O pleno infantil aprobou celebrar unha nova edición do “Martes de dar” para unha recollida solidaria de alimentos e produtos de hixiene

Os representantes de todos os centros educativos de Porriño que participaron hoxe no pleno infantil que se celebra coa ocasión do Día Mundial da Infancia que se conmemorará mañá, acordaron por unanimidade que o Concello organice e lidere unha nova iniciativa “GivingTuesday” (Martes de dar).

Consistirá na recollida de alimentos e produtos de hixiene e a súa posterior clasificación para que sexan repartidos entre as familias con menos recursos do municipio.
Tamén os nenos e nenas acordaron por unanimidade sumarse á petición doutros concellos pontevedreses que solicitan a celebración dun pleno infantil anual na Deputación no que poidan participar os representantes dos distintos consellos municipais da infancia existentes na provincia. A solicitude trasladarase á presidenta da Deputación, Carmela Silva.


No pleno infantil os representantes do CEIP de Atios, CEIP Cruz-Budiño, CEIP da Ribeira, CEIP Antonio Palacios, CPR Santo Tomás, CEIP Fernández López, Centro ACEESCA, IES Pino Manso, CPR Hermanos Quiroga e IES Ribeira do Louro, expuxeron as súas propostas para que Porriño sexa un concello máis sostible.
As peticións máis repetidas foron carrís bici, unha piscina ao aire libre ou polo menos uns chorros para refrescarse no verán, máis papeleiras, limpeza do paseo do río Louro e o traslado das instalacións de “Coren” a un polígono industrial.

A concelleira de Educación, Lourdes Moure que presidiu a sesión, asistida por Noelia de la Fuente, responsable da OMIX do Porriño, tomou nota de todas as peticións dos rapaces e aproveitou para reiterarlles que mañá sábado vaise celebrar o “Pinchoneno”, a versión infantil do “Pinchorriño”, que foi unha das peticións que a infancia porriñesa fixera hai tempo.

O venres 19, o pleno infantil do Porriño

Un ano máis, o Concello do Porriño, para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos da
Infancia, celebrará un Pleno Infantil, coa participación de nenas, nenos e adolescentes do
municipio.
O Pleno celebrarase o venres 19 de novembro, ás 10:30h da mañá no salón de sesións do Concello, onde acudirán unha voceira e un voceiro de cada centro de ensino do municipio, en representación de todas as nenas, nenos e adolescentes. En total participarán os dez centros do municipio; sete colexios, dous institutos e a asociación ACEESCA.
A temática deste ano, seguindo as indicacións do Comite de Unicef Galicia, será o medio ambiente. As persoas participantes xunto coas compañeiras e compañeiros do seu centro, están debatindo, reflexionando e preparando as propostas que presentarán no pleno para que o Concello do Porriño sexa máis sostible e sexa quen de axeitarse mellor aos impactos do cambio climático.

Previamente, este martes dous nenos porriñeses, Carla Godoy Magalhaes e Nicolás Freiría Casal representaron ao Consello Municipal da Infancia e Adolescencia local no Parlamento de Galicia. Participaron no Foro de Participación Infantil e Adolescente. Este encontro, organizado polo Parlamento autonómico e o Comité de Unicef Galicia, celebrase anualmente para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos da Infancia. 

Representantes do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia do Porriño asistirán ao Parlamento de Galicia

 

Carla Godoy Magalhaes e Nicolás Freiría Casal serán os dous representantes da infancia e adolescencia porriñesa que asistirán no Parlamento de Galicia mañá martes 16 ao Foro de Participación Infantil e Adolescente. Este encontro, organizado polo Parlamento autonómico e o Comité de Unicef Galicia, celebrase anualmente para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos da Infancia.
Rapaces e rapaces de toda a Galicia que forman parte dos consellos municipais da Infancia e adolescencia trasladarán aos grupos políticos do Parlamento e ao goberno da Xunta de Galicia as propostas que estiveron deseñando o pasado mes de outubro no encontro autonómico. A temática deste ano é o medio ambiente e as propostas da mocidade versan sobre as posibles actuacións que debe levar a cabo o goberno autonómico para que Galicia sexa unha comunidade máis sostible.

Presentado O Pinchoneno 2021

A alcaldesa, Eva Garcia presidiu hoxe a presentación do “Pinchoneno 2021” que terá lugar o vindeiro sábado 20 de novembro, baixo carpa e cun aforamento limitado a 200 participantes, no Parque do Cristo. O prazo de inscrición está aberto e as reservas realízanse no enderezo de correo electrónico pinchoneno@gmail.com ata o 18 de novembro.

Trátase dunha iniciativa que convocan a Concellería de Educación e a Oficina Municipal de Información á Xuventude (Omix do Porriño), coa colaboración de “Doppler Gestión Cultural” para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos.

A concelleira de Educación, Lourdes Moure explicou que “organizar o Pinchoneno é un compromiso plenario coa nosa infancia que querían ter unha versión axeitada para eles do Pinchorriño”. A concelleira volveu reclamar a colaboración da hostalería local para que fagan pinchos axeitados á infancia”, declarou.

Adrián Fragueiro, representante de “Doppler Gestión Cultural” informou que a actividade desenvolverase no parque do Cristo dende as cinco da tarde “cun catering saudable continuado ata as nove da noite enfocado aos nenos e nenas e co complemento de diversas actividades lúdicas”.

Entre elas, subliñar unha charla titulada “Isto é Pop” a cargo do xornalista e escritor Javier Becerra e a artista Carolina Rubirosa”, e outra charla motivacional a cargo do músico e actor Juan Manuel Montilla “Langui”, gañador de dous premios “Goya”, entre outros galardóns. E tamén haberá unha sesión musical a cargo de EmeDJ. 

Finalmente, Laura Carmona, representante do Consello da Infancia e Adolescencia do Porriño transmitiu que “estamos moi contentos de que se retome a celebración desta festa por que os nenos e nenas do Porriño necesitamos sair e xuntarnos coa xente e non só para estudar”.

 

A Concellería de Educación e os centros docentes debaten o programa de actividades escolares para 2022

Lourdes Moure, concelleira de Educación, asistida por Noelia de la Fuente, responsable da OMIX do Porriño, reuniuse hoxe coas direccións dos centros educativos do municipio para establecer o calendario de actividades escolares para 2022.

“Nesta primeira reunión, de carácter exploratorio, comentamos que actividades queren os centros que mantemos e cales poderíamos incorporar como novidades”, explicou Moure Varela.

A concelleira sinalou que, a expensas de novas reunións, “de momento, para o ano 2022 os centros pídennos que continúemos con actividades como os cursos de Cans de Terapia, O Pintamuros e Ciberseguridade, por citar algúns dos que nos refiren os responsables dos centros”, indicou a concelleira.

Mozas e mozos do Porriño participarán no II Encontro de Consellos da Infancia e Adolescencia de Galicia

Por segundo ano consecutivo, O Porriño súmase ao Encontro Autonómico de Consellos da Infancia e da Adolescencia, organizado por UNICEF Comité Galicia que vai ter lugar mañá venres 22 e o sábado 23. O encontro desta volta será telemático para protexer o benestar das persoas participantes.

O Porriño xunto cos demais concellos galegos declarados “Cidades Amigas da Infancia”, está convidado a participar para que nenos, nenas e adolescentes fagan as súas propostas á Xunta de Galicia. Por Porriño participarán cinco mozos e mozas que son: Nicolás Freiría Casal, Kiara Vázquez Lescano, Laura Carmona García, Alex Loureiro López e Carla Godoy Magalhaes. 

Este ano versarán sobre o medio ambiente. Segundo informa a OMIX do Porriño que coordina a participación dos representantes locais, nestes dous días estarán debatendo e elaborando propostas para que a nosa comunidade autónoma sexa un lugar máis sostible, verde, menos contaminante e teña en conta a participación da xente máis nova.

No mes de novembro, unha persoa de cada concello pertencentes aos grupos de participación, levarán todas as propostas que traballen estes dous días, ao pleno infantil que celebrará o Parlamento de Galicia o día 16.

O edificio consistorial, alumeado en rosa para conmemorar o Día Mundial contra o Cancro de Mama

O 19 de outubro celébrase o Día Mundial contra o Cancro de Mama. Por este motivo, este martes, á noitiña, o edificio do Concello do Porriño ten unha iluminación especial en rosa claro, tanto na fachada principal como na lateral.

A OMIX do Porriño xunto coas Concellerías de Educación, e de Cultura e Igualdade, e o Consello Municipal de Infancia e Adolescencia animan a toda a poboación porriñesa a compartir nas redes sociais, a campaña para motivar ás mulleres a realizar autodiagnóstico co cancelo #DiaInternacionaldelCancerdeMama.

O 19 de outubro é unha data que busca sensibilizar e concienciar as persoas de todo o mundo sobre a importancia de realizar un exame de mamas regularmente, coa finalidade de detectar calquera signo ou anomalía. Tamén se pretende facer un recordatorio do compromiso da sociedade contra o cancro de mama.

É recomendable que as mulleres fagan os controis necesarios previstos pola sanidade de cada país, así como manter unha alimentación sa e equilibrada, ademais de facer exercicio físico. Todos estes son factores que reducen considerablemente o risco de padecer este tipo de cancro e, en xeral, calquera cancro.

O Concello promove clases de ciberseguridade entre o alumnado porriñés

Lourdes Moure, concelleira de Educación visitou esta tarde o obradoiro sobre ciberseguridade que está a desenvolverse nos centros de ensino secundario porriñeses. A concelleira compartiu actividade con alumnos e alumnas de 3º da ESO no IES Pino Manso.

A concelleira explicou que esta actividade ven motivada polas “novas formas de aprender, crear e comunicarse de xeito que nenas e nenos acceden cada vez máis cedo a dispositivos conectados a Internet. Xa sexa dende o móbil, o ordenador, a tablet ou a videoconsola, se non se forman en ciberseguridade poden correr riscos innecesarios”.

“As ameazas máis habituais nestas idades son o ciberacoso e a ciberviolencia, a suplantación de identidade, as fake news (noticias falsas), as estafas e incluso as adiccións dixitais. Por iso dende o Concello de O Porriño e a OMIX promovemos estas formacións dirixidas a 3º da ESO, para que saquen todo o partido a Internet protexendo a súa integridade física e mental”, engadiu a concelleira Moure Varela.

Trátase dunha actividade escolar das que organiza cada ano a Concellería de Educación coa OMIX do Porriño en colaboración cos centros de ensino do concello. Precisamente Lourdes Moure indicou que o vindeiro mércores 27 de outubro terá lugar a reunión preparatoria coas direccións dos centros educativos para determinar o calendario de actividades de 2022.

O Concello terá unha iluminación especial en catro datas inminentes de conmemoracións

O edificio do Concello terá unha iluminación especial en catro datas conmemorativas nas próximas semanas. A OMIX do Porriño, xunto coa Concellería de Educación e a de Igualdade e Cultura, anunciaron estas accións reivindicativas para estas catro datas: o 19 de outubro, Día Mundial contra o cancro de mama; 24 de outubro, Día Internacional contra o Cambio Climático; o 20 de novembro, Día Universal da Infancia, e o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.

A primeira destas accións celebrarase o vindeiro martes 19, cando tanto a fachada principal como o lateral do edificio do concello estarán iluminados de cor rosa claro con motivo do Día Mundial contra o cancro de mama, unha data que busca sensibilizar e concienciar as persoas de todo o mundo sobre a importancia de realizar un exame de mamas regularmente, coa finalidade de detectar calquera signo ou anomalía. Tamén se pretende facer un recordatorio do compromiso da sociedade contra o cancro de mama.

Desde a OMIX de Porriño, a Concellería de Educación e o Consello da Infancia e a Adolescencia do noso concello, “animámosvos a que compartades todo o que descubrades sobre o cancro de mama nas vosas redes sociais e a que motivedes ás mulleres para realizaren o auto diagnóstico co cancelo #DíaInternacionaldelCáncerdeMama.