O paro volve a baixar no Porriño

O paro volve a baixar no Porriño e sitúase en valores semellantes aos de 2009: no último ano o desemprego pasou de 2.127 persoas a 1.842

O número de parados descendeu o mes pasado no Porriño en 37 persoas, segundo os datos difundidos este xoves polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Dacordo cos mesmos, na vila hai 1.842 desempregados anotados na oficina do Servizo Galego de Emprego.

Isto supón que o paro situouse ao remate de abril no 20,3%, preto de 5 décimas menos que en marzo. En relación co mes de abril de 2016 o desemprego descendeu no Porriño en 285 persoas, pasando de 2.127 a 1.842 e, porcentualmente, do 23,4 ao 20,3%, tres puntos menos nun ano.

Isto sitúa o desemprego na vila en valores descoñecidos dende hai 8 anos, no 2009, cando o número de parados era semellante ao de hoxe e, isto engade un dato máis esperanzador: tendo en conta que aquel ano a poboación do Porriño era de 17.475 habitantes, 2.000 persoas menos que na actualidade.

Dacordo coas cifras oficiais sobre a evolución do paro, dende que actual Goberno local tomara posesión, o desemprego en O Porriño reduciuse de 2.139 persoas en xuño de 2015 a 1.842 este mes de abril, o que supón unha caída de preto de 3 puntos e medio.

A alcaldesa salienta que son boas novas e amósase segura de que as iniciativas impulsadas dende o Concello funcionan, como os acordos acadados con empresas para a formación de traballadores demandantes de emprego-que permitiu acadar traballo a varios veciños desempregados-, os convenios con outras Administracións, como os ‘Obradoiros de Emprego’ co-financiados coa Xunta de Galicia, e os ‘Plans de Emprego’ posibles logo da sinatura dun convenio coa Deputación de Pontevedra, e o investimento de fondos municipais-so no que vai deste ano máis de 350.000€-adicados integramente a poñer as condicións axeitadas para facilitar a empregabilidade de aquelas porriñesas e porriñeses que queren traballar.

Eva García de la Torre insiste en que no Goberno local “nunca estamos satisfeitos” e lembra que “temos coma prioridade número un a creación de emprego e non imos reparar en esforzos, iniciativas e inversións para que os veciños que están na procura dun traballo o atopen canto antes”.

O Concello amosa o seu orgullo e apoio ao Balonmano Porriño

O Goberno local amosa o seu apoio “total e incondicional” ao Club Balonmano Porriño que este sábado, nun emocionantísimo encontro, no que as xogadoras puxeron todo sobre a pista, caeu contra o Helvetia Alcobendas.

A alcaldesa agradeceu o comportamento do equipo e reiterou a súa fascinación pola entrega de todo o plantel e polo labor de adestradores e directivos. Eva García de la Torre amosouse “absolutamente segura” de que este gran equipo seguirá dándonos alegrías e facendo que todas as porriñesas e porriñeses esteamos aínda máis orgullosas e orgullosos delas.

García de la Torre, quen asegurou que “en O Porriño levamos a este equipo e as súas xogadoras nos nosos corazóns”, animou a todos os aficionados a seguir gozando do torneo, “que disputan as mellores xogadoras do país na nosa casa”, e a animar ás representantes porriñesas que están a xogar a ‘Minicopa’ e que, lembrou, son o futuro do noso balonmán.

O Porriño recibirá a máis de 15.000 persoas pola Copa da Raiña de Balonmán.

Pérez Ouro, xunto con representantes do Club Balonmano Porriño, mantiveron unha xuntanza para rematar cos derradeiros detalles que quedaban pendentes da organización da fase final da Copa da Raíña de Balonmán, que se disputará no Porriño o sábado 29 e domingo 30 de abril e o 1 de maio.

A alcaldesa lembrou que eses días O Porriño recibirá a máis de 15.000 persoas, entre afeizoados, adestradoras, xuíces, xogadoras, dirixentes deportivos e xornalistas, e que “todo está xa disposto para que se sintan entre nós coma na súa casa”.

García de la Torre, como xa manifestara o concelleiro de Deportes e tenente de alcalde, Manuel Carrera, subliñou a importancia que ten para a vila organizar “de novo, por segunda ocasión consecutiva”, este campionato que, sinalou, “sitúa de novo ao Porriño no chanzo máis alto do deporte nacional”, e que terá un considerable impacto, ademais, no ido económico e social.

A alcaldesa adiantou que nesta edición, se apostará por potenciar as actividades no exterior do Pavillón Municipal de Deportes, coa colocación, por parte da Federación Española de Balonmano, dun percorrido de inchábeis e propostas relacionadas co balonmán.

Ademais, haberá unha carpa cunha oferta culinaria variada de xeito que o público poida gozar, entre partido e partido, mesmo nos descansos dos mesmos.

Hai que lembrar que, dacordo co programa de competición, a fase final empeza coa disputa, o sábado día 29, dos cuartos de final. O primeiro partido –ás 12:30 h. será o que enfrontará a Granollers co Mecalia Guardés; ás 4 da tarde xogarán o Bera-Bera co B.M.Elche; ás 6 o Rocasa Canarias contra o C.R. Málaga e, ás 8 e media, chegará o encontro máis agardado, o do Alcobendas co Balonmano Porriño.

As semifinais se xogarán o domingo, día 30, ás 4 e ás 6 e media da tarde, e á final o luns, día 1 de maio, ás 13:00 h.

En paralelo á disputa da Copa da Raiña ‘absoluta’, as integrantes dos equipos cadetes- de 14 a 17 anos- do Granollers, Mecalia Guardés, Bera-Bera, B.M. Elche, Rocasa Canarias, C.R. Málaga, Alcobendas e Balonmano Porriño, xogarán por facerse coa ‘Minicopa da Raíña’ 2017.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, está no Porriño

A alcaldesa, xunto co tenente de alcalde, Manuel Carrera, o concelleiro de Industria, Marcelino Coto, e a concelleira de Emprego,Soledad Girón, recibe ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, que está no Porriño para coñecer o funcionamento das novas caldeiras de biomasa instaladas polo Concello en 11 dependencias da vila, entre elas o Pavillón Municipal do Deporte.

O conselleiro de Economía, Emprego Industria, felicita ao Porriño pola súa aposta pola biomasa

A alcaldesa, xunto co tenente de alcalde, Manuel Carrera, o concelleiro de Industria, Marcelino Coto, e a concelleira de Emprego,Soledad Girón, recibe ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, que está no Porriño para coñecer o funcionamento das novas caldeiras de biomasa instaladas polo Concello en 11 dependencias da vila, entre elas o Pavillón Municipal do Deporte.
O conselleiro felicitou ao Concello do Porriño pola súa aposta pola biomasa, as enerxias renovables e os combustibles de orixe galego.

Inspección das obras realizadas nas rúas Progreso e Bos Aires

A alcaldesa do Porriño e a presidenta do Consorcio de Augas do Louro inspecciona as obras realizadas nas rúa Progreso e Bos Aires para a renovación de 400 metros da rede de abastecemento e mellora do firme

Coma salientou o xerente do Consorcio, Rufino Rodríguez, esta obra fíxose en coordinación coa Axencia Galega de Infraestruturas e contou cun orzamento duns 45.000.

Os traballos consistiron na retirada das canalizacións de fibrocemento, que nalgúns puntos presentaban crebaduras, o cal causaba fugas, e se substituíron por conducións de fundición-de 90 milímetros de diámetro-, na rúa Progreso e por outras de polietileno-de 200 milímetros de diámetro-, na Avenida de Bos Aires.

Eva García de la Torre subliñou que con esta obra, que se aproveitou para o cambio da capa de rodaxe, “o pavimento das dúas rúas”, garántese o subministro evitando avarías e, tamén, ter que estar levantando o firme cada vez que aparece unha filtración ou se produce o rompemento dun tubaxe.

 

A alcaldesa, nova integrante da Peña Celtista Os Zoqueiros do Porriño

A alcaldesa, nova integrante da Peña Celtista Os Zoqueiros do Porriño

Javier Bastos, presidente da Peña Celtista Os Zoqueiros, do Porriño, entregou este martes á Eva García de la Torre o carné que a acredita coma integrante desta peña.

Durante a pasada celebración do Décimo Aniversario de Os Zoqueiros, a alcaldesa amosara o seu desexo de entrar na peña, desexo que é unha realidade dende hoxe.