A Copa Galicia de Ciclocrós estréase no Porriño

  • Celébrase, o vindeiro 11 de outubro, o VIII Trofeo Ciclocrós Avanza – Concello do Porriño
  • A organización espera a participación de máis de 250 ciclistas, manténdose as inscricións abertas ata o xoves 9

O Porriño, 2 de outubro de 2025.- O Porriño será escenario inaugural da Copa Galicia de Ciclocrós. Así, o calendario do último certame autonómico do ano arranca o vindeiro sábado, 11 de outubro, coVIII Trofeo Ciclocrós Avanza – Concello do Porriño, a primeira dasdez xornadas puntuables na que se espera a participacións de máis de 250 ciclistas, chegados de toda Galicia e Portugal.

A proba, que tamén está incluída no calendario da Federación Española de Ciclismo, terá lugar nun tramo de preto de 3 quilómetros nas inmediacións da pistas de atletismo localizadas no polígono de A Granxa ao longo de toda a mañá, iniciándose ás 11.00 horas as primeiras mangas. Disputaranse carreiras masculina e feminina das categorías infantil, cadete, junior, sub 23, elite masculino e máster 30/40/50/60.

“É unha honra para O Porriño acoller o inicio da Copa Galicia de Ciclocrós. Este VIII Trofeo Ciclocrós Avanza – Concello do Porriño consolídase como unha cita destacada no calendario deportivo galego, reunindo a máis de 200 ciclistas e promovendo o deporte base e de competición nunha contorna privilexiada”, sinalou o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto de presentación esta tarde, facendo fincapé en que “dende o Concello seguimos apostando por eventos que dinamizan a nosa vila, que fomentan hábitos saudables e que nos sitúan no mapa como referente do deporte galego. Desexámoslle moita sorte a todas as persoas participantes e animamos á afeccionados do ciclismo e á veciñanza en xeral a achegarse e desfrutar dunha xornada de deporte e convivencia”.

As inscricións seguirán abertas ata o xoves, 9 de outubro, a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo, precisamente o seu presidente, Juan Carlos Muñiz, acudiu tamén ao acto de presentación, no que estiveron membros da directiva da entidade organizadora, a Asociación Deportiva Avanza, encabezada polo seu presidente, David García, a quen dende o Concello agradeceron o seu labor.

Uns 300 corredores tomarán as rúas da vila na tradicional Milla Urbana Porriñesa

  • A proba chega a súa décimo terceira edición o vindeiro sábado, 4 de outubro, dentro das Festas do Cristo
  • A inscrición, on line e gratuíta, permanecerá aberta ata a medianoite da xornada previa

O Porriño, 1 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño, en colaboración co Club Atletismo Porriño, organiza a XIII Milla Porriñesa “Festas do Cristo”, que terá lugar o vindeiro sábado 4 de outubro, a partir das 19.00 horas, nas rúas do centro urbano da vila, con saída e chegada na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

Desde o Club Atletismo Porriño agardan a participación duns 300 atletas entre todas as categorías, dende cativada de 2 anos ata corredores veteranos. Con todo, lembran que a inscrición continúa aberta de xeito gratuíto ata a medianoite do venres 3 de outubro, a través da páxina web ecultura.net

O alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo fixo un chamamento á participación destacando o valor do evento como parte das Festas do Cristo. “A Milla Porriñesa é un exemplo de como o deporte e as nosas tradicións poden ir da man. É unha festa para toda a familia e unha oportunidade para encher as rúas de Porriño de vida e compañeirismo. Animo a todas as veciñas e veciños a que se anoten e formen parte desta proba tan nosa”.

O evento está aberto tanto a atletas federados como non federados, e contará con cinco categorías por idades: Pitufiñas e Pitufiños (2-4 anos) que correrán 100 metros, velociraptores (5-7 anos) 200 m, Esprinters (8-10 anos) 400 m, Correcamiños (11-14 anos) 800 m e Milla Porriñesa (15 anos en diante) 1.609 metros, dentro desta inclúense tamén as subcategorías Veteranos A (35-50 anos) e Veteranos B (máis de 50 anos). Todos os participantes recibirán medallas ou trofeos segundo a categoría, ademais os tres primeiros absolutos (masculino e feminino) recibirán cadansúa bola de pan do Porriño. O cronometraxe será manual a cargo do persoal do Club Atletismo Porriño, contabilizándose os tempos dos tres primeiros clasificados de cada carreira.

Para facilitar a participación, o Concello poñerá a disposición dos atletas vestiarios e duchas no Polideportivo Municipal. Dende a organización fan un último convite a sumarse á carreira antes do peche de inscrición, destacando o carácter familiar, integrador e festivo da proba, xa convertida nun referente deportivo local nas Festas do Cristo.

O Porriño acolle unha exhibición de partida simultánea de xadrez na rúa

  • 15 taboleiros na Praza Arquitecto Palacios convidan a xogar a pequenos e maiores

O Porriño, 23 de setembro de 2025.- A Praza Arquitecto Antonio Palacios do Porriño convértese, nesta tarde de martes, nun escenario único para a práctica do xadrez coa celebración dunha exhibición de partida simultánea. Trátase dunha iniciativa do Concello, enmarcada nas Festas do Cristo, coa colaboración do Club Xadrez Mos.

A actividade, que dá comezo ás 18.00 horas, conta coa participación de xogadores do club que se enfrontan de maneira simultánea a todas as persoas, pequenos e maiores, que desexen poñer a proba as súas habilidades. En total, haberá 15 taboleiros dispoñibles para que calquera persoa que pase pola rúa poida sentarse a xogar.

Como incentivo especial, todas aquelas persoas que consigan vencer na súa partida serán agasalladas cun taboleiro de xadrez.

“Eventos como este non só dan visibilidade ao xadrez, que destaca como ferramenta educativa e social, senón que tamén fomentan valores como a concentración, a toma de decisións e o respecto polo adversario. Desde o Concello apoiamos este tipo de iniciativas que unen o deporte, a educación e a participación cidadá, e animamos a todas e todos os porriñeses a achegarse e desfrutar dunha xornada diferente e para todas as idades.”

O Concello do Porriño apoia con este evento o deporte base e fomenta actividades culturais e recreativas abertas á cidadanía. Así, convida a toda a veciñanza a achegarse, participar ou simplemente desfrutar observando un evento diferente e aberto a todos os públicos.

 

O Porriño convértese na capital galega do running nunha xornada festiva, deportiva e solidaria

  • A vila acolle hoxe, Día Mundial do Alzhéimer, a CAE Interrunning, o festival de música urbana SummerSon Jam, a foodtruck de “Galicia Sabe Amar” e o espectáculo de marionetas “A morte de don Cristóbal”

O Porriño, 21 de setembro de 2025.-  O Porriño viviu esta mañá unha auténtica festa do deporte coa celebración da CAE Interrunning, que reuniu a 2.000 participantes de todas as idades nas rúas do centro urbano. A proba, que combinou a XIV Interrunning e a III Carreira de Empresas de Galicia, reafirmouse como unha cita imprescindible no calendario deportivo galego, cun forte compoñente solidario en apoio á Asociación Española Contra o Cancro, Aceesca e Afaga, coincidindo co Día Mundial do Alzhéimer, motivo polo cal tamén a casa do Concello alumearase este serán de cor verde.

A competición comezou coa tradicional Andaina Antonio Palacios de 8 quilómetros, seguida das carreiras de 5K e 10K, que deixaron grandes momentos de emoción e esforzo. Os gañadores desta edición foron:

  • 5K masculino: Anxo Otero Amoedo
  • 5K feminino: Julia Vaquero Sousa 
  • 10K masculino: Alejandro Fernández Rivera 
  • 10K feminino: Uxía Pérez Bugarín

Tamén houbo espazo para os máis pequenos, cos tradicionais percorridos Pitufos e Chupetes, nos que participou unha ampla representación infantil nun ambiente festivo e familiar. 

O alcalde Alejandro Lorenzo destaca que “estamos ante un evento único en Galicia, que unifica deporte popular, cultura empresarial e compromiso solidario, destinando parte dos fondos recadados a  estas tres entidades sen ánimo de lucro. A Interrunning é moito máis ca unha carreira, estamos moi orgullosos de acoller un evento que promove hábitos saudables, visibiliza o compromiso social e dinamiza o centro urbano do Porriño. Con cada edición, damos un paso máis cara a excelencia. Aproveito para agradecer á organización e a todos e todas as voluntarias polo seu traballo incansable para que isto fora posible, aos participantes e a todas as persoas que se achegaron hoxe ao Porriño”.

Trala entrega de premios, celebrouse a “after run party”, aberta a todo o público, cunha combinación de música, sorteos, regalos e gastronomía, grazas á presenza da foodtruck de “Galicia Sabe Amar”, que ofreceu degustacións de peixe e marisco galego durante toda a mañá.

A actividade non remata aquí. A programación continúa ao longo do día con propostas para todos os públicos. O festival de cultura urbana SummerSon Jam ofreceu esta mañá un workshop de hip hop impartido pola recoñecida bailarina francesa Lindsay Badnes e a competición de beginners e pola tarde, a partir das 16.00 horas, terá lugar a batalla de baile da categoría advanced.  Namentres, as 19.30 horas, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, a compañía Pelele presentará o seu espectáculo de marionetas “A morte de don Cristóbal”. E o concerto de Law, enmarcado na SummerSon Jam, ás 20.30 horas poñerá o broche de ouro á xornada e a esta fin de semana festiva, antesala, da semana grande das Festas do Cristo.

Máis de 500 nenos participan no III Torneo Jonathan Vila no Porriño

  • O Complexo Deportivo do Lourambal acollerá o sábado 13 e domingo 14 esta competición de fútbol base con 46 equipos chegados de toda a provincia e norte de Portugal

O Porriño, 11 de setembro de 2025.- Volve o Torneo Jonathan Vila de Fútbol Base ao Porriño. A terceira edición desta cita deportiva,  organizada polo Porriño Industrial CF en colaboración co Concello do Porriño, celebrase este sábado 13 e domingo 14 de setembro ao longo de todo o día no Complexo Deportivo do Lourambal, en Torneiros.

Serán uns 550 nenos e nenas das categorías de prebenxamín, benxamín e alevín os que salten ao céspede esta fin de semana. Un total de 46 equipos procedentes de toda a provincia e do norte de Portugal que competirán ao longo das dúas xornadas. O sábado será a quenda dos 20 equipos alevín, con partidos que se iniciarán ás 10.00 horas ata ás 20.00 horas cando teña lugar a final; e o domingo xogarán (sen competición) os 10 prebenxamíns en horario de mañá e, de xeito paralelo, os 16 de categoría benxamín que prolongarán ata ás 18.30 horas cando se celebre a gran final.

No acto de presentación do torneo ao que asistiron membros da directiva do Porriño Industrial, e contando tamén coa presenza do padriño que dá nome á competición, Jonathan Vila, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou que este evento é un claro exemplo do compromiso do Concello coa promoción do deporte base. “É unha alegría ver a tanta xente implicada e estamos orgullosos de acoller unha actividade que fomenta os valores do deporte e a convivencia”, e lembrou que este torneo “é unha das moitas citas deportivas que enchen de vida ao Porriño durante o mes festivo do ano”.

O Concello do Porriño recibe aos gañadores do Campionato Ibérico de Kung Fu

  • O alcalde Alejandro Lorenzo felicitou aos deportistas do Club León&Fam-Carrera que gañaron na categoría infantil de cinto verde, subíndose tamén ao podio noutras modalidades e categorías

O Porriño, 10 de setembro de 2025.- Félix Mosquera Rodríguez, Sabela Mosquera Rodríguez, Ian Ríos Rodríguez, Irene Fernández Gómez, My Ngoc Rodríguez Álvarez, Daniela Campo Jorge, Nerea Bouzós Refojos, Marco Furlaneto Avendaño e Bruno Silva Martínez, xunto co seu adestrador Enrique Carrera, foron recibidos esta tarde no Concello do Porriño polo alcalde Alejandro Lorenzo en recoñecemento dos éxitos acadados na última tempada.

Este grupo de deportistas do Club León&Fam-Carrera colleitou grandes resultados no XI Campionato Ibérico de Kung Fu Moderno e Tradicional. O equipo formado por Félix, Sabela e Ian gañou a categoría de cinto verde infantil; en parellas, Marco e Irene acadaron a prata en junior cinto marrón e My Ngoc e Daniela o bronce en senior cinto negro; e en individual, Irene e Marco lograron tamén ser subcampións

A todo isto engádense outros primeiros e terceiros postos conseguidos na III Copa de Galicia de Kung Fu por Sabela, Bruno, Irene, Nerea, My Ngoc e Daniela e tamén no XIX Campionato Galego Escolar Individual de Kung Fu, logrando o ouro Sabela e o bronce My Ngoc.

“É unha enorme satisfacción para min, como alcalde do Porriño, recibir a estes mozos e mozas que, con tanto esforzo e dedicación, están levando o nome do noso concello ao máis alto no mundo do Kung Fu. Sodes un exemplo de superación, constancia e compromiso, e este recoñecemento é máis que merecido. Desde o Concello seguiremos apoiando ao deporte base e aos clubs locais, porque cremos no talento que temos na nosa vila”, sinalou Lorenzo.

Estes resultados non só reflicten o alto nivel deportivo do Club León&Fam-Carrera, senón tamén o compromiso do Porriño co apoio ao deporte local e á formación de novos talentos. O éxito destes deportistas é motivo de orgullo para todo o Concello e un estímulo para continuar fomentando valores como o compañeirismo, a disciplina e a superación a través do deporte.

Vinte pilotos na vinte edición do Dirt-Track Xacob Agra

  • A proba de motociclismo celebrarase o vindeiro domingo, ás 18.00 horas, no velódromo municipal

O Porriño, 5 de setembro de 2025.- Unha vintena de pilotos de España e Portugal participarán no XX Dirt-Track Xacob Agra que se celebrará o vindeiro domingo, 7 de setembro, no velódromo municipal a partir das 18.00 horas. A proba foi presentada esta tarde na Praza Arquitecto Antonio Palacios polo alcalde Alejandro Lorenzo; o concelleiro de Deportes, Abel Estévez; o presidente do Moto Club Papaya, Joaquín Agra e algúns dos pilotos participantes.

Durante a presentación, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou a importancia deste evento para o municipio enmarcado nas Festas do Cristo 2025, “sendo un referente que cada ano reúne a veciños, afeccionados e visitantes arredor dunha paixón compartida polas dúas rodas. Desde o Concello seguiremos apoiando este tipo de iniciativas que dinamizan a vida social e deportiva da nosa vila”.

Con vinte edicións ás costas, o Dirt-Track Xacob Agra consolídase como unha cita imprescindible do motociclismo galego, combinando espectáculo, tradición e compromiso coa promoción do deporte local. A organización convida a toda a cidadanía a achegarse ao velódromo para gozar dunha tarde de emoción e velocidade. As entradas poden adquirirse no despacho de billetes o mesmo día. A proba conta coa colaboración do Concello do Porriño, Federación Galega de Motociclismo e Xunta de Galicia.

O casco urbano do Porriño convértese nun circuíto de ciclismo

  • 250 persoas tomarán as rúas da vila este sábado, a partir das 16.00 horas, para participar de La Nocturna

O Porriño, 4 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño comeza a programación deportiva enmarcada nas Festas do Cristo coa tradicional La Nocturna este sábado, 6 de setembro, polas rúas da vila. O Club Master Louriña organiza esta proba de circuíto ao estilo americano, na que se eliminan corredores en cada volta ata que se coñece ao vencedor. Serán 250 participantes os que están inscritos para tomar a saída, ás 16.00 horas comezarán os máis pequenos, os da categoría promesas, seguidos de principiantes, alevíns, infantís, cadetes, juniors, master 30, máster 40 e master 50, para rematar coa categoría Elite sub-23, prevista para ás 20.30 horas. Ao remate terá lugar a entrega de premios.

O alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo destacou durante o acto de presentación esta mañá a importancia de La Nocturna dentro das Festas do Cristo, sinalando que “eventos como este poñen en valor o deporte de base e converten ao Porriño nun punto de encontro para centos de persoas, reforzando o noso compromiso cunhas festas participativas, saudables e abertas a toda a veciñanza”.

Tamén quixo agradecer ao Club Master Louriña a súa implicación ano tras ano e subliñou que “a colaboración entre o Concello e os colectivos deportivos locais é clave para manter viva esta tradición e seguir facendo do Porriño unha vila referente no deporte galego”.

La Nocturna consolídase un ano máis como un dos actos deportivos máis emblemáticos das Festas do Cristo do Porriño reunindo centos de persoas arredor do deporte e da convivencia veciñal. Gracias á colaboración entre o Concello do Porriño e o Club Master Louriña, este evento non só promove o deporte de base, senón que tamén reforza o papel do Porriño como referente deportivo en Galicia, demostrando o valor das iniciativas locais na dinamización social e cultural da vila.

A CAE Interrunning espera superar os dous mil participantes

  • A organización espera dobrar o número de participantes xa anotados para o cal o prazo de inscrición segue aberto ata o día 17 a través da web www.emesports.es
  • Esta fusión de dúas carreiras, que se celebrará o domingo 21 de setembro polas rúas do Porriño, foi presentada con maxia hoxe na Praza Arquitecto Antonio Palacios

O Porriño, 4 de setembro de 2025.-  O Mago Xulio foi o encargado de conducir a presentación da CAE Interruning 2025 esta mañá na Praza Arquitecto Antonio achegando así, máis se cabe, a toda a cidadanía este evento deportivo que integra dúas probas, a que sería a terceira edición da Carreira de Empresas de Galicia e a XIV Interrunning, que conta nesta ocasión ademais cunha triple acción solidaria de apoio a Asociación Española Contra o Cancro, Aceesca e Afaga. Precisamente, a CAE Interrunning 2025 celebrarase o domingo, 21 de setembro, coincidindo co Día Mundial do Alzhéimer que promoven e poñen en valor as accións levadas a cabo por asociacións como Afaga, destinada a mellorar a calidade de vida dos enfermos de Alzhéimer e outras demencias.

O alcalde Alejandro Lorenzo destacou así que “estamos ante un evento único en Galicia, que unifica deporte popular, cultura empresarial e compromiso solidario, destinando parte dos fondos recadados a  estas tres entidades sen ánimo de lucro. A Interrunning é moito máis ca unha carreira, estamos moi orgullosos de acoller un evento que promove hábitos saudables, visibiliza o compromiso social e dinamiza o centro urbano do Porriño. Con cada edición, damos un paso máis cara a excelencia”.

Por parte da organización da CAE interrunning, o seu coordinador Fredy Velasco, tivo palabras de agradecemento a patrocinadores e colaboradores, ademais de ao Concello do Porriño, destacando ao equipo de 129 voluntarios que o día da proba traballarán para que todo se desenvolva con total normalidade. Velasco explicou que as inscricións van a bo ritmo, “pasamos a barreira dos 1.000 e esperamos chegar aos 2.000 participantes”, para elo o prazo de inscrición mantense aberto ata ás 20.00 horas do día 17 de setembro a través da páxina web www.emesports.es.

A xornada do domingo arrancará ás 09.30 horas coa Andaina Antonio Palacios de 8 quilómetros, ás 11.30 horas será a saída das competicións 5K e 10K, das cales se poderá participar de xeito individual, en parellas ou en equipo de tres, e ás 12.45 e 12.50 horas celebraranse as carreiras infantís de Pitufos e Chupetes. Trala entrega de premios terá lugar unha “after run party” aberta a todo o público, con música, regalos e moito ambiente festivo.

O Porriño acolle o Campionato de España de Drons de Carreiras

 

  • O alcalde Alejandro Lorenzo desprazouse ata a pista de aeromodelismo en Pontellas onde compite unha vintena de pilotos chegados de toda a xeografía española

O Porriño, 30 de agosto de 2025.- A pista de voo en Quintela, na parroquia de Pontellas, acolle dende a tarde de onte o Campionato de España F9U Drons de Carreiras. Trátase da segunda vez que O Porriño acolle esta competición, da man do Club de Aeromodelismo Furaventos, da que participan unha vintena de pilotos chegados de toda a xeografía española.

Na tarde de onte realizáronse as verificacións e adestramentos libres e xa na xornada de hoxe celebráronse, pola mañá, as probas clasificatorias e quedan para a tarde as mangas finais e posterior entrega de trofeos e premios.

“É un orgullo para O Porriño acoller de novo este campionato, un evento que pon en valor o traballo e a dedicación do Club Furaventos, que promove a paixón polo aeromodelismo e o deporte de precisión. Agradezo aos pilotos e organizadores pola súa implicación e moita sorte a todos nas probas finais. Seguiremos traballando para que O Porriño sexa un referente en eventos de este calibre e un lugar onde se fomente a innovación e o talento”.

A actividade do Club de Aeromodelismo Furaventos continúa a vindeira fin de semana, os días 6 e 7 de setembro, co Furaventos Meeting, un encontro internacional que reunirá a medio cento de pilotos de España, Francia e Portugal no que se exhibirán grandes avións.