Porriño dá o primeiro paso para a creación dun gran parque á beira do río Louro

Unha nova inversión de 401.763,52 euros é o que vén de recibir o Concello do Porriño da man da Xunta de Galicia. Así, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde porriñés, Alejandro Lorenzo, asinaron un convenio para a execución do proxecto de acondicionamento do viario asfaltado paralelo á vía do tren nas proximidades do Paseo do Louro, ou o que popularmente se coñece como “ruta do colesterol” transitado a diario por centos de veciños, pequenos e maiores, que empregan o lugar para pasear, correr ou andar en bicicleta.

O tramo sobre o que se acometerán os traballos é de quilómetro e medio (1.460 metros exactamente) que comprende dende Atios ata o paso soterrado peonil da vía do tren que da acceso ao casco urbano. O proxecto inclúe a instalación de alumeado público e a mellora do pavimento habilitando un carril ciclista bidireccional e outro para peóns, eliminando o tráfico rodado, que na actualidade xa é escaso ao ser unha estrada sen saída e que só conduce ás veigas; aínda que si se habilitaría unha zona de aparcamento de vehículos para facilitar o acceso da veciñanza de fóra que acuda ao lugar.

 “Esta actuación suporía unha primeira fase de transformar a contorna do río Louro, ao seu paso por Porriño, no pulmón da vila, unha gran área verde, con parques para pequenos e maiores, zona de paseo, bici e tamén unha superficie acondicionada para a celebración de eventos que poden ser dende grandes concertos, a modo de auditorio ao aire libre, ata incluso o oficio de vodas”, explica o alcalde. Para elo, a empresa Frigolouro xa ten cedido unha superficie importante e estanse a adquirir terreos de particulares para acondicionalos a tal fin.

O convenio asinado fai uns días na casa consistorial por parte da conselleira e do alcalde foi posible trala recepción de todos os permisos e informes sectoriais, que se demoraron meses imposibilitando que se formalizase antes o convenio. Unha vez aprobado o proxecto pola Xunta de Galicia procederase á súa licitación para o inicio dos traballos que estarán rematados neste mesmo ano 2023.

“Con esta actuación Porriño suma e sigue en zonas verdes e recreativas. Está en marcha o gran espazo en pleno casco urbano que une as rúas Antonio Palacios e Pío XII e tamén a remodelación integral do antigo Campo da Feira. Ademais temos proxectadas tamén áreas de lecer e adecuación de espazos públicos nas diferentes parroquias. Somos un pobo comercial e industrial si, pero tamén dispomos de áreas de lecer ás que a veciñanza pode acudir a desconectar, soa ou en grupo, con familia e amigos, tanto a cativada como a mocidade e os nosos maiores, un espazo de convivencia sen necesidade de saír da vila”, conclúe Lorenzo.

O Porriño contará cunha área para autocaravanas

O Porriño contará cunha área de caravanas e autocaravanas en pleno centro urbano, un servizo que vén a sumarse aos que xa de por si ofrece o municipio.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polo presidente da Asociación de Autocaravanas de Galicia (Aga),  Manuel Fernández-Arruti, e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, visitou esta mañá a parcela na que se habilitará o aparcamento para valorar de maneira conxunta as actuacións a realizar para a súa pronta posta en marcha.  

A zona que se acondicionará ocupará uns 200 m2 da parcela de Leandro Diz habilitada como aparcamento gratuíto e estará acondicionada con todos os servizos necesarios.

“O turismo de autocaravana tense consolidado como unha alternativa ás viaxes tradicionais. É unha modalidade en auxe que se caracteriza pola liberdade que ofrece, por iso hai tanta demanda e por iso moitos concellos de todo o país dispoñen xa dese servizo. O Porriño non vai quedar atrás”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Continúa a recuperación da fonte de San Sebastián coa reposición da pérgola

O Concello do Porriño continúa coa recuperación da emblemática fonte de San Sebastián. Tras levar a cabo as obras de acondicionamento do manantial e canalización do caudal para evitar focos de contaminación que afectaban á calidade da auga e causaban reiterados cortes no subministro, a concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, deu comezo hoxe aos traballos de reposición da pérgola que cubre o conxunto patrimonial.

“O entramado de madeira que cubre a fonte atopábase nun deficiente estado de conservación, supoñendo un perigo para a seguridade das persoas que fan uso deste espazo”, explicou o concelleiro, “Retiraranse todos os elementos e substituiranse por novas vigas e correas de madeira de iroko, coas mesmas dimensións e características que as actuais”.

A estrutura ten unha dimensión total de 13 m e 5 m e está formada por 18 pezas, dúas vigas lonxitudinais e cinco transversais, con oito correas transversais e tres lonxitudinais. 

“A fonte de San Sebastián é sen dúbida un icono patrimonial do Porriño e hai que poñelo en valor”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “E non só hai que ter en conta o seu valor patrimonial, tamén o social, xa que se trata dun lugar ao que moitos veciñas e veciñas se achegan cada día a coller auga e tamén, como é ben sabido, moitos grupos de ciclistas. Por iso é importante que se atope en bo estado”.  

Os traballos termínanse que estén rematados no prazo dunha semana.

 

Fegatea e Concello danse a man traer ao Porriño o mellor teatro amador

O Concello do Porriño une forzas coa Federación Galega de Teatro Afeccionado para traer á vila cinco obras de compañías de teatro amador.

A presidenta da FEGATEA, Chelo Pampillón, e a vicepresidenta da federación, Ana Rodríguez, formalizaron a súa colaboración coa administración local que incluirá na programación cultural deste ano a posta en escena de cinco representacións teatrais no Centro Cultural Municipal e en centros culturais das parroquias para disfrute da veciñanza.  O concello aportará a tal fin 3.000 euros.

“A nosa proposta cultural inclúe sempre o teatro nun lugar destacado, xa que o entendemos como unha expresión cultural e artística que enriquece tanto aos que están nas butacas como aos que pisan o escenario”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “E nesta liña o teatro amador ten moito que aportar ademais de ter sempre unha gran acollida do público no Porriño. A Fegatea é un gran aliado para nós e garante de calidade “.  

A Federación Galega de Teatro Afeccionado está formada hoxe en día por 50 compañías que suman máis de 600 actores, afianzándose como axente cultural indispensable para a promoción da cultura e das artes escénicas en Galicia.  A través de actividades  como o Circuíto Galego de Teatro Amador, a Mostra Fegatea Móvete, o Festival Agustín Magán ou os festivais organizados ao abeiro da Plataforma Transfronteiriza PLATTA conseguiron congregar a máis de 8.000 espectadores ao ano. Unha cifra que da fe do seu valor como axente de desenvolvemento da cultura teatral.

 

 

O Porriño segue camiñando da man da educación cara a igualdade

O Concello do Porriño segue apostando pola educación en igualdade para alcanzar unha sociedade máis xusta. Baixo esta premisa, a concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, vén de presentar a súa programación conmemorativa do Día Internacional da Muller baixo o lema “Da man da educación cara a igualdade” na que os protagonistas son as futuras xeracións de porriñesas e porriñeses.

“As/os nenas/os educados dende pequenas/os sen distinción de xénero, incidindo nos valores do respecto e a igualdade, serán mañá esas/es adultas/os que defendan unha sociedade libre de comportamentos machistas”, explicou a a concelleira, “Por iso continuamos co traballo comezado o ano pasado centrado na infancia, un traballo continuo e transversal que non se limita a unha semana ao ano”.

Salientar neste sentido que o alumnado dos centros educativos do municipio estivo participando nos obradoiros Xénero Diverso, no que traballaron a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes a través dunha metodoloxía baseada no xogo. Como parte do mesmo, o vindeiro 8 de marzo, ás 18:30 h na praza Arquitecto Antonio Palacios, representarase a obra de teatro “Adiviña quen son”, que busca desmontar os roles e estereotipos de xénero tradicionais e ofrecer as ferramentas para camiñar cara unha igualdade real. “Con esta actividade buscamos crear un espazo de diversión con familias, alumnado e comunidade educativa, na que ademais se proxectará un vídeo de resumen dos obradoiros levados a cabo nos coles a fin de mostrar o traballo que realizaron durante todo o proxecto”, apuntou a concelleira.

A xornada do 8M continuará na praza coa lectura do manifesto e de seguido a música tomará o relevo da man de varias artistas, todas elas mulleres empoderadas que se fixeron cun espazo na industria musical. Ás 20h subirán ao escenario Noemí Fernández, porriñesa finalista de La Voz Kids e gañadora do certame Tes Talento 22, Carla Lourdes, cantautora e compositora natural de Ponferrada cuxos temas superan 100.000 reproduccións en redes sociais, Mati, cantante nacida en México pero afincada na nosa terra que acaba de sacar o seu primeiro e pisa por primeira vez un escenario no Porriño, e as Girl´s Gang , a banda de mozas mosense que presentan neste evento o seu primeiro single propio, Kaos.

Cabe destacar que todas elas visitarán o día anterior, 7 de marzo, os dous IES do Porriño para conversar cos mozos e mozas e animalos a que loiten polos seus soños e contarlles tamén as súas experiencias.

Ademais, dende as 12 h instalarase na praza Arquitecto Antonio Palacios o Punto Violeta, no que persoal cualificado ofrecerá información e asesoramento.

“Lamentablemente a desigualdade entre homes e mulleres segue a ser unha realidade en moitos ámbitos da vida e por iso é necesario que as administracións e todas os axentes sociais nos impliquemos. A igualdade de dereitos non só se debe asegurarse sobre papel, ten que garantizarse na práctica e por iso loitamos”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, que convidou a toda a veciñanza a participar e implicarse nestes actos reivindicativos.

Comezan os traballos de reparación do Centro Cultural Alba

As obras céntranse na reparación dos elementos de cuberta e impermeabilización, e estenderanse ao parque Piñeiro, no que está proxectada a ampliación e mellora da zona de xogo infantil e o acondicionamento das instalacións deportivas

O Concello do Porriño deu comezo esta semana ás obras de reparación e mellora do Centro Cultural Alba, na parroquia de Torneiros.

Debido á antigüidade do inmoble e á falta de mantemento durante anos, as cubertas están danadas e non cumpren coa súa función de imperbealización producíndose humidades no interior que imposibilitan o uso do edificio.

“O Centro Cultural non podía usarse xa que o seu estado supón un risco para os usuarios, por iso é necesario acometer de maneira urxente estas reparación integral que poñerá fin ás filtracións para que se poida retomar a actividade con seguridade”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Os traballos, que comezaron esta semana, contemplan a sustitución e reparación de todos os elementos do edificio que se atopen deteriorados, a reparación integral da cuberta, reparación das canaletas exteriores e interiores, reparación e sellado das ventás, reposición das baixantes e a construcción dun canal de remate final da fachada no encontro co terreo.

Ampliación e mellora do parque infantil

“Falamos dun punto neurálxico da vida social e cultural da parroquia de Torneiros que non pode permanecer inutilizado, non só as instalacións do centro cultural senón a totalidade do parque Piñeiro para o que temos en marcha un proxecto de mellora e reacondicionamento que ampliará a zona de xogo infantil e reacondicionará as pistas deportivas”, apuntou Lorenzo, “Unha intervención integral que este parque viña necesitando hai anos”.

Refírese o rexedor ao proxecto posto en marcha polo Concello para dar resposta ao amplísimo número de veciños e veciñas de Torneiros con cativos que dan uso a estas instalacións municipais e que contempla a ampliación do parque infantil, reparando os xogos xa existentes que se atopan nun estado moi degradado e instalando novos elementos así como a de amortiguación. A zona de xogo abranguerá unha superficie total de 1.850 m2 e incluirá a instalación dunha gran tirolina de 20 m de percorrido. Tamén se actuará nas instalacións deportivas que se atopan no recinto.

As melloras que se efectuarán supoñen unha inversión de máis de 100.000 euros.

O servizo de Aula Madruga chegará a todos os coles do Porriño

O Concello do Porriño formalizou hoxe as súas primeiras axudas municipais directas para a posta en marcha dun servizo de vital importancia para as familias: a implantación de Aula Madruga nos colexios.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, asinaron hoxe os convenios de colaboración coas presidentas das ANPAS do Santa Eulalia CEIP Plurilingüe de Atios e “A Oliveira” do CEIP Xosé Fernández López, Bárbara Belén Costas e Mónica Pita, respectiva.

No caso do centro escolar do centro urbano esta achega municipal permitirá afrontar o 50% do gasto que supón a posta en marcha por primeira vez deste servizo de conciliación. Concretamente serán 3.000 euros ao tratarse do primeiro ano. No caso do colexio de Atios a achega será de 1.500 euros, xa que a aula madruga xa estaba funcionando.

Cabe destacar que os dous centros educativos que aínda non dispoñían deste servizo, o CEIP Cruz Budiño e o CPI da Ribeira, xa o ofertan para vindeiro ano, e contarán a tal fin co respaldo do concello nos mesmos termos.

“Trátase de facilitar ás familias conciliar a vida laboral e familiar, e demostrouse que a Aula Madruga é un servizo moi efectivo a este fin ao ofrecer acompañamento e custodia aos nenos e nenas ata a hora de comezar as clases”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Considero que como administración máis próxima é o noso deber tender a man sempre ás asociacións de pais e nais para o que precisen, xa que isto repercute directamente na mellora da calidade de vida da veciñanza”.

Neste sentido se manifestou tamén a concelleira, Carolina González, que agradeceu ás ANPAS “a iniciativa e as ganas de traballar da man co Concello a prol da comunidade educativa”.

Os nenos e nenas do Porriño aprenden hábitos saudables de alimentación xogando

Preto de 150 nenos e nenas do Porriño participan estes días na actividade “Coa comida si se xoga”, impulsada polo Concello do Porriño a través da Concellería de Educación, que dirixe Carolina González, e a OMIX.

Este programa, no que participa o alumnado de educación infantil dos centros educativos do municipio, ten como obxectivo principal consolidar a adquisición de hábitos de vida saudables, en especial alimentarios, dende idades temperás e o fai mediante o xogo.

“A construción de rutinas, que posteriormente se converterán en hábitos, é esencial na etapa da Educación Infantil, xa que reporta enormes beneficios aos pequenos e pequenas, axudándoos no seu desenvolvemento integral e na formación da súa personalidade”, apuntou a concelleira, “Entre estes hábitos están o de ter unha alimentación adecuada, a actividade física diaria, ou os correctos hábitos do sono e a hixiene. Para evitar a resistencia a eles, aconséllase comezar canto antes coa súa aprendizaxe e posta en práctica”.

No mesmo sentido se expresou o alcalde, Alejandro Lorenzo, durante a súa visita á primeira xornada que se celebrou esta mañá no CEIP Cruz Budiño e na que puido comprobar de primeira man a implicación e interese dos pequenos. “Son especialmente receptivos e a través dos xogos que se lles propoñen coñecen os distintos tipos de alimentos e a súa frecuencia de consumo para ter unha alimentación variada ademais de coñecer a procedencia dos que máis coñecen”, concluíu o rexedor, “Sen dúbida móstranse moi interesados no que están a aprender e iso é moi bo sinal”.

Aventuras na neve na Semana Branca do Porriño

Os nenos e nenas dos colexios do Porriño pasarán un días na neve no marco da Semana Branca.

Este ano os escolares viaxarán á Estación de Esquí Valle Laciana-Leitariegos, unha pequena e familiar estación de esquí situada na provincia de León, na bisbarra de Laciana que é Reserva da Biosfera e no límite co Principado de Asturias. Alí pasarán tres días nos que vivirán unha experiencia de neve na que convivirán cos seus compañeiros, aprenderán nocións básicas do esquí, participarán en xornadas multideporte e tamén nunha xincana deportiva-cultural na que coñecerán os diferentes costumes da comarca leonesa.

Na excursión participarán todos os centros de primaria do municipio que sairán de maneira escalonada. Hoxe foi a quenda do CEIP Plurilingüe de Atios e do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, mércores partirán os nenos e nenas do CPR Santo Tomás e CPR Hermanos Quiroga e o vindeiro luns 6 de marzo o farán os do CEIP Xosé Fernández López, CEIP Cruz Budiño e CEIP da Ribeira.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, despediron hoxe ao primeiro grupo de nenos e nenas, aos que pediron que disfrutaran ao máximo destes días xuntos e de todas as actividades e aventuras que lles esperan.

Esta actividade, organizada pola Asociación Semana Branca en colaboración co Concello do Porriño que aporta 15.000 euros a través dun convenio de colaboración coa Asociación Xornadas Brancas constituída por todos os centros educativos de primaria do municipio.

 

O Porriño contratou a principios deste ano a auditoría da contabilidade do 2018 ao 2022

O Goberno Municipal do Porriño fixo neste último ano un grande esforzo para regular a xestión interna do concello a nivel económico e solucionar os problemas de facturación que arrastraban as contas municipais. 

Nesta liña de regularización da contabilidade e contratación municipal, o Concello do Porriño vén de contratar a auditoría da conta xeral para dar cumprimento ao Plan anual de control financieiro, como ordenou o Interventor municipal.

Tal e como explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “o período a controlar será o que abrangue os exercicios 2018 a 2022, fiscalizando a conta 413, de acredores pendentes de aplicar ao orzamento, analizando toda a facturación irregular destes anos. Tamén serán obxecto de control financieiro os expedientes de contratación de servizos, un de subministros e un de obras correspondentes a este período, así como as subvencións”, e engadiu que “se contactará con todos os provedores e acredores para pedir que remitan as súas facturas e de contrastar a súa veracidade procederase ao pago do que se lles debe”.

Todo isto completarase coa comprobación dos cumprimentos dos parámetros fixados no informe de Fiscalización Selectiva do Concello do Porriño emitido polo Consello de Contas de Galicia.

Este é o último paso no proceso de regularización das contabilidade e contratación municipal. Un paso ao que se comprometeu o rexedor e que estivo precedido pola revisión de toda a facturación irregular dende os servizos de intervención municipais. “O primeiro que fixen como alcalde foi asinar unha comunicación aos servizos de Secretaría, Intervención e Contratación para poñer fin a toda a facturación irregular que estaba a entrar de maneira sistemática sen ningún tipo de contrato.  Tamén, e non menos importante que, de maneira inmediata, se puxera en marcha a licitación de todos os servizos”.  

Desde entón fiscalizáronse todas e cada unha das facturas irregulares que se deben e que foran retiradas da contabilidade municipal entre os anos 2018 ao 2021. Unha cifra que ascendía a 5,5 M euros e, tras a posta en marcha deste procedemento conseguiuse reducir en 2,4 euros. Así, na actualidade a conta de facturas pendentes de aplicar ao orzamento sitúase en 3,1 euros.

Cabe destacar neste sentido que existe un procedemento penal aberto no que se investiga toda a facturación irregular e a contratación “a dedo” destes anos, así como numerosos contenciosos por denuncias de impago de facturas irregulares que contaban coa conformidade do anterior goberno municipal.

“O noso deber é defender o interese público. Defender o que é de todos e tamén esixir que se diriman as correspondentes responsabilidades sobre quen non cumplira con esta premisa”, concluíu Lorenzo, insistindo en que “Ninguén que prestara servizos a este Concello vai quedar sen cobrar e, ante o desaguisado económico co que nos atopamos é necesario facer un análise exhaustivo de toda a facturación para poder pagar a quen corresponde o antes posible”.