Imos de pinchos polo Entroido!

Un total de 24 establecementos de hostalería participarán nas Xornadas Gastronómicas do Entroido 2023 do Porriño. Esta ruta de pinchos forma parte do programa gastronómico posto en marcha dende o Concello do Porriño, en colaboración AHOSPOR, para poñer en valor a hostalería local, promocionar o comercio e dinamizar a vila aproveitando estes días de Entroido. 

O alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de cultura, Bienvenido Estévez, a concellería de Comercio, Antía Carrera, e o presidente de AHOSPOR, José Manuel Fernández, foron os encargados de presentar hoxe esta iniciativa. 

“Dende esta fin de semana e ata o 25 de febreiro poderemos degustar as propostas dos nosos hostaleiros, cada venres e sábado a partir das 19h”, explicou o concelleiro, Bienvenido Estévez. 

“Os locais prepararán pinchos típicos destas datas como lacón, cacheira, orella ou filloas, que poderán ser degustadas ao módico prezo de 1 euro”, indicou o presidente da asociación de hostaleiros. 

Pola súa banda, o rexedor animou a toda a veciñanza do Porriño, e tamén á da contorna, a participar desta ruta de pinchos que “son máis ca unha degustación gastronómica, tamén son unha oportunidade para disfrutar xuntos destas festas á vez que contribuímos a revitalizar a nosa vila e a nosa economía”. O rexedor agradeceu unha vez máis a AHOSPOR o seu dinamismo e iniciativa que contribúe ao desenvolvemento do Porriño. 

Establecementos participantes: Adega de Montero, A Francachela, Bar La Guía, Bar Liceum, Bolboreta Café, Cafetería El Pincho, Cafetería El Sol, Cafetería Platinum, Chicoria Alimentación, Cólleo con pinzas, Galibar Centro, Hotel Parque, La Bendecida, La Bici, La Cueva, La de Chato, Mesón Argentino 2, Nómadas, O Lar de Lore, Origen Café, Paso a Nivel, The Classic, Underground, Urban Café. 

 

Multitudinario Entroido no Porriño: 1400 participantes nos desfiles encherán de cor e música as rúas da vila

No Porriño xa está todo listo para celebrar o Entroido. Tras os últimos anos marcados polas restricións retómanse estas festas cunha celebración multitudinaria que encherá as rúas de cor, música e humor.

A  programación preparada dende a concellería de Festexos, que dirixe Bienvenido Estévez, presentouxe hoxe xunto ao CEIP Xosé Fernández López, xa que será unha alumna deste colexio, Helena Gayoso, de 11 anos de idade, a encargada de ler o pregón xunto aos seus compañeiros dende o balcón da casa consistorial como marca a tradición. O seu deseño foi o gañador do II Concurso Escolar de Carteis convocado dende a concellería de Educación e polo será a imaxe deste Entroido.

Tal e como explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, a vila superarase este ano congregando a 14 comparsas con 1400 participantes nos desfiles do sábado 18 e o martes 21, que cos seus disfraces e coreografías farán as delicias do público.  

Non faltarán as tradicionais citas co Xogo da Ola, que este ano chega á súa 79 edición, e co Enterro da Sardiña, que estará precedido polo pertinente velorio no Círculo Recreativo Cultural.

A música xoga un importante papel na programación, xa que ao rematar os desfiles a festa non parará. O sábado actuarán o grupo Broken Peach e o dj urbano con máis sona do momento, Alvama Ice, acompañado por Omy Cid. O martes o fará a Orquestra América. Será na praza Arquitecto Antonio Palacios con entrada gratuíta.

Os máis pequenos tamén terán momentos para eles, con Obradoiros Infantís de Entroido na praza e inchables.

“É o momento de deixar de lado os problemas e preocupacións do cotiá e gozarxuntos do noso entroido, unha festa que no Porriño vivimos con moita intensidade”, explicou o rexedor, que felicitou á pregoeira e convidou a todo o mundo a encher as nosas rúas e disfrutar do que o Entroido porriñés ofrece.

O Consorcio de Augas do Louro elimina a taxa fixa anual de 46 euros polo baleirado de fosas sépticas

 

Pouco máis de cinco meses dende que o Consorcio de Augas do Louro rebaixara o prezo polo baleirado de fosas sépticas e no Concello do Porriño, chega agora outra boa nova para a poboación dos concellos do Porriño, Mos, Salceda de Caselas e Tui. Trátase da supresión da taxa anual que ata entón debían aboar aqueles veciños que solicitaban este servizo de limpeza de pozos negros e fosas sépticas, e que ascendía a 46,80 euros.

O importe a pagar dende finais de agosto de 2022 reduciuse ata un 60%, pasando de 100 a 40 euros e agora a maiores, en 2023, suprimiuse esa cota anual. Isto fai que dun ano a outro calquera usuario que solicite o baleirado da fosa séptica aforre máis dun 70%, pagando tan só 40 euros (máis o IVE) en vez dos 146,80 euros que debía aboar anteriormente.

“Era inaudito que se estivese cobrando eses importes cando hai unha porcentaxe importante da poboación que non está conectada ao sistema de saneamento”, explica o presidente do Consorcio e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo. “Nos catro concellos hai moitos proxectos pendentes de executar nesta materia e por tanto é un deber dar facilidades á veciñanza que non dispón deste servizo, facilidades tanto rebaixando os prezos como tamén á hora de realizar a solicitude, simplificando ao máximo todo o proceso”.

O presidente sinala como dato a destacar que o ano pasado, ata a modificación da Ordenanza Reguladora do prezo público pola prestación do servizo de limpeza de pozos negros e fosas sépticas, a finais de agosto, rexistráronse unha ducia de solicitudes, e dende a entrada vigor do novo importe executáronse xa 19 baleirados (11 no que restaba de 2022 e 8 no que vai de 2023). Ante estes datos, dende o Consorcio estiman que “a este ritmo, neste 2023 se realizarían ata 75 baleirados, o que se multiplicaría por 3 a cifra rexistrada no exercicio anterior” .

Con todo, destaca tamén que se detecta un descoñecemento do servizo e destas novas medidas entre a poboación, de aí o impulso que lle queren dar dende o Consorcio, para que chegue a toda a veciñanza, “que todos saiban da existencia deste servizo, do seu prezo, agora reducido, e tamén do procedemento a seguir para beneficiarse”.

Os pasos son sinxelos, “pero estamos traballando para que o sexa aínda máis e simplificar os trámites”. As persoas interesadas teñen que, tralo pago dos 40 euros na sucursal bancaria, cubrir un impreso de solicitude que deben entregar por rexistro en calquera das oficinas que o Consorcio dispón nos catro concellos.

Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 900 810 103 ou escribir un correo electrónico ao enderezo contacto@consorciodolouro.es

Alejandro Lorenzo coñece as capacidades tecnolóxicas de AIMEN e a súa activa participación en proxectos de I+D+i

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Industria, Rosario Costas, visitou esta mañá o Centro Tecnolóxico AIMEN co obxectivo de coñecer as capacidades tecnolóxicas e proxectos máis destacados que está a desenvolver o centro na actualidade.

Ambos mantiveron unha reunión co presidente de AIMEN, Antonio Casal; o director xeral do Centro, Jesús Lago; e outros membros do equipo directivo, quenes explicaron o traballo que veñen desenvolvendo como centro tecnolóxico de referencia no ámbito da fabricación avanzada e fábrica intelixente.

A continuación, percorreron as instalacións da Planta de Tecnoloxías de Unión e a Planta de Tecnoloxías Láser, onde se puido coñecer o equipamento vanguardista do que dispón o Centro para favorecer a innovación e proporcionar á industria galega servizos de alto valor engadido.

O presidente de AIMEN, Antonio Casal, agradeceu a visita e puxo en valor a importancia da colaboración entre centros e administracións para seguir innovando e reforzar a transferencia de tecnoloxía e coñecemento ao tecido empresarial.

Pola súa parte, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de contar no municipio cun centro tecnolóxico referente en I+D+i a nivel nacional e internacional e reiterou a disposición do Concello do Porriño a colaborar no necesario para que AIMEN siga contribuíndo á mellora tecnolóxica das principais empresas galegas e tamén co desenvolvemento económico do Porriño.

Juan Carlos Giráldez, un exemplo de empatía e loita

A silicose volve a cobrarse a vida dun dos nosos. Esta fin de semana Juan Carlos Giráldez, presidente da Asociación de Afectados por Silicose Osilice Galicia deixábanos a causa desta enfermidade que nos arrebatou a tantas persoas no Porriño.
 
Carlos, de 54 anos de idade e veciño de Atios, foi un exemplo de empatía e loita que perdurará sempre. Tal e como relataba o vicepresidente de OSÍLICE e amigo de Carlos dende a infancia, Serafín Ramilo, “adicou gran parte da súa vida a atender a persoas que padecían esta enfermidade e se atopaban perdidos ou desorientados sen saber como afrontar o diagnóstico. Carlos entregouse a acompañar e apoiar á xente que como él loitaba contra a silicose”. Con este fin, o de dar respaldo aos centos de afectados que había e hai no Porriño e na contorna, fundaron xuntos a asociación no ano 2013.
 
“Esta enfermidade marcou a súa vida e a da súa familia”, explica Serafín, “Tres xeracións faleceron por esta causa, o seu avó, o seu pai e logo el, tal vez por iso cando enfermou decidiu adicar gran parte da súa vida a axudar aos demais, a loitar polos seus dereitos e guialos neste duro camiño. Dende que fundamos a asociación asesoraba a moita xente que contactaban con el a través da web de Osílice, non só do Porriño ou Galicia, senón de toda España”.
 
“E todo ese traballo, como a el lle gustaría, debemos continualo para que as vindeiras xeracións non cometan os mesmos erros e poidan traballar co granito ou calquera outro material sin o risco de morir por esta enfermidade”, concluíu Serafín.
 
Por iso, dende Osílice queren agradecer publicamente a Carlos todo o traballo, tempo, esforzo e adicación que deu aos demais ata o último momento, incluso cando xa lle fallaban as forzas, e materializar ese agradecemento dando continuidade ao seu traballo.
 
O alcalde, Alejandro Lorenzo ,no seu nome e no do pobo quere “agradecer a Juan Carlos o inmenso e desinteresado labor que fixo para e polos demais. Perdemos a un amigo, a unha persoa excepcional e a un exemplo de humanidade e loita”. O rexedor quixo incidir na mensaxe dos seus compañeiros de OSÍLICE facendo unha chamada “a non deixar morrer o legado de Carlos xa que iniciou un camiño para mellorar a vida dos enfermos de silicose que agora nós debemos continuar ata o final”.

O Consorcio de Augas do Louro aproba un crédito extraordinario de preto de 2 M de euros para obras de saneamento e abastecemento

O Consorcio de Augas do Louro, que preside Alejandro Lorenzo, vén de aprobar unha modificación orzamentaria para acometer inversións de carácter urxente por un importe total de 1.890.000 euros. O Comité Directivo aprobou este crédito extraordinario, financiado co remanente líquido de tesourería para gastos xerais, co fin de  levar a cabo obras e proxectos de saneamento e abastecemento nos catro concellos que integran a entidade.

Tal e como explicou Lorenzo, “o criterio de reparto das contías a investir en cada municipio resolverase en función da participación de cada un deles nos ingresos do Consorcio, tal e como establecen os seus estatutos”.

Así,  no Concello de Mos investiranse 221.275,59 euros con destino a eliminación de verteduras en zonas onde non existe rede de saneamento , tales como a contorna da urbanización San Antoíño ou en varios núcleos das parroquias de Cela e Sanguiñeda.

O Porriño recibirá 1.025.054,46 euros cos que se acometerán proxectos e obras de saneamento nas sete parroquias que conforman o municipio.

Pola súa banda, Salceda disporá de 172.103,24 euros para investir en actuacións de saneamento en Ataúde e Loureiro (Picoña), Ponte do Ameal-Presa (Parderrubias), Outeiro (San Xurxo) e Santa María (Santa María).

Os 472.811,10 euros restantes corresponderán ao Concello de Tui, cos que se realizarán investimentos en diversos ramais da rede de saneamento nos lugares de Laranxeiras, Sardadiñas, Costal, Mallón, Campo de fútbol de Ribadelouro, Mourentán, Souto (Pexegueiro), Magdalena, O Castro e Souto de Arriba, así como obras de renovación das instalacións de abastecemento na rúa San Telmo.

O Encontro de Rondallas do Porriño reunirá a 10 agrupacións o vindeiro domingo

As rondallas volven ser as protagonistas do Nadal porriñés. O vindeiro domingo 8 de xaneiro a vila do Louro acollerá o tradicional Encontro de Rondallas do Porriño, no que se darán cita dez agrupacións.

Participarán a Rondalla da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios (Gondomar), a Rondalla Nosa Merced de Chaín (Gondomar), a Rondalla Santiago de Parada (Nigrán), a Asociación Club Rondalla Santiaguiño de Guizán (Mos), a Rondalla Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos (Mos), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Torroso (Mos), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Herville (Mos), a Asociación Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro (Tui) e as anfitrionas, a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios  e a Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas.

Será como cada ano no Pavillón Municipal e, no caso de que a choiva non o impida, estará precedido dun pasarrúas no que participarán todas as rondallas e que dará comezo ás 17 h. 

A entrada é libre e de balde ata completar aforo.  As portas do municipal abriranse ás 17:15 h. 

Ceamsa doa 150 lotes de Nadal a SOS Porriño

A empresa Ceamsa (Compañía Española de Algas Marinas SA) vén de doar 150 lotes de produtos de Nadal ao Concello do Porriño destinados ao servizo municipal de alimentos SOS Porriño. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Servizos Sociais, Abel Estévez, recepcionaron hoxe os alimentos que serán entregados ás familias máis necesitadas do municipio.

Os representantes municipais recibiron esta mañá a doazón de mans de Jorge Trigo, responsable de Ceamsa, a quen agradeceron este xesto solidario.

“Con accións como estas contribuímos a que estas familias que están a pasar momentos difíciles pasen un pouco mellor o Nadal”, afirmou o alcalde, “É de agradecer que as empresas colaboren con nós para poder axudar a todas as persoas que o necesitan e Ceamsa é un claro exemplo de compromiso e implicación coa sociedade porriñesa. A sensibilidade que demostra coas súas doazóns ao banco de alimentos durante todo o ano adquire se cabe máis valor nestas datas”.

`Porremprego Cualifica´ traballa na posta en marcha dun comedor social

20 persoas desempregadas do Porriño fórmanse mentres traballan no obradoiro dual de emprego `Porremprego Cualifica´, promovido polo Concello do Porriño e subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 503.987 euros, que se está a desenvolver nas instalacións do multiusos de Torneiros.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, visitou esta semana aos alumnos do obradoiro para coñecer de primeira man como se está a desenvolver a formación e os proxectos nos que traballan nas dúas especialidades que se imparten: a de Cociña e a de Atención Sociosanitaria en domicilio e institucións.

“Un municipio como o noso, cunha hostalería funcionando a pleno rendemento, necesita profesionais cualificados, e o mesmo no eido da atención a persoas dependentes, é algo que require de formación adecuada para poder prestar o mellor coidado”, apuntou o alcalde que asegurou aos alumnos e alumnas que “o día de mañá seredes profesionais en dous sectores de moita importancia e estou seguro de que o que hoxe estades a aprender servirá para axudar a moitísima xente”.

Un Porriño máis humano: comedor social

A especialidade de Cociña de `Porremprego Cualifica´ plantexa axudar a aquelas persoas e familias do Porriño que se atopan nunha situación de vulnerabilidade. A tal fin, poñerase en marcha un comedor social nas instalacións do multiusos con capacidade para 20 comensais que abrirá as súas portas dous días á semana e será xestionado a través dos servizos sociais do Concello. “Sabemos que neste momento hai moitas persoas atravesando momentos de dificultade e coa  implicación do persoal do obradoiro e dos traballadores e traballadoras do mesmo queremos axudalos”, concluíu o alcalde, “Temos que estar á altura das circunstancias e facer do Porriño unha vila máis humana e solidaria se cabe”.

O comedor social prevé iniciar a súa actividade  a mediados do mes de xaneiro, os martes e xoves.

Comida solidaria de Nadal

Dende o Concello do Porriño propóñense que ninguén quede sen celebrar este Nadal. Así, nestas datas tan entrañables, os alumnos/as traballadores/as da especialidade de cociña prepararán un xantar de Nadal para levar para a casa este 22 de decembro. Serán 6O as persoas beneficiarias, xestionadas a través dos servizos sociais. O menú constará de dous pratos e postre.

O Porriño dá os primeiros pasos para a implantación do transporte urbano municipal

O Concello do Porriño vén de presentar á Xunta de Galicia o seu proxecto para a implantación do transporte urbano municipal incluído na Rede de Transporte Público de Galicia.

A proposta, que tivo unha boa acollida por parte da administración autonómica, inclúe varias liñas de autobuses que conectarán todas as parroquias do municipio e o centro urbano e darán servizo aos dous grandes polígonos industriais.  Estas estableceríanse grazas a un convenio entre o Concello do Porriño e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que xestiona as concesións do transporte público de toda Galicia.

“Os veciños e veciñas do Porriño, tanto das parroquias como do centro urbano, teñen que ter a posibilidade de moverse por todo o termo municipal facendo uso do transporte público”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A proxecto co que traballamos xa coa Xunta de Galicia inclúe varias liñas que conectarán as parroquias co centro urbano e tamén dúas lanzadeiras que darán servizo aos polígonos de As Gándaras e A Granxa con catro frecuencias, algo de vital importancia e moi reclamado polas empresas e traballadores da zona industrial”.

O rexedor agradeceu a disposición da “Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para facilitar a posta en marcha deste bus urbano á maior brevidade posible. É un servizo do que non dispoñemos e que precisamos dende hai tempo”.  

Beneficios para os usuarios e usuarios

Os usuarios e usuarias do bus urbano do Porriño beneficiaríanse de todas as vantaxes da Tarxeta da Mobilidade de Galicia, TMG, disfrutando de de descontos, bonificacións e transbordos gratuítos en todo o territorio galego.

Ademais, os menores de 21 anos poderán viaxar totalmente gratis ao estar incluídas as liñas municipais na Tarxeta Xente Nova.

O Concello do Porriño traballa xa na aplicación dunha serie de bonificacións específicas a maiores para a súa poboación.