Aumenta o número de peregrinos que pasaron a noite no Albergue do Porriño ao longo do ano pasado

Un total de 5.214 peregrinos a Compostela durmiron no albergue do Porriño o pasado ano, 386 máis que en 2015, o que supuxo un incremento do 8%. Por segundo ano consecutivo aumenta o número de persoas que dormen no concello no seu paso cara a Santiago.

Os meses de máis actividade no albergue foron os de maio-con 577 persoas-xullo-con 755-, agosto-con 1.138- e setembro- con 873-, mentres que tamén houbo unha actividade salientábel en en abril, con 511 estadías e outubro, con 474.

Xa no ano 2015 houbo 1.435 persoas máis que usaran o albergue que no ano anterior, un 42% máis que en 2014, cando atoparan acomodo no albergue 3.393 camiñantes. Isto sinala que en apenas dous anos o uso do mesmo aumentou en 1.821 persoas, un 53,4% máis.

O Porriño ocupa un lugar ‘clave’ no Camiño Portugués xa que é o final da primeira etapa do itinerario que vai de Tui e Compostela. Por iso, a vila conta, segundo subliña o propio Goberno de Galicia, cun dos albergues máis modernos do país, no Parque do Rubio, con 52 prazas en total e “unha variada oferta de servizos para peregrinos”, entre eles “conexión a Internet, zonas verdes e calefacción, lavandería, comedor ou dereito a cociña”.

A maioría das persoas que chegan ao albergue son españois, fundamentalmente madrileños, andaluces, vascos e cataláns; en segundo lugar, os máis numerosos son os portugueses, seguidos dos alemáns, franceses, británicos e italianos, aínda que chegan nacionais de Xapón, Australia, Estados Unidos, Corea, China, Rusia ou Canadá.