O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira, Antía Carrera, participaron hoxe na celebración do Día Internacional do Pobo Xitano do CEIP da Ribeira, en Torneiros.

Como cada 8 de abril, conmemórase o Primeiro Congreso Mundial Romaní-Xitano que tivo lugar en Londres, no ano 1971, e no que se instituíu a bandeira e o himno xitano.

O rexedor quixo unirse a unha celebración “que segue a ser moi necesaria para rematar dunha vez por todas coa discriminación e a estigmatización deste pobo e poñer en valor a súa cultura e historia”. Neste sentido salientou a importancia de que dende os colexios se traballe en valores para contribuír a crear unha sociedade máis xusta. “Colexios como CEIP da Ribeira son un exemplo de integración, sensibilización social e convivencia. Un colexio de todas/os e para todas/os no que as nenas e nenos poñen en valor o orgullo da súa identidade e valores xitanos”, apuntou Lorenzo.

O alumnado deu a benvida ao alcalde e agasallouno con traballos feitos por eles mesmos.  Prepararon un programa de actuacións que foron dende lcturas de poemas de Lorca, exposicións dos seus valores e principios e, como non podía ser doutro xeito, música e baile. Lorenzo, non dubidou en arrancarse e bailar flamenco ao son dos caixóns, guitarras e tacóns.