación, os representantes porriñeses abordarán temas de igualdade de xénero, violencia, educación, saúde e benestar, a través do traballo de debate nos grupos de participación.
Os rapaces e rapazas porriñesas participarán na elaboración dun informe sobre diversos asuntos de actualidade que entregarán ao Comité de Dereitos dos Nenos, Nenas e Adolescentes.
Coas conclusións e propostas, os grupos focais, compostos a súa vez por nenas e nenos de todo o país, elaborarán o informe final para o Comité dos Dereitos do Neno. Este informe serviralle ao Comité para avaliar se o estado español está a facer todo o posible para respectar a Convención dos Dereitos do Neno da que forma parte.

Os Consellos da Infancia e Adolescencia dos concellos do Porriño, Redondela e Tomiño condearon a morte violenta de Samuel Luiz

Os nenos e nenas que forman os Consellos da Infancia e Adolescencia dos concellos do Porriño, Redondela e Tomiño condearon a agresión e morte do mozo Samuel Luiz, vítima dunha malleira. Na sesión conxunta telemática que mantiveron os compoñentes destes tres consellos, os nenos participantes amosaron a súa preocupación pola “LGTBI fobia” existente na sociedade.

Precisamente a reunión “on line” convocouse para tratar outro problema de convivencia, neste caso nas aulas, o “bullying”. Fixeron especial fincapé na necesidade de levar a cabo accións que se centren nas orixes deste problema en lugar de centrar os esforzos nas consecuencias. “Foron moitas as conclusións ás que chegaron e moi diversas propostas que sairon. Agora haberá que concretar as máis factibles para darlles traslado aos respectivos Concellos”, explicou Noelia de la Fuente, responsable da Oficina Municipal de Información Xuvenil, OMIX do Porriño.  

Na reunión telemática tamén participaron Lourdes Moure, concelleira de Educación do Porriño e as súas homólogas de Redondela, Olga García e Tomiño, Fátima Rodríguez.

 

Edgar Costas galardoado co IV Premio Roberto Vidal Bolaño, entregado no Porriño


Edgar Costas Sanmartín recibiu o IV Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais, instituído polo Concello do Porriño e organizado polo IES “Ribeira do Louro” e por Editorial Galaxia. O acto de entrega do galardón desenvolveuse no salón de actos do instituto porriñés.
A obra do autor galardoado titulase “Casa de feras”, segundo o fallo ao que deu lectura a profesora Raquel Castro, secretaria permanente do xurado. Francisco Castro, director xeral de “Editorial Galaxia” entregou o galardón e o diploma acreditativo.


O premio está dotado con 2.000 euros, que constituen a achega do Concello do Porriño, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría. Ademais, “Editorial Galaxia” comprometese a edición e publicación da obra gañadora.
O Premio Roberto Vidal Bolaño naceu coa finalidade de crear un fondos de textos teatrais en galego, susceptibles de ser representados polo alumnado de ensino secundario.

256 alumnos e alumnas do Porriño recibirán un obradoiro sobre drones como alternativa de futuro profesional

A OMIX xunto coa Concellería de Educación do Concello do Porriño, levan a cabo dende hoxe 1 de xuño e ata o vindeiro venres 11, un Obradoiro de Drones.

As sesións deste obradoiro teórico práctico son de dúas horas de duración. Hoxe comezou a impartirse no CEIP Fernández López e continuará o seu percorrido polos centros de educación primaria e secundaria do termo municipal, destinado a un total de 256 alumnos e alumnas.

Os drones ou vehículos aéreos non tripulados pasaron en poucos anos de ser un xoguete teledirixido a ter moitas aplicacións profesionais en todo tipo de sectores. Coa creación do Polo Aeroespacial de Galicia e a aparición de estudos coma “piloto de drones”, “aeromecánica” ou “enxeñería aeroespacial” o sector da aeronáutica semella unha alternativa profesional na nosa comunidade.

O contacto temprano con ferramentas coma os drones permete á mocidade familiarizarse coa robótica, a programación, a electrónica o deseño 3D e incluso a intelixencia artificial. Ademais, apórtalles información sobre novas profesións que poden levar a cabo no seu futuro gracias aos drones.