O Balonmano Porriño rende homenaxe ao ex alcalde Barros

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, asistiron este sábado no Pavillón Municipal ao acto de homenaxe a José Manuel Barros, quen fora alcalde da vila durante 23 anos.

O clube Balonmano Porriño quixo agradecer o labor do ex alcalde e o seu apoio ao deporte porriñés durante o seu longo mandato, facéndolle unha homenaxe no descanso do encontro que o enfrontaba ao Balonmano Porriño e ao Aula Valladolid.

Os fillos do alcalde Barros recibiron un agasallo que lembraba o traballo do seu pai e o recoñecemento das xogadoras, adestradores e directivos do Balonmano Porriño que marcaron un fito na súa historia: a chegada á División de Honra do equipo hai xa 20 anos.

V Triatlón CONCELLO DO PORRIÑO

Despois do éxito da pasada edición a Concellería de Deporte en colaboración co Concello de Tui, pon en marcha a quinta edición do Triatlón Tui – Porriño. O deseño da edición de 2016 acadou un alto grado de satisfacción entre os 350 participantes que disfrutaron dun río espectacular, unha ruta en bicicleta polo Val do Louro e unha carreira a pé polas rúas do centro do Porriño. Nesta edición impoñémonos o reto de ampliar os parámetros de calidade acadados, tendo en conta a experiencia de anteriores edicións estamos seguros de poder garantir unha tarde perfecta para todos.

Infórmate na Web:
http://triatlonconcellodoporrino.com/

Xadrez

Sábados de 11:00 a 13:00 h. e xoves de 18:00 a 20:00 h. 2016
Centro Cívico
Retómase a actividade de xadrez, o martes día 4 de outubro, ás 18:00 h. na segunda planta do Centro Cívico do Porriño, onde os interesados e interesadas poderar aprender, xogar e mellorar os seus coñecementos, e tambén, coñecer as actividades programadas para a formación, organización e competición durante o Curso Escolar. A entrada é libre e de balde, só con rexistrarse no lugar.

O calendario de actividades de xadrez desenvolverase os sábados de 11:00 a 13:00 h. e xoves de 18:00 a 20:00 h., de outubro a maio.

O Concello amosa o seu orgullo e apoio ao Balonmano Porriño

O Goberno local amosa o seu apoio “total e incondicional” ao Club Balonmano Porriño que este sábado, nun emocionantísimo encontro, no que as xogadoras puxeron todo sobre a pista, caeu contra o Helvetia Alcobendas.

A alcaldesa agradeceu o comportamento do equipo e reiterou a súa fascinación pola entrega de todo o plantel e polo labor de adestradores e directivos. Eva García de la Torre amosouse “absolutamente segura” de que este gran equipo seguirá dándonos alegrías e facendo que todas as porriñesas e porriñeses esteamos aínda máis orgullosas e orgullosos delas.

García de la Torre, quen asegurou que “en O Porriño levamos a este equipo e as súas xogadoras nos nosos corazóns”, animou a todos os aficionados a seguir gozando do torneo, “que disputan as mellores xogadoras do país na nosa casa”, e a animar ás representantes porriñesas que están a xogar a ‘Minicopa’ e que, lembrou, son o futuro do noso balonmán.

A presidenta da Deputación asina convenios cos equipos de Balonmán Feminino.

A presidenta da Deputación asina, a apenas 48 horas do inicio da Fase Final da Copa da Raíña no Porriño, convenios de colaboración cos grandes equipos de balonmán feminino da provincia, entre eles o Balonmano Porriño

A presidenta da Deputación de Pontevedra asinou este mércores na Sede da institución provincial en Vigo tres convenios de colaboración coas directivas dos tres clubs de balonmán da provincia que están na máxima categoría: Balonmán Cangas, o Atlético Guardés (que estivo acompañado polo rexedor da Guarda, Antonio Lomba) e o Club Balonmán Porriño. Estes acordos forman parte dos convenios de patrocinio establecidos cos clubs da provincia de Pontevedra que se atopan nas máximas categorías das súas disciplinas.

Carmela Silva sinalou que “este ano unha das nosas grandes apostas é o noso apoio ao deporte feminino, do que temos no Balonmán Porriño e o Atlético Guardés dous grandes exemplos de mulleres imparables, que non se renden por ver os seus soños cumpridos e que, ademais, están poñendo o nome da nosa provincia e dos nosos concellos no mapa” xa que “o seu alto nivel fainas estar no olimpo deportivo, na División de Honor feminina” ao igual que “o Balonmán Cangas, que actualmente está xogando na Liga ASOBAL”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra afirmou que “con estes convenios queremos que os clubs de renome da nosa provincia sigan podendo manter a súa actividade, á vez que apoiamos unha actividade, como é o deporte, que cada vez ten máis adeptos e adeptas na nosa provincia”.

A este respecto, Carmela Silva lembrou que “soamente estes tres clubs moven a máis de 1.000 nenos e nenas e rapazas e rapaces que amosan a súa paixón polo deporte en cada adestramento e en cada partido”.

Silva tamén lles desexou sorte nos seus próximos encontros, que enfrontarán na Liga ASOBAL ao Balonmán Cangas co Villa de Aranda este sábado e, o seguinte (6 de maio), ao Balonmán Porriño co vasco Bera Bera e ao Atlático Guardés co Aula Valladolid na División de Honor feminina, ademáis de na Fase Final da Copa da Raíña que se disputa en O Porriño o sábado, domingo e lunes que ven, días 29 e 30 de abril e 1 de maio.

Carmela Silva lembrou que “as nosas xogadoras de balonmán están na segunda e na sexta posición da liga” e animou ao conxunto da cidadanía a que “non as perdan de vista, porque estou segura de que van dar moito máis que falar se cabe”.

vaise xogar no Porriño a MINICOPA da raiña.

Paralela á competición da Copa da Raíña, vaise xogar no Porriño a MINICOPA (categoría. cadete feminino.), en horarios que non van coincidir coa competición senior´.
Os encontros serán de 2 tempos de 20 minutos (5 m. descanso), e a final será de 2 tempos de 30 minutos (10 m. descanso)

O Porriño recibirá a máis de 15.000 persoas pola Copa da Raiña de Balonmán.

Pérez Ouro, xunto con representantes do Club Balonmano Porriño, mantiveron unha xuntanza para rematar cos derradeiros detalles que quedaban pendentes da organización da fase final da Copa da Raíña de Balonmán, que se disputará no Porriño o sábado 29 e domingo 30 de abril e o 1 de maio.

A alcaldesa lembrou que eses días O Porriño recibirá a máis de 15.000 persoas, entre afeizoados, adestradoras, xuíces, xogadoras, dirixentes deportivos e xornalistas, e que “todo está xa disposto para que se sintan entre nós coma na súa casa”.

García de la Torre, como xa manifestara o concelleiro de Deportes e tenente de alcalde, Manuel Carrera, subliñou a importancia que ten para a vila organizar “de novo, por segunda ocasión consecutiva”, este campionato que, sinalou, “sitúa de novo ao Porriño no chanzo máis alto do deporte nacional”, e que terá un considerable impacto, ademais, no ido económico e social.

A alcaldesa adiantou que nesta edición, se apostará por potenciar as actividades no exterior do Pavillón Municipal de Deportes, coa colocación, por parte da Federación Española de Balonmano, dun percorrido de inchábeis e propostas relacionadas co balonmán.

Ademais, haberá unha carpa cunha oferta culinaria variada de xeito que o público poida gozar, entre partido e partido, mesmo nos descansos dos mesmos.

Hai que lembrar que, dacordo co programa de competición, a fase final empeza coa disputa, o sábado día 29, dos cuartos de final. O primeiro partido –ás 12:30 h. será o que enfrontará a Granollers co Mecalia Guardés; ás 4 da tarde xogarán o Bera-Bera co B.M.Elche; ás 6 o Rocasa Canarias contra o C.R. Málaga e, ás 8 e media, chegará o encontro máis agardado, o do Alcobendas co Balonmano Porriño.

As semifinais se xogarán o domingo, día 30, ás 4 e ás 6 e media da tarde, e á final o luns, día 1 de maio, ás 13:00 h.

En paralelo á disputa da Copa da Raiña ‘absoluta’, as integrantes dos equipos cadetes- de 14 a 17 anos- do Granollers, Mecalia Guardés, Bera-Bera, B.M. Elche, Rocasa Canarias, C.R. Málaga, Alcobendas e Balonmano Porriño, xogarán por facerse coa ‘Minicopa da Raíña’ 2017.

Horarios dos cambios e cortes no tráfico pola proba de ciclismo

Horarios dos cambios e cortes no tráfico pola proba de ciclismo que pasará polo Porriño esta fin de semana

Co gallo da proba ciclista do vindeiro sábado, día 22, entre as 16:30 e as 20:00 h. vaise cortar o tráfico en varias rúas e estradas de Atios e Cans, pola zona de Paizal, Portela de Souto, Adroza, A Graña, Gulpilleira, subida A Risca.

Ademais, controlarase o paso pola N-120 á altura de Adroza, en Cans, con tráfico alternativo. Así mesmo, todo o circuíto estará debidamente valado e sinalizado.