Primeira quenda do ciclo “Marzo de Sábados Teatrais”: “Gregor-e”


Tratase do primeiro dos espectáculos teatrais en liña que “XERPO” representará para todos aqueles e aquelas que se inscriban previamente e queiran seguir a función mediante a aplicación “Zoom”.


O prazo para inscribirse rematará hoxe venres 5 a media noite. A solicitude realiza a través de correo electrónico dirixido ao enderezo correo: xerpoteatro@xerpocultural.com

Deixamos ligazón coa web do departamento de Cultura para máis información

Ciclo “Marzo de sábados teatrais”. Obra: “Gregor-e”

Reapertura da biblioteca do Porriño: unha biblioteca sempre na vangarda

Entrar na Biblioteca do Porriño xa non é un ritual dedicado ao silencio e as lámpadas de lectura, reservado para ás persoas de oposicións ou universidade entregadas aos seus exames.

A Biblioteca é algo moi diferente hai máis dunha década. Abriu portas, habilitou espazos a outros perfís de persoas usuarias e, amais de emprestar libros, ofrece material audiovisual, cómics e gratuidade da conexión a internet; incluso nos últimos anos,… mesmo foi territorio adolescente.

Durante este tempo de incerteza marcado pola covid 19, a Biblioteca do Porriño malia a distancia continuou co servizo de préstamo da colección, acadando cifras moito máis positivas do esperado, incluso gratamente sorprendentes.

A Concellería de Cultura, dirixida por Cami Moreira Fontán, da que depende a Biblioteca Municipal, aproveitou este tempo para reinventar os espazos e adaptalos a unha nova realidade conectada ao mundo da lectura, sendo este, o servizo bibliotecario por excelencia a perseguir polas bibliotecas .

A SALA XERAL, transformouse, coa adecuación do seu mobiliario, nun espazo de socialización e participación cidadá, que convive cunha colección ecléctica de distribución máis atractiva, co crecemento da colección bibliográfica de referencia, e contando cun incremento dos centros de interese existentes.

Ao mesmo tempo, equipamos a biblioteca con tabletas e portátiles que substitúen ás antigas CPUs, unha actualización dos equipos informáticos que reverte no uso da nosa comunidade bibliotecaria.

Ademais, a biblioteca implementará eFilm, unha plataforma de préstamo audiovisual en streaming; que usando só a tarxeta da biblioteca poderás acceder a miles de películas, series, curtas e moito máis.

eFilm conta cun catálogo coa mellor selección de cine español, cine europeo, cine independente e cine clásico. En breve, tamén contará con: concertos e cursos de idiomas legais e gratuítos para toda a colectividade adscrita á Biblioteca do Porriño

Cómpre destacar o CLUB DE LECTURA, unha proposta que continúa, agora tamén en liña con gran éxito. E estamos de estrea cunha nova actividade, un CICLO DE CINEMA,  con pases no último venres de cada mes coordinado por Rebobina Asociación Cultural.

Unha atención especial merece a PÁXINA WEB da biblioteca https://bibliotecadoporrino.com, onde podemos consultar; diferentes trámites persoais, a colección dixital, unha selección de recursos web como GaliciaLe, seccións interesantes, como son: noticias clasificadas por idiomas, idade ou xénero literario, seleccións temáticas e recomendacións, moi apreciadas pola poboación lectora.

Proseguindo coas innovacións, instalouse unha CAIXA DE DEVOLUCIÓNS  no exterior do edificio, achegado á praza de aparcamento reservada durante 15 minutos para realizar trámites rápidos na biblioteca, axudando a resolver problemas de estacionamento.

Isto amplía o servizo de devolución de libros ás 24 horas do día, os sete días da semana, os 365 días do ano, cumprindo cos obxectivos de desenvolvemento sostible e promovendo o benestar garantido para a veciñanza.

Unha das grandes novidades que presenta a Biblioteca Municipal é a SALA DE ESTUDO, situada na planta baixa do edificio do Centro Cívico, onde a poboación que precise da temperatura e luz adecuadas, de silencio e comodidade para concentrarse nos seus estudos, atopara o lugar idóneo.

Dous espazos, dous diferentes usos. A actividade de estudar é altamente exclusiva e de ningún xeito compatible coas actividades dunha biblioteca pública, entendida coma un espazo de convivencia onde, ao redor da lectura, a información e o lecer creativo, as persoas de todas as idades, ou niveis de formación, atópanse facendo comunidade, servíndonos das instalacións e recursos documentais creamos un centro vivo ao servizo da comunidade.

 

Concellería de Cultura anuncia o ciclo “Marzo de sábados teatrais”

A Concellería de Cultura anuncia o ciclo “Marzo de sábados teatrais” que comezará o vindeiro día 6, unha programación axeitada á pandemia global que sufrimos que tamén afecta ao mundo da cultura, que debe reinventarse con iniciativas artísticas anovadoras.

Nesta ocasión XERPO tráenos unha proposta teatral compatible cos tempos de corentena; chamada “TEATRO CONFINADO”.

Linguaxes e códigos moi distintos entre si, que emerxen, mantendo a esencia teatral do directo, nun espectáculo online.

O público desde o seu sofá, nas súas casas, experimenta un espectáculo escénico ao vivo a través da, xa recoñecida , aplicación Zoom.

Deixamos ligazón coa páxina web de Cultura para consultar a programación 

Ciclo “Marzo de sábados teatrais”

 

24 de febreiro, Día de Rosalía. O Concello adicará un video mapping á escritora referente absoluta da cultura galega

A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística anuncia que este mércores, 24 de febreiro, día de Rosalía de Castro, con motivo do 184 aniversario do seu nacemento, realizarase un vídeo mapping na praza do Concello, adicado á escritora e poeta, referencia absoluta da cultura galega.
A actividade desenvolverase a partir das 19.30 horas.
Deixamos ligazón coa web de Cultura para máis detalles.

Día de Rosalía de Castro. Video Mapping adicado á escritora e poeta galega

“Rap con Rosalía”, actividade desenvolvida nos institutos do Porriño

O Concello do Porriño súmase á celebración do Día de Rosalía, 24 de febreiro, co fin de homenaxear o nacemento da figura máis relevante da literatura galega no seu 182º aniversario.

A Oficina Municipal de Información a Xuventude (OMIX) xunto coa Concellería de Cultura do Porriño coordinaron unha acción divulgativa nos centros de educación secundaria para que se escoite a poesía de Rosalía transformada en rap.

“RAP CON ROSALÍA”  é o nome do proxecto desenvolvido nos centros de ensino secundario do Concello do Porriño durante os días 22 e 23 febreiro en horario lectivo e nas que participaron as mozas/os de 1º e 2º da ESO

Ofrecéronse catro obradoiros formativos de Rap en galego, de 90 minutos por sesión, nos que se traballaron diferentes recursos didácticos para aprender a escribir e interpretar rimas en galego e con temáticas de interese para a mocidade combinadas con diferentes textos e poesías de Rosalía de Castro, adaptándoos a ritmos de 4×4 para poder “rapealos” colectivamente sobre unha base musical urbana.

O Concello suspende temporalmente o mercado ambulante, pecha parques infantís, recintos deportivos e centros culturais e anuncia unha nova liña de axudas á hostalería, comercio e autónomos

O Concello do Porriño suspenderá temporalmente o mercado ambulante durante as tres vindeiras semanas, segundo acordou hoxe a Comisión Municipal de Seguimento da Covid. Tamén durante ese período de tempo pecharanse os parques infantís e os recintos culturais, sociais e deportivos, conforme ás restricións que acordou a Xunta de Galicia e vixentes ata o 17 de febreiro.

A alcaldesa, Eva Garcia explicou que estas medidas locais de acompañamento ás restricións autonómicas “adóptanse para garantir a seguridade de todos limitando ao máximo a interacción e o contacto social”.

Por outra banda, a proposta do goberno municipal e co acordo dos participantes na Comisión Municipal de Seguimento, determinouse a celebración dun pleno municipal extraordinario para aprobar unha modificación orzamentaria para habilitar un fondo de axudas económicas directas, semellante ao que funcionou en 2020 e repartiu achegas por un importe total superior aos 80.000 €.

“A idea é axudar de xeito especial á hostalería, como sector máis damnificado polas restricións, pero tamén ao comercio e aos autónomos”, engadiu a alcaldesa.
Eva Garcia manifestou, tamén, que agarda “chegar a un consenso con todos os grupos políticos da corporación a contía desas axudas para que esta proposta saia coma unha iniciativa común de toda a corporación”.

Entroido 2021: a Concellería de Festas convida á veciñanza a decorar “a túa máscara”

A actual situación de pandemia pola Covid e as restricións en vigor, impiden celebrar este ano o Entroido. Por este motivo A Concellería de Cultura e Festas que dirixe Cami Moreira ven de abrir hoxe mércores 20, o prazo de presentación de traballos para unha mostra fotográfica de máscaras hixiénicas decoradas.

Deixamos ligazón coa páxina web de Cultura cos detalles da convocatoria

Decora a túa máscara hixiénica

Os Reis Magos recibirán á infancia porriñesa no auditorio exterior do Centro Cultural Municipal

 

As Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán este martes 5 de xaneiro, de xeito presencial, aos nenos e nenas do Porriño que queiran falar con eles.  Os Reis Magos atenderán en dúas quendas, pola mañá entre as 12 e as 14 horas, e pola tarde de 17 a 20 horas, no auditorio exterior do Centro Cultural Municipal onde está habilitada unha zona de recepción.

A entrada é libre, sen necesidade de cita previa.  Pero haberá un control de entrada e capacidade, con rexistro de datos dos participantes e aplicación de protocolos de hixiene e seguridade.

Debido ás restricións actuais derivadas da pandemia, o Concello rexeitou a celebración da tradicional Cabalgata.  A Concellería de Festas, que dirixe Cami Moreira apostou por outras formas de interacción da infancia porriñesa cos Reis Magos como esta recepción que terá lugar mañá e as videochamadas realizadas por Melchor, Gaspar e Baltasar a máis de 600 familias que previamente se rexistraron para este fin.