O Concello seguirá apoiando á Asociación Osilice

O Concello seguirá apoiando de xeito “total” á Asociación Osilice, que axuda a traballadores afectados pola silicose

O alcalde accidental do Porriño, Manuel Carrera, e o concelleiro de Industria, Marcelino Coto, mantiveron unha xuntanza con Juan Carlos Giraldez, representante da Asociación Osilice, que axuda aos traballadores afectados pola silicose e que é a única asociación deste xénero en Galicia.

A xuntanza serviu para que o alcalde accidental confirmase o “apoio total” do Goberno local ao traballo de Osilice que, coma sinalou Juan Carlos Giraldez, ofrece a súa axuda ás persoas que padecen esta doenza que, dacordo co Instituto Nacional da Silicose son o 17,5% dos traballadores das canteiras de Porriño e Ponteareas, preto de 1 de cada 5, segundo os estudos realizados a 440 operarios de 24 empresas da zona.

Coma apuntan os datos desta asociación, preto dun 90% de quen leva traballando máis de 20 anos na canteira ten silicose e aínda que queda moito camiño para acabar con esta enfermidade, principalmente porque hai doentes que non saben que a padecen. Afortunadamente, nos últimos anos, grazas ás novas medidas de prevención produciuse unha notable rebaixa dos riscos de contraer silicose no territorio español.

Na xuntanza, Manuel Carrera e Marcelino Coto reiteraron a disposición do Concello de seguir mantendo unha estreita cooperación coa asociación, considerando que O Porriño é zona de España que ten máis número de afectados pola inhalación de partículas de sílice e que os mesmos precisan orientación á hora de coñecer a enfermidade, un axeitado asesoramento xurídico, orientación para a tramitación da incapacidade, para o cal incorporará nos vindeiros días a un traballador social.

Así mesmo, polo que se refire á asistencia médica, Juan Carlos Giraldez subliñou que Osilice ven de asinar un acordo coa dirección do Hospital Álvaro Cunqueiro para a mellora do tratamento dos traballadores que presentan síntomas de neumoconiose, ocasionada polo depósito de po de sílice nos pulmóns.

 

Traballos de mellora na Parroquia de Cans

O Goberno local do Porriño segue a realizar os traballos de mellora na Parroquia de Cans aos que se comprometera a alcaldesa cos responsábeis da Asociación de Veciños

O Concello do Porriño continúa a realizar distintos traballos de mellora na parroquia de Cans, neste caso por un importe duns 3.000€. Estes días o departamento de Seguridade, que dirixe Orlando Mázquez, ven de rematar a retirada do enreixado que rodeaba o aparcamento situado preto da Rotonda do Can, quitando a malla e os postes e substituíndo os mesmos por un ‘peche’ de árbores.

Ademais ampliouse máis a curva do exterior do aparcadoiro e cubriuse o espazo superior do drenaxe do rego que ven de A Graña, “coma medida de prevención”, posto que había coches que acababan caendo na fochanca que se formara no lugar.

Estas obras son parte das que se comprometerá a alcaldesa, Eva García de la Torre, a realizar na parroquia, logo de manter unha xuntanza,o pasado 11 de abril, con representantes da Asociación de Veciños, e que abranguen, entre outras actuacións, a colocación dun banco no Torreiro- o cal farase nos vindeiros días- as melloras no saneamento, o arranxo das ‘marquesiñas’ e a colocación dunha nova na zona da gasolineira.

Así mesmo, o Goberno Local segue cos preparativos aos que se responsabilizou cos representantes do Festival de Cine de Cans, e o martes pola mañá quedaba colocado na Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, o ‘Canseto’, que ‘presidirá’ o centro do Porriño ata o remate do certame.

Axiña colocaranse carteis cos debuxos das rapazas e rapaces, que participan no concurso impulsado polo Concello, nos farois da zona peonil; a Concellería de Limpeza rematou o acondicionamento da zona central de Cans, na entrada da Adroza e a beira do Bar Fortes; tamén rozará de silveiras e herbas os camiños por onde transitará o público, a zona da Casa da Mestra, o acceso ao ‘jalpón friki’, o Camiño do cemiterio, Camiño do cruceiro ata o Castillo e o Parque do Río e retirará o ciscallo de baixada ao río.

Do mesmo xeito, a véspera do comezo do festival situará colectores de lixo extra na zona do torreiro, no espazo do río e na nova zona dos nenos.

 
 

O Balonmano Porriño rende homenaxe ao ex alcalde Barros

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, asistiron este sábado no Pavillón Municipal ao acto de homenaxe a José Manuel Barros, quen fora alcalde da vila durante 23 anos.

O clube Balonmano Porriño quixo agradecer o labor do ex alcalde e o seu apoio ao deporte porriñés durante o seu longo mandato, facéndolle unha homenaxe no descanso do encontro que o enfrontaba ao Balonmano Porriño e ao Aula Valladolid.

Os fillos do alcalde Barros recibiron un agasallo que lembraba o traballo do seu pai e o recoñecemento das xogadoras, adestradores e directivos do Balonmano Porriño que marcaron un fito na súa historia: a chegada á División de Honra do equipo hai xa 20 anos.

O Goberno Local acorda un convenio coa directiva do Colexio Santo Tomás

O Goberno Local acorda coa directiva do Colexio Santo Tomás, a ANPA e representantes da Comunidade de Montes de Torneiros, asinar un convenio que garantia, oara sempre, o acceso ao centro educativo

O tenente de alcalde, Manuel Carrera, a concelleira de Educación, Lourdes Moure, e o concelleiro de de Urbanismo, Marcelino Coto, mantiveron unha xuntanza este mércores con representantes do Colexio Santo Tomás, Asociacións de Nais e Pais (ANPA) e Comunidade de Montes de Torneiros, para tratar do problema do acceso ao centro.

Manuel Carrera sinalou que trátase, ademais do feito de que dos país e nais que levan e recollen aos seus fillos no colexio e teñen que deixar os coches na estrada PO-331, senón, “especialmente, un problema de seguridade que hai que resolver canto antes”.

Neste eido, o tenente de alcalde comprometeuse a que o Concello faga axiña unha valoración dos camiños que levan ao centro educativo, para proceder ao seu arranxo e asfaltado de xeito que teña saía á devandita estrada-da que é titular a Deputación- á altura de A Mota e, ao tempo “asinar un convenio a tres bandas entre o Concello, o Colexio Santo Tomás e a Comunidade de Montes de Torneiros” de xeito que os camiños que dan a este centro educativo pasen a ser considerados coma camiños públicos, poidan ser usados para sempre polo colexio.

Ao mesmo tempo, salientou Manuel Carrera, o Goberno local acometerá a conexión á rede de saneamento de varias das vivendas situadas nestes camiños ao tempo que un deles se deixará no seu estado natural para que Comunidade de Montes poida rematar unha zona de lecer.

Porén o Goberno local levará ao Pleno do Concello esta iniciativa, co seu estudo e valoración económica, posto que , como salienta o tenente de alcalde, “é o xeito máis rápido de poder levar este traballo adiante”.

Carrera salientou que todas as partes amosaron a súa satisfacción ao remate da xuntanza. Que todos eles están citados a unha segunda reunión dentro dunha semana para dar conta da contía económica desta obra, e amosouse especialmente satisfeito por acabar coas denuncias e queixas das veciñas e veciños da zona pero “particularmente polo feito de que remataremos cun risco moi considerable que se está a dar na entrada e saída do colexio cada día”.

Feira do Libro do Porriño

O Porriño acolle do 11 ao 14 de maio unha das feiras do libro máis importantes da súa historia cunha completa programación e a visita de distintos autores

O vindeiro xoves, día 11, inaugúrase Feira do Libro do Porriño que durante catro días, organizada pola Federación de Librarías de Galicia e o Concello do Porriño, por medio da Biblioteca Municipal, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a Xunta, centrará a boa parte da actividade cultural da vila.

Este 2017 participan na feira a Editorial Planeta e as librarías, Arigató, Cartabón, Copi-Rey, Lafer, Nobel, de Burela, Paz, Pedreira e Recondo, que serán as encargadas de presentar os novos títulos ao público que se achegue á rúa Ramón González, onde estarán situadas as casetas.

Neses catro días, están programados diferentes actos, dentro do marco da feira, entre os que cabe salientar animacións infantís, teatro, visitas guiadas, nas que participarán os centros de educación do Porriño, obradoiros, monólogos e presentación de varios libros.

Entre eles cabe salientar, o sábado, día 13, ás 6 da tarde, a de ‘La Balada del Gato Negro’,de Alberto Ladero (Vigo 1967). Trátase da primeira novela do autor que ten coma protagonista a Víctor de la Hera, un famoso músico, líder e batería dun grupo de rock, que ademais da música ten coma paixón ao seu fillo, Diego, co que pasa todo o tempo que pode. O destino fai que o cativo teña un accidente de bicicleta e, mentres Víctor ve dende a porta de Urxencias como se levan ao seu fillo, atopará a comprensión doutra nai solitaria, Nita, unha ‘habitual’ deste servizo médico, dado que Alicia, a súa filla, ten un problema de corazón.

A esta presentación súmanse ‘De tu corazón a mi libro’, de Pablo Piñeiro Taboada e Hugo Sanmartín-o xoves, día 11 ás 8 da tarde-; ‘Un lugar a dónde ir’, de María Oruña, o venres, día 12, á mesma hora; ‘Olvídate del cielo’, de Rocío López Núñez, o sábado, día 13, ás 7 da tarde, e presentación – concerto do libro ‘Volta, Revolta e Reviravolta’, de Maimiñas, o domingo, día 14 ás 6 e media da tarde.

O mesmo xoves, día 11, ás 7 da tarde,a alcaldesa, Eva García de la Torre, presidirá a inauguración da Feira que, ás 7 e media, contará co pregón do escritor e xornalista porriñés Diego Giráldez (1976).

Durante cinco anos traballou na redacción do xornal A Peneira, dirixindo unha das súas cabeceiras comarcais e coordinando o seu suplemento cultural, Kalaikia. Ao tempo, colaboraba como columnista de opinión cos xornais Xornal de Galicia, A Nosa Terra e, a través de reportaxes culturais, con El País. Na actualidade, escribe no diario Praza Pública e na revista Luzes. Fundou e dirixiu a revista Malladoura e dirixe o CanZine, publicación oficial do Festival de Cans.

O Concello fará a meirande achega económica o festival de Cans.

A concelleira de Educación, Lourdes Moure, lembrou este martes no acto de presentación do Festival de Cans, que se celebra do 24 ao 27 de maio, que o Concello do Porriño fará a meirande achega económica da súa historia a este certame e que promoverá que o festival chegue a todo O Porriño.

Moure, quen acudiu á presentación en representación da alcaldesa, Eva García de La Torre, xunto coa concelleira de Traballo e Benestar, Soledad Girón, lembrou o traballo da Policía Local e Protección Civil durante os días do certame, garantindo a seguridade do mesmo, que actividades coma a ‘Can Parade’, “serán impulsadas dende o Concello”, ademáis da participación de estudantes de 8 centros da vila no proxecto ‘Debuxa Cans’, sobre tema libre co ‘espírito’ de que “todos xuntos facemos o festival”.

Así mesmo, como indicou a concelleira, tamén farán xuntos o ‘decorado’ do festival e os seus traballos, antes de rematar en Cans, coincidindo coa proxección das películas, estarán exposto na ‘rúa’ peonil do Porriño.

A isto hai que engadir que os días 24,15 e 26 de maio, estudantes e profesores de centros do Porriño asistirán, nos mesmos alpendres e adegas que farán de salas de cine durante o festival, ao pase de distintas películas.

O Concello, salientou Lourdes Moure, colabora nesta actividade poñendo os autobuses nos que se desprazaran alumnos e profesores ata a parroquia de Cans.

25 aniversario do IES Ribeira do Louro

A alcaldesa, Eva García de la Torre, e a concelleira de Educación, Lourdes Moure, asistiron este xoves á celebración dos 25 anos de vida do IES Ribeira do Louro, un acto que se celebrou no propio centro e no cal os estudantes e os profesores-actuais e pasados- foron os protagonistas.

A actual directora do instituto de Torneiros, Juana Muñoz, fixo unha lembranza da historia deste centro no que na actualidade estudan ao redor de 630 alumnas e alumnos e imparten ensino máis de 60 profesoras e profesores.

A directora resumiu este cuarto de século do IES Ribeira do Louro cunha palabra, “innovación”. “Innovamos coa Educación Secundaria Experimental, converténdonos nun referente para os centros da ESO; implantamos o módulo de nivel II de Albanelería, os Ciclos Medios de Equipos Electrónicos de Consumo e impartimos, integramente, ESO, Bacharelato, Ciclos Medios e Superiores de FP, Programas de Garantía Social, Educación e Adultos de Nivel I e II e Educación Secundaria de Adultos”.

Ademais, o Ribeira do Louro é unha referencia en Proxectos Internacionais, e os seus estudantes e profesores interviñeron, en estes anos, e máis de 500 experiencias educativas en países tan variados coma China, Albania, Estados Unidos, Noruega, Reino Unido, Romanía, Malta, Alemaña, Bosnia, Francia ou a India, en iniciativas coma EREASMUS, Travelcom, LinguasNet, Chinesecom, Emport ou School Bulying, en materias coma o marketing, inmigración, mellora da competencia, ensino de chinés elemental, accións contra o acoso racial e a xenofobia ou riscos das redes sociais ou Internet.

Pola súa banda, a alcaldesa, logo de felicitar a toda a comunidade do Ribeira do Louro por estes 25 anos de vida, transmitiu o seu “orgullo polo excelente labor da comunidade educativa do Porriño” e polo traballo dos ensinantes que, ademais de coñecementos e destreza no eido das súas materias, “educan en valores tan importantes coma a inclusión, a solidariedade, ou a igualdade”.

Eva García de la Torre subliñou que os organismos públicos, neste caso a administración local, ten que “poñer os medios necesarios para eliminar todas as barreiras que poidan ter as alumnas e alumnos para recibir unha educación igualitaria, unha educación de calidade”.

García de la Torre comprometeuse con este principio e adiantou que fará todo o que estea na súa man para facer realidade unha “vella demanda” do centro que é a apertura dun comedor. Neste eido, a alcaldesa lembrou que a Educación é unha competencia do Goberno de Galicia e pediulle que cumpra coa súas obrigas e que traballe conxuntamente co Goberno local para que haxa, por fin, un comedor no Ribeira do Louro.