O Porriño amence cuberto de flores para celebrar o Corpus Christi

O Porriño, 22 de xuño de 2025.- Tras unha noite de intenso traballo e emoción colectiva, O Porriño espertou esta mañá cunha das súas tradicións máis fermosas vestindo as rúas: as alfombras florais do Corpus Christi, auténticas obras de arte efémeras que xa agardan o paso da procesión deste mediodía.

Desde primeiras horas da tarde de onte, centos de veciños e veciñas de tódalas idades —avós, pais, fillos e netos— traballaron man a man para crear máis de de 900 metros cadrados de tapices florais, ao longo dos 290 metros que unen a igrexa de Santa María coa praza do Arquitecto Antonio Palacios. O resultado é un espectáculo visual que mestura tradición, identidade e beleza.

O esforzo de colectivos como as Amas de Casa Rosais e de numerosos voluntarios doutras parroquias fixo posible este tapiz comunitario feito con pétalos, follas, area, virutas e moito agarimo. Este ano, ademais, a temática rende homenaxe á tradición alfombrista do Porriño, que se remonta a 1930.

Actos principais do Corpus: procesión e misa solemne

Hoxe domingo celébrase o día grande do Corpus Christi, cun dos momentos máis agardados:

  • 12:00 h | Misa solemne na igrexa parroquial de Santa María
  • A continuación, procesión do Santísimo Sacramento polo percorrido alfombrado

Será un momento de gran simbolismo e emoción, coa participación de nenos e nenas da primeira comuñón, autoridades, confrarías e centos de persoas que acompañarán ao Santísimo polo tapiz elaborado con tanto esforzo pola veciñanza.

“Hoxe O Porriño amence orgulloso da súa tradición, do traballo colectivo e da beleza que emana das súas rúas. O Corpus é unha festa que nos une e nos representa. Sen a Asociación Amas de Casa Rosais, os nenos e nenas, os voluntarios e os veciños e veciñas que colaboraron, non sería posible facer todo isto”, declarou o Alcalde Alejandro Lorenzo, que tamén participou na elaboración das alfombras. “Convidamos a toda a cidadanía a achegarse e vivir este día tan especial. As alfombras son arte viva feita por e para o pobo”, engadiu o rexedor.

O Porriño prepara as alfombras florais para celebrar o Corpus Christi e organiza unha festa de benvida ao verán

O Porriño, 21 de xuño de 2025.- As rúas do Porriño énchense hoxe de cor, traballo comunitario e tradición coa elaboración das alfombras florais que preceden á celebración do Corpus Christi, unha das festas máis emblemáticas e participativas do noso municipio.

Desde primeiras horas da tarde, a partir das 17:00 h, comeza o pintado e posterior colocación dos tapices florais que cobren os 290 metros de rúa que unen a igrexa de Santa María coa praza do Arquitecto Antonio Palacios, sumando máis de 900 metros cadrados de arte efémera.

O motivo deste ano é a recuperación das nosas tradicións de tapices florais que datan do ano 1930 e que ademais homenaxeamos nos carteis promocionais.

As Amas de Casa Rosais, acompañadas por voluntarios e voluntarias doutras parroquias, levan semanas traballando na preparación dos materiais para dar vida a este tapiz colectivo.

Usaranse pétalos, follas, virutas de madeira, area e outros elementos naturais que converterán as rúas porriñesas nun auténtico espectáculo de cor e simbolismo.

“As alfombras do Corpus son moito máis ca unha tradición: son unha expresión da identidade do noso pobo, da súa historia e da súa capacidade para traballar xuntos por algo fermoso. É un orgullo ver como xeracións enteiras participan e manteñen viva esta arte. O Corpus no Porriño non se entende sen as súas alfombras”, destacou o Alcalde Alejandro Lorenzo.

Pola súa banda, a Concelleira de Turismo, Vanessa, subliñou o valor da participación veciñal: “Animamos a todas e todos, pequenos e maiores, a achegarse esta tarde e colaborar na elaboración das alfombras. É unha tradición viva e aberta, que nos une como comunidade”.

Festa de benvida ao verán

A partir das 18:30h, no Parque do Cristo, o Concello do Porriño da a benvida ao verán con música a cargo de DJ Ferro, DJ Samu C, DJ Varito_Guerreiro e DJ Meu. A festa contará coa actuación en directo dos grupos Wilson´s Band e King Kids. A entrada é de balde nun espazo ao aire libre pensado para gozar da cultura e do ambiente. 

Os actos principais do Corpus Christi celebraranse mañá domingo, 22 de xuño, cunha misa solemne e procesión ás 12:00 horas desde a igrexa parroquial de Santa María, percorrendo o camiño decorado co esforzo e a ilusión de todo un pobo.

O Porriño énchese de cor para celebrar o Corpus Christi coas súas tradicionais alfombras florais

 

  • Veciñanza e voluntariado preparan unha fin de semana de arte efémera, participación cidadá e orgullo colectivo

O Porriño, 18 de xuño de 2025.- O Porriño prepárase xa para celebrar esta fin de semana unha das súas tradicións máis emblemáticas e emotivas: as alfombras florais do Corpus Christi, unha expresión de arte popular que enche as rúas do centro de cor, devoción e traballo comunitario.

Esta tradición, que se remonta á década de 1930 da man das floristas do municipio, continúa viva grazas ao esforzo e á ilusión de numerosas persoas voluntarias. A celebración terá lugar este domingo 22 de xuño, e o proceso de elaboración das alfombras comezará xa o sábado pola tarde, coa participación aberta a toda a cidadanía.

Na presentación oficial da lona e dos carteis da campaña, celebrada onte, o Alcalde Alejandro Lorenzo destacou a importancia cultural e emocional desta celebración:

“O Corpus no Porriño non se entende sen as súas alfombras. É unha tradición que fala de nós, da nosa xente, de como un pobo se une para crear arte efémera na rúa. Gracias a todos os voluntarios, ás Amas de Casa Rosais, aos debuxantes e a todas as persoas que cada ano fan posible esta marabilla.”

A Concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, puxo en valor o carácter participativo do evento:

“As alfombras do Corpus son unha tradición preciosa que queremos seguir mantendo entre todas e todos. A elaboración e pintado das alfombras comezará o sábado pola tarde, e estamos encantados de convidar a todas as persoas que queiran colaborar a que se acheguen e nos axuden a seguir facendo historia.”

Desde o Concello do Porriño anímase a veciñas, veciños e visitantes a gozar e participar nunha festividade que cada ano transforma as rúas nun auténtico tapiz de cor, fe e tradición, reafirmando o sentimento de comunidade e pertenza.

O Porriño rende homenaxe ao talento local na gala dos II Premios Antonio Palacios

 

  • O Festival de Cans, a Imprenta Paz e Gráficas Bolfer, o Círculo Recreativo Cultural CRC,  Claudio Giráldez e Lola Magno son os premiados desta edición 

O Porriño, 14 de xuño de 2025.- A Praza Arquitecto Antonio Palacios acolleu esta noite a gala dos II Premios Antonio Palacios, un acto cargado de emoción, identidade e recoñecemento ao talento porriñés nos ámbitos da cultura, a empresa, o compromiso social, o deporte e a memoria histórica. Centos de persoas reuníronse para celebrar o labor e a traxectoria dos premiados nunha xornada festiva que comezou pola mañá e se prolongou ata entrada a noite.

O día arrincou co II Concurso de Pintura Rápida “Pintando a Palacios”, seguido dun concerto da Agrupación Musical do Porriño. Xa pola tarde, entregouse o premio do certame pictórico e, a partir das 21:00 horas, deu comezo a gala central da xornada, conducida pola presentadora Icia Alcalde, coa interpretación do Himno Galego a cargo de Noemi Fernández e Banda de Gaitas de Paramos e a proxección dun vídeo conmemorativo.

O primeiro dos recoñecementos da noite foi o Premio á Cultura, que recaeu no Festival de Cans, unha iniciativa que transforma o Porriño nun referente do cinema galego, combinando vangarda, participación veciñal e identidade rural. Recolleu o galardón o director do festival, Alfonso Pato. O premio foi entregado por Bienvenido Estévez, Concelleiro de Cultura do Concello do Porriño.

A continuación, entregouse o Premio á Empresa, que foi para Imprenta Paz e Gráficas Bolfer, dúas empresas familiares cunha longa traxectoria vencellada ao desenvolvemento do tecido económico local. Foron recoñecidas polo seu compromiso coa calidade, a innovación tecnolóxica e o servizo á comunidade. A entrega deste premio correu a cargo de Carlos Martínez, Tenente-Alcalde e Concelleiro de Industria do Concello do Porriño.

O Premio ao Compromiso Social recaeu no Círculo Recreativo Cultural CRC, unha entidade histórica no municipio que ten servido como espazo de encontro e dinamización durante décadas. Recolleu o premio o seu presidente, Abel Gallego, e fixo a entrega Nava Castro, Deputada de Turismo.

No ámbito deportivo, o Premio ao Deporte foi concedido a Claudio Giráldez González, actual adestrador do Real Club Celta de Vigo e referente na formación de base e nos valores do deporte. O galardón foi recollido polo seu sobriño xa que o premiado non puido asistir e enviou un vídeo de agradecemento. A encargada de facer a entrega foi Ana Ortiz, Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo.

O momento máis emotivo da noite chegou coa entrega do Premio de Honra, concedido a título póstumo a Lola Magno, coñecida como “Lola a fotógrafa”, pioneira da fotografía no Porriño e autora dun arquivo visual irrepetible sobre a vida e evolución da vila. O premio foi recollido pola súa filla, Cristina Blázquez, e entregado polo Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

No peche da gala, o alcalde agradeceu a presenza de todos os asistentes e “o exemplo de cada persoa e entidade premiada, que coa súa traxectoria dignifican o nome do Porriño e representan o mellor da nosa identidade”. Na súa intervención, destacou tamén que:

“Hoxe reafirmamos algo que os porriñeses sentimos cada día: que aquí hai talento, hai memoria e hai futuro. Estes premios non son só unha homenaxe a Antonio Palacios, senón tamén unha mirada cara a todo o que somos capaces de construír como comunidade.”

A música da Banda de Gaitas de Paramos puxo o broche final a unha noite que quedará na memoria colectiva do municipio, unindo recoñecemento e celebración arredor da figura do arquitecto Antonio Palacios, símbolo do orgullo porriñés.

O Concello do Porriño presenta a II edición dos Premios Antonio Palacios e desvela o último dos galardoados

 

  • Claudio Giráldez, adestrador do RC Celta de Vigo,  recibirá o Premio ao Deporte pola súa traxectoria exemplar

O Porriño, 12 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño celebrou esta mañá a presentación oficial da II edición dos Premios Antonio Palacios, nun acto no que se anunciou o nome do último dos galardóns desta convocatoria: o Premio ao Deporte será concedido ao adestrador porriñés Claudio Giráldez González, actual técnico do RC Celta de Vigo, que esta tempada conseguiu a clasificación para a UEFA Europa League.

O Concello quere recoñecer así unha traxectoria marcada polo traballo constante, a vocación formativa e a excelencia profesional no mundo do fútbol. Claudio Giráldez, que deu os seus primeiros pasos deportivos no Porriño, é hoxe unha figura de referencia no deporte galego, destacando tanto polo seu liderado no terreo de xogo como polo seu compromiso co crecemento dos máis novos.

“O éxito de Claudio non é só deportivo, é un exemplo de superación, humildade e conexión coas súas raíces. Representa á perfección os valores que queremos destacar con estes premios: esforzo, identidade e excelencia”, sinalou o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto.

Durante esta semana, foron anunciándose os demais galardóns que se outorgarán o sábado: o Premio á Cultura ao Festival de Cans, pola súa labor única na promoción do cinema galego e a dinamización do rural con creatividade e participación veciñal; o Premio ao Compromiso Social ao Círculo Recreativo Cultural CRC, por ser un espazo histórico de encontro e fomento da cohesión social; o Premio á Empresa ás imprentas Paz e Gráficas Bolfer, polo seu compromiso coa calidade, innovación e apoio á economía local; e o Premio de Honor a título póstumo a Lola Magno, pioneira fotógrafa que documentou a vida e evolución social do Porriño, deixando un valioso legado cultural.

A gala de entrega dos Premios Antonio Palacios celebrarase o sábado 14 de xuño na Praza Arquitecto Antonio Palacios, e contará cunha ampla programación de actividades culturais, artísticas e musicais ao longo de todo o día. A xornada comezará ás 9:30 horas co II Concurso de Pintura Rápida. Pintando a Palacios. Ás 12:30 horas haberá un concerto da Agrupación Musical do Porriño. Ás 19:00 horas entregarase o premio do II Concurso de Pintura Rápida. Xa pola tarde, ás 21:00 horas, a Banda de Gaitas de Paramos interpretará o Himno Galego, seguido da entrega dos Premios Antonio Palacios. Para pechar a noite, ás 22:00 horas, terá lugar unha actuación da Banda de Gaitas de Paramos.

Estes premios, promovidos polo Concello, teñen como obxectivo recoñecer e visibilizar o talento local en diferentes ámbitos —cultura, empresa, compromiso social, deporte e memoria histórica— ao tempo que se rende homenaxe á figura do gran arquitecto porriñés Antonio Palacios, símbolo do orgullo e da identidade do municipio.

O Concello do Porriño desvela o cuarto dos cinco galardóns da II edición dos Premios Antonio Palacios

 

  • Lola Magno recibirá o Premio de Honor pola súa pioneira traxectoria na fotografía e pola súa contribución á memoria visual do Porriño

O Porriño, 12 de xuño de 2025. – O Concello do Porriño continúa a desvelar os nomes dos galardoados na II edición dos Premios Antonio Palacios, que se entregarán este sábado nunha gala especial. Hoxe, anúnciase o Premio de Honor, que será concedido a Lola Magno, coñecida como “Lola a fotógrafa”, en recoñecemento á súa pioneira labor no ámbito da fotografía e ao seu papel fundamental na construción da memoria visual do Porriño.

Lola Magno foi unha das primeiras mulleres en exercer como fotógrafa de rúa nun tempo e nun oficio dominados polos homes. A través da empresa familiar Foto Magno, activa entre os anos 50 e os 90, captou coa súa cámara a vida cotiá, as festas, os cambios urbanos e sociais da vila, deixando un arquivo fotográfico único e valiosísimo.

Traballando sen estudo propio, aproveitaba espazos naturais como a Malladoura para realizar as súas sesións, demostrando creatividade, sensibilidade artística e capacidade de adaptación. O seu traballo non só documenta unha época, senón que tamén visibiliza o papel das mulleres nun sector tradicionalmente masculino.

“O legado de Lola Magno é unha lección de superación e paixón polo oficio. A súa cámara foi testemuña da evolución do Porriño e hoxe, gracias a ela, conservamos fragmentos da nosa historia cotiá. Este Premio de Honor é unha homenaxe merecida a unha vida dedicada á identidade e á memoria da nosa vila”, destacou o alcalde Alejandro Lorenzo.

A gala de entrega dos Premios Antonio Palacios celebrarase este sábado e reunirá a representantes do mundo da cultura, da empresa, da ciencia, do deporte e da sociedade civil, nun evento que quere poñer en valor o talento, a identidade e a excelencia local.

Nas próximas horas, o Concello revelará o último dos cinco premios desta edición, reafirmando estes galardóns como un espazo de recoñecemento ao talento, ao compromiso e ao orgullo porriñés.

O Concello do Porriño desvela o terceiro dos cinco galardóns da II edición dos Premios Antonio Palacios

 

  • Paz e Gráficas Bolfer recibirán o Premio Antonio Palacios á Empresa polo seu compromiso coa calidade, a innovación e o desenvolvemento local

O Porriño, 11 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño continúa desvelando os nomes dos galardoados na II edición dos Premios Antonio Palacios, que se entregarán este sábado nunha gala especial. O Premio á Empresa será outorgado conxuntamente ás imprentas Paz e Gráficas Bolfer, dúas entidades fundamentais no tecido económico do municipio.

O galardón recoñece o papel destas dúas imprentas como referentes do sector gráfico, cunha traxectoria que combina tradición familiar, innovación tecnolóxica e compromiso co Porriño. Ao longo das décadas, ambas empresas souberon evolucionar sen perder a súa esencia, apostando pola calidade, a adaptación aos novos tempos e o servizo á comunidade.

“Paz e Bolfer representan o espírito emprendedor e resiliente do Porriño. Son empresas que naceron aquí, medraron aquí e seguen contribuíndo cada día ao progreso da nosa vila. Este premio é tamén un recoñecemento á industria local que crea valor, emprego e identidade”, sinalou o Alcalde, Alejandro Lorenzo.

O Premio Antonio Palacios á Empresa está destinado a destacar o labor de persoas, compañías ou proxectos que teñen un impacto positivo e sostido no desenvolvemento económico e social da contorna. Neste caso, a distinción pon o foco nun sector —o gráfico— clave na historia moderna do Porriño, e que continúa a ser símbolo de profesionalidade, creatividade e compromiso co territorio.

O Concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, engadiu que “estas imprentas son moito máis ca negocios: son parte da memoria viva da vila. Co seu traballo silencioso, teñen contribuído a contar a nosa historia, a dar forma a ideas e a impulsar centos de proxectos culturais, educativos e empresariais. Este recoñecemento era necesario e merecido”.

A gala de entrega dos Premios Antonio Palacios celebrarase este sábado e reunirá a representantes do mundo da cultura, da empresa, da ciencia, do deporte e da sociedade civil, nun evento que quere poñer en valor o talento, a identidade e a excelencia local.

Nos vindeiros días, o Concello continuará anunciando os dous galardoados restantes desta segunda edición, consolidando estes premios como referente de recoñecemento ao talento e ao orgullo porriñés.

O Concello do Porriño dá o pistoletazo de saída a Porrigalia 2025 coa celebración de Preporrigalia

 

  • 183 nenos e nenas do Porriño participaron nas probas deportivas como salto de altura, salto de lonxitude e loita
  • Rafa Durán, humorista e comunicador, percorreu as rúas caracterizado de romano a bordo dun carro tirado por cabalos

O Porriño, 11 de xuño de 2025.- O Porriño converteuse esta mañá nun auténtico escenario digo da aldea gala de Astérix e Obélix, viaxando simbólicamente ao pasado, para dar o pistoletazo de saída a unha nova edición de Porrigalia, os Xogos Olímpicos máis orixinais e divertidos de Galicia que terán lugar o 12 e o 13 de xullo e nos que haberá moitas sorpresas. 

A cita tivo lugar na Praza Arquitecto Antonio Palacios que se transformou nun coliseo cheo de enerxía, entusiasmo e fantasía, gracias á celebración de Preporrigalia 2025, unha xornada que congregou a 183 alumnos e alumnas de 3º de Primaria dos centros educativos do Porriño, así como a alumnado de Aceesca.

O evento contou coa presenza do Alcalde, Alejandro Lorenzo, quen estivo acompañado doutras autoridades locais e do carismático Rafa Durán, humorista e comunicador, quen fixo unha entrada triunfal na Praza do Concello caracterizado de romano a bordo dun carro tirado por cabalos, tras un percorrido polas rúas do centro da vila.

“Preporrigalia é moito máis que un acto previo: é a semente que fai medrar o espírito de Porrigalia nas rúas, nos colexios e nos corazóns do Porriño. Hoxe, os máis pequenos déronnos unha lección de ilusión, enerxía e comunidade. Esta praza foi unha festa, pero tamén foi unha mensaxe: xa estamos preparados para vivir Porrigalia como nunca antes”, sinalou o Alcalde Alejandro Lorenzo.

Durante a mañá, os nenos e nenas desfrutaron dun amplo programa de actividades que incluíu:

  • Probas deportivas como salto de altura, salto de lonxitude e loita
  • Animación de rúa e xogos populares
  • Representacións de personaxes históricos pertencentes a distintas civilizacións

O acto rematou coa simbólica entrega de medallas e das tradicionais laranxas de Porrigalia, poñendo o punto final a unha xornada chea de maxia, risa e espírito olímpico.

Preporrigalia 2025 foi unha xornada festiva e participativa que mesturou deporte, historia, diversión e convivencia, marcando o inicio dunha nova edición dun dos eventos máis emblemáticos do Porriño.

O Concello do Porriño devela o segundo dos cinco galardóns da II edición dos Premios Antonio Palacios

 

  • O Círculo Recreativo Cultural CRC recibirá o Premio Antonio Palacios ao Compromiso Social pola súa longa traxectoria como esparzo de encontro, participación e dinamización social

O Porriño, 10 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño vén de anunciar o segundo dos cinco recoñecementos que serán entregados este sábado na II edición dos Premios Antonio Palacios. Trátase do Premio ao Compromiso Social, que este ano será outorgado ao Círculo Recreativo Cultural CRC.

Este recoñecemento pon en valor a dilatada traxectoria do CRC como referente no ámbito social e cultural do municipio. Ao longo dos anos, o Círculo consolidouse como un espazo de encontro e dinamización que promove a participación cidadá, o lecer e a cohesión comunitaria. A súa labor constante no fomento de valores como a colaboración, a solidariedade e o servizo á comunidade fan desta entidade unha merecida gañadora do galardón., un espazo que ten sido un motor para o fomento da cultura, do lecer e da cohesión comunitaria, promovendo valores de colaboración e servizo ao municipio.

O Premio Antonio Palacios ao Compromiso Social distingue a aquelas persoas ou entidades que destacan polo seu labor desinteresado a prol do ben común, reforzando o tecido social e contribuíndo á mellora da calidade de vida no Porriño.

O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliña o papel fundamental do CRC na vida local e expresa o seu recoñecemento: “Todos no Porriño temos algún recordo ligado ao CRC. É moito máis ca unha entidade cultural: é unha parte da nosa historia e do noso día a día. Levan anos abrindo as portas á veciñanza, creando comunidade e facendo barrio. Este premio é unha maneira de dicirlles gracias, de corazón, polo que representan para todos nós.”

O acto de entrega da II edición dos Premios Antonio Palacios celebrarase este sábado nunha gala especial que reunirá a diversas personalidades do mundo da cultura, da empresa, do deporte e da sociedade civil, así como representantes da comunidade local.

O Concello do Porriño continuará nos vindeiros días desvelando o nome dos restantes galardoados, reafirmando o seu compromiso coa posta en valor do talento, a identidade e o orgullo porriñés.

O Concello do Porriño devela o primeiro dos cinco galardóns da II edición dos Premios Antonio Palacios

 

  • O Festival de Cans recibirá o Premio Antonio Palacios á Cultura polo seu compromiso coa identidade, a creatividade e a dinamización do rural

O Porriño, 9 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño vén de anunciar o primeiro dos cinco recoñecementos que serán entregados este sábado na II edición dos Premios Antonio Palacios. Trátase do Premio á Cultura, que este ano será outorgado ao Festival de Cans, un evento singular que, ano tras ano, transforma a parroquia porriñesa no epicentro do cinema galego e da vangarda cultural.

O Premio Antonio Palacios á Cultura honra a aquelas persoas e entidades que, coa súa creatividade e paixón, manteñen vivas as tradicións culturais ao tempo que fomentan a innovación artística. Desde escritores e músicos, ata artistas visuais e docentes, este galardón recoñece o traballo daqueles cuxa obra une comunidades e transcende fronteiras. Na súa primeira edición, o premio foi concedido ao histórico Almanaque Agrícola ZZ, en recoñecemento ao seu valor simbólico, editorial e cultural dentro da memoria colectiva galega.

Nesta segunda edición, o recoñecemento irá para o Festival de Cans por ser unha iniciativa cultural única e profundamente enraizada na nosa identidade, que combina vangarda, participación veciñal e creatividade.

“O Festival de Cans non só é cine: é memoria, é orgullo de pertenza e é unha mostra de como a cultura pode dinamizar o rural e proxectalo internacionalmente”, subliñou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Engadiu ademais que “é de xustiza poñer en valor o seu impacto sostido no tecido social, artístico e económico do noso concello. Cans representa un modelo exemplar de cultura participativa, feita dende o local pero con capacidade para emocionar e conectar a nivel global”.

Con máis de dúas décadas de traxectoria —a súa primeira edición celebrouse no ano 2004—, o Festival de Cans consolidouse como unha cita imprescindible no calendario cultural galego, destacando pola súa capacidade de mesturar talento emerxente, humor, emoción e compromiso coa contorna. A súa evolución constante e a implicación da veciñanza fan del un modelo único de xestión cultural.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, destacou que o Festival de Cans “é moito máis ca unha cita cinematográfica: é un referente indispensable na nosa axenda cultural e un motor de dinamización para o Porriño”. 

O acto de entrega da II edición dos Premios Antonio Palacios celebrarase este sábado nunha gala especial que reunirá a diversas personalidades do mundo da cultura, da empresa, do deporte e da sociedade civil, así como representantes da comunidade local.

O Concello do Porriño continuará nos vindeiros días desvelando o nome dos restantes galardoados, reafirmando o seu compromiso coa posta en valor do talento, a identidade e o orgullo porriñés.