Aroa Otero, campioa galega de BTT, recibe a homenaxe do Concello do Porriño

 

  • Foi dúas veces subcampioa de España de Ciclocross, quedou terceira no Campionato de Europa de 2023 e xa participou en tres campionatos europeos e un mundial nesta modalidade

 

O Porriño, 23 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño recibiu esta semana na Casa Consistorial á deportista porriñesa Aroa Otero, veciña da parroquia de Torneiros, nun acto de recoñecemento polos seus recentes logros deportivos e a súa traxectoria de éxitos no ciclismo galego e internacional.

A  ciclista da modalidade de BTT e Ciclocross vén de proclamarse campioa galega de BTT (ciclismo de montaña), un título que revalida tras conseguilo tamén no ano 2023. Cunha traxectoria brillante malia a súa mocidade —ten só 19 anos—, leva desde os 9 practicando ciclismo de montaña e ciclocross, unha modalidade invernal que se desenvolve en circuítos máis curtos, con bicicletas de estrada con rodas de taco.

A deportista acumula un impresionante palmarés: foi as veces subcampioa de España de Ciclocross, quedou terceira no Campionato de Europa de 2023 celebrado en Pontevedra e xa participou en tres campionatos europeos e un mundial nesta modalidade.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou durante o acto a importancia de recoñecer o esforzo e a constancia da mocidade deportista do Porriño: “Aroa é un exemplo de superación e disciplina. Consegue éxitos deportivos mentres compaxina adestramentos e competicións co seu primeiro ano de carreira universitaria. É un orgullo para todo o Porriño contar cunha embaixadora así. Hoxe recoñecémola non só polos títulos, senón polos valores que representa.”

Pola súa banda, Aroa expresou a súa emoción por recibir este recoñecemento no seu concello natal: “Para min é un orgullo que se recoñeza o meu traballo desde a miña casa, O Porriño. Este ano está sendo especialmente esixente porque estou compaxinando o deporte co meu primeiro ano de carreira, estudando Dereito en Salamanca. Agradezo de corazón este apoio, que me dá forza para seguir loitando polos meus obxectivos.”

Con este acto, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso co deporte e co recoñecemento público aos logros da súa veciñanza.

O Porriño presenta a programación da IX edición de Porrigalia: galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos volven tomar as rúas do Porriño esta fin de semana

 

O Porriño, 9 de xullo de 2025.- Esta mañá tivo lugar a presentación oficial da IX edición de Porrigalia, a festa dos Xogos Olímpicos do Porriño, que se celebrará os días 12 e 13 de xullo e que converterá as rúas da vila nun escenario onde convivirán galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos, que ademais competirán en probas olímpicas, desfilarán por toda a vila e animarán a veciñanza a desfrutar dunha programación chea de música, espectáculos, gastronomía e actividades para todas as idades.

O acto, celebrado na Praza Arquitecto Antonio Palacios, contou coa presenza de representantes da hostalería e do comercio local, así como das entidades sociais, culturais e deportivas que participan activamente na organización desta edición. Acompañados tamén polos célebres Astérix, Obélix e Ideafix, deron a coñecer a programación que converterá O Porriño no epicentro da festa e da historia viva esta fin de semana.

Este ano, a festa contará cun gran desfile no que participarán máis de 150 persoas, distribuídas en 9 comparsas que representarán as distintas civilizacións. O pregón oficial será o sábado 12 ás 13:00 h, a cargo do influencer Miguel Mandayo, quen tamén acenderá a chama olímpica acompañado por Tonhito de Poi e Pepo Suevos.

O Alcalde, Alejandro Lorenzo, presente no acto, destacou o carácter participativo e colectivo da celebración e aproveitou para facer un agradecemento público a todas as asociacións, ANPAS, clubes deportivos, agrupacións culturais, comerciantes e hostaleiros do Porriño que fan posible esta festa: Porrigalia é unha festa feita por e para a xente do Porriño. É unha mostra da nosa creatividade, do noso humor e das ganas de pasalo ben en comunidade. Este ano teremos actividades para todos os públicos, pensadas para compartir en familia e coas amizades. Quero agradecer de corazón o traballo e implicación de todas as asociacións, ANPAS, clubes deportivos, agrupacións culturais, comerciantes, hostaleiros, persoal municipal e voluntariado que fan posible que Porrigalia siga medrando ano tras ano”.

Pola súa parte, os Concelleiros de Cultura e Deportes, Bienvenido Estévez e Abel Estévez, aproveitaron para animar a toda a veciñanza, grandes e pequenos, a poñerse a túnica, a coroa de loureiro ou o casco castrexo e saír á rúa para vivir esta experiencia única.

PROGRAMACIÓN COMPLETA PORRIGALIA 2025

O sábado 12 de xullo, a xornada comezará ás 11:30 h coa animación de rúa a cargo da Charanga Anchoa, Batucada Lenha Verde e Batucada da Asociación Cultural Miúdos, que percorrerán as principais rúas do centro. Ás 12:00 h terá lugar o gran desfile da chama olímpica, que sairá do templete da rede de San Luis e chegará á Praza Arquitecto Antonio Palacios, coa participación da Garda Romana (Legio X Gemina do Club Falcata) e a recepción oficial do Rei Castrexo Pepo Suevos, acompañado por Tonhito de Poi. Ás 13:00 h, o influencer Miguel Mandayo será o encargado de ler o pregón oficial e acender a chama olímpica, nun acto no que tamén terá lugar o destronamento simbólico do alcalde por parte do rei castrexo. A continuación, ofrecerase un concerto de Pink Porris, na mesma praza. Trátase dunha banda de punk rock local de Atios, O Porriño. Son coñecidos pola súa enerxía, a súa música parte o granito. Ás 14:00 h, abrirán as tabernas da vila para o xantar popular e, ao mesmo tempo, desenvolverase un showcooking en directo, na Praza do Concello, a cargo do cociñeiro Julio Mato.

Pola tarde, desde as 18:00 h, haberá obradoiros infantís polas rúas e dúas sesións de exhibicións de voos de cetraría no Parque Infantil (ás 18:00 h e 19:00 h). Entre as 19:00 h e as 22:00 h, diferentes DJs amenizarán varias prazas da vila, ao tempo que continúa a animación de rúa coa Charanga Fanfarria Furruxa, Charanga Os Caliqueños, Batucada Lenha Verde e Batucada Miúdos (de 19:00 a 23:00 h). Ás 19:30 h, celebrarase na Praza do Cristo a tradicional competición das Olimpíadas Técnicas, mentres que ás 21:00 h o Mimo Karkocha levará o seu espectáculo itinerante polas rúas. Ás 22:00 h, o grupo Os Mendigos ofrecerá un concerto de música medieval na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Ás 23:30 h, terá lugar a gran queimada popular, a cargo do mítico Rei Panoramix, e ás 23:45 h pechará a noite o concerto de Los Kabrönes!!! + sesión DJ na rúa Domingo Bueno.

O domingo 13 de xullo, o día arrincará ás 10:30 h co Gran Desfile Olímpico, desde o templete da rede de San Luis ata a Praza Arquitecto Antonio Palacios, coa participación das cinco civilizacións. Ás 11:00 h, celebraranse na Praza do Cristo as probas olímpicas protagonizadas polas comparsas de galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos, e ao mesmo tempo continuará a animación de rúa coa Charanga Turres Band, Charanga Sacacorchos e Batucada Os Vikingos. Ás 12:30 h, o grupo Louband actuará en concerto na Praza Arquitecto Antonio Palacios, seguido dunha nova exhibición de voos de cetraría no Parque Infantil ás 13:00 h.

Pola tarde, ás 18:00 h, repetirán os obradoiros infanfs polas rúas e celebrarase un concerto infantil dobre, coa actuación da Orquestra de Camarote e do grupo Oviravai, tamén na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Ás 18:30 haberá unha nova sesión de voos de cetraría e ás 19:00 h, os máis pequenos poderán participar na actividade Gladiator Kids”, na Praza 8 de Marzo. A animación de rúa continuará ás 19:30 h cos mesmos grupos da mañá, e ás 21:00 h celebrarase o concerto de Los Hijos del Acorde, de novo na praza principal. A noite pecharase co espectáculo final Errantes” da compañía Troula Animación, ás 22:30 h, coa entrega simbólica do bastón de mando, e ás 23:00 h, o concerto de Ortiga + sesión DJ, tamén na Praza Arquitecto Antonio Palacios, porá o broche de ouro a esta novena edición de Porrigalia.

O Concello do Porriño reafirma o seu compromiso co fomento da cultura, o deporte e a participación cidadá, e invita a toda a poboación a unirse a esta celebración que representa o espírito e a esencia da vila. Porrigalia é un símbolo do traballo en equipo e da colaboración entre administración, entidades e veciñanza, e seguirá a medrar para converterse nunha referencia festiva e cultural da comarca.

Toda a programación de Porrigalia está dispoñible na web do Concello do Porriño porrigalia.org.

 

O Porriño homenaxea aos Campións galegos de Tenis de Mesa Brais Díaz e Xabi Fernández

 

  • Con apenas dez segundos de diferenza, ambos primos deixaron unha pegada histórica no tenis de mesa galego ao proclamarse campións nas súas categorías.

 

O Porriño, 7 de xullo de 2025.– O Concello do Porriño recibiu esta mañá na Casa Consistorial aos mozos porriñeses Brais Díaz e Xabi Fernández, recentemente proclamados campións galegos de tenis de mesa nas categorías Sub-23 e Infantil, respectivamente, no Campionato Galego celebrado en Narón.

O acto, que contou coa presenza do alcalde Alejandro Lorenzo, foi unha homenaxe ao talento, ao traballo e ao compromiso destes dous deportistas que, con só dez segundos de diferenza, acadaron os títulos xogando en mesas paralelas, nun final histórico para o tenis de mesa porriñés.

Xunto a eles estiveron tamén presentes os compañeiros e compañeiras do Club Monte Porreiro, que non quixeron perder esta recepción para celebrar, unha vez máis, os seus logros e compartir este momento especial co Concello.

Durante a súa intervención, o alcalde destacou que “Brais e Xabi representan o mellor do noso deporte: esforzo, paixón e humildade. É unha honra recibilos aquí, na casa de todos os porriñeses, e darlles as grazas por levar o nome do Porriño tan alto”.

Tamén fixo extensiva a felicitación ás súas familias, que os acompañaron tanto na competición como neste acto institucional: “Detrás de cada logro hai horas de sacrificio compartido. Hoxe queremos recoñecer tamén ese apoio fundamental das familias”.

Con só 16 anos, Brais acumula xa un palmarés envexable, no que destacan, ademais deste último título, o bronce en equipos inclusivo no Campionato de España en idade escolar e os ouros en dobres tanto no campionato galego absoluto como no xuvenil.

Agora, tanto Brais como Xabi encaran con ilusión o reto do Campionato de España, onde seguirán defendendo os valores do seu club e do seu concello.

 

O Porriño acolle hoxe un dos tramos decisivos do 58º Rallye Rías Baixas

 

O Porriño, 5 de xullo de 2025.– O Porriño volve ser punto clave no calendario do motor nacional coa celebración do 58º Rallye Recalvi Rías Baixas, unha das probas máis emblemáticas do Supercampionato de España de Rallyes (S-CER), que hoxe percorre algunhas das súas etapas máis espectaculares.

O municipio volve acoller nesta proba un dos tramos estrela: Gondomar – O Porriño, cun percorrido de 11,45 km, que se disputa hoxe sábado en dobre pasada, ás 12:18 h e ás 17:18 h. Este tramo, pola súa complexidade técnica e espectacularidade, é considerado un dos máis decisivos do rallye, reunindo a numerosos afeccionados ao longo do seu trazado.

Ademais da relevancia deportiva, O Porriño tamén cumpre un papel central na loxística da proba. As verificacións técnicas e administrativas realízanse no municipio e, ao longo do día, as inmediacións do Pavillón de Deportes acollen un dos reagrupamentos oficiais, convertendo o Porriño nun punto neurálxico da organización.

Durante a presentación oficial do rallye, celebrada o pasado 25 de xuño na Praza Arquitecto Antonio Palacios, o Alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou o orgullo que supón para o Concello formar parte activa dun evento deste nivel:

“Acoller unha proba desta categoría é unha oportunidade para que O Porriño se vexa como o que é: unha vila viva, moderna, apaixonada polo deporte e con capacidade para acoller e organizar eventos de primeiro nivel”.

O Rallye Rías Baixas conta nesta edición con 12 tramos cronometrados e case 130 quilómetros de competición, nun percorrido que abrangue diversas localidades da provincia. Concellos como Ponte Caldelas, Gondomar, Nigrán e Salceda tamén forman parte do percorrido, con controis de paso e reagrupamentos. No caso do Porriño, a súa localización estratéxica, sumada ás súas infraestruturas e capacidade organizativa, convérteno nun aliado esencial para o éxito do evento.

O paso do rallye supón tamén unha excelente plataforma de visibilidade para o municipio, que será protagonista en retransmisións a través de RTVE, DAZN, TVG e nas canles oficiais da Real Federación Española de Automobilismo. 

A través desta colaboración, O Porriño consolídase como referente deportivo e motor dun territorio que aposta polo dinamismo, a participación e o crecemento compartido.

O Porriño énchese de ritmo este verán con clases gratuítas de zumba ao aire libre

 

O Porriño, 2 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño pon en marcha un novo programa de actividades para animar as noites de verán e fomentar o exercicio ao aire libre. Trátase das clases gratuítas de zumba, que se celebrarán durante os meses de xullo e agosto na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

As sesións terán lugar todos os martes e xoves, de 21:00 a 22:00 horas, e estarán abertas a persoas de todas as idades, sen necesidade de inscrición previa.

O obxectivo é ofrecer unha actividade saudable, divertida e accesible para toda a veciñanza, ao tempo que se dinamiza o espazo público e se promove un estilo de vida activo.

“Queremos que a xente se mova, se divirta e aproveite as noites de verán nun ambiente san e participativo”, sinala o Alcalde, Alejandro Lorenzo, que se animou a participar na primeira clase. “A zumba é unha proposta que combina música, exercicio e convivencia, perfecta para o noso Porriño”, engade.

A iniciativa forma parte do programa de actividades de verán que o Concello está a desenvolver para fomentar a cultura, o deporte e a participación cidadá durante os meses estivais.

O Porriño presenta a primeira edición da Galicia Cup, novo torneo internacional de fútbol base

 

O Porriño, 26 de xuño de 2025.- Esta tarde tivo lugar na Praza do Concello do Porriño o acto oficial de presentación da Galicia Cup, torneo internacional de fútbol base que se disputará esta fin de semana, do 27 ao 29 de xuño, en O Porriño, Mondariz e Ponteareas.

O Alcalde, Alejandro Lorenzo, e o Concelleiro de Deportes, Abel Estévez, acudiron ao acto e quixeron destacar a importancia desta competición para a promoción do deporte base na comarca. “Quero destacar o papel fundamental que ten o deporte base na formación da nosa mocidade, non só desde o punto de vista deportivo, senón tamén como ferramenta educativa, de convivencia e de transmisión de valores”, afirmou o rexedor.

A primeira edición da Galicia Cup reunirá 40 equipos (38 galegos e 2 asturianos) distribuídos en catro categorías: Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete. O Porriño será un dos escenarios principais do torneo, concretamente o Campo de Fútbol do Porriño Industrial FC, e converterase no epicentro das actividades deportivas que acompañarán a competición.

Impulsada por Antón de Vicente e apadriñada polo coñecido youtuber WithZack, a Galicia Cup nace coa vocación de fomentar a convivencia, os valores deportivos e a educación a través do fútbol, combinando a competición cunha programación lúdica e de concienciación.

Partido de Exhibición como Clausura do Torneo

Como broche final ao torneo que se celebra este domingo, terá lugar un partido de exhibición entre unha selección de xogadores dos Concellos do Condado de Paradanta e  Louriña e unha selección de persoas inmigrantes.

O encontro desputarase no campo municipal do Lourambal, no Porriño, en horario de 15:00 a 16:00 horas. Unha vez rematado o partido, procederáse á entrega de premios, poñendo así o punto final a unha xornada de deporte, integración e convivencia.

O Porriño presenta o 58º Rallye Recalvi Rías Baixas

O Porriño, 25 de xuño de 2025.– A Praza Arquitecto Antonio Palacios acolleu esta tarde a presentación oficial da 58ª edición do Rallye Recalvi Rías Baixas, unha das probas máis emblemáticas do calendario automobilístico estatal e cita clave do Supercampionato de España de Rallyes (S-CER).

O acto contou coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; do presidente da Escudería Rías Baixas, Damián Giráldez; do piloto José Antonio Martínez del Río, así como doutros membros da organización e persoas vinculadas ao mundo do motor. Durante a presentación expuxéronse varios vehículos participantes e detalláronse os aspectos deportivos da carreira.

O rallye disputarase entre os días 3 e 5 de xullo, cun percorrido total de 449 quilómetros, dos que 129 serán cronometrados en tramos de competición. Entre estes tramos, destaca especialmente o que atravesa o Porriño, o tramo Gondomar–O Porriño, con 11,450 km, que será unha das etapas máis decisivas da proba. 

O tramo que pasa por Porriño, previsto para o sábado 5 de xullo e que se poderá ver a partir das 12:18h pola mañá e a partir das 17:18h pola tarde, converte ao municipio nun dos escenarios centrais do rallye, non só polo seu tramo de competición, senón tamén pola súa relevancia na organización da proba. O Porriño acollerá as verificacións técnicas e administrativas e será sede dun dos reagrupamentos oficiais, que se celebrará nas inmediacións do Pavillón de Deportes. Esta infraestrutura e a localización estratéxica do municipio fan que o Porriño teña un papel clave na loxística e desenvolvemento do evento.

Ademais, diante dos concellos de Gondomar, Nigrán e Salceda de Caselas realizaranse os controis de paso durante a mesma xornada do sábado, o que sitúa a esta zona como un núcleo importante no percorrido do rallye.

O alcalde Alejandro Lorenzo destacou que “acoller unha proba desta categoría é un orgullo e unha oportunidade para que O Porriño se vexa como o que é: unha vila viva, moderna, apaixonada polo deporte e con capacidade para organizar eventos de primeiro nivel”.

Con esta colaboración, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso co apoio ao deporte, á dinamización local e á promoción do municipio dentro e fóra de Galicia.

O Concello do Porriño reafirma a súa aposta polo deporte coa celebración do X Tríatlon

 

  • A proba contou con 166 participantes e percorreu as vilas de Tui e O Porriño a través de natación, ciclismo e carreira a pé

O Porriño, 15 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño acolleu este domingo unha nova edición do Tríatlon do Concello do Porriño reunindo a 166 participantes nun percorrido que conectou as vilas de Tui e O Porriño a través das tres disciplinas tradicionais do tríatlon: natación, ciclismo e carreira a pé.

A proba, organizada polo Concello do Porriño, coa colaboración do Concello de Tui e da Federación Galega de Tríatlon (FEGATRI), deu comezo ás 11:00 h desde a Comandancia Naval do Miño, en Tui, e rematou diante da Casa do Concello do Porriño, nun ambiente de gran participación e expectación.

O percorrido incluíu 750 metros de natación no río Miño, 20 quilómetros de ciclismo ata o centro do Porriño e, finalmente, unha carreira a pé de 5 quilómetros por un circuíto urbano. A proba desenvolveuse con total normalidade e seguridade, gracias a un amplo dispositivo de coordinación entre a Policía Local de Tui e O Porriño, Protección Civil, unha ambulancia básica, unha UVI móbil e máis de 100 voluntarios dos clubes deportivos locais.

Os vencedores e vencedoras da décima edición foron:

  • Circuito masculina: Alejandro Rodríguez Rilo, David González Borges e Lucas Riola Delgado.
  • Circuito Feminina: Carla Guisande Vieito, Ana Pérez García-Picher e Mirian Trigo Castro. 
  • Popular masculina: Martín López Mosquera, Daniel Feijóo Ferreiro e Javier Giráldez Piñeiro 
  • Popular feminina: Aida Valiño Gómez, Orsolya Andrea Simón e Joana Ruibal Pires. 

A triatleta galega Carla Guisande Vieito, campioa de España de Supersprint por Relevos e Duatlón Contrarreloxo, foi tamén a madriña desta edición. 

Na entrega de premios, o Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o éxito organizativo e destacou o compromiso do municipio co deporte como ferramenta de transformación social:

“No Tríatlon do Concello do Porriño apostamos por un modelo de deporte que mellora a saúde, dinamiza o turismo e promove valores de convivencia. Ademais, quero agradecer expresamente a colaboración do Concello de Tui, da Comandancia Naval, así como o traballo impecable das forzas de seguridade, os voluntarios e os equipos sanitarios despregados. Sen eles, sería imposible garantir unha proba segura e de calidade como esta”.

A celebración desta décima edición consolida ao Tríatlon do Concello do Porriño como un referente no calendario galego, e reafirma o compromiso da vila cun deporte accesible, seguro e de calidade.

O Porriño presenta o seu X Tríatlon como referente deportivo

 

• Celébrase o domingo dende as 11:00 h e conta con 166 participantes

O Porriño, 12 de xuño de 2025.– Esta mañá celebrouse no Concello do Porriño a presentación oficial do X Tríatlon O Porriño–Tui, que se desenvolverá este domingo 15 de xuño nun percorrido que unirá ambos municipios a través de tres disciplinas: natación, ciclismo e carreira a pé.

O tríatlon, organizado polo Concello do Porriño, coa colaboración de Tui e FEGATRI, arrancará o domingo ás 11:00 h e rematará arredor das 13:00 h, con de 166 participantes. A saída terá lugar desde a Comandancia Naval do Miño en Tui e a meta estará situada diante da Casa do Concello do Porriño..

A triatleta Carla Guisande, campioa de España Supersprint Relevos/Parellas e campioa de España Duatlón Contrarreloxo, agradeceu ser a madriña desta edición e sinalou que “é unha honra formar parte dun evento que representa o espírito do tríatlon e o esforzo compartido”.

O acto contou coa presenza do Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; do Concelleiro de Deportes, Abel Estévez; do Concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez; do Director Deportivo da FEGATRI, Carlos David Prieto; e da Triatleta Carla Guisande Vieito, madriña da proba e referente galega neste deporte.

Durante a súa intervención, o Alcalde, Alejandro Lorenzo destacou: “É un orgullo presentar unha proba que une deporte, colaboración institucional e posta en valor do noso territorio. Apostamos polo deporte como ferramenta de saúde, turismo activo e convivencia entre concellos”.

O Concello reafirma así o seu compromiso cun deporte inclusivo, seguro e transformador, que implica á veciñanza, ás institucións e ao territorio.

 

O Porriño acolle este sábado o “GP Concello do Porriño” nas categorías Elite e Sub23

 

  • Trátase dunha proba de ciclismo nacional que puntúa para ranking RFEC, que a súa vez é o campionato galego da categoría

O Porriño, 12 de xuño de 2025.– O Porriño converterase este sábado no epicentro do ciclismo galego coa celebración do Gran Premio Concello do Porriño nas categorías Élite e Sub23, unha proba nacional de máximo nivel, que a súa vez é o  campionato galego da categoría e na que, polo tanto, se descubrirán os campións Élite e Sub23 galegos.

Organizada polo Club Master da Louriña, coa colaboración da Concellería de Deportes do Concello do Porriño, a carreira arrancará ás 16:30 horas e contará coa participación de máis de 100 ciclistas. Os deportistas deberán completar un esixente percorrido de 137 km, con 3,5 km de saída neutralizada e un desnivel acumulado de 1.273 metros. 

Durante a presentación do evento desta mañá, o Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “este tipo de competicións consolidan o noso municipio como referente do deporte galego e atraen centos de persoas que poden gozar dun espectáculo deportivo de primeira”. No acto estiveron tamén presentes Juan José Álvarez, Presidente do Club Master da Louriña; Óscar Sánchez e Jacobo Ucha, representantes da Federación Galega de Ciclismo; Rafael Pérez, patrocinador principal privado da proba; e María Felisa Rodríguez Carrera, Concelleira de Deportes de Mos. 

A competición será retransmitida en tempo real a través do sistema de radio volta da Federación Galega de Ciclismo, permitindo un seguimento minuto a minuto do desenvolvemento da carreira.

Desde o Concello do Porriño animamos a toda a veciñanza a saír ás rúas e achegarse ás inmediacións do percorrido para apoiar aos corredores e desfrutar dun sábado de ciclismo de elite, nun evento que servirá para coroar os novos campións galegos da tempada.