O Porriño convértese no aliado das familias esta Semana Santa con campamentos e obradoiros

  • Ao campamento de Semana Santa súmase o obradoiro de programación e tecnoloxía

24 de marzo de 2026, O Porriño. O Concello do Porriño prepara unha Semana Santa de conciliación familiar e de actividades para a cativada a través de diferentes propostas, como o campamento que se desenvolverá no colexio José Fernández López ou un novo obradoiro de programación e tecnoloxía que se impartirá na aula CeMIT do Multiusos de Torneiros.

No caso deste obradoiro, terá lugar os días 30 e 31 de marzo (luns e martes de Semana Santa) e 1 e 6 de abril (mércores de Semana Santa e luns de Pascoa), e está dirixido a nenos e nenas de 4 a 12 anos. Son obradoiros de balde que se desenvolverán en colaboración coa rede CeMIT (Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica). A programación é unha mostra da colaboración das concellarías de Formación, Política Social e Educación.

“A nosa aposta son actividades que axuden á conciliación e que, ao mesmo tempo, permitan que os máis pequenos e pequenas desfruten dun tempo de ocio educativo, compartindo experiencias e aprendizaxes nunha contorna segura”, sinalou o alcalde, Alejandro Lorenzo. Explicou, no caso concreto dos obradoiros, que conseguen “que os máis pequenos aprendan xogando e tamén que nais e pais poidan conciliar”. Pola súa parte, a concelleira de Formación, Teresa Veloso, destacou a importancia deste achegamento ás novas tecnoloxías de forma controlada na infancia. As inscricións poden facerse a través do correo electrónico cemit.oporrino@xunta.gal.

Os campamentos

Celebraranse no CEIP Xosé Fernández López en horario de 8:30 a 14:30 horas, os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril. A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, ambos inclusive, tendo prioridade aqueles que estean empadroados no Porriño.

A través desta proposta, o goberno municipal ofrece ás familias un espazo seguro, educativo e lúdico no que a cativada poderá compartir tempo cos seus iguais e participar en diferentes dinámicas durante as súas vacacións escolares, mentres as súas nais, pais ou titores cumpren coas súas responsabilidades. A listaxe provisional de admitidos está dispoñible premendo na seguinte ligazón:

LISTADO PROVISIONAL CAMPAMENTO SEMANA SANTA 2026

Aula CEMIT

A Aula CeMIT, integrada na rede da Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é un espazo público de referencia para o impulso das competencias dixitais no municipio, facilitando o acceso á tecnoloxía e promovendo a inclusión dixital.

Ademais destes obradoiros específicos para a mocidade, a aula ofrece cursos básicos de alfabetización dixital, formación específica en ferramentas ofimáticas como Word, Excel ou Access, así como accións formativas vinculadas ao emprego e ás novas tendencias tecnolóxicas. Entre elas inclúense propostas orientadas á creación de videoxogos, iniciación á robótica ou coñecementos prácticos sobre o uso de teléfonos móbiles e tablets.

Ademais da formación regrada, a veciñanza poderá facer uso dos equipos informáticos da aula co acompañamento dun técnico especializado, que prestará apoio personalizado para resolver dúbidas, realizar trámites electrónicos ou mellorar as habilidades dixitais.

Horario

O horario de funcionamento é de luns a venres de 9:00 a 13:00 horas, ampliándose tamén aos xoves pola tarde de 15:00 a 19:00 horas, co obxectivo de facilitar o acceso ao maior número posible de persoas usuarias.

 

 

 

 

O Concello do Porriño impulsa a mellora integral do entorno do local social do Casal, en Budiño

  • Cunha inversión arredor dos 250.000 euros, O Concello do Porriño mellorará a accesibilidade e a calidade das instalacións e creará un parque infantil e varias zonas axardinadas

O Porriño 21 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño promove un proxecto de actuación integral para a mellora do entorno do local social do Casal, na parroquia de San Salvador de Budiño, co obxectivo de reforzar a calidade do espazo público e fomentar a convivencia veciñal.

A actuación, que xa conta co proxecto redactado e cos permisos correspondentes, desenvolverase sobre unha superficie aproximada de 3.460 metros cadrados nun ámbito estratéxico para a vida social da zona, tradicional punto de encontro, lecer e actividade comunitaria.

Novos espazos de convivencia
O proxecto contempla unha reorganización integral do espazo, priorizando o uso peonil fronte ao tráfico
rodado, que na actualidade xera conflitos en materia de seguridade e accesibilidade. Neste sentido, delimitarase un único vial para a circulación de vehículos, ao tempo que se crearán novas áreas de convivencia máis seguras, accesibles e funcionais.

Entre as principais actuacións inclúense a creación dun parque infantil, a habilitación de novas zonas
axardinadas con especies autóctonas, a mellora da pista deportiva e a adecuación de espazos peonís e de
aparcamento. Así mesmo, prevese a posta en valor de elementos existentes como o palco da música e o
entorno do cruceiro, reforzando o carácter identitario do lugar. “Será poñer en valor este espazo, un antes
e un despois para o entorno do local social do Casal, unha zona con moita vida, cuns veciños que precisan un espazo acorde a historia que ten este lugar, e iso será posible cando rematemos esta actuación”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Integración paisaxística
A intervención aposta por criterios de sustentabilidade ambiental, incrementando a permeabilidade do terreo e favorecendo a xestión eficiente das augas pluviais. Ao mesmo tempo, contribuirá á recuperación da imaxe tradicional do espazo mediante unha integración paisaxística respectuosa coa contorna.

Cun orzamento de execución por contrata de 250.210 euros e un prazo estimado de execución de seis meses, o proxecto responde a unha demanda da veciñanza e permitirá avanzar na mellora da calidade de vida da cidadanía, consolidando este enclave como un referente social e comunitario en Budiño.

 

Aviso de suspensión temporal do subministro de auga

O Porriño, 16 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño informa á veciñanza dunha suspensión temporal do subministro de auga debido á realización de traballos de mantemento na rede.

  • Data: 16 de marzo de 2026
  • Hora de inicio: 09:30 h
  • Hora prevista de finalización: 12:30 h

Zonas afectadas:

  • Rúa Pinar
  • Rúa Cruceiro
  • Antonio Palacios

Dende o Concello do Porriño pedimos desculpas polas molestias ocasionadas e agradecemos a comprensión da veciñanza.

Aberto o prazo de inscrición para o campamento de Semana Santa do Porriño

  • A actividade contará con 50 prazas e desenvolverase en instalacións municipais os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril

Porriño 12 de marzo de 2026.– O Concello do Porriño abre o prazo de inscrición para participar no Campamento de Semana Santa, unha iniciativa que se desenvolve seguindo a liña de actuación do V Plan de Igualdade de Oportunidades e que ten como obxectivo facilitar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal das familias do municipio.

A través desta proposta, o goberno municipal ofrece ás familias un espazo seguro, educativo e lúdico no que os nenos e nenas poderán compartir tempo cos seus iguais e participar en diferentes dinámicas e actividades durante as súas vacacións escolares, mentres as súas nais, pais ou titores cumpren coas súas responsabilidades.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que este tipo de iniciativas responden á vontade do Concello de apoiar ás familias nos períodos non lectivos. “Desde o Concello seguimos apostando por actividades que axuden á conciliación e que ao mesmo tempo permitan que os máis pequenos e pequenas disfruten dun tempo de ocio educativo, compartindo experiencias e aprendizaxes nun entorno seguro”, sinalou.                                     

O campamento desenvolverase en instalacións municipais, sendo o lugar de entrega e recollida o CEIP Xosé Fernández López, en horario de 8:30 a 14:30 horas, os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril. O aforo estará limitado a 50 participantes e a actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, ambos inclusive, tendo prioridade aqueles que estean empadroados no Porriño.

A concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González, explicou que esta iniciativa forma parte da estratexia municipal para impulsar políticas de igualdade e apoio ás familias. “Este campamento está pensado para ofrecer ás familias un recurso útil durante as vacacións escolares e, ao mesmo tempo, para que os nenos e nenas poidan disfrutar de actividades dinámicas, creativas e de convivencia co resto dos participantes”, indicou.

O prazo de inscrición abrirase o venres 13 de marzo ás 9:00 horas e pecharase o venres 20 ás 9:00 horas, podendo realizarse tanto de maneira presencial a través do Rexistro municipal como mediante a sede electrónica do Concello.

As persoas interesadas deberán cubrir a folla de inscrición oficial, debidamente asinada, e achegar a documentación obrigatoria. No caso de existir algunha circunstancia excepcional, tamén deberán presentar a documentación correspondente que aparece debidamente descrita na propia folla de inscrición. O formulario estará dispoñible na páxina web municipal ou poderá recollerse presencialmente no Rexistro do Concello.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño continúa reforzando o seu compromiso coas familias do municipio, promovendo actividades que favorecen a conciliación e ofrecen aos máis pequenos e pequenas alternativas de lecer educativo durante os períodos non lectivos.

Preme na seguinte ligazón para descargar a folla de inscrición:

FOLLA DE INSCRIPCIÓN E BAREMO CAMPAMENTO DE SEMANA SANTA 2026

O Concello do Porriño remata as súas Xornadas formativas sobre alimentación saudable nos centros educativos da vila

  • As actividades, impulsadas pola Concellería de Sanidade e a OMIX no marco do Plan de Saúde Local e coa colaboración do Sergas, realizáronse en horario lectivo ao longo de catro xornadas nas que participaron case 400 alumnos e alumnas.

O Porriño, 12 de marzo de 2026 O Concello do Porriño desnvolveu por cuarto ano consecutivo as Xornadas Formativas sobre Alimentación Saudable nos centros educativos do municipio, unha iniciativa dirixida ao alumnado de 2º e 3º de Educación Primaria e 2º de ESO co obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables na cativada. 

As actividades, impulsadas pola Concellería de Sanidade e a OMIX no marco do Plan de Saúde Local e coa colaboración do Sergas, realizáronse en horario lectivo ao longo de catro xornadas nas que participaron case 400 alumnos e alumnas.

A posta en marcha destas formacións responde ao incremento de hábitos alimentarios pouco saudables entre a poboación infantil e xuvenil, asociados ao consumo de produtos ultraprocesados, bebidas azucradas e ao sedentarismo, factores que poden derivar en problemas como sobrepeso, obesidade ou dificultades de concentración no ámbito escolar. A escola constitúe un espazo clave para a adquisición de coñecementos e valores relacionados coa saúde, polo que adaptar os contidos á idade do alumnado permite traballar a nutrición dunha maneira próxima, práctica e comprensible.

As xornadas teñen como obxectivo promover unha alimentación equilibrada e variada, dar a coñecer os principais grupos de alimentos e a súa función no organismo, fomentar unha actitude crítica fronte á publicidade e ao consumo de produtos pouco saudables, sensibilizar sobre a relación entre alimentación, actividade física e benestar xeral e implicar ao alumnado na toma de decisións responsables sobre a súa propia saúde. 

 

Alejandro Lorenzo destacou que actividades como estas teñen un valor esencial para os centros educativos, afirmando que “a escola é un espazo privilexiado para transmitir hábitos de vida saudables, e iniciativas como esta axudan ao alumnado a comprender, de maneira sinxela e práctica, a importancia de coidar a súa alimentación. Investir en educación para a saúde é investir no benestar presente e futuro da nosa mocidade.”

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa promoción da saúde e coa creación de contornas educativas que favorezan o desenvolvemento de hábitos de vida saudables entre a mocidade.

Aviso por avaría na rede de abastecemento na Avenida de Galicia

O Porriño, 9 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño informa de que, debido a unha avaría detectada na rede de abastecemento de auga, estase a producir un corte no subministro na Avenida de Galicia.

Os servizos municipais xa se atopan a traballar na zona para localizar a incidencia e proceder á súa reparación coa maior celeridade posible, co obxectivo de restablecer o servizo á normalidade no menor tempo posible.

Desde o Concello pregamos desculpas polas molestias ocasionadas e agradecemos a comprensión da veciñanza mentres se realizan os traballos necesarios para solucionar esta incidencia.

O Baile de Maiores chega á programación municipal do Porriño para promover o envellecemento activo

  • Actividade con entrada de balde pensada para promover o envellecemento activo, favorecer a socialización e impulsar hábitos de vida saudables a través da música e do movemento
  • As sesións celebraranse os domingos e festivos, en horario de 17:00 a 20:30 horas, desde o 8 de marzo ata o 28 de xuño

Porriño 5 de marzo de 2026.– O Concello do Porriño pon en marcha unha nova proposta dirixida ás persoas maiores do municipio coa creación do “Baile de Maiores”, unha actividade con entrada de balde pensada para promover o envellecemento activo, favorecer a socialización e impulsar hábitos de vida saudables a través da música e do movemento.

A iniciativa desenvolverase nas instalacións de Studio 57 (Rúa Muiños, 13 baixo) e combinará formación e práctica social de baile. As sesións celebraranse os domingos e festivos, en horario de 17:00 a 20:30 horas, desde o 8 de marzo ata o 28 de xuño.

Cada xornada dividirase en dúas partes: unha primeira sesión de clase de baile de entre 45 e 60 minutos, na que as persoas participantes poderán iniciarse ou perfeccionar os seus coñecementos, e unha segunda parte de baile social con animación musical a cargo dun DJ, que se prolongará durante aproximadamente dúas horas e permitirá poñer en práctica o aprendido nun ambiente lúdico e participativo.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de impulsar iniciativas que melloren a calidade de vida das persoas maiores: “Queremos ofrecer espazos de encontro, diversión e actividade física para os nosos maiores. O baile é unha ferramenta perfecta para manterse activo, facer novas amizades e gozar do tempo de lecer. Con iniciativas como esta seguimos traballando para que O Porriño sexa un concello que coida e valora ás persoas maiores.”

Lorenzo tamén sinalou que este tipo de propostas contribúen a reforzar a convivencia e o benestar social:

“O Baile de Maiores non é só unha actividade de ocio, senón tamén unha oportunidade para crear comunidade e combater a soidade non desexada. Queremos que os nosos maiores teñan cada vez máis alternativas para participar, divertirse e sentirse parte activa da vida do municipio.”

A actividade conta con entrada de balde e está aberta a todas as persoas maiores interesadas en aprender a bailar ou simplemente en compartir unha tarde diferente nun ambiente dinámico e agradable.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa promoción de políticas de benestar, participación e envellecemento activo, apostando por actividades que fomenten a saúde física, emocional e social da veciñanza.

O Concello do Porriño reforza como nunca a limpeza viaria e o mantemento das zonas verdes cun investimento anual de preto de 1 millón de euros

  • Un salto histórico nos servizos municipais: 553.762 € para limpeza viaria e 431.513 € para zonas verdes, con baldeo diario, mantemento de papeleiras, rego e poda en todo o municipio

O Porriño, 30 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño vén de aprobar a licitación de dous contratos fundamentais para o coidado do espazo público, o servizo de limpeza viaria e o mantemento das zonas verdes municipais, cun investimento anual conxunto de preto dun millón de euros destinado a mellorar de maneira notable a imaxe urbana, a salubridade e a calidade de vida da veciñanza.

Estas novas licitacións supoñen un salto cualitativo nos servizos municipais, incorporando máis medios, maior frecuencia de actuacións e novas prestacións tanto no núcleo urbano como nas parroquias, nos polígonos industriais e nos espazos naturais do municipio.

No ámbito da limpeza viaria, o novo contrato contará cun orzamento anual de 553.762,42 euros e permitirá reforzar de forma significativa os traballos de hixiene urbana. Entre as melloras previstas inclúese o baldeo manual diario nas principais rúas do núcleo urbano, o aumento dos baldeos tanto no centro como en Torneiros, así como o baleirado, reposición e mantemento das papeleiras en todo o municipio. O servizo abrangue tamén a recollida de animais mortos, a limpeza inmediata en caso de accidentes, a limpeza periódica do mobiliario urbano e a prestación de servizos de limpeza en todos os eventos e actos públicos que se celebren no termo municipal. A estas actuacións súmanse os traballos habituais de varrido manual, mixto e mecánico, a limpeza de sumidoiros e drenaxes, a retirada de residuos abandonados, a recollida intensiva de folla no outono, así como a limpeza de pintadas e a retirada de carteis.

Pola súa banda, o contrato de mantemento das zonas verdes, cun custo anual de 431.513,55 euros, permitirá unha atención máis completa e profesional dos parques, xardíns, sendeiros e espazos naturais do Porriño. O servizo inclúe a limpeza e o mantemento continuado das zonas verdes municipais, a limpeza de rúas e beirarrúas nos polígonos industriais, o mantemento e a limpeza de parcelas municipais e sendeiros, o mantemento e reposición das redes de rego no núcleo urbano e en Torneiros, así como a poda de árbores en parcelas municipais e centros educativos. Este contrato abrangue máis de 400.000 metros cadrados de zonas axardinadas, zonas verdes, monte baixo, sendeiros e viarios industriais, e contempla actuacións de sega, poda, fertilización, roza, prevención de incendios, retirada de árbores caídas ou ramas perigosas e mantemento das infraestruturas de rego.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca que este conxunto de licitacións supón “un investimento pola limpeza e polo coidado do espazo público como nunca antes se fixera no Porriño”, subliñando que se trata dunha aposta clara por mellorar a calidade dos servizos municipais e responder ás demandas da cidadanía. O rexedor sinalou que máis limpeza, máis mantemento e unha maior presenza nas rúas, nos parques e nos polígonos industriais “tradúcense nunha vila máis coidada, máis saudable e máis agradable para vivir”. “Queremos ser un referente en medio ambiente, no coidado das zonas verdes e na limpeza viaria”, concluíu.

Con estas dúas licitacións, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso cun modelo de vila máis limpa, máis ordenada e máis sostible, apostando por servizos públicos de calidade que terán un impacto directo e visible no día a día da veciñanza.

O Concello do Porriño asina un convenio urbanístico que permitirá un novo local municipal de Servizos Sociais na Avenida de Galicia

  • O acordo desbloquea unha promoción de vivendas en alugueiro e permite ao Concello incorporar en propiedade un baixo municipal valorado en preto de 400.000 euros, destinado a Servizos Sociais, ao Centro de Información á Muller (CIM) e a novos servizos de atención ás familias

O Porriño, 17 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño vén de asinar un convenio urbanístico que permitirá avanzar na construción dunha nova promoción de vivendas en réxime de alugueiro na contorna da rúa Antonio Palacios – Avenida de Galicia e, ao mesmo tempo, incorporar ao patrimonio municipal un novo local destinado a Servizos Sociais, en plena propiedade e cun elevado valor social e económico.

A actuación desenvólvese sobre unha parcela adquirida pola entidade promotora a unha entidade bancaria, na que existían varias pequenas parcelas de titularidade municipal, cunha superficie aproximada duns 400 metros cadrados, segundo os informes técnicos municipais. Tras a revisión da situación xurídica e logo do correspondente informe do secretario municipal, alcanzouse un acordo de permuta que permitiu desbloquear a actuación urbanística.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, explicou que “a través desta construción de vivendas en réxime de alugueiro, o Concello vén de asinar un convenio coa entidade promotora para permitir o uso duns terreos municipais que estaban integrados na parcela. Aínda que a valoración destes terreos non é moi elevada, a contraprestación que recibe o Concello é moi importante”.

Como resultado do convenio, o Concello recibirá un baixo de nova construción, completamente equipado e acondicionado para uso público, que se destinará a Servizos Sociais. “Falamos dun local amplo, moderno e en condicións óptimas, cunha valoración técnica próxima aos 400.000 euros, o que supón unha mellora moi relevante para o patrimonio municipal e para a atención á cidadanía”, sinalou o rexedor.

Alejandro Lorenzo destacou tamén que “os Servizos Sociais municipais contan hoxe con instalacións moi compartimentadas e con espazos que era necesario mellorar. Este novo local permitiranos dispoñer dunhas dependencias axeitadas, non só para Servizos Sociais, senón tamén para o Centro de Información á Muller (CIM) e para a posta en marcha de novos servizos. Para nós é unha prioridade dotar cunhas oficinas axeitadas a Servizos Sociais e, especialmente, reforzar a atención á cidadanía e ás mulleres a través do CIM. Este novo espazo nace coa vontade de converterse nun punto de encontro para aquelas familias que atravesan algunha situación de necesidade e que requiren o apoio dos servizos municipais. En definitiva, trátase dunha actuación prioritaria para mellorar a atención e o acompañamento ás persoas.”

Neste senso, o alcalde engadiu que “o obxectivo é crear un espazo no que as unidades familiares poidan ser atendidas en condicións dignas, con zonas de espera e descanso, mellorando a atención presencial e a coordinación entre os distintos servizos municipais”.

O convenio permite compatibilizar a promoción de vivenda en alugueiro —unha actuación subvencionada pola Xunta de Galicia— cunha achega municipal que se traduce nun equipamento público estratéxico, reforzando o interese xeral e a mellora dos servizos públicos no Porriño.

Aberto o prazo para solicitar subvencións de ata 10.000 € para asociacións

  • As axudas poden cubrir ata o 100 % do investimento, cun importe mínimo de 6.000 €, e o prazo de solicitude remata o 1 de abril de 2026

O Porriño, 12 de xaneiro de 2025.- O Concello do Porriño informa ás asociacións veciñais e entidades sociais do municipio da apertura do prazo para solicitar as subvencións do Plan Provincia Comunitaria 2026, unha liña de axudas impulsada pola Deputación de Pontevedra destinada a financiar investimentos que contribúan á mellora das infraestruturas, dos equipamentos e dos locais sociais das entidades.

O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e remata o vindeiro 1 de abril de 2026, polo que se recomenda ás asociacións interesadas iniciar canto antes a preparación da documentación necesaria para concorrer á convocatoria.

As subvencións poden cubrir ata o 100 % do investimento presentado, cun importe mínimo de 6.000 euros e un máximo de 10.000 euros por entidade beneficiaria, o que supón unha oportunidade destacada para levar a cabo actuacións sen necesidade de achega económica propia.

A convocatoria está dirixida a asociacións de veciños, federacións, confederacións ou unións de asociacións veciñais, así como a asociacións de mulleres rurais, sempre que estean legalmente constituídas e debidamente inscritas no Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia.

As axudas están destinadas exclusivamente a investimentos, incluíndo actuacións como obras de mellora de locais sociais, a mellora ou creación de infraestruturas, equipamentos e espazos destinados á actividade da entidade, así como a adquisición de mobiliario e equipamento informático, audiovisual ou específico para o desenvolvemento das súas actividades. Tamén son subvencionables determinados gastos vinculados á tramitación da subvención, ás taxas e licenzas necesarias e aos traballos previos de desbroce ou limpeza cando formen parte dunha obra.

As actuacións deberán realizarse integramente na provincia de Pontevedra e será requisito indispensable que a entidade solicitante sexa titular ou conte cun dereito de uso mínimo de cinco anos sobre os inmobles ou terreos nos que se vaian executar os investimentos.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca a importancia desta convocatoria para o tecido asociativo local e animou ás entidades do municipio a presentar as súas solicitudes. “Estas axudas son unha oportunidade moi importante para que as asociacións poidan mellorar os seus locais, renovar equipamentos e poñer en marcha investimentos que repercuten directamente na calidade de vida da veciñanza. Desde o Concello queremos que todas as entidades coñezan esta convocatoria e a aproveiten”, sinalou o rexedor.

Lorenzo subliñou tamén o papel fundamental que desenvolven as asociacións no ámbito social e comunitario do Porriño a as súas parroquias e barrios, e insistiu na necesidade de difundir amplamente esta liña de subvencións para que chegue ao maior número posible de colectivos.

Cada entidade poderá presentar unha única solicitude, que deberá tramitarse exclusivamente por vía electrónica, achegando o acordo do órgano competente da entidade e o resto da documentación esixida nas bases da convocatoria, incluíndo a memoria ou proxecto técnico cando resulte necesario.

Desde o Concello do Porriño anímase ás asociacións veciñais e entidades sociais do municipio a aproveitar esta oportunidade de financiamento, que contribúe á mellora dos seus espazos e recursos e ao fortalecemento do tecido asociativo local.

A data límite para a presentación de solicitudes é o 1 de abril de 2026.