O Concello do Porriño acondicionará a aula de xogo da escola unitaria de Mosende

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo,  iniciou hoxe a súa ronda de visitas aos centros educativos do municipio e o fixo na Escola de Educación Infantil de Mosende.

Son oito os cativos que están escolarizados nesta unitaria que da servizo ás parroquias de Mosende, Pontellas e Chenlo, e para o alcalde “é prioritario que o fagan en boas condicións”.

Trátase dun edificio que, aínda que depende da Xunta, é de titularidade municipal, e a falta de mantemento dos últimos anos fai que as condicións non sexan as adecuadas, máis se cabe cando falamos de nenos pequenos, de 3 a 6 anos.

“O edificio necesita melloras e reparacións que me comprometo a acometer”, explicou Alejandro Lorenzo, “Esta escola ten que manterse, é parte da nosa historia e un servizo que se presta ás familias destas parroquias. O edificio ten un especial encanto e dispón das instalacións precisas para impartir esta etapa educativa, pero ten que ser acondicionado”.

A escola necesita que se arranxen os aseos, o tendido eléctrico, a calefacción e a instalación dunha canaleta que evite os charcos que se forman á entrada. Esta mesma semana operarios municipais repararon a cuberta que estaba a provocar filtracións de auga e humidades e a continuación procederase ao pintado do centro.

Tras visitar a sala de xogos, que conta con piso de lousa, Lorenzo comprometeuse a cámbialo por tarima flotante, que garantirá que os alumnos e alumnas poidan xogar con máis comodidade e en mellores condicións.

O emblemático Quiosco de Mucha transformase en biblioteca escolar

O coñecido “Quiosco de Mucha” iniciará unha nova etapa este curso transformado en Biblioteca de Patio do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios.

O que foi un dos elementos máis representativos da Praza Arquitecto Antonio Palacios instalouse alí na década dos 90 e varias xeracións de porriñeses e porriñesas compraron nel prensa e lambetadas. Tras varios anos en desuso e atopándose nunhas pésimas condicións, o Concello decidiu retiralo no ano 2016 e desde entón permanecía tirado nas instalacións municipais de Torneiros.

Foi alí onde Tatiana Pérez, responsable de Biblioteca deste centro escolar de Torneiros e impulsora da iniciativa, o vía cada mañá ao acudir ao cole.

“O quiosco de Mucha é algo especial para todos os porriñeses e pareceume que sería interesante reutilizalo”, explica Tatiana, “Desde hai anos levamos a cabo un plan de mellora do patio e tamén pretendemos levar a lectura a máis espazos do centro. O quiosco é perfecto para axuntar ambas as cousas reconverténdoo nunha biblioteca de patio onde os nenos e nenas poidan coller libros para ler e tamén xogos de mesa no recreo”.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou o colexio para interesarse polo proxecto e comprometeuse a colaborar no que sexa necesario para a súa posta en marcha. Así, o  Concello levará a cabo a restauración e posta a punto do quiosco, que inclúe o cambio de xanelas, reparación do interior e instalación de chan.

“Pareceume unha idea marabillosa e faime unha especial ilusión que este quiosco tan emblemático da nosa vila se convirta nun lugar que albergue libros e reivindique o hábito de ler entre os máis pequenos como unha alternativa de lecer”, afirmou Lorenzo, “Os nenos e nenas do Porriño de entón crecemos acudindo ao quiosco de Mucha e alégrame enormemente que os nenos  e nenas do Porriño de agora poidan seguir facéndoo”.

O rexedor anunciou que esta semana comezará unha ronda de visitas aos centros escolares para coñecer da man dos seus equipos directivos as necesidades que presentan.

 

O alumnado do IES Ribeira do Louro participa nunha charla sobre agresións sexuais e violencia sexual

O alumnado de 1º curso de bacharelato do IES Ribeira do Louro, en Torneiros, participou hoxe dunha charla informativa sobre agresións e violencia sexual.

Na conferencia, impulsada desde a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e organizada pola concellería de Igualdade,  abordáronse cos alumnos e alumnas do instituto porriñés os estereotipos de xénero, a tipoloxía de violencia sexual, a cultura da violencia, o consentimento, e outros recursos relacionados coas agresións sexuais.

A charla foi impartida por Angélica Mercado Torres, mestra de profesión, especialista en estudios de xénero e políticas de igualdade que conta cunha ampla experiencia en programas a mulleres migrantes e con discapacidade psíquica.

A concelleira de Igualdade, Carolina González, que participou da mesma, salientou que “a violencia sexual é un problema na nosa sociedade que debemos abordar dende todos os ámbitos. O máis importante é a concienciación, a formación e a información dende o ámbito educativo para que as nenas e nenos, mozas e mozos se formen e eduquen nos valores da igualdade e o respecto, e  eles serán nun futuro eses adultos que mostren tolerancia cero a calquera tipo de violencia”.

Actividades da Biblioteca Municipal: sesións de animación á lectura e xornadas “Acompañando na aventura de crecer”

Esta tarde ás 18,30 horas terá lugar na Biblioteca Municipal unha sesión de animación á lectura a cargo de Paula Carballeira, baixo o título “Un mes. Catro lúas. Unha sesión de contos”.

Trátase dunha actividade organizada pola Biblioteca Municipal, programada ao longo de varios meses coa intención de animar á lectura empregando os contos como ferramenta.

Segundo explica a páxina web de Cultura do Porriño “non hai mellor lugar para os contos que unha biblioteca. Nela, quedan ao abeiro dos libros, quentes e protexidos. A biblioteca do Porriño quere traer novas historias, desas que quedan na súa, na vosa memoria, coma un arrecendo ou un alento, porque as palabras van polo vento.

“Paula Carballeira dedícase a contar. Vai polo mundo recollendo contos. Trae os contos que foi atopando, e vainos contando. Escolle cada palabra, cada canción, cada xogo, porque nunha sesión de contos temos todo o tempo do mundo para desfrutalo mentres dura”.

“Cada catro lúas, chegará ao Porriño con contos novos. En xaneiro, contos de inverno. En febreiro, contos de bromas, de disfraces, de Entroido. En marzo, contos de primavera, de poesía, de maxia. En abril, contos deses que inventaba H. C. Andersen en Dinamarca. E en maio, contos de aquí, letras que coñecemos, lugares misteriosos dos que non sabemos”.

 

Ciclo “Acompañando na aventura de crecer”

Por outra banda, a Biblioteca Municipal tamén acollerá unhas xornadas para familias e profesionais baixo o título “Acompañando na aventura de crecer”, nas que abordarase, desde diferentes puntos de vista, como pode favorecerse o correcto desenvolvemento dos fillos e fillas desde que nacen e na súa primeira etapa infantil.

As conferencias serán mensuais e comezarán o venres 14 co tema “Impacto das pantallas no desenvolvemento cognitivo”, a cargo da pedagoga e mestra, María Couso Barja. Esta docente autora do proxecto “Cerebro e Xogo” que promove o uso de xogos de mesa como ferramenta de aprendizaxe infantil, defende a tese de que o contacto e uso da tecnoloxía dixital en idades prematuras deberían retrasarse.  

O novo goberno municipal potenciará a atención cidadá e a transparencia, e dedicará unha concellería á terceira idade

 

O alcalde Alejandro Lorenzo fixo público hoxe o reparto de responsabilidades e delegacións entre os seus concelleiros. Destaca a creación das áreas de Atención Cidadá e Transparencia que dependerán da concelleira Antía Carrera.

A subliñar tamén a creación da área de Terceira Idade que desenvolverá Ascensión Rosario Costas. Trátase dunha concellería específica para dar resposta ás necesidades dos nosos maiores e garantir que a nosa vila ofreza a calidade de vida que merecen, traballando conxuntamente co resto de departamentos.

DISTRIBUCIÓN DE ÁREAS E DELEGACIÓNS 

O propio alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo levará tamén as áreas de Economía e Persoal.

Abel Estévez, que será o primeiro tenente de alcalde dirixirá Seguridade, Policía Local, Protección Civil, Voluntariado, Deportes e Benestar Social.

Carolina González, segunda tenente alcalde, desenvolverá as delegacións de Educación, Uned e Programas Europeos; Igualdade; Sanidade e Normalización Lingüística.

Ramón Porto será o concelleiro responsable de Vías, Obras e Servizos

Antía Carrera levará Urbanismo, Patrimonio Municipal do Solo, Contratación, Comercio, Mercado, Atención Cidadá e Transparencia, e Medio Ambiente.

José Carlos González terá as competencias de Parques e Xardíns; Limpeza; Lixo e Cemiterios.

Bienvenido Estévez colle as competencias de Traída de Augas Veciñais; Asociacións; Parroquias; Novas Tecnoloxías; Xuventude; Cultura e Festas.

Por último, Ascensión Rosario Costas asume a nova área de Terceira Idade e ademais as deegacións de Industria, Turismo, Formación e Emprego.

“EQUIPO POR E PARA PORRIÑO”

As competencias repártense entre os oito concelleiros do equipo. A idea é desenvolver un traballo transversal e coordinado que beneficie á cidadanía”, explicou o alcalde.

Trátase de “un equipo por e para Porriño”, afirmou Alejandro Lorenzo como síntese do esquema de traballo que propón.

“Xorden problemas e demandas cotiáns que non afectan só a un ámbito senón ao conxunto do Concello e tamén a diversos sectores da poboación e por iso son necesarias actuacións integrais para optimizar os recursos dos que dispoñemos, aproveitar as sinerxías, e dar unha maior eficiencia e eficacia. calidade do servizo que prestamos”, engadiu o rexedor municipal.

Alejandro Lorenzo mostrouse satisfeito de ter un equipo cohesionado que traballe xunto e témolo“. E citou como proba diso” o traballo da brigada de Deportes que se encarga de arranxar os parques infantís; ou a cooperación das concellerías de Vías e Obras, Servizos, Limpeza Viaria, Parroquias e Asociacións nas actuacións urxentes de lavado e limpeza como a que hoxe se leva a cabo no entorno da Igrexa de Santa María”, concluíu Alejandro Lorenzo.

Porriño, quinto concello de Galicia en converterse en Cidade Amiga das Persoas Maiores

Nun acto celebrado hoxe no salón de plenos do Concello, a concelleira de Educación, Lourdes Moure anunciou a incorporación de Porriño á rede de “Cidades Amigas dos Maiores”. A Organización Mundial da Saúde (OMS) concedeu este recoñecemento ao Porriño, que foi comunicado a semana pasada ao Concello.

Un recoñecemento que se demorou máis do esperado pero que finalmente foi confirmado desde a sede da OMS en Ginebra e pola secretaría xeral do IMSERSO que é o organismo encargado de coordinar e dinamizar esta rede en España, dependente do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

“Deste xeito, Porriño convértese nun dos cinco primeiros concellos de Galicia en formar parte desta rede e no segundo da provincia de Pontevedra, xunto con Baiona, así como Castrelo do Miño, Ourense e Santiago de Compostela”, segundo anunciou a concelleira de Educación.

A misión da Rede é estimular e favorecer que as cidades e comunidades de todo o mundo sexan cada vez máis amigables coas persoas maiores. “Para O Porriño formar parte da Rede reflicte o compromiso do Concello para escoitar as necesidades da súa poboación de maior idade, avaliar e facer un seguimento da súa situación e traballar en colaboración coas persoas maiores en todos os ámbitos para crear contornas físicas e sociais amigables co envellecemento”, manifestou a concelleira Moure.

Para finalizar a concelleira recalcou que “todas e cada unha das fases deste proxecto leváronse e levaranse a cabo  a través do traballo realizado desde a  OMIX e a Concellería de Educación  do Concello do Porriño”.

No acto ao que asistiron invitados representacións de asociacións veciñais, culturais e entidades sociais do Porriño, tamén participou Rubén Varela, representante da firma “Atelier Social” que colabora co Concello no desenvolvemento da iniciativa. Segundo explicou, “continuando co exemplo xa recoñecido do Porriño como Cidade Amiga da Infancia que se visualiza na celebración anual dos plenos infantís e coa existencia dun consello da infancia e adolescencia, a idea é que os maiores de Porriño , tamén ter un diálogo instituído co Concello mediante procesos de participación comunitaria”.

O Porriño tamén recibe o título de “Cidade Amiga das Persoas Maiores”

O Concello de Porriño ven de recibir o título de Cidade Amiga das Persoas Maiores que se une ao de Cidade Amiga da Infancia que ostenta desde 2018.  A concelleira de Educación, Lourdes Moure Varela está a convidar á presentación aos medios informativos que se vai realizar o venres 17, ás 11 horas, no salón de plenos do Concello para que tamén acudan representantes das asociacións veciñais  e culturais das parroquias do concello e de diversos sectores sociais.

No acto, a concelleira Lourdes Moure explicará en que consiste a adhesión de Porriño á Rede de Cidades e Comunidades Amigables coas Persoas Maiores. O título outorgouse pola OMS e o Imserso.

A Rede Mundial de Cidades e Comunidades Amigas dos Maiores foi promovida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 2010 en resposta ao rápido envellecemento da poboación e co obxectivo de conectar cidades, comunidades e organizacións de todo o mundo coa visión común de facendo do seu entorno un lugar mellor para envellecer con dignidade e calidade.

Trátase dunha iniciativa centrada na acción local, que aborda de forma integral os aspectos que inciden no día a día das vilas e cidades e faino promovendo a participación das persoas maiores, tendo en conta as súas necesidades, opinións e propostas no proceso. de análise e mellora da localidade en diversos ámbitos, co fin último de promover un envellecemento saudable e activo.

O Imserso, a través dun Convenio de Colaboración coa OMS, é o órgano encargado de coordinar e dinamizar a Rede en España.

Cartel_Amigable coas persoas maiores

O Porriño participa nas “IV Xornadas Formativas Cidades Amigas da Infancia” que organiza Unicef

A concelleira de Educación, Lourdes Moure participou hoxe na primeira quenda das “IV Xornadas Formativas Cidades Amigas da Infancia” que organiza UNICEF baixo o título “Estratexias para a promoción da participación infantil e adolescente desde o ámbito local”. Estas Xornadas se prolongarán ata mañá mércores e celébranse de xeito telemática.

Ademais da concelleiro de Educación, a responsable da OMIX do Porriño, Noelia de la Fuente e a nena Kiara Vázquez Lescano, integrante do Consello local da Infancia e Mocidade, representan a Porriño e participan nas reunións telemáticas.

O papel da nena Kiara Vázquez, representante da infancia porriñesa, será a de ofrecer a visión da xente nova sobre a necesidade da creación dun consello a nivel autonómico.

Este encontro organizado por Unicef para O Porriño e demais Cidades Amigas da Infancia de Galicia, está encamiñado a formar e orientar a todas as persoas que queiran promover a participación infantil e adolescente nas súas localidades. Os obxectivos principais son capacitar aos municipios de Galicia en políticas de Infancia, ofrecendo ferramentas que axuden a mellorar as súas políticas dirixidas a fomentar a participación infantil e adolescente no ámbito local.

Unha pancarta na fachada do Concello lembra a conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade

 

A concelleira de Educación, Lourdes Moure, xunto con alumnos, profesores e coidadores do centro “Aceesca” participaron esta mañá no despregamento da pancarta conmemorativa do Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

A pancarta seguirá ao longo desta semana na fachada do edificio do Concello. Ademais o mañá venres, ao anoitecer, o edificio do Concello iluminarase de cor verde.

O Día Internacional das Persoas con Discapacidade celébrase o 3 de decembro, por acordo da ONU. Este ano 2021 baixo o lema. “Reconstruír mellor: cara a un mundo pos-Covid inclusivo, accesible e sostible por, para e coas persoas con discapacidade”.

O Concello de Porriño, a través da Concellería de Educación, da OMIX, do Consello de Participación da Infancia e a Adolescencia e ACEESCA, anima a todas as persoas a conmemorar este Día.

A conmemoración deste Día Internacional procura unha toma de conciencia e de medidas orientadas cara á constante mellora da situación das persoas con discapacidades e á consecución da igualdade de oportunidades para elas.  

“GivingTuesday” (Martes de Dar): a concelleira de Educación comprobou o comezo da recollida solidaria no CEIP da Ribeira

UN ANO MÁIS O PORRIÑO SÚMASE A ESTA INICIATIVA #GivingTuesday (Martes de dar)

A infancia e mocidade de Porriño leva a cabo nestes días a iniciativa solidaria “Giving Tuesday” (Martes de dar), que é un movemento internacional e solidariedade, a través da recollida de alimentos non perecedoiros e productos de hixiene para o seu posterior reparto entre as familias máis necesitadas.

No recente pleno infantil celebrado o 19 de novembro polo Concello do Porriño, aprobouse por unanimidade de todos os representantes dos centros docentes, realizar esta recollida.

Lourdes Moure, concelleira de Educación acudiu hoxe ao CEIP da Ribeira, en Torneiros, onde comprobou o desenvolvemento da recollida xunto coa directora do colexio, Teresa Castro.

A OMIX do Porriño e a Concellería de Educación  apoian e organizan  un ano máis  esta inicitiva “#GivingTuesday2021”. Este ano a prioridade é a recollida de  alimento non perecedoiros e produtos de hixiene para bebés (cueiros, cremas, toalliñas, purés, leites e alimentos infantís de todo tipo) para a súa posterior distribución entre as familias do concello con menores recursos. A recollida comezou hoxe e continuará ata o venres 3 de decembro e realizase contando coa  colaboración dos centros escolares, nos que se instalan  puntos de  recollida.

O Giving Tuesday, ou “Martes de dar”, é un movemento internacional que quere incentivar e multiplicar as boas accións das persoas. O obxectivo é dedicar un día en todo o mundo (que é hoxe 30 de novembro), para celebrar o feito de dar, poden ser alimentos, diñeiro, tempo (voluntariado), obxectos de segunda man, etc. Este movemento naceu como alternativa ao Black Friday e Cyber Monday, que promoven o consumismo.

“Dende o Concello convidamos a tódolos veciños e veciñas a participar nesta iniciativa solidaria. día, no que todo o mundo se une para DAR, No seu caso os productos terán que entregarse no banco de alimentos SOS Porriño”, lembrou a concelleira Lourdes Moure.

O venres 3 persoal voluntario de “SOS Porriño” realizará a retirada da recollida nos centros para o seu traslado e clasificación.