Hoxe inaugurouse en Santiago de Compostela a exposición “Fai que suba a marea. Doa”, un traballo levado a cabo polo alumnado do IES Ribeira do Louro dentro do programa “Salvavidas” da Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e que poderá visitarse na planta baixa das dependencias dos edificios administrativos de San Lázaro.

Este acto tivo lugar dentro dos actos de conmemoración do Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos. Así, este proxecto multidisciplinar, desenvolvido polos alumnos e alumnas do IES porriñés e coordinado pola docente María José Iglesias, é unha actividade do programa “Salvavidas”, inserido no Plan Proxecta, que posibilita que entidades alleas ao sistema educativo, neste caso a Coordinación Autonómica de Transplantes ADOS, desenvolvan proxectos de diversa índole como sucede coa sensibilización a prol da doazón e transplante de órganos.

A exposición “Fai que suba a marea” recolle esculturas de escaiola de mans que amosan a súa disposición á doazón de órganos e tecidos, conformando unha marea como representación deste acto solidario. Entre as mans realizadas, podemos atopar as do Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como dos conselleiros de Sanidade e Educación, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, unha doante viva, Eva González, receptores de órganos como César Núñez o Abraham Vicente, o xerente do Sergas, e membros de asociacións de doantes, coordinadores hospitalarios de transplante, entre outros.

A presentación foi levada a cabo polos estudantes e contu coa presenza do director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, o director Xeral de Xustiza, José Tronchoni, o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura e Eduación, Jesús Álvarez. Así, ademais da faceta artística, a presentación completouse cunha breve intervención musical e a lectura dunha poesía de Raquel Castro, resultando especialmente salientable o compromiso solidario amosado polas alumnas e alumnos que participaron.