O Concello galardoado pola Xunta e “Ecoembes” pola súa achega á campaña “Recicla e únete ao reto”

O premio de 2.000€ será doado á asociación de apoio a persoas con diversidade intelectual “Aceesca”

O Porriño é un dos concellos galardoados pola Xunta de Galicia e “Ecoembes” pola súa achega á campaña de recollida de plásticos, latas e briks, “Recicla e únete ao reto!”. A campaña, desenvolvida simultaneamente en quince concellos galegos, consistiu en que todos eles asumiron o reto de superar, cando menos, nun 10% as achegas ao contedor amarelo durante os meses de febreiro, marzo e abril deste ano.

Coa ocasión deste reto, na praza do Concello colocouse en marzo un contedor amarelo xigante como reclamo da campaña aprendéndolle á cidadanía como separar correctamente os residuos. Tratase de incrementar a conciencia de reciclaxe e afianzar o hábito continuado entre a poboación.

O Porriño recibirá un premio económico dotado con 2.000 € para doar a una causa social. Por acordo do goberno municipal eses cartos dóanse á asociación de apoio a persoas con diversidade intelectual “Aceesca”.

Sergio Casal, concelleiro de Medio Ambiente e Limpeza será o encargado de recoller o premio, en representación do Concello do Porriño, no acto de entrega que terá lugar este venres 14, ás 12:00 h. na Praza dos Barcos de Sanxenxo, presidido por Angeles Vázquez, titular da Conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

A alcaldesa, vacinada hoxe coa primeira dose de “Pfizer”

 

Hoxe que comezou a vacinación de persoas de entre 50 a 59 anos en todas as áreas sanitarias de Galicia, Eva Garcia, alcaldesa de O Porriño recibiu a primeira dose da vacina.

A rexedora porriñesa foi unha das moitas miles de persoas citadas polo Sergas hoxe no Recinto Feiral de Cotogrande (IFEVI) para recibir a primeira dose. No seu caso, fora vacinada coa de “Pfizer” polo que en tres semanas deberá recibir a segunda dose.

Eva Garcia manifestou a súa felicitación ao Servizo Galego de Saúde “pola fantástica organización e polo trato magnífico do persoal que está alí vacinando no IFEVI, cun sorriso e máxime pensando que cada día están a vacinar a 6.000 persoas”.

A alcaldesa animou a toda a poboación “a que acudan a vacinarse cando lles toque que isto é bo para todo”.

O Concello renovou a achega anual co “Porriño Baloncesto Base”

 

Este mediodía, José Ruiz, presidente do “Porriño Baloncesto Base” firmou coa alcaldesa, Eva Garcia, en presenza do concelleiro de Deportes, David Alonso, a renovación do convenio anual polo que o Concello do Porriño outorga unha subvención nominativa ao “PBB” por un importe de 90.000 euros.

O PBB “é un dos clubes con máis impacto na promoción do deporte base, tanto polo seu traballo coas categorías inferiores como pola visibilidade que lle da o equipo senior en competición nacional, que milita na Liga EBA”, subliñou o concelleiro de Deportes.

Alonso Bargiela lembrou que con esta achega “estamos a dar continuidade no pulo ao baloncesto que por este Concello con diferentes gobernos municipais, vence realizando desde 1996 por un importe global que xa acadou os 4 millóns de euros, cantidade que se equipara coa que ten recibido o Balonmán Porriño e que supón un trato preferente sobre outros deportes”, segundo reivindicou o concelleiro.

Plan de bacheos: arranxos en Budiño, no Polígono Industrial A Granxa


O Concello do Porriño segue a desenvolver o plan de bacheos que realiza a Concellería de Vías e Obras en rúas e estradas de titularidade municipal en todas as parroquias do termo municipal. Hoxe actúase en Budiño, nomeadamente en rúas do Polígono Industrial de A Granxa para reparar numerosos desperfectos orixinados polo numeroso tráfico pesado que soportan.
A alcaldesa Eva García e a concelleira delegada, Lourdes Moure acudiron a comprobar os traballos en compañía de Miguel Feijóo, encargado da brigada de obras.
As imaxes refiren os arranxos que se realizaban na rúa “J A Toxa” na confluencia coa avenida principal, á altura das naves das empresas “Megalta” e “Velpa”. Esta actuación solicitouse ao Concello na última reunión da comisión delegada da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono A Granxa.
As obras realízanse con medios propios e os contratados por concurso para subministrar materiais e maquinaria pesada.

 

 

 

A Policía Local avisa de cortes de tráfico e solicita a retirada de vehículos estacionados nas rúas afectadas polo paso da “Challenge Rías Baixas” de ciclismo.

A Policía Local do Porriño informa á veciñanza de que esta vindeira fin de semana, haberá cortes de tráfico e restricións para estacionamento de vehículos coa ocasión de celebrarse a “V Challenge Rías Baixas” de ciclismo que discorrerá por Porriño e outras poboacións da contorna.

Engadimos nas dúas imaxes adxuntas, os rutómetros das etapas con horarios de paso previstos e as rúas e estradas polas que circularán os ciclistas.

O sábado 8, data da segunda etapa con saída e chegada en Mos, haberá cortes de tráfico puntuais a partir das cinco da tarde cando a caravana circule en dirección Tui, e posteriormente, a partir das seis e media da tarde, cando regrese por Cans, rúa Antonio Palacios e Avenida de Galicia en dirección ao Pazo de Mos.
O domingo 9, coa ocasión da terceira e última Porriño-Porriño, haberá as maiores restricións.


A Policía Local solicita aos condutores que non estacionen os seus vehículos desde as 8.00 horas na avenida Domingo Bueno, en ambas marxes (entre a intersección con Fernández Areal ata a praza de San Sebastián). Tampouco poderá estacionarse, no mesmo horario, na rúa Parque Infantil que será cortada ao tráfico, de mesmo xeito que a rúa San Sebastián, entre a capela de San Bieito e a praza de San Sebastián.
A Policía Local prega a colaboración dos condutores e advirte que os vehículos que estean estacionados nas devanditas rúas, serán retirados polo guindastre.
A Policía Local sinalizará nas rúas afectadas e colocará follas informativas nos parabrisas dos vehículos para lembrar estas circunstancias aos condutores.



 

Letras Galegas 2021: A alcaldesa inaugurará a exposición “A poesía do retrato”, adicada a Xela Arias

 

A inauguración será este xoves 6, ás 19:00 h., no vestíbulo do Centro Cultural Municipal. O acto estará presidido por Eva Garcia de la Torre, alcaldesa do Porriño, en compañía de Cami Moreira, concelleira de Cultura e Normalización Lingüística. Iniciarase coa actuación da pianista Brais González Pérez. Na presentación participarán o fotógrafo Xulio Gil; a escritora, Marga do Val e Pepe Puga, representante da editorial “Engaiolarte”. A cerimonia rematará cunha visita á exposición.

“A poesía do retrato”, é unha mostra baseada nunha reunión de retratos realizados por Xulio Gil en diferentes épocas de Xela Arias, emparellados con fragmentos da poesía dispersa da autora que se lembra este ano coa ocasión do Día das Letras Galegas.

A inscrición para asistir ao evento de inauguración estará aberta ata hoxe mércores e ten que facerse a través do correo ao seguinte enderezo electrónico: cultura@oporrino.org, indicando os seguintes datos:
Indicar en asunto: “Exposición A Poesía do Retrato”
Nome e apelidos de cada asistente e número de teléfono.

Exposición “A poesía do retrato”

Amplíase tres meses máis o prazo para regularizar a ocupación de nichos de titularidade municipal no Cemiterio

A Concellería de Cemiterios que dirixe Sergio Casal comunica á veciñanza que amplía o prazo para regularizar a ocupación de nichos de titularidade municipal, por tres meses máis. O prazo anterior vencía mañá, día 5 e polo tanto agora amplíase ata o 6 de agosto.
Esta decisión está baseada no problema de falta de espazo no Cemiterio Municipal cos nichos de titularidade do Concello que levaban ocupados máis de 10 anos.
O bando da Alcaldía que reproducimos indica que se lle solicita á veciñanza que teñan inhumados nos nichos de propiedade municipal a familiares e que tiveran transcorrido máis de 10 anos, procedan a retirada dos restos e a limpeza para poñelos a disposición do Concello.
Durante o primeiro prazo baleiráronse 25 nichos e están en trámite outras 15 exhumacións máis.

 

Presentación da “V Challenge Rías Baixas” de ciclismo que se disputará a fin de semana do 8 e 9 de maio

O ciclismo volverá ás estradas da bisbarra cunha competición como a “Challenge Rías Baixas” que neste ano 2021 vai cumprir a súa quinta edición, coa organización do club “Master da Louriña”. A proba, de rango nacional, terá lugar na fin de semana do 8 e 9 de maio, cando o Goberno Central ten previsto que decaia o estado de alarma e que se alivien moitas das restricións que aínda temos hoxe.

Terá tres etapas: unha contra reloxo en Guláns de 8 kms; unha segunda etapa en liña de 81 kms con final en Mos e a etapa final de 85 kilómetros en O Porriño.

Este mediodía celebrouse na praza do Arquitecto Antonio Palacios, fronte ao Concello do Porriño, a presentación da edición deste ano nunha roda de prensa na que participaron David Alonso, concelleiro de Deportes do Porriño xunto cos seus homólogos dos concellos de Ponteareas e Mos xa que cada un destes concellos albergará unha etapa da “Challenge”. Á presentación tamén asistiu Gorka Gómez, deputado de Deportes, no nome da Deputación Provincial e a alcaldesa do Porriño, Eva Garcia que saludou aos presentes antes de reanudar a súa axenda de traballo.

Juan José Alvarez Cerdeira, presidente do equipo “Master da Louriña”,  manifestou no nome do club organizador, que “agardamos chegar a unha participación de 200 corredores como ven sendo habitual” e atribuiu esta resposta a que “sabemos darlle aos ciclistas o que eles queren”. El presidente del CC Master da Louriña reivindicou que na edición de 2020 o gañador da Challenge fora Jaime Romero quen “pouco tempo despois pasou a profesional e fichou co equipo Caja Rural-Seguros RGA”.

Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega ponderou nesa liña o “excelente traballo de promoción de categorías inferiores que realizan clubs como Master da Louriña para sacar e dar a coñecer a futuros ciclistas”.

Pola súa banda Gorka Gómez, deputado provincial de Deportes alabou o “enorme esforzo conxunto dos clubs e das institucións eiquí representadas por sacar adiante a organización de eventos deportivos que ademais xeran unha sinerxia económica”, manifestou o representate da Deputación.

Tamén falaron os concelleiros que representaban a Mos, José Areal, e Ponteareas, Miguel Bouzo. Ambos revalidaron o compromiso dos seus respectivos concellos con esta proba da que acollerán a primeira e segunda etapa respectivamente.

Rematou o acto de presentación, David Alonso, concelleiro de Deportes do Porriño que lembrou que dende o ano 1996 o concello porriñés manten un apoio permanente ao ciclismo con achegas que suman un millón de euros. E garantiu que este ano a “Challenge Rias Baixas” volverá “a dar moito espectáculo tanto na contra reloxo de Guláns como na etapa que rematará no Pazo de Mos e agardemos que na última que acolleremos no Porriño”.   

A corporación aprobou por unanimidade instar á Xunta de Galicia ao deseño e execución dun plan de vixilancia ambiental da actividade mineira

 

O Concello do Porriño instará á Xunta de Galicia para o deseño e execución dun Plan de Vixilancia Ambiental da Actividade Mineira. O acordo, adoptado por unanimidade pola corporación local no pleno municipal de abril celebrado onte, xurdiu a instancias do grupo EU SON que presentou unha moción con esta proposta referida á actividade mineira na parroquia de Budiño. Durante o debate da mesma, engadiuse que o devandito Plan de Vixilancia Ambiental tamén chegue ás explotacións mineiras de Atios, Chenlo e Cans.

Segundo a proposta aprobada, solicitase á Consellería de Medio Ambiente que o plan teña como obxectivo fundamental “non só verificar o cumprimento dos condicionamentos establecidos nas concesións de explotación e de restauración, senón tamén a súa suficiencia para garantir o normal desenvolvemento da vida das persoas en condicións de seguridade e salubridade; e con relación ao medio ambiente, o control dos verquidos, escorrentías e calquera tipo de contaminación das augas.

Por outra banda, aprobouse xerar un suplemento de crédito con remanente de tesourería para aboar, por un lado, 415.000 euros ao Organismo de Recadación da Administración Local (ORAL) e, doutro lado, 6.121 € en sentenzas xudiciais. O acordo acadouse cos votos a favor de PSOE, BNG, EU SON e UDDL e as abstencións dos concelleiros do PP.

 

O Servizo de Intervención Municipal anuncia 10 días hábiles adicionais para correccións das solicitudes para o plan de axudas ao comercio e á hostalería

 

A páxina web do Concello publica hoxe un documento de corrección de erros para que se corrixan algunhas das solicitudes presentadas para o Plan “Impulsa Porriño” de axudas ao comercio e á hostalería. O mesmo documento de corrección de erros publicouse hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) como é preceptivo.
De xeito que os solicitantes que xa presentaron documentación para a súa participación nesta liña de axudas, disporán dun prazo de 10 días adicionais -datas hábiles- a contar a partir de mañá venres 30, para corrixir a súas solicitudes.
Toda a convocatoria así como as bases e documentos para as solicitudes poden consultarse na web do Concello premendo sobre o “banner” “Porriño Impulsa”.
Engadimos documento “pdf” coa corrección de erros

ANUNCIO-CORRECCION-ERROS