Actividades da Biblioteca Municipal: sesións de animación á lectura e xornadas “Acompañando na aventura de crecer”

Esta tarde ás 18,30 horas terá lugar na Biblioteca Municipal unha sesión de animación á lectura a cargo de Paula Carballeira, baixo o título “Un mes. Catro lúas. Unha sesión de contos”.

Trátase dunha actividade organizada pola Biblioteca Municipal, programada ao longo de varios meses coa intención de animar á lectura empregando os contos como ferramenta.

Segundo explica a páxina web de Cultura do Porriño “non hai mellor lugar para os contos que unha biblioteca. Nela, quedan ao abeiro dos libros, quentes e protexidos. A biblioteca do Porriño quere traer novas historias, desas que quedan na súa, na vosa memoria, coma un arrecendo ou un alento, porque as palabras van polo vento.

“Paula Carballeira dedícase a contar. Vai polo mundo recollendo contos. Trae os contos que foi atopando, e vainos contando. Escolle cada palabra, cada canción, cada xogo, porque nunha sesión de contos temos todo o tempo do mundo para desfrutalo mentres dura”.

“Cada catro lúas, chegará ao Porriño con contos novos. En xaneiro, contos de inverno. En febreiro, contos de bromas, de disfraces, de Entroido. En marzo, contos de primavera, de poesía, de maxia. En abril, contos deses que inventaba H. C. Andersen en Dinamarca. E en maio, contos de aquí, letras que coñecemos, lugares misteriosos dos que non sabemos”.

 

Ciclo “Acompañando na aventura de crecer”

Por outra banda, a Biblioteca Municipal tamén acollerá unhas xornadas para familias e profesionais baixo o título “Acompañando na aventura de crecer”, nas que abordarase, desde diferentes puntos de vista, como pode favorecerse o correcto desenvolvemento dos fillos e fillas desde que nacen e na súa primeira etapa infantil.

As conferencias serán mensuais e comezarán o venres 14 co tema “Impacto das pantallas no desenvolvemento cognitivo”, a cargo da pedagoga e mestra, María Couso Barja. Esta docente autora do proxecto “Cerebro e Xogo” que promove o uso de xogos de mesa como ferramenta de aprendizaxe infantil, defende a tese de que o contacto e uso da tecnoloxía dixital en idades prematuras deberían retrasarse.  

O Porriño sumouse á campaña “Acende o Xacobeo”

 

A Casa do Concello do Porriño xa loce desde esta tarde, a frecha amarela e o logotipo do Xacobeo 2021-2022, como corresponde a un municipio referente do Camiño Portugués a Compostela.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda xunto co alcalde porriñés, Alejandro Lorenzo participaron no acto de aceso da iluminación artística que se proxecta contra a fachada lateral do edificio obra do arquitecto Antonio Palacios. Ao acto tamén asistiron Marta Fernández-Tapias, delegada da Xunta en Vigo, e concelleiros do equipo de goberno municipal.

O vicepresidente da Xunta manifestou que “a Casa Consistorial do Porriño é un emblemático edificio de Antonio Palacios que merecía ser iluminado, xunto cos outros 50 edificios polos que pasa o Camiño igual que outros 50 en todo o mundo”. Rueda que ten entre as súas responsabilidades a carteira de Turismo, subliñou a importancia do Camiño Portugués “que aglutina case o 30% dos peregrinos que chegan a Santiago”. E lembrou que “neste Xacobeo, en tan só seis meses pasaron polo Porriño arredor de 40.000 peregrinos”.

Pola súa banda Alejandro Lorenzo salientou que “este é un dos primeiros actos que teño como alcalde deste Concello e para min é unha honra poder facelo. Hoxe para min é un día de inicios. Co acendido do Xacobeo non só iluminamos o Camiño de Santiago no Porriño, tamén o camiño que comezo ao fronte deste Concello e xunto con todos vós”

O rexedor municipal expresou que “O Porriño é un pobo con moito potencial e o Camiño de Santiago e un gran altofalante de todo o que podemos ofrecer.  Ao iluminar a fachada da nosa Casa Consistorial como enclave destacado do Camiño, iluminamos tamén O Porriño cara o resto do mundo”, rematou Alejandro Lorenzo.

 

Os Reis Magos percorrerán esta tarde as parroquias e o mércores o centro urbano antes da recepción dos nenos e nenas porriñeses

No Porriño non haberá cabalgata dinámica seguindo as recomendacións da autoridade sanitaria, pero os Reis Magos percorrerán hoxe as parroquias e maña o centro urbano, saudando aos nenos e nenas.

De feito, durante a tarde de hoxe martes 4 os Reis Magos visitarán os centros sociais e veciñais de todas as parroquias, a partir das 16:30 horas. No caso de Torneiros, a comitiva parará na casa parroquial xa que o centro cultural de Alba está pechado, segundo indicou Bienvenido Estévez, o novo concelleiro responsable de Cultura e Festas.

E mañá, 5 de xaneiro, sairán en vehículos abertos dende o Pavillón de Deportes ás 16:30 horas para saudar aos nenos e nenas polo centro urbano co seguinte percorrido:

Doantes de Sangue, Fernández Areal, Doutor Paz Varela, Pinar, Codesal, Cruceiro, Antonio Palacios, rotonda do Canteiro, avenida Galicia, rotonda de Mos, Ramiranes, Ramón Gónzalez, Praza do Concello, Antonio Palacios, Domingo Bueno, Pio XII, Manuel Rodríguez, praza de San Sebastián, rñua San Sebastián, de novo, rúas Manuel Rodríguez e Domingo Bueno para rematar no Centro Cultural Municipal. (mirar percorrido na imaxe adxunta que inclúe as últimas modificacións).

Recepción no Centro Cultural Municipal

Tamén o mércores, sobre as 17.30 horas as Súas Maxestades de Oriente Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán aos nenos e nenas que se acheguen ao auditorio exterior ao aire libre do Centro Cultural Municipal, onde se instalará unha carpa como xa aconteceu en 2021. A recepción durará ata as 20 horas.

 

O Alcalde ponderou “o comportamento admirable do público” no Desfile de Rondallas que foi “un sopro de aire fresco”

O alcalde Alejandro Lorenzo valorou “o comportamento admirable” do público que presenciou o desfile conxunto de rondallas de Mos e O Porriño celebrado onte domingo. O rexedor municipal fixo hoxe unha valoración do acto que foi “un sopro de aire fresco que todos necesitabamos e nada mellor que as rondallas que son un selo de identidade e un dos nosos baluartes culturais”.

O alcalde afirmou que a cidadanía do Porriño demostrou que somos un pobo moi animado, que nos gusta compartir e gozar dos nosos costumes e facémolo de  xeito responsable, conscientes da situación que estamos atravesando”, engadiu.

Alejandro Lorenzo expresou o seu agradecemento “a todos aqueles que fixeron posible a celebración do evento coas máximas garantías de seguridade”. Eloxiou de “magnífico o traballo da Policía Local e Protección Civil; e das rondallas que se organizaron en tempo marca” e cualificou de “admirable comportamento o de todos os que acudiron para velo nas rúas”.

GRAN IMPACTO

O desfile conxunto rondallas de Mos e O Porriño respondeu á expectación suscitada xa que acreditan, sobre todo, os datos de audiencia nas redes sociais.

Aínda que a presenza de espectadores foi numerosa, as cifras de audiencia a través das redes sociais do Concello xa superan hoxe as 10.000 visualizacións. Miles de persoas seguiron o mesmo domingo, a emisión en streaming que se realizou e que se emitiu a través das canles de Facebook e YouTube do Concello.

O novo goberno municipal potenciará a atención cidadá e a transparencia, e dedicará unha concellería á terceira idade

 

O alcalde Alejandro Lorenzo fixo público hoxe o reparto de responsabilidades e delegacións entre os seus concelleiros. Destaca a creación das áreas de Atención Cidadá e Transparencia que dependerán da concelleira Antía Carrera.

A subliñar tamén a creación da área de Terceira Idade que desenvolverá Ascensión Rosario Costas. Trátase dunha concellería específica para dar resposta ás necesidades dos nosos maiores e garantir que a nosa vila ofreza a calidade de vida que merecen, traballando conxuntamente co resto de departamentos.

DISTRIBUCIÓN DE ÁREAS E DELEGACIÓNS 

O propio alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo levará tamén as áreas de Economía e Persoal.

Abel Estévez, que será o primeiro tenente de alcalde dirixirá Seguridade, Policía Local, Protección Civil, Voluntariado, Deportes e Benestar Social.

Carolina González, segunda tenente alcalde, desenvolverá as delegacións de Educación, Uned e Programas Europeos; Igualdade; Sanidade e Normalización Lingüística.

Ramón Porto será o concelleiro responsable de Vías, Obras e Servizos

Antía Carrera levará Urbanismo, Patrimonio Municipal do Solo, Contratación, Comercio, Mercado, Atención Cidadá e Transparencia, e Medio Ambiente.

José Carlos González terá as competencias de Parques e Xardíns; Limpeza; Lixo e Cemiterios.

Bienvenido Estévez colle as competencias de Traída de Augas Veciñais; Asociacións; Parroquias; Novas Tecnoloxías; Xuventude; Cultura e Festas.

Por último, Ascensión Rosario Costas asume a nova área de Terceira Idade e ademais as deegacións de Industria, Turismo, Formación e Emprego.

“EQUIPO POR E PARA PORRIÑO”

As competencias repártense entre os oito concelleiros do equipo. A idea é desenvolver un traballo transversal e coordinado que beneficie á cidadanía”, explicou o alcalde.

Trátase de “un equipo por e para Porriño”, afirmou Alejandro Lorenzo como síntese do esquema de traballo que propón.

“Xorden problemas e demandas cotiáns que non afectan só a un ámbito senón ao conxunto do Concello e tamén a diversos sectores da poboación e por iso son necesarias actuacións integrais para optimizar os recursos dos que dispoñemos, aproveitar as sinerxías, e dar unha maior eficiencia e eficacia. calidade do servizo que prestamos”, engadiu o rexedor municipal.

Alejandro Lorenzo mostrouse satisfeito de ter un equipo cohesionado que traballe xunto e témolo“. E citou como proba diso” o traballo da brigada de Deportes que se encarga de arranxar os parques infantís; ou a cooperación das concellerías de Vías e Obras, Servizos, Limpeza Viaria, Parroquias e Asociacións nas actuacións urxentes de lavado e limpeza como a que hoxe se leva a cabo no entorno da Igrexa de Santa María”, concluíu Alejandro Lorenzo.

Porriño e Mos celebraran en conxunto o Desfile de Rondallas, o domingo 2

O vindeiro domingo 2 de xaneiro, se as condicións meteorolóxicas o permiten, Porriño e Mos celebrarán conxuntamente o desfile das rondallas de ambos concellos, segundo acordaron hoxe os respectivos rexedores municipais.

Alejandro Lorenzo e Nidia Arévalo informaron de que esta é a primeira mostra do novo tempo nas relacións de ambos concellos. Os dous rexedores mantiveron hoxe dúas xuntanzas. A primeira no Concello do Porriño e a segunda na rotonda das Angustias. Nesta segunda reunión acordouse organizar un único desfile das rondallas que partirá de ambos concellos e se cruzarán en dous puntos.

Esta tarde reuniranse os responsables das catro rondallas de Mos (Santa Eulalia, Herville, Santiaguiño de Guizán e Torroso) e as dúas de Porriño (Santa Eulalia de Atios e Asociación Cultural Musical de Pontellas) para resolver os detalles da posta en escena do desfile.

A idea é que tres rondallas partan da rotonda de Costilleta en Mos e as outras tres dende a avenida Domingo Bueno e da rúa Antonio Palacios, no Porriño.

Os dous rexedores indicaron que, en todo caso, a celebración do evento ao aire libre realizarase cumprindo estrictamente cos protocolos anti-Covid esixidos pola autoridade sanitaria e coa vixilancia da Policía Local de ambos concellos.

Ademais, ambos Concellos dotarán de prazas de aparcamento alternativas para os compoñentes das rondallas e o público que acuda ao desfile ao longo do percorrido. O desfile será retransmitido por “streaming”.

NIDIA ARÉVALO E ALEJANDRO LORENZO ANUNCIAN PLENA COLABORACIÓN

O alcalde Lorenzo manifestou que “considerando que somos dous pobos irmáns e que queremos confraternizar e compartir diversas actividades, decidimos facer un certame conxunto de rondallas na rúa para disfrute de todos”, engadiu o alcalde Lorenzo.

A alcaldesa de Mos e o alcalde de Porriño mantiveron esta mañá unha primeira reunión de traballo que simboliza o pleno restablecemento das relacións entre ambos concellos.

Nidia Arévalo avanzou que “tratamos de asuntos en común como o deslinde e a auga “. “Abrimos un novo tempo que se vai caracterizar pola total colaboración entre ambos concellos”, anunciou a rexedora de Mos. Pola súa banda Alejandro Lorenzo valorou que “temos moitas sinerxías e a cooperación necesaria entre os dous municipios permitirá tamén aforrar custes”.

A Concellería de Cultura abre consulta pública previa á elaboración das ordenanzas da cesión de uso do Centro Cultural Municipal e do Centro Cívico

Dende a Concellería de Cultura, faise pública a consulta previa á elaboración das ordenanzas reguladoras dos espazos culturais públicos do noso concello:

·         Ordenanza reguladora da cesión do uso dos espazos públicos, salas, locais, auditorios do Centro Cultural Municipal e do Centro Cívico.

·         Ordenanza reguladora dos prezos públicos pola prestación do servizo de cesión de uso do Centro Cultural Municipal e do Centro Cívico.”

Adxuntamos os dous documentos en “pdf” das respectivas consultas 

20211207_Publicacion_Consulta-publica-previa-a-elaboracion-da-ordenanza-reguladora-dos-prezos-publicos-da-cesion-de-uso-CCulturalM-e-CCiVico.

20211207_Publicacion_Consulta-publica-previa-a-elaboracion-da-ordenanza-reguladora-da-cesion-de-uso-CCulturalM-e-CCiVico.

E tamén a ligazón para consulta na sede electrónica do Concello

https://oporrino.sedelectronica.gal/transparency/d4503019-3ecc-4b51-978a-a1c9fd501331/

A Concellería de Cultura presenta o documento sonoro “A memoria recuperada: a guerra e a fame”

 

Este sábado 11, ás 19:00 horas, terá lugar no Centro Cultural Municipal, a presentación do documento sonoro “A memoria recuperada: a guerra e a fame”, unha recollida de testemuñas da nosa memoria histórica.

Trátase doutra actividade impulsada pola concelleira de Cultura, Cami Moreira, continuando co compromiso de recuperación da memoria histórica que se iniciara en abril de 2021 co recoñecemento público das nosas veciñas e veciños da súa afouteza na defensa dos valores democráticos.

Máis información na páxina web de Cultura Porriño, na seguinte ligazón

Presentación do documento sonoro: “A memoria recuperada: a guerra e a fame”

O edificio consistorial, alumeado en rosa para conmemorar o Día Mundial contra o Cancro de Mama

O 19 de outubro celébrase o Día Mundial contra o Cancro de Mama. Por este motivo, este martes, á noitiña, o edificio do Concello do Porriño ten unha iluminación especial en rosa claro, tanto na fachada principal como na lateral.

A OMIX do Porriño xunto coas Concellerías de Educación, e de Cultura e Igualdade, e o Consello Municipal de Infancia e Adolescencia animan a toda a poboación porriñesa a compartir nas redes sociais, a campaña para motivar ás mulleres a realizar autodiagnóstico co cancelo #DiaInternacionaldelCancerdeMama.

O 19 de outubro é unha data que busca sensibilizar e concienciar as persoas de todo o mundo sobre a importancia de realizar un exame de mamas regularmente, coa finalidade de detectar calquera signo ou anomalía. Tamén se pretende facer un recordatorio do compromiso da sociedade contra o cancro de mama.

É recomendable que as mulleres fagan os controis necesarios previstos pola sanidade de cada país, así como manter unha alimentación sa e equilibrada, ademais de facer exercicio físico. Todos estes son factores que reducen considerablemente o risco de padecer este tipo de cancro e, en xeral, calquera cancro.

O Concello terá unha iluminación especial en catro datas inminentes de conmemoracións

O edificio do Concello terá unha iluminación especial en catro datas conmemorativas nas próximas semanas. A OMIX do Porriño, xunto coa Concellería de Educación e a de Igualdade e Cultura, anunciaron estas accións reivindicativas para estas catro datas: o 19 de outubro, Día Mundial contra o cancro de mama; 24 de outubro, Día Internacional contra o Cambio Climático; o 20 de novembro, Día Universal da Infancia, e o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.

A primeira destas accións celebrarase o vindeiro martes 19, cando tanto a fachada principal como o lateral do edificio do concello estarán iluminados de cor rosa claro con motivo do Día Mundial contra o cancro de mama, unha data que busca sensibilizar e concienciar as persoas de todo o mundo sobre a importancia de realizar un exame de mamas regularmente, coa finalidade de detectar calquera signo ou anomalía. Tamén se pretende facer un recordatorio do compromiso da sociedade contra o cancro de mama.

Desde a OMIX de Porriño, a Concellería de Educación e o Consello da Infancia e a Adolescencia do noso concello, “animámosvos a que compartades todo o que descubrades sobre o cancro de mama nas vosas redes sociais e a que motivedes ás mulleres para realizaren o auto diagnóstico co cancelo #DíaInternacionaldelCáncerdeMama.