“Corto e Cambio” é un programa de prevención do consumo de tabaco, alcol e drogas entre adolescentes, no que participaron uns 120 mozos e mozas promovido polo Concello de Porriño e organizado pola OMIX. Os mozos e mozas elaboraron distintas pezas audiovisuais para sensibilizar sobre esta problemática ao resto de compañeiros e a cidadanía en xeral.
En total presentaranse 10 pezas audiovisuais, entre curtas de ficción, documentais e spots pensados, dirixidos, protagonizados e gravados por alumnos e alumnas dos IES Pino Manso e Ribeira do Louro en moitos casos cos seus propios teléfonos móbiles.
Esta actividade forma parte do programa “Corto e cambio” organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello do Porriño que ten solicitada unha subvención a Xunta de Galicia, e pretende sensibilizar sobre as consecuencias físicas, psíquicas e sociais derivadas do consumo deste tipo de sustancias.
Así durante varias semanas os alumnos/as participantes contaron co apoio dunha psicóloga para traballar os contidos mais teóricos e dun titulado en comunicación audiovisual para apoiar na parte técnica de todo o que rodea a elaboración das pezas audiovisuais.
Segundo informa Noelia de la Fuente, responsable da OMIX, “o traballo baseouse na utilización doutros recursos audiovisuais realizados por mozos e mozas de idades similares as súas, de xeito que lles fose máis doado empatizar e implicarse na elaboración de novas pezas audiovisuais que axudasen aos seus compañeiros/as a identificar os riscos físicos e psíquicos para a saúde derivados do consumo deste tipo de sustancias, a analizar a presión grupal como factor favorecedor do inicio no consumo, a desmontar tópicos e mitos existentes respecto ao consumo e adquirir coñecementos e pautas de actuación para a redución de riscos”.
O resultado destes traballos audiovisuais poderá verse en estrea este martes pola tarde ás 16:15 horas no Centro Cultural Municipal e estará dispoñible tamén na web municipal e nas redes sociais a partir desta data.