O paro volve a baixar no Porriño e sitúase en valores semellantes aos de 2009: no último ano o desemprego pasou de 2.127 persoas a 1.842

O número de parados descendeu o mes pasado no Porriño en 37 persoas, segundo os datos difundidos este xoves polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Dacordo cos mesmos, na vila hai 1.842 desempregados anotados na oficina do Servizo Galego de Emprego.

Isto supón que o paro situouse ao remate de abril no 20,3%, preto de 5 décimas menos que en marzo. En relación co mes de abril de 2016 o desemprego descendeu no Porriño en 285 persoas, pasando de 2.127 a 1.842 e, porcentualmente, do 23,4 ao 20,3%, tres puntos menos nun ano.

Isto sitúa o desemprego na vila en valores descoñecidos dende hai 8 anos, no 2009, cando o número de parados era semellante ao de hoxe e, isto engade un dato máis esperanzador: tendo en conta que aquel ano a poboación do Porriño era de 17.475 habitantes, 2.000 persoas menos que na actualidade.

Dacordo coas cifras oficiais sobre a evolución do paro, dende que actual Goberno local tomara posesión, o desemprego en O Porriño reduciuse de 2.139 persoas en xuño de 2015 a 1.842 este mes de abril, o que supón unha caída de preto de 3 puntos e medio.

A alcaldesa salienta que son boas novas e amósase segura de que as iniciativas impulsadas dende o Concello funcionan, como os acordos acadados con empresas para a formación de traballadores demandantes de emprego-que permitiu acadar traballo a varios veciños desempregados-, os convenios con outras Administracións, como os ‘Obradoiros de Emprego’ co-financiados coa Xunta de Galicia, e os ‘Plans de Emprego’ posibles logo da sinatura dun convenio coa Deputación de Pontevedra, e o investimento de fondos municipais-so no que vai deste ano máis de 350.000€-adicados integramente a poñer as condicións axeitadas para facilitar a empregabilidade de aquelas porriñesas e porriñeses que queren traballar.

Eva García de la Torre insiste en que no Goberno local “nunca estamos satisfeitos” e lembra que “temos coma prioridade número un a creación de emprego e non imos reparar en esforzos, iniciativas e inversións para que os veciños que están na procura dun traballo o atopen canto antes”.