O Centro Cultural acolle a exposición dos traballos do alumnado do IES Ribeira do Louro

O Centro Cultural Municipal acolle a exposición dos traballos que os alumnos e alumnas do IES Ribeira do Louro desenvolveron durante este curso nas asignaturas de debuxo técnico e debuxo artístico.

A mostra foi inaugurada onte nun acto que contou coa presencia do alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, a profesora de Debuxo Técnico e Debuxo Artístico do IES Ribeira do Louro, María José Iglesias, e dos autores das obras.

Baixo a premisa de imaxinar un Porriño diferente, os mozos e mozas de primeiro a cuarto da ESO deseñaron proxectos arquitectónicos cos que transformar a contorna na que viven.

“O obxectivo era que aprendesen a proxectar doutra maneira e a ver O Porriño dunha forma diferente, máis moderna, actual, con máis luz…”, explicou a súa profesora, “Hoxe vemos aquí o resultado. Traballar duro pero traballar ben sempre é satisfactorio”.

O concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, felicitou aos mozos e mozas “por ter unhas ideas brillantes e a capacidade de plasmalas para deixar a súa pegada”. Unhas ideas que van dende aparcadoiros, parques, museos ou miradores que adaptarían O Porriño á visión da xuventude.

“É moi importante que as novas xeracións nos marquen o camiño a seguir coa súa creatividade e ilusións, coa súa maneira de ver o seu pobo e deseñar o seu futuro”, afirmou o alcalde, “Coa súa ilusión ilusiónannos a todos”.

A mostra pode visitarse na sala de exposicións do Centro Cultural Municipal (3º andar) ata o día 30 de xuño.

 

O Porriño recupera as tradicionais alfombras do Corpus

O Porriño recupera unha fermosa tradición: as alfombras do Corpus, que levan seis anos sen adornar a vila. 

Os preparativos para a elaboración dos tapices florais que lucirán o día 19 xa deron comezo. Un grupo de voluntarias da Asociación de amas de casa, consumidores e usuarios Rosais encárgase xa de preparar o material para os mantos florais que engalanarán as rúas. 

O Porriño convertirase nunha explosión de cor que invita a pasear dende a igrexa de Santa María ata a praza Arquitecto Antonio Palacios para disfrutar das cores e aroma de miles de flores. 

O alcalde, Alejandro Lorenzo, achegouse onte a compartir coas voluntarias un ratiño de traballo e conversa. Ángeles, Chelo, María, Adela e Chiruca estaban a esfollar mimosas mentres Rosa se encargaba de tinguir o serrín que se utilizará para elaborar os deseños. Area, serrín, mimosas, madeira, rosas, hortensias ou árnica darán forma aos debuxos. 

“O entusiasmo destas mulleres non só fará máis fermosa se cabe a vila, tamén contribuirá a perpetuar unha valiosa tradición para moitos porriñeses e porriñesas e, por iso, contarán sempre co noso apoio”, apuntou o rexedor, “Estes tapices son cultura, tradición e arte”. 

Cabe destacar que as alfombras comezaron a elaborarse no Porriño no 1994 e cada ano centos de veciños e veciñas participaban. 

Neste momento precísanse voluntarios, polo que as persoas interesadas en colaborar poden solicitar máis información chamando ao teléfono do Concello onde lles indicarán onde dirixirse e en que horarios. 

 

Aberto o prazo de inscrición para a instalación de postos de venda e atraccións en Porrigalia 2022

O prazo para solicitar a instalación de postos de venda, casetas, tómbolas ou atraccións en Porrigalia 2022 está aberto ata o 20 de xuño.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar da festa que se celebrará os días 1,2 e 3 de xullo deberán presentar a solicitude de inscrición , que se pode descargar da páxina web https://oporrino.org/ , no Rexistro Xeral ou a través da sede electrónica xunto con toda a documentación requerida.  

As bases poden descargarse na seguinte ligazón:  BASES INSTALACIÓN POSTOS E ATRACCIÓNS

Folla de inscrición: SOLICITUDE

Os nenos e nenas do Porriño inician a conta atrás para Porrigalia 22

A praza Arquitecto Antonio Palacios acolleu hoxe “PrePorrigalia”, un evento no que máis de 200 alumnos e alumnas de oito centros educativos do municipio disfrutaron do espectáculo “Abordaxe Gala”, da compañía Barafunda, con Asterix, Obelix e máis habitantes da aldea gala como persoaxes.

O encargado de dar o pistoletazo de saída a unha mañá de troula gala e castrexa foi o monologuista e actor, Pepo Suevos, que este ano convertirase no Rei Breogán coincidindo cos xogos olímpicos do Porriño, que lembramos, se celebrarán os días 1, 2 e 3 de xullo.

Xunto a el o alcalde, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros de Educación e Cultura, Carolina González e Bienvenido Estévez, que animaron aos nenos e nenas a irse preparando para vivir a tope Porrigalia 22.

Ademais, unha vez finalizado o acto e antes de volver aos coles, levaron cada un unha laranxa coa etiqueta de Porrigalia para ir ambientando o almorzo.

Ven saborear a tradición na V Feira do Pan do Porriño!

Amasado, formado, roxado, repousado…Poucas cousas son tan do Porriño como o seu pan. Por iso, a vila do Louro convertirase de novo capital galega do pan este sábado, coa celebración da Feira do Pan do Porriño que volve con xantar, música, obradoiros e, sobre todo, a tradición e os produtos das súas panaderías artesanais.

A quinta edición deste evento gastronómico, organizada pola Asociación de Panadeiros do Porriño e o Concello do Porriño, foi presentada hoxe no salón de plenos da casa consistorial. Asistiron ao acto de presentación o alcalde, Alejandro Lorenzo, os concelleiros de Comercio e Cultura, Antía Carrera e Bienvenido Estévez, o presidente da Asociación de Panadeiros do Porriño, José Manuel Fernández Grova, representantes das oito panaderías participantes (Amaquía, Argibay, Chinchina, Erundina, Los Milagros, O Forno de Mosende, Progreso e Torneiros), representantes de EFA A Cancela, Fátima Estévez (profesora) e María del Carmen Gil (presidenta), así como das entidades e empresas colaboradoras.

Tamén estivo presente o escritor local, Diego Giráldez, que tal e como se anunciou hoxe será o encargado de inaugurar a V Feira do Pan do Porriño coa lectura do pregón no seu barrio natal, San Bieito, que un ano máis acollerá o evento.

A apertura da Feira será ás 10 h cando o son das gaitas anime as rúas para dar paso á inauguración oficial co pregón, ás 11 h.

Ás 11:30 h celebrarase o tradicional Show Cooking con Pan do Porriño a cargo de EFA A Cancela, que este ano chegará con sorpresas cun pequeno guiño contra a guerra, e de seguido a degustación de pinchos a cargo de Segredos Gastro Bar.

Xa pola tarde serán os nenos e nenas os que se poñan coas mans na masa para aprender a facer o seu pan no obradoiro Mini Pan (17:30 h). Ás 19 h charla coloquio sobre historias do Pan do Porriño con Quico Paz Antón e Panadeiros do Porriño, seguida dunha desgustación de embutidos e queixos do país a cargo de Embutidos Distapor e o concerto de Argonat Band.

Unha das novidades deste ano será o fin de festa, cos concertos de KAF (20:45h) e Tony Lomba (21:45h).

Cabe destacar que este ano, en lugar dos postos por panadería, habilitarase un só stand de todos os panadeiros do Porriño onde poderemos adquirir os seus produtos.

Noites de cine nas rúas do Porriño

O verán está á volta da esquina e o Porriño quenta motores para vivilo a tope. Esta fin de semana, a Arquitecto Antonio Palacios converterase nunha gran sala de cine ao aire libre cunha carteleira especialmente dirixida aos máis pequenos.

O sábado, ás 22 h, proxectarase Valentina, unha película infantil de animación dirixida por Chelo Loureiro . 

O domingo, tamén ás 22 h, será o turno de Bella y el circo mágico, un filme de animación infantil  de Atle Solberg Blakseth e Frank Mosvold.

Sinopse VALENTINA:

Valentina soña con ser trapecista, pero cre que nunca poderá conseguilo por ter síndrome de Down. A súa avoa – que lle ensina a xogar ao xadrez e un montón de cancións – anímaa sempre a perseverar: Si os vermes conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible. Nunca debemos perder a ilusión nin as gañas de aprender; mírame a min, eu aínda estou decidida a ser directora de orquestra algún día! Pero Valentina non está moi convencida, pensa que un verme é demasiado noxento para converterse en bolboreta… Como será esa metamorfose da que fala a avoa? Cando se dispón a preguntarllo, Papá e Mamá danlle unha desconcertante noticia: a Avoa foise de viaxe. De viaxe? Sen se despedir?!

Sinopse BELLA Y EL CIRCO MÁGICO:

Ella Bella e Henry son os mellores amigos do mundo. Xuntos decidiron montar un espectáculo de circo na súa pequena cidade, onde Ella Bella asombrará a todos cos seus números de maxia e a axuda de Henry. Pero entón chega Johnny, un neno novo na veciñanza, con xoguetes caros e unha bicicleta espectacular, cegando a Henry.

As ANPAS xa poden inscribir ás súas comparsas no desfile de Porrigalia 2022

A concellería de Festexos do Concello do Porriño convoca o tradicional desfile de Porrigalia para a súa edición 2022, que este ano vai adicado ás nenas e nenos dos diversos centros educativos da vila. 

O desfile celebrarase o venres 1 de xullo e as ANPAS participantes poderán inscribir as súas comparsas ata o 15 de xuño, incluido. 

Optarán a premios pola súa participación que rexen as seguintes bases: 

BASES DESFILE PORRIGALIA 2022

Adxuntamos a FOLLA DE INSCRICIÓN para participar no desfile e o MODELO DE DECLARACIÓN RESPONSABLE

Edgar Costas presentou no Porriño “Casa de Feras”, IV Premio Vidal Bolaño

O centro cultural acolleu onte a presentación de “Casa de Feras”, Premio Vidal Bolaño 2021, de Edgar Costas. Acompañando ao autor, estivo o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a escritora e secretaria do premio, Raquel Castro, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.

 

A obra de Edgar Castro, unha fábula actual onde se abordan temas como o maltrato animal, as relacións de poder e a liberdade, fíxose co galardón literario na cuarta edición do certame organizado polo Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia.

“Somos moi afortunadas e afortunados de contar co apoio do Concello do Porriño” , destacou o director xeral de Galaxia, “Con esta iniciativa estimúlase aos dramaturgos a crear obras dirixidas á mocidade. Un respaldo á cultura que coloca ao Concello do Porriño no centro da dramaturxia xuvenil. Non hai concello que poida compararse neste sentido”.

Pola súa banda, o autor convidou aos asistentes a descubrir “Casa de Feras”, unha obra que agarda “como todas as obras de teatro se complete saíndo a escena da man dos mozos e mozas”.

“O Premio Vidal Bolaño é xa un certame consolidado que contará sempre co respaldo do Concello”, concluíu o alcalde, “Para nós, o respaldo á cultura en calquera das súas expresións é esencial, trátase de gardar e enriquecer o legado que deixamos aos que veñen”.

V Premio Vidal Bolaño

O Concello do Porriño, IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia convocaron xa a quinta edición do Premio Vidal Bolaño, un certame que naceu pola necesidade de fomentar a escritura de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato e crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados por alumnado do ensino secundario.

O premio constará de 2.000 euros e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da Editorial Galaxia. O prazo de presentación de orixinais remata o 21 de xuño de 2022.

A Feira do Libro desembarca no Porriño do 26 ao 29 de maio

As novidades editoriais volven sair á rúa no Porriño para achegarlle á cidadanía o libro e a lectura da man da federación de Librarías de Galicia.

A Feira do Libro de Galicia, que leva polas catro provincias galegas os postos de venta de exemplares xestionados polos libreiros, recala no Porriño cunha extensa programación de actividades paralelas dirixidas a todas as idades como charlas, encontros con autores, espectáculos infantís, presentacións de libros, etc… que fan deste evento unha cita de alto interese cultural.

A feira abrirá as súas portas o xoves 26 e extenderase ata o domingo 29 de maio. Será no barrio de San Benito, onde porriñeses e visitantes poderán disfrutar das propostas literarias das librarías participantes: Recondo, Paz, Copi Rey, Pedreira, Uróboros e o stand da Deputación de Pontevedra.

O acto de inauguración, contará coa autora porriñesa Sandra Estévez Calvar como pregoeira. As súas verbas acompañadas pola música da Asociación cultural Lumeirada darán o pistoletazo de saída a catro días de actividades que incluirán a cinco autores locais máis: Beatriz Cabaleiro, Diego Giráldez, Andrea Martínez Baladrón, Sandra Burgos e Begoña Yglesias Porta.

“As rúas do Porriño serán un espazo de encontro e contacto ao que convidamos a todo aquel que queira compartir experiencias ao redor dos libros”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Dende o Concello seguimos dando a man cultura e en especial á literatura, impulsando esta e outras iniciativas que axuden a dinamizar a actividade do sector libreiro e fomenten o hábito da lectura”.

O horario de apertura das instalacións será de 11-14 h e de 17-21 h (o xoves só pola tarde). Cabe destacar que as librarías ofrecerán un 10 % de desconto en todos os libros.

Nito Pereiro-Oliveira inaugura a súa exposición “Verdades e quimeras”

O Círculo Recreativo Cultural do Porriño acolleu onte a presentación da exposición “Verdades e quimeras”, do porriñés Nito Pereiro-Oliveira.

A mostra foi presentada polo seu discípulo e membro da asociación O Porriño Arte, Carlos Díaz, e polo alcalde, Alejandro Lorenzo.

Díaz indicou que foi da man de Nito Pereiro con quen tivo a oportunidade de recuperar unha afición que tiña aparcada dende hai moitos anos. “Con el, tanto eu como moitos outros pintores porriñeses entusiasmámonos co mundo da pintura”, explicou, “Con Nito aprendín o pouco que sei e a el recurrín sempre ante calquera dificultade e para que puxera algúns toques de realidade en moitos dos meus cadros”. Asegurou que o artista porriñés é para el “un gran maestro da cor. As súas obras están repletas de imaxinación, pasión, compromiso…Nito fálanos a través dos seus cadros”.

Pola súa banda, o alcalde puxo en valor a obra e a figura de Pereiro-Oliveira. “Falar do Porriño é falar de cultura, e falar de cultura é falar de Nito Pereiro-Oliveira”, asegurou, “Hoxe xoga en casa, apoiado por un montón de porriñeses que se sinten, coma min, orgullosos de contar cun artista do seu nivel na vila”.

“Hai 47 anos saín do Porriño cun único obxectivo: estudiar e formarme o máximo posible para convertirme nun bo pintor. Pero nunca perdín o contacto co Porriño. Aquí nacín, aquí viviu sempre a miña familia e aquí está moita xente que me importa”, confesou Nito Pereiro,  “Hoxe síntome emocionado de estar aquí con esta mostra que presenta unha obra que creei durante a pandemia e reflexa o que me afectou e o que quixen compartir”

A exposición estará aberta ao público ata o 2 de xuño no salón de actos do Círculo Recreativo Cultural.

Longa e prolífica traxectoria

Nito Pereiro-Oliveira é un dos máis prolíficos artistas plásticos do Porriño. É membro de ARGA (Asociación de Artistas Plásticos Galegos) e da Asociación Española de Pintores e Escultores. Durante estes anos de pandemia desenvolveu unha incesante e recoñecida labor. Participou, por citar algunhas, na Exposición colectiva 40+1 na Casa de Cantabria en Madrid, Exposición en Galería Souto de Vigo, “REENCUENTRO” na Galería Santana Art de Madrid, “VERANO” na galería OCCO-ART de Madrid, “CINCO MIRADAS” na Galería ALEMI de León, “PRIMAVERA na galería OCCO-ART de Madrid. Destaca tamén a súa recoñecida obra, “Intento Mirarte” que obtivo o premio BALUARTE na 85º Edición do Salón de Otoño, que estivo exposta na prestixiosa Sala Baluarte do Centro Cultural Adolfo Suárez de Madrid, e que hoxe pode disfrutarse na mostra do Porriño.