Coque Malla, París de Noia e a volta de clásicos como “Louro Valley Festival” para celebrar as Festas do Cristo

O Porriño prepárase para celebrar as súas festas patronais e o fai por todo alto, cunha programación que abrangue 30 días e máis de 80 actividades.

As agardadas Festas do Cristo 2022 foron presentadas hoxe no salón de plenos do Concello polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de festexos, Bienvenido Estévez, e os edís Abel Estévez e Antía Carrera, que estiveron acompañados por representantes do tecido asociativo do Porriño.

“Despois dos anos tan difíciles que tivemos que vivir merecemos aparcar por uns días os problemas e facelo xuntos, disfrutando destas festas con todas esas persoas que nos acompañan sempre, a nosa familia, amigos e veciños. Confío en que estas festas nos sirvan para iso aos porriñeses e porriñesas, para festexar o afortunados que somos de ternos os uns aos outros e de formar parte de alto tan noso e tan auténtico, O Porriño”, apuntou o rexedor.

Lorenzo, quixo destacar o apoio de todas as asociacións culturais e veciñais, clubes deportivos e de todos os veciños e veciñas que contribuiron desinteresadamente no programa das Festas. “Sen o voso esforzo e implicación non sería posible e non podo máis que agradecer a ilusión coa que nos axudastedes a facer realidade estas festas, que son por e para vós”, concluíu o rexedor, non sen antes agradecer o labor da concellería de Festexos, “Beni e o seu equipo, e o resto de concelleiros fixeron un esforzo titánico para poder deseñar este programa e estou seguro que falo no nome de toda a veciñanza ao agradecerllo”.

Coque Malla, Tanxugueiras , París de Noia e Gisela, entre outros

As Festas do Cristo volven cunha ampla proposta musical, gratuíta e para todos os públicos. Entre os seus atractivos estará o concerto de Coque Malla, o venres 23 no exterior do pavillón municipal, Treixadura, o xoves 22 na rúa Domingo Bueno, as Tanxugueiras, o venres 30 ou Gisela e o seu espectáculo Concert Kids, o sábado 24. Os amantes das verbenas poderán disfrutar de grandes directos con orquestras como París de Noia e América  -o domingo 25-, M3 e Atenas –sábado 24-, La Dimensión e El Combo Dominicano –luns 26-, e América e Triunfo ( sábado 1 de outubro). Ademais súmase á celebración o Montando Cristo Festival –sábado 24- con bandas como Zalomon Grass, Inmates, Zona Zero ou The Broke.

A volta dos clásicos: Tes Talento e Louro Valley

Outro dos platos fortes do programa proposto polo executivo local é a volta de eventos tan reclamados como o concurso musical “Tes Talento?” ou o festival de djs “Louro Valley Festival” que se celebrará o venres 23 de setembro e cuxo cartel será presentado oficialmente nos próximos días.

Actividades para todos e todas

A programación a completa unha ampla proposta de actividades para todos os públicos con opcións como teatro, monólogos, espectáculos infantís como o concerto de “Uxía Lambona e a Banda Molona” ou “Petiscos de lingua”, deportes da man dos clubs deportivos da vila, cine ao aire libre ou monólogos como o de Pepo Suevos ou Arantxa Treus.

XXIX Festa dos Callos

O broche de ouro o poñerá como sempre a Festa dos Callos que chega á súa XXIX edición. Celebrarase o domingo 2 de outubros e o fará por todo o alto. A festa será presentada nunhas semanas, onde se desvelarán as sorpresas coas que conta este ano.

📌 Podes descargar a programación completa na seguinte ligazón: https://ecultura.net/wp-content/uploads/2022/09/PROGRAMA-SETEMBRO-WEB.pdf

Ler conta moito no Porriño

O programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello do Porriño ofrece este mes dúas actividades para achegar á veciñanza a lectura dunha maneira lúdica e atraente.

A primeira delas será o xoves 8 de setembro. A compañía Culturactiva trae á biblioteca “Superheroe”, un espectáculo para toda a familia que combina maxia e comedia da man do prestixioso clown galego, Fran Rei. O espectáculo comezará ás 19 h.

A segunda será o xoves 15 de setembro, tamén ás 19 h. A compañía Larraitz representará “A festa dos monicreques”. Con poemas, cancións e sobre todo monicreques, contarannos moitas historias que nos farán rir e aprender.

Con estas actividades o Concello pretende reforzar o carácter de espazo aberto da Biblioteca Municipal, fomentar a lectura e, ao tempo, valor o libro como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión.

Gisela trae a maxia de Disney ás Festas do Cristo

Gisela, a voz de Disney, súmase á celebración das Festas do Cristo 2022. O Porriño disfrutará do seu espectáculo “Concert Kids” o sábado 24 de setembro na rúa Domingo Bueno ás 21 h.

Neste espectáculo musical para toda a familia Gisela transformarase nunha fada de voz anxelical e realizará xunto ao público unha viaxe máxica a través das cancións infantís máis coñecidas. Un percorrido musical con paradas en temas como “Colores en el viento”, “Sueña”, “Bella y Bestia” ou “Aquella estrella de allá” ilusionarán aos máis pequenos e farán revivir momento máxicos da súa infancia aos máis maiores.

A voz oficial de Disney en España

A compañía cinematográfica Disney seleccionou a Gisela entre todos os seus compañeiros de OT para interpretar o tema “Aquella estrella de allá”, da película “Peter Pan”. Dende entón, ela e Disney tiveron unha unión moi especial e a día de hoxe a cantante é coñecida por ser a voz oficial de Disney en España, o que a levou a interpretar as cancións máis coñecidas de películas como “Bella y Bestia”, “Peter Pan” ou “Frozen 2”.

 

Alfonso Pato será o pregoeiro das Festas do Cristo 22

  • Imaxe: Cris Andina

O director do Festival de Cans, Alfonso Pato, será o pregoeiro das Festas do Cristo 2022. Así o deu a coñecer hoxe o alcalde, Alejandro Lorenzo, poñendo nome ao protagonista do esperado pistoletazo de saída das festas patronais.

O rexedor quixo agradecer ao pregoeiro que aceptase a proposta do Concello para ser o persoeiro destacado destas festas. “Podemos dicir que Pato é un símbolo do noso pobo, tanto a nivel cultural como persoal; un porriñés de corazón e un grandísimo embaixador da nosa vila”, apuntou o rexedor, “Conta coa condición indispensable para subir ao balcón como pregoeiro: sentir paixón polo Porriño e levalo sempre por bandeira”.

Pola súa banda, Alfonso Pato, destacou que “é toda unha honra para min dar o pregón das Festas e máis aínda neste ano tan sinalado, no que o Festival de Cans cumpre 20 anos”.

Unha importante traxectoria cultural e xornalística

Alfonso Pato é Director do Festival de Cans desde a súa primeira edición en 2004, onde formou parte do equipo fundador que puxo ao Porriño no mapa cultural nacional e internacional.

Ademais da súa visibilidade como director do Festival de Cans, Alfonso Pato é Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago e ten unha traxectoria xornalística de máis de trinta anos traballando en ámbitos da comunicación en medios como Xornal Diarioe El País, en TVE e na TVG, ademais de multitude de produtoras audiovisuais. Na actualidade escribe habitualmente en El diario.es.

Na TVG desenvolveu unha longa traxectoria como guionista e como director de programas en máis de trinta espazos diferentes. Entre eles, foi director de “Onda Curta” , primeiro programa sobre  curtametraxes feito en Galicia, e polo que gañou un Premio Mestre Mateo en 2010. A título individual, foi galardonado tamén co Premio da Cultura que otorga o CRC de O Porriño, unha das grandes entidades locais.

En calidade de xestor de accións culturais singulares nun entorno rural, ten participado en encontros e coloquios por toda España (Bilbao, Oviedo, Cáceres, Madrid, Barcelona…) e en países como Portugal, Francia, Bélxica ou Inglaterra, en universidades galegas e noutras de fóra de Galicia como Deusto, Universidade Católica do Porto, ou Université Sorbonne- Paris 3, de París.

Pertence aos socios fundadores do Sindicato Profesional de Xornalistas de Galicia (SPXG), foi membro do Consello Asesor do Centro Dramático Galego (2010-2012), directivo da Asociación Galega de Guionistas (AGAG) (2011- 2015), sendo un dos impulsores da recentemente constituída Coordinadora de Festivais de Cinema de Galicia, Proxecta.

Amplíase o prazo para participar en Tes Talento

A concellería de Cultura, que dirixe Bienvenido Estévez, vén de ampliar o prazo para inscribirse no concurso musical “Tes Talento?”, que se celebrará este mes de setembro no marco das Festas do Cristo 2022.

A inscrición poderá formalizarse ata o 12 de setembro no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres en horario de 9 a 14h.

Lembramos que haberá dúas modalidades, infantil e adultos. En ambas poderán presentarse grupos ata un máximo de catro compoñentes e o tempo de actuación será de tres minutos como máximo.

O gañador desta edición farase con 400 euros e a gravación dun tema ou vídeo promocional, o segundo cun premio de 250 euros e o terceiro cun de 150 euros. Para os tres finalistas infantís, un lote de produtos escolares e trofeo.

 

Publicadas as bases para a instalación de postos nas Festas do Cristo 2022

O Concello do Porriño vén de publicar as bases para a instalación de postos e atraccións nas Festas do Cristo 2022. 

A solicitude de preinscripción pode descargarse na seguinte ligazón: https://oporrino.org/documentos/solicitude-instalacion-postos-e-atraccions-festas-do-cristo-2022/

Tamén pode recollerse no Concello do Porriño ata o 15 de setembro, en horario de 9 a 14h. Toda a documentación requerida nas bases será entregada no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica ata o 15 de setembro. 

BASES INSTALACIÓN POSTOS E ATRACCIÓNS FESTAS DO CRISTO 2022: https://oporrino.org/documentos/bases-instalacion-postos-e-atraccions-festas-do-cristo-2022/

As Tanxugueiras súmanse ás Festas do Cristo

As TANXUGUEIRAS serán un dos dos grandes atractivos das próximas Festas do Cristo. Sabela , Aida e Olaia recalarán no Porriño o 30 de setembro para ofrecer un concerto que promete ser todo un éxito de afluencia. O recital comenzará ás 22:30 horas e a entrada será gratuíta.

Dende que as galegas presentaran a súa candidatura para representar a España no festival de Eurovisión, o seu éxito non parou de medrar, e regresan ao Porriño co seu novo disco “Diluvio” que se presenta como unha viaxe de indagación e autocoñecemento.

As creadoras firman todos os temas de “Diluvio” e apostan pola reinterpretación da tradición galega a través da fusión con ritmos urbanos coa intención de achegar a música de raíz ao público máis novo.

Nos próximos días, o Concello do Porriño presentará a programación das Festas do Cristo 2022 que, xunto ás Tanxugueiras, vén cargada de pratos fortes e actividades para todos os públicos.

O CRC acolle “Punto de Encontro”, a exposición dos traballos de `O Porriño ARTE´

O Círculo Recreativo Cultural acolleu onte a inauguración da mostra que recolle os traballos dos artistas da asociación O Porriño Arte.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acudiu onte ao acto inaugural da exposición “Punto de encuentro”, composta por 44 obras que acreditan o talento e boa técnica dos artistas que compoñen a asociación dirixida por Nuria Vilanova.

Andrea Cardoso, Rosa Pereira, Raquel Souto, Ana Carrera, Adela Crespo, Antía Lorenzo, Chola Amoedo, Pepa Carrera, Susana Carballas, Martina Caride, Breixo Paz, Mara Vicente e Candela Eiras expoñen o resultado do traballo de todo o curso.

“O Porriño é moito máis que o Concello do Deporte, tamén é o Concello da Cultura e proba diso son colectivos como O Porriño Arte que plasman sobre o lenzo a creatividade, o talento e a técnica artística da veciñanza do Porriño”, explicou o alcalde, “Por iso convídovos a todos a descubrir os seus traballos neste punto de encontro coa arte, que estou seguro non vos deixará indiferentes”.

A mostra permanecerá aberta ao público no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño durante todo o mes de setembro, en horario de tarde.

A Escola Municipal de Música abre o prazo para formalizar matrícula o 13 de setembro

A concellería de Cultura, que dirixe Bienvenido Estévez, informou hoxe que dende o martes 13 ao venres 16 de setembro pódese formalizar a matrícula e reservar horarios na sede da Escola Municipal de Música (no Centro Multiusos de Torneiros), en horario de 16 a 21 h, segundo a preinscrición realizada no mes de xuño.

Da mesma forma, o alumnado de novo ingreso que teña feita a preinscrición poderá matricularse a partir das 20 h do xoves 15 e dende as 16 h do venres 16 de setembro.

As listaxes co nome, día e hora do alumnado preinscrito estarán expostas nas portas do Centro Cultural Municipal e da Escola Municipal de Música dende o luns 5 ao venres 9 de setembro.

Na formalización da matrícula cumpriranse as normas establecidas no protocolo anexo.

O alumnado sen preinscrición poderá matricularse a partir das 19:20 h do venres 16 de setembro ou a partir do día 19 de setembro de 16:30 a 18:30 h, sempre e cando queden prazas dispoñibles.

A oferta da Escola Municipal de Música do Porriño é a que se indica a continuación:

  • Música e movemento, de 4 a 7 anos de idade.
  • Linguaxe musical: nivel elemental e medio (entre outras materias),  dende os 8 anos en diante e sen límite de idade.
  • Especialidades instrumentais: violín, viola, violonchelo, guitarra, piano, canto, gaita, percusión tradicional, óboe, clarinete, saxofón, frauta traveseira, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión sinfónica.
  • Agrupacións: banda, orquestra de corda, conxunto de música tradicional e corais de nenas/os e adultas/os.

As clases comezarán o luns 3  de outubro.

ANEXO CO PROTOCOLO PARA REALIZAR A MATRICULA:

  • As matrículas realizaranse en intervalos de entre 5 e 10 minutos. Rogamos a máxima puntualidade. Cada estudante ten a súa hora de matrícula e, unha vez pase a súa quenda, non poderá ser atendida/o.
  • Preferentemente entrará a formalizar a matrícula unha única persoa por estudante. No caso de familias con varios membros, recomendamos que sexa unha única persoa representante a que formalice a matrícula.
  • As persoas responsables de matricular as súas fillas e fillos deberán traer con eles toda a información e documentación necesaria, así como lapis ou bolígrafo para apuntar. Rogamos que leven varias opcións de horarios anotadas para axilizar o proceso da matrícula.
  • Non se poderá permanecer na escola máis tempo do indispensable para realizar a matrícula.

Arranca o ciclo de teatro amador Feteagal con catro obras no mes de agosto

O Porriño acolle o II Ciclo de teatro amador Feteagal, organizado polo Concello do Porriño e a Federación Teatral Afeccionada de Galicia en colaboración con Escena Amateur, con varias representacións programadas entre agosto e outubro nas que se poderá disfrutar de varios grupos galegos e de ámbito nacional.

A actuación que abre o certame teatral correrá a cargo de Coles Teatro, que representará “Pepa Loba” o xoves 11 de agosto, ás 23 h no parque Alameda (Avda. de Galicia). O venres 12, á mesma hora, no parque do Sol, Metátese Teatro presentará “Escola de Vaqueiras”.

As seguintes citas serán, o sábado 20 de agosto, ás 22h no barrio de San Benito, con “Tantos Anos de Silencio” de Esteta Teatro e o domingo 21 á mesma hora no parque do Cristo, Oreteiro Teatro presentará Arritmia.