O Consorcio de Augas do Louro garantiza o subministro de auga potable con Eiras por debaixo do 40%

O Consorcio de Augas do Louro integrado polos concellos do Porriño, Mos, Salceda e Tui,  reuniu hoxe ao seu comité na ETAP dos Valos para que os representantes de todos as entidades que o conforman comprobaran de primeira man a autonomía da rede de abastecemento en caso de alerta por seca.

E é que, a diferencia de outros concellos, como o de Vigo, co embalse de Eiras por debaixo do 40%, o Consorcio podería seguir tratando e distribuíndo auga para fogares e industrias grazas a un sistema de bombeo e potabilización que permitiría garantir o subministro de auga apta para o consumo humano.

“O embalse neste momento atópase a un 81% de capacidade e cun consumo semanal do 3%, unha cifra que se engrosará notablemente unha vez o Concello de Vigo se abasteza na súa totalidade do mesmo”, explicou o presidente, Alejandro Lorenzo.

Se ben na actualidade non está comprometida a dispoñibilidade deste recurso na zona de non darse choivas continuadas a situación pode complicarse de cara ao outono.

A última situación de seca que vivimos foi no outono do ano 2017 e os datos cos que traballamos de capacidade e as falta continuada de precipitacións apuntan a que pode darse unha situación complicada que dende o Consorcio comezamos a intentar minimizar hai meses.

 Implementáronse medidas de reducción de consumo en todos eles –peche dos sectores de rego, evitáronse os baldeos e suspensión de eventos que conlevaban un consumo non necesario de auga-,  e activouse o Plan de emerxencia contra seca co que contamos para tentar reducir o impacto da seca. Actuouse con contundencia, anticipación e responsabilidade.

Os alcaldes e alcaldesas dos catro concellos que conforman o Consorcio de Augas do Louro apelan a un consumo responsable de auga por parte da cidadanía e tamén do tecido empresarial, a fin de evitar a adopción de restricións e medidas máis drásticas, como as que foi necesario tomar nas anteriores crises os anos 2017 e 2008. Así, faise un chamamento a reducir no posible o rego de xardíns, enchido de piscinas, limpeza de rúas e vehículos, así como pequenos xestos diarios que teñen un gran impacto no consumo total, como pechar os grifos mentre se enxabona, non encher a bañeira, encher ben as lavadoras, etc…

 

O pleno tumba a proposta de Orzamento para o 2022

O Goberno Municipal levou hoxe a pleno a súa proposta de orzamentos para o presente exercicio, unha folla de ruta económica que chega a sete meses da investidura deste novo equipo de goberno tras catro anos de prórrogas sen proposta algunha por parte do anterior executivo. 

Tal e como relatou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “o desenvolvemento da actividade municipal con cargo ao orzamento prorrogado do 2018 dificulta enormemente a xestión diaria impedindo, entre outras cuestións, a prestación regular de servizos básicos ao non contar con partidas. En resumo, non permite dar cobertura ás necesidades básicas do Concello nin da súa veciñanza”.

As contas presentadas polo executivo local, que cumpren con todos os requisitos de estabilidade orzamentaria, ascenden a 27.889.763 euros, dos cales 18.602.039 corresponden a actuacións esenciais financiadas con ingresos ordinarios e 9.287.724 euros a unha operación de crédito para inversións de primeira necesidade para a veciñanza como a acometida de rede de saneamento (3,5 M de euros), a dotación de vivenda de protección oficial (2,5 M de euros) e a supresión do paso a nivel (3 M de euros).

“O orzamento co que traballamos actualmente non atende en absoluto ás necesidades da cidadanía a día de hoxe e átannos de mans á hora de prestar os servizos básicos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Traemos unhas contas traballadas,  deseñadas para poder atender ás necesidades reais dos veciños,   retomar a senda do cumprimento do Período Medio de Pago e por suposto, para a recuperación económica do Concello”.

A proposta do executivo non obtivo o respaldo dos grupos da oposición, que tildaron os orzamentos de precipitados, non traballados suficientemente e non consensuados, obtendo o voto en contra dos corporativos de PSOE, UDDL, BNG, EU SON e Non Adscritos.

“Traemos unha proposta viable, responsable e con todo o preciso para poder dar resposta ao que os porriñeses e porriñesas necesitan e non imos entrar en acusacións de bloqueo na xestión nin outras cuestións de tintes políticos”, concluíu o alcalde, “O que nós queremos é que gañe O Porriño, non que gañe o noso partido e por iso seguiremos negociando e traballando estas contas que o pobo necesita para poder manterse”.

Incremento do gasto corrente nun 40% e 10,1 M de euros de débeda heredada

A proposta  foi elaborada tendo en conta a débeda pendente de pago que, a 31 de decembro de 2021, ascende a 10.105.887,11 euros. Unha cifra que se consolida cos 5,4 M de euros que se deben en facturación irregular rexistradas entre os anos 2017 e 2018, os 4,1 M de euros reclamados polo Concello de Vigo en concepto de explotación do canal de Eiras, e 543.000 euros para facer fronte ao pago de xustiprezos.  Unha cantidade que, sumada ao gasto de funcionamento corrente dunha administración, impide realizar inversións de maneira sostible.

Todo isto, fai necesario recurrir a unha operación financieira para garantir as inversións urxentes.

Un goberno que coida

Neste proxecto de orzamento é necesario resaltar o compromiso deste goberno por manter e reforzar os servizos sociais –incrementando o gasto un 65% – e a mellora dos servizos municipais dotando de máis persoal – incremento do 36%- e orzamento para poder cumprir principalmente na prevención de axuda no coidado dos nosos maiores creando unha area propia e a atención social de máis de 2 M de euros.

Tamén coidar e coidarnos e seguir sendo un Concello de referencia no deporte cun incremento de orzamento de 15% apostando de maneira máis intensa polo deporte, reforzando os clubs de aumentando as axudas ademais do mantemento e mellora das instalacións deportivas.

Destacar tamén a aposta e compromiso co emprego e a formación cuxa partida pasa de 0 a 120.000 euros.

Concello limpo e verde

Importante a reserva de crédito do executivo para a área de limpeza e parques e xardíns, para que se destinan 1,4 M de euros, a fin de prestar un servizo regulado e axustado á demanda do municipio. As contas van dirixida a dar cobertura a todos eses servizos que estiveron prestándose sen contrato durante anos como as melloras nos parques infantís e o mantemento de viais.

Concello que integra cultura, educación, xuventude e infancia

A cultura ten un especial peso nas contas ao tratarse dun valor esencial para o desenvolvemento na vila.  Dita responsabilidade reflíctese na partida que se reserva que incrementa a partida nun 57% . O gasto en festexos, pola contra, redúcese nun 2%.

Baixada de soldos do Alcalde e concelleiros

Outro dos puntos que o Goberno Municipal pretende modificar é o que respecta ás súas retribucións que baixan nun 2,7% para o Alcalde e un 2,02% por cento para os concelleiros.

Impulso do tecido asociativo

A creación dunha partida de 150.000 euros para responder ás necesidades das asociacións que non dispoñen de subvención nominativa destaca nas contas, á que se recurrirá de maneira regulada en bases. Engádense tamén a maiores das que xa figuraban, axudas nominativas a OSÍLICE, COGAMI ,AFAGA, AHOSPOR e á Asociación de Panadeiros do Porriño. 

O Porriño defenderá os seus intereses fronte ao Concello de Vigo polo canon da auga

O Concello do Porriño continuará solicitando a revisión de oficio do acordo adoptado polo Pleno da Corporación do Concello de Vigo polo que se  impón unha tarifa polo subministro de auga.

A revisión deste acordo plenario, que data do ano 1998, foi solicitada polo Concello do Porriño no ano 2015 (co respaldo unánime de todos os grupos da corporación) e reiterada en maio do presente ano, sen obter resposta algunha da administración viguesa.

“Que o Concello de Vigo decida de maneira unilateral que se nos esixa unha cantidade determinada por eles mesmos ao Porriño en concepto de mantemento do embalse de Eiras non só é nulo de pleno dereito, tamén é contrario aos lexítimos intereses do noso Concello. Intereses que eu como Alcalde, e os concelleiros como corporación , temos a obriga de defender”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Por iso pedimos que se revise e tamén sentarnos a falar e tentar chegar a un acordo, pero semella que os acordos e o diálogo entre concellos non están na folla de ruta do goberno vigués”.

Lonxe de diálogo algún, o Concello de Vigo segue a engrosar a débeda: Aqualia remite facturas cada dous meses co prezo estipulado polo Concello de Vigo e inicia  procedementos de cobro forzoso. Pese a pasar a ser competencia do Consorcio de Augas do Louro dende o ano 2014 as facturas continúan a remitirse ao Concello do Porriño e o consistorio vigués chegou a ameazar co embargo e posterior subasta de bens do Porriño para cobrarse unha débeda en virtude dun acordo proposto e pechado en Vigo e entre vigueses.

A día de hoxe a débeda supera os 4 M de euros, aos que hai que sumar intereses, unha cantidade desorbitada que a administración porriñesa non vai asumir por imposición.

Neste contexto, a corporación local do Porriño acordou hoxe, cos votos a favor de PP, EU SON, BNG e a concelleira de non adscritos e a abstención de PSOE e UDDL, a interposición dun recurso contencioso-administrativo contra a desestimación da solicitude de revisión de oficio. “Esgotaremos a vía xudicial e non pagaremos nin máis nin menos do que nos corresponda”, concluíu o rexedor, “Defenderemos os intereses dos porriñeses e porriñesas ata o final”.

Arqueólogos buscan no Porriño os primeiros vestixios do home en Galicia

Un equipo de arqueoloxía busca no Porriño vestixios dos primeiros homes de Galicia. Os investigadores, liderados polos arqueólogos Eduardo Méndez-Quintas (Universidade de Vigo) e Manuel Santonja (prestixioso arqueólogo do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana CENIEH),  interveñen no xacemento das Gándaras de Budiño cun obxectivo principal: datar con precisión as pezas paleolíticas que agocha a zona da lagoa.

O estudo, que conta co apoio do Concello do Porriño, revelará se, como sospeitan os especialistas, nas Gándaras están os primeiros rastros de presenza humana en Galicia.

“Os xacementos das Gándaras de Budiño sempre foron referentes en Galicia tras o seu descubrimento de Emiliano Aguirre no ano 1961”, explicou Eduardo Méndez,  “Nese momento os avances científicos non permitían datar con precisión, e o estudo que se fixo determinou que tiña unha antigüidade duns 26.000 anos cando estimamos que poderían ter unha idade que ronda os 300.000 anos”.

Así, nun prazo estimado de dous meses teranse os resultado das analíticas realizadas ás pezas atopadas nesta sondaxe que determinarán se o das Gándaras de Budiño é o xacemento máis antigo de Galicia.

“Estes estudos teñen un valor que vai moito máis aló do local e do autonómico, xa que permitirán desbotar esa idea errónea de que en Galicia o paleolítico ía con retraso e coñecer con máis precisión os movementos humanos en Europa na prehistoria”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “O noso concello garda datos de gran valor para todo o mundo”.

A intervención, que se estenderá ata o domingo, continúa coas sondaxes e está a obter resultados moi valiosos e inesperados xa que, como apunta o director do equipo, non é habitual atopar tal densidade de pezas e a ese nivel de superficie en xacementos ibéricos.

Unha liña de autobús conectará O Porriño con praia América

Atendendo á solicitude do Concello do Porriño en resposta ás demandas da veciñanza O Porriño contará cunha liña de autobús que conectará o núcleo urbano con praia América, en Nigrán.

A nova liña entrará en funcionamento o vindeiro luns, 18 de xullo, con frecuencia diaria, incluíndo laborais e festivos.

O horario de saída será ás 12 h. dende a parada de autobuses da Avda. de Galicia e a volta ás 20 h dende a rotonda de Rans, en praia América. A viaxe será directa pola autopista.

O custe do servizo será de 1,55 euros por viaxe, rebaixado a 0,88 euros para quen conte coa tarxeta metropolitana.

O Porriño suprime a taxa por matrimonio civil

Casarse no Porriño é gratis. O Concello vén de acordar a supresión da taxa pola prestación deste servizo estipulada na “Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de matrimonio civil do Concello do Porriño”.

A mesma, en vigor dende o ano 2012, estipulaba unha taxa de 100 euros. Os cambios producidos nos últimos tempos coa crise económica derivada da pandemia, o aumento da inflación co incremento de prezos de electricidade e combustible e a incertidume económica que atravesamos neste momento fan  necesario, según explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “alixerar na medida do posible as cargas sobre a veciñanza”, quen destacou que “no ano 2021 tramitáronse neste concello 17 expedientes de matrimonio civil, que supuxeron uns ingresos de 1.700 euros. Non falamos de cifras que poidan provocar un desaxuste orzamentario e para moitas persoas é importante poder casarse no seu concello. Ao igual que noutros é gratuito, no Porriño debía selo tamén”.

Con tal motivo, o Goberno Municipal propuxo a supresión da taxa pola actividade administrativa iniciada e desenvolvida pola prestación de matrimonio civil e a derogación da ordenanza fiscal que a regula, obtendo o respaldo do pleno.

O Consorcio de Augas do Louro rebaixa o prezo por baleirado de fosas sépticas

O Comité Directivo do Consorcio de Augas do Louro, que preside Alejandro Lorenzo, vén de aprobar a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de limpeza de pozos negros e fosas sépticas, e o posterior traslado dos residuos ás instalacións da EDAR de Guillarei.

Esta modificación permite rebaixar o prezo que a veciñanza que non dispón de conexión á rede pública de saneamento ten que pagar polo baleirado da fosa séptica.

Ata o de agora o prezo a aboar era de 100 euros, reducíndose a 40 máis IVE por cuba de 5 m3 ou fracción e por cada 90 minutos ou fracción. Tamén se rebaixa a limpeza de acometidas, canos e desaugadoiros a 40 euros.

A Federación Galega de Comercio presenta no Porriño a novena edición da campaña “Días Azuis”

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, o presidente da Federación de Comercio de Pontevedra, Iván Iglesias, e a presidenta de Acipor, Juana Pérez, acompañados polo director de ABANCA no Porriño, Jorge Luis García, presentaron hoxe a campaña “Días azuis do comercio galego”.

A iniciativa da Federación Galega de Comercio, en colaboración coa Xunta de Galicia e Abanca, chega este ano á súa novena edición e ten como principal obxectivo dinamizar as vendas no comercio de proximidade e premiar a fidelidade dos clientes.

O presidente da Federación de Comercio de Pontevedra, invitou a todos os porriñeses a participar desta iniciativa que se desenvolverá ata o 17 de xullo e agradeceu a implicación dos comerciantes e asociacións do Porriño e da provincia en xeral.

José María Seijas, pola súa banda, recoudou o papel de Días azuis como campaña de gran éxito que pon en valor o papel económico e social do sector comercial e “conseguir que os clientes nos visiten, compren e ademais, gañen”.

No mesmo sentido se manifestou Juana Pérez, quen destacou a importancia destas campañas que sirven de gran axuda ao comercio nestes momentos.

Pola súa banda, o alcalde animou á veciñanza a participar desta campaña e  felicitou aos comerciantes do Porriño “por sumarse a esta iniciativa e por promover outras tantas para dinamizar o comercio local, un sector clave na vila tanto no ámbito económico como no social”.

Días azuis do comercio galego

Ata o vindeiro 17 de xullo, os clientes dos comercios que realicen as súas compras deberán rexistrar o seu tícket en www.diasazuis.com ou ben solicitar que o faga o propio comerciante. As opcións a premio duplícanse utilizando ambas modalidades.

Entre todos os participantes sortearanse un total de 12.000 euros en 64 tarxetas prepago: 24 de 250 euros e 40 de 150 euros, que deberán ser utilizadas polos gañadores nos establecementos antes do 30 de xuño do próximo ano. O sorteo, ante notario realizarase o próximo 21 de xullo.