Todo preparado para as Festas de San Benito, que se celebran os días 9, 10 e 11 deste mes de xullo

As Festas de San Benito, que se desenrolarán o vindeiro domingo, día 9 de xullo, luns, día 10 e martes, día 11, abranguen un completo programa de actuacións musicais e actos relixiosos, todo programado pola Comisión de Festas de San Benito, coa colaboración do Concello do Porriño.

O domingo, día 9, ás 8 da tarde, está previsto o Concerto folk das Asociación Cultural San Xurxo de Mosende; ás 9 e media chegará a primeira das distintas verbenas previstas, neste caso a cargo da Orquestra Salazar.

O luns, día 10, ás 8 da tarde, Concerto folk da Asociación Cultural Os Zoqueiros, do Porriño, ás 9, Concerto de Argonat Band e ás 11 da noite, Verbena coa Orquestra Saudade.

O martes, 11, empezará ás 10 e media da mañá co Pasarrúas da Banda Popular de Tui; seguirá ás 12 coa misa solemne na Igrexa de Santa María, co Coro Orfeón Porriñés, dirixido por Antonio Paz.

De seguido, Procesión ata a Capela de San Benito, co acompañamento da Banda Popular de Tui; posteriormente, será a poxa das uvas do santo e as ofrendas diante da capela.

Ás 8 da tarde, Concerto da Banda Popular de Tui; ás 9 e media, Verbena coa Orquestra Quien lo diría, e pechará as festas co Concerto de Best Boy.

Colocados os primeiros paneis que explican os elementos culturais, arqueolóxico, históricos e naturais do Porriño

O concelleiro de Urbanismo, Marcelino Coto, supervisou a colocación dos primeiros paneis explicativos que xa están diante de varios dos elementos culturais máis importantes do Porriño.

Os sinais- de 85×100 cms- que foron sufragados con cargo a unha subvención da Deputación de Pontevedra, están situados diante do Pazo de Pontellas, da Igrexa de Santa Baía de Atios, do Xacemento Paleolítico de As Gándaras de Budiño, no ‘Templete’ de Palacios e na Ruta dos Muiños do Castro.

As persoas que os consulten poderán atopar nos mesmos-en galego e castelán- unha pequena explicación sobre as características, antigüidade, importancia cultural e patrimonial e historia de cada un dos lugares que sinalizan.

A intención do Concello, como subliña Marcelino Coto, “é seguir con este programa e optar a unha nova subvención convocada para este fin”. O concelleiro de Urbanismo indica que “este Goberno quere facelo mesmo con todos os elementos patrimoniais do Porriño, tanto para salientar a súa importancia histórica e cultural, coma para darlle pulo ao seu interese dende o punto de vista turístico”.

Xa podes inscribirte para participar en Porrigalia 2017

As persoas interesadas en participar en Porrigalia 2017, que se celebra no Porriño, organizada polo Concello, os días 21,22 e 23 de xullo, xa poden entrar no portal web porrigalia.gal e inscribirse dentro dos ‘Gremios’ que  estarán presentes na festa; integrar as Comparsas que desfilarán na mesma ou solicitar un dos postos que se abrirán nela.

En porrigalia.gal atoparán a ‘Folla de incrición de Gremios’ e as bases tanto de Participación de Comparsas como de Funcionamento dos Postos.

Este domingo, 11 de xuño, V Mercado Saudable do Porriño

Este domingo, día 11 de xuño, O Porriño será o escenario, por quinto ano consecutivo, dunha nova edición do Mercado Saudable, como lembra o concelleiro de Comercio, Marcelino Coto quen, xunto coa presidenta da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, ‘Mensa’ Rodríguez, o membro desta asociación, Demetrio Calvo, e organizador, Carlos Rodríguez, presentou o mesmo o pasado mércores.

O mercado, que empezará ás 11 a mañá na rúa Manuel Rodríguez, moi preto da Capela de San Sebastián, estará aberto ao público ata as 9 da noite e no mesmo os asistentes poderán achegarse, coñecer, e preguntar sobre “todo canto está relacionado coa alimentación saudable”, como subliña Marcelino Coto.

Haberá talleres para rapaces, como o de cabazas –que logo pódense empregar no Samaín, repostería, cervexa ecolóxica, gastronomía do mar, “con polbo, ameixas, mexillóns, ou longueiróns, cociñados con auga mariña”, eco-tendas, comercio xusto, artesanía, cosmética natural, lamberetadas ou produtos da horta, ademais de actividades saudábeis, coma unha andaina, que comezará ás 11 e media da mañá.

Dentro das propostas hai unha que, coma salientou Carlos Rodríguez, ten especial importancia: o primeiro Mercado da Moringa que se celebra en Galicia. A Moringa é unha árbore que ten numerosos nutrientes e do que se aproveita dende as follas, ata a flor, pasando polos froitos, dado que ten un altísimo contido en calcio, ferro ou fósforo.

Tomando coma base a Moringa, haberá unha degustación de cervexa, pan, queixo ou batidos, que teñen o mesmo coma base, membros da Asociación de Veciños elaborarán unha torta de Moringa, porase á venda plantas e sementes da mesma e unha bióloga e especialista e nutrición falará, de 12:15 a 13:15 horas, das vantaxes e propiedades desta árbore que “a OMS e a FAO recomendan cultivar en países en desenrolo”.

A alcaldesa e a concelleira de Educación inauguran, xunto co autor e estudantes do Porriño, a poesía visual ‘Azabache’

A alcaldesa, Eva García de la Torre, xunto coa concelleira de Educación, Lourdes Moure, asistiu este venres á inauguración do poema visual ‘Azabache’, do poeta e dramaturgo vigués David Fernández, poema que está xa na fachada da Piscina Municipal.

Os protagonistas foron as rapazas e rapaces de 5º e 6º de Primaria de todos os centros educativos do Porriño, cos que David Farnández levou adiante o seu Proxecto Caligrama 2000, unha iniciativa que ten coma obxectivo achegar a poesía visual aos máis pequenos.

“Dentro das múltiples e infinitas interpretacións da obra, ‘Azabache’ é, en síntese, unha reivindicación da infancia, a mocidade e, especialmente da nosa esencia ou autenticidade, un valor que contrasta totalmente coa superficialidade dunha parte importante da nosa sociedade”, subliñou o artista.

Obradoiro de Escritura Creativa

A Biblioteca Municipal organiza un ‘Obradoiro de Escritura CReativa’, os días 7,8,14 e 15 de xuño, impartidopola escritora Clara do Roxo

A Biblioteca Municipal do Porriño informa de que está aberto o prazo de inscrición para o ‘Obradoiro de escritura creativa’, que impartido pola recoñecida escritora Clara do Roxo, os días 7,8,14 e 15 de xuño, de 6 a 8 da tarde, e que está dirixido a poboación adulta.

Trátase dun obradoiro intensivo centrado no desenvolvemento da creatividade, a experimentación literaria e o pracer de escribir, que ten coma obxectivo darlle un pulo a posibles escritores e escritoras.

As prazas son limitadas e reducidas -máximo 15 persoas- e, coma o resto dos obradoiros que realiza a Biblioteca Municipal, é necesaria a inscrición previa na biblioteca ou chamando ao teléfono 986337624, así como ter a condición de persoa socia da mesma. Trátase dunha actividade gratuíta e as prazas cóbrense por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño. As persoas que non sexan do Porriño entrarán nunha lista de agarda.

Este obradoiro está enmarcado no ciclo de actividades formativas da Biblioteca Municipal do Porriño durante o 2017, con un programa que quere amosar a biblioteca coma un espazo de aprendizaxe e de inserción social.

Coa evolución das TIC, e moi especialmente de internet, as necesidades da cidadanía e da forma na que accedemos á información cambiaron. A web está transformando o papel das bibliotecas tradicionais. Deste xeito, faise necesario reorientar os servizos das bibliotecas públicas, pasando de entendelas só como centros culturais a tratalas tamén como centros sociais.

Neste contexto organízase esta programación en tres vertentes: biblioteca animadora e conservadora dos saberes tradicionais; biblioteca promotora e formadora de novos saberes; biblioteca integradora e difusora de ideas, co fin de que a Biblioteca Municipal se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social, e co obxectivo de acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.