Os convenios asinados pola Concellería de Emprego e Formación con empresas por medio de ‘Porriño Accede’ permitiron que a maioría dos participantes neste programa atopasen traballo

O Concello do Porriño presentou a principios deste mes de xullo o programa de formación ‘Porriño Accede’, promovido pola Concellería de Emprego e Formación que dirixe Soledad Girón, e que é unha iniciativa que, como sinala a propia concelleira, “quere dar resposta ao desexo de combater o desemprego dende unha posición activa, apostando pola formación e coa colaboración das empresas da contorna”.

‘Porriño Accede’ abrangue un proceso de capacitación inicial, dirixido á obtención das competencias profesionais que piden as empresas, complementando as mesmas con prácticas non laborais que teñen coma previsión a empregabilidade.

Soledad Girón subliña que por medio de ‘Porriño Accede’, “proporciónase unha oportunidade real a colectivos de difícil reinserción laboral pois permite formar a persoas desempregadas en conceptos demandado polas empresas, garantindo, deste xeito, o acceso ao tecido empresarial”.

A participación das empresas artéllase grazas aos convenios de colaboración asinados pola Concellería de Emprego e Formación: neste 2017 xa se formalizaron ,ata agora, 12 convenios de colaboración nun marco de tres acciones formativas, que permitiron que 12 das 15 persoas que participaron na primeira acción empezasen a traballar. Nove delas  obtiveron esta oportunidade por medio das prácticas non laborais; coa seguinte formación, foron 6 as insercións laborais e hai previsión doutras 3 no que resta do programa.

Finalmente, na última acción formativa, conqueríronse  9 insercións, tamén de 15 participantes e está previsto completar tres accións en conxunto ao longo deste ano.

Soledad Girón subliña que ‘Porriño Accede’ ten coma obxectivo esencial “xerar oportunidades para as porriñesas e porriñeses desempregados, grazas ao esforzo por atopar unha resposta ás necesidades do tecido empresarial co que conta a nosa vila”, un dos máis importantes de Galicia.

#Porrigalia2017 O comezo dos Xogos, que este domingo celebran as finais, e o concerto dos míticos ‘Obús’, encheron o Porriño este sábado

Aínda que este sábado empezara con choiva, obrigando á organización a facer algún cambios no programa, centos de persoas saíron á rúa para seguir gozando de Porrigalia 2017, que arrancou con animación na rúa, a cargo da Asociación Cultural Os Zoqueiros do Porriño, a Charanga Os Imperiais e Os Festicultores.

O público non quixo perderse o Combate de Loita Romana, e tanto as gradas coma os soportais da Praza de Antonio Palacios estaban ateigados para seguir os combates que serviron de ‘aperitivo’ ao arranque dos Xogos.

Nestes, os ‘atletas’-que este domingo disputan a final dende as 6 da tarde- mediron a súa forza, elasticidade, habilidade e preparación no Tiro de corda, Traga-bolas, Cuadrigas, Tres en raia, Canasta, Tiro, Esquís Comunitarios e Tiratacos.

Á mesma hora, diante da Igrexa de Santa María, daban comezo as actividades de ‘Pekegalia’ e ‘Bebegalia’, que seguiron toda a tarde.

Chegadas as 11 e media da noite, saíron aos escenario de Domingo Bueno os míticos ‘Obús’, que amosaron que, coma si os vellos rockeiros nunca morren, no ‘heavy’ pasa o mesmo. Centos de incondicionais da banda integrada polo cantante ‘Fortu’ Sánchez, o guitarrista Paco Laguna, o batería Carlos Mirat e o baixista Fernando Montesinos, cantaron os seus temas máis coñecidos e coñeceron os máis novos deste grupo que leva máis de tres décadas de música.

Este domingo, dende as 11 da mañá, Os Zoqueiros, a Cultural San Xurxo de Mosende e a Charanga Os Imperiais xa puxeron en marcha ‘Animación na rúa’; seguen as demostracións de Oficios Artesanais-canteiría, cerería, ebanistaría e cestería- na Praza do Cristo; de 11 da mañá a 1 da tarde, fronte á Igrexa de Santa María, empeza ‘Pekegalia e Bebegalia’.

Un dos momentos máis agardados de Porrigalia 2017 será o ‘Desfile de Comparsas’ dende as 11 e media da mañá-con saída dende a Capela de San Sebastián cara ao Concello-, e outro as finais dos xogos-seguidas das entregas de trofeos e medallas-, na Praza de Antonio Palacios, dende as 6 da tarde.

Ás 10 da noite chegará a hora do Desfile da Garda Pretoriana e apagado do pebeteiro, ás 11, polas rúas do casco urbano, o Espectáculo de luz e lume de Troula Animación, e as 12 da noite o concerto de ‘Pa ti na ma’, na Praza de Antonio Palacios.

 

#Porrigalia2017 Millerios de persoas saen ás rúas do Porriño para desafiar aos romanos

Porrigalia 2017 segue este sábado, día 22, pero con algúns cambios, por mor da choiva, na programación prevista para hoxe.

A loita romana,anunciada para a 1 da tarde, pasa ás 6 da tarde, no mesmo lugar: a Praza de Antonio Palacios; rematada a loita darán comezo os Xogos- Tiro de corda, Tragabolas, Cuadrigas, Tres en raia, Canasta, Tiro, Esquis Comunitarios e Tiratacos-, tamén na Praza de Antonio Palacios.

‘Pekegalia e Bebegalia’, anunciados para as 6 da tarde fronte á Igrexa de Santa María do Porriño, adiántanse ás 4 da tarde, no mesmo lugar.

Mantense na súa hora o concerto dos míticos ‘Obús’, que comezará ás 23:30 h. en Domingo Bueno.

Este venres, milleiros de persoas participaron no primeiro día de Porrigalia 2017 que quedou aberto co ‘Defile das Civilizacións’, que saíu ás 9 da noite da Capela de San Sebastián e rematou diante do Concello, na Praza de Antonio Palacios, na que se instalaran gradas e unha pantalla xigante para a ocasión.

Romanos, galos, exipcios, vikingos, celtas, gregos e castrexos, desfilaron diante do público, montados a cabalo, bailando, facendo piruetas, brincando e desafianzo o poderío do exército de Roma, que ‘conquistou’ o centro da vila coas súas lexións.

Pasadas as 10 da noite, o campión de España de Aro, integrante do Club Ximnasia Porriño, Hernán Sío, xunto coa alcaldesa, Eva García de la Torre, prendeu o pebeteiro, situado na porta principal do Concello, dando por inaugurada esta nova edición de Porrigalia.

De seguido, na rúa Domingo Bueno, empezou o concerto banda galega Astarot, ‘a lenda viva do rock galego’, que tocou os temas do seu novo traballo e os xa históricos do grupo, atendendo as peticións do público.

A alcaldesa cualifica de “histórica” a apertura dunha Aula da UNED no Porriño e adianta que está moi avanzado o proceso para atopar unha sede para a mesma

A Xunta Reitora da Universidade Nacional de Educación a Distancia, presidida por Carmela Silva e reunida este mércores en Pontevedra, aprobou a posta en marcha dun Aula da UNED no concello do Porriño.

En concreto, tal e como asegurou Silva, “trátase dun aula que impulsamos co apoio do propio Concello e da Confederación de Empresarios e vén a sumarse ás tres aulas que o Centro Asociado ten xa en funcionamento en Vigo, Portas e Tui”.

O pasado 16 de marzo a alcaldesa, Eva García de la Torre, xunto coas concelleiras de Educación, Lourdes Moure, de Emprego, Soledad Girón, a voceira do Grupo Municipal de Non Adscriitos, Sabela Landín, e o presidente dos empresarios do Polígono de A Granxa, Indalecio Cuevas, mantivera unha entrevista coa directora da UNED de Pontevedra, Beatriz Rodríguez, para tentar de traer a O Porriño a devandita aula.

Unhas semanas máis tarde, o Pleno do Concello aprobou, a petición da concelleira de Educación, instar á dirección da Universidade Nacional de Educación a Distancia a que abrise un aula no Porriño, proposta que agora ven de ser ratificada pola Xunta Reitora da UNED.

A alcaldesa cualifica esta decisión coma “histórica”, subliña que é “unha nova importantísima para O Porriño”, sinala que esta decisión é “froito do traballo realizado dende o Concello neste tempo” e adianta que o Goberno local xa ten “moi avanzado” o estudo da posible sede da Aula da UNED na vila.

Eva García de la Torre manterá, nas vindeiras semanas, unha xuntanza cos responsábeis da Universidade Nacional de Educación a Distancia para coñecer as necesidades que considera o centro para a apertura desta aula que, asegura, “será un espazo moderno, dotado coas últimas tecnoloxías que garanta unha formación de calidade e responda á demanda das empresas contribuíndo, deste xeito, a seguir diminuindo o desemprego do Porriño”.

A alcaldesa confirma que o primeiro paso será que a Aula da UNED no Porriño imparta os estudos de Acceso á Universidade de Maiores de 25 anos, ao tempo, que o Concello seguirá co seu compromiso de asinar convenios de colaboración cos empresarios dos grandes polígonos industriais da vila, “para deseñar a formación especializada” que teñan que completar as persoas que queiran acceder a empregos de calidade nas firmas radicadas no Porriño de xeito que, ao ano seguinte, sexa posible expor á Universidade Nacional de Educación a Distancia a súa implantación.

O peche de aulas da ESO en centros públicos de Galicia deixará sen traballo a 31 profesores, 6 deles do CPI da Ribeira, en Torneiros

A Confederación Intersindical Galega (CIG) alertou este xoves das consecuencias da clausura de varios centros de ensino decretada polo Goberno de Galicia. Coa decisión da Consellería de Educación, asegura a central sindical, “31 profesores quedarán sen emprego”.
O propio sindicato, botando man de datos oficiais, sinala que co peche do CPI Monte Caxado, en As Pontes, pérdese 1 posto de profesor titular do corpo de mestres na ESO e están no aire 2 postos a maiores; no caso de profesorado se Secundaria pérdense 6 postos de traballo.
No CPI da Ribeira hai un total de 6 postos de traballo que se perden co traslado das ensinanzas ao IES do Ribeira do Louro.
No CPI Tomás de Lemos, de Ribadavia, os efectos do cambio das ensinanzas da ESO vai implicar a eliminación de 16 postos de traballo, 2 deles do corpo de mestres e 14 no profesorado de secundaria, 9 deles que proveñen do CPI e 5 postos con destino provisional no centro receptor.
Por último, ni CEIP Emilio Navasqüés, de Outes, non hai, polo de agora, cambios no volume de profesorado.

O xadrez volveu ás rúas da man do Programa Municipal, con partidas de 10 minutos de duración

Este xoves, o xadrez volveu ás rúas do Porriño: na Praza de Antonio Palacios, 24 xogadoras e xogadores compiten polos 3 trofeos e 24 medallas ao ritmo ‘frenético’ do “Blitz”, con partidas de 10 minutos que porán a proba aos participantes.
 
Parte coma favorito o porriñés Lucas Represas, do IES Pino Manso, o único xadrecista que conta con ranking internacional, pero agárdase moita emoción durante as cinco rondas de xogo.
 
Esta actividade é parte do Programa Municipal de Xadrez, impulsado pola concelleira de Educación, Lourdes Moure, seguindo a recomendación do Parlamento Europeo de incorporar o xadrez ao desenrolo dos rapaces para potenciar as súas capacidades e valores.

A Policía Local informa dos cortes de tráfico no casco urbano pola celebración de Porrigalia

Co gallo da celebración de Porrigalia, dende este venres, día 21, ao vindeiro domingo, 23 de xullo, a Policía Local informa de que será necesario cortar ao tráfico varias rúas do casco urbano do Porriño.

O Venres, día 21, dende as 7 da mañá, estará cortada a circulación na rúa Domingo Bueno, dende a ‘Rotonda Aloques’ ata a rúa Pío XII, nos dous sentidos. Ao mesmo tempo estará aberto un desvío, so para turismo, pola rúa Pinar; os autobuses e camións farano pola Autovía.

As paradas de buses manteranse en: Avenida de Galicia, en todos os sentidos, ‘La Casilla’, cruce de Salceda, e quedarán suprimidas as paradas entre ‘La Casilla’ e Aloques. As paradas sentido Porriño-Ponteareas, non estarán afectadas.

Domingo 23 de xullo.– dende as 10 da mañá abrirá ao tráfico a rúa Domingo Bueno.

A rúa Manuel Rodríguez quedará cortada á circulación ata Leandro Diz, dende as 7 da mañá do venres, para a instalación das casetas de Porrigalia, ata o domingo, día 23 ás 10 da noite.

Polo que se refire aos garaxes que estarán afectados polas restricións de circulación e cortes de tráfico, os seus usuarios deberán consultar á Policía Local.

Todo o programa de ‘Porrigalia 2017’ que dende o venres ao domingo ateigará O Porriño de diversión

Xa está todo listo para o comezo de ‘Porrigalia 2017’ que dende este venres, día 21, ata o domingo, 23 de xullo, ateigará as rúas do Porriño de animación, traxes de época, comparsas, castrexos, romanos, galos, exipcios, vikingos, gregos e celtas, música e a exhibición dos atletas que participarán nos xogos.

Durante eses tres días, os participantes na festa deste ano terán a ocasión de asistir a Demostracións de Oficios Artesanais, na Praza do Cristo. Nela estarán Mestres especializados en Cantería, Cerería, Ebanistería e Cestería, que compartirán o seu saber e coñecemento co público.

O venres, 21, o programa empezará ás 9 da noite co ‘Desfile das Civilizacións’, dende a Capela de San Sebastián ata a Praza de Antonio Palacios. Nesta praza terá lugar, ás 10 da noite, da man do Campión de España de Aro, Hernán Sío, o ‘Aceso do Pebeteiro’.

Ás 10 e cuarto da noite chegará o Pregón do Anunciatis e ás 11 menos cuarto será a hora da actuación do grupo galego de heavy ‘Astarot’, na rúa Domingo Bueno.

O sábado, día 22, ‘Porrigalia 2017’ espertará ás 11 da mañá co Anunciatis polas rúas do Porriño e a ‘Animación na Rúa’, que chegará ata as 11 da noite, a cargo da Asociación Cultural ‘Os Zoqueiros’ do Porriño’, a ‘Charanga Os Imperiais’ e Os Festicultores.

De 11 da mañá a 1 da tarde, desenrolarase ‘Pekegalia’ e ‘Bebegalia’, fronte á Igrexa de Santa María do Porriño.

Ás 11 e media darán comezo os Xogos, na Praza de Antonio Palacios. Este ano os atletas medirán as súas forzas, pericia, habilidade e preparación  no Tiro da Corda, Tragabolas, Cuadrigas, Tres en Raia, Canasta, Esquís Comunitarios e Tiratacos.

Á 1 da tarde chegará o intre do Combate de Loita Romana, na Praza de Antonio Palacios e dende as 6 da tarde ata as 10 da noite, seguirá adiante ‘Pekegalia’ e ‘Bebegalia’, fronte á Igrexa de Santa María.

Ás 11 e media da noite dará comezo o concerto estrela deste ‘Porrigalia 2017’ o de ‘Obús’, a mítica banda integrada polo cantante ‘Fortu’ Sánchez, o guitarrista Paco Laguna, o batería Carlos Mirat e o baixista Fernando Montesinos.

O domingo, día 23, ás 11 da mañá empezará o Anunciatis polas rúas da vila; a esa mesma hora dará comezo ‘Animación na Rúa’-que seguirá ata as 11 da noite- da man da Asociación Cultural ‘Os Zoqueiros’ do Porriño’,a Asociación Cultural San Xurxo, de Mosende, e a Charanga Os Imperiais.

De 11 a 1, estará en marcha ‘Pekegalia ‘ e ‘Bebegalia’, fronte á Igrexa de Santa María do Porriño.

Ás 11 e media empezará o ‘Desfile de Comparsas’, dende a Capela de San Sebastián á Praza de Antonio Palacios.

De 6 da tarde a 11 da noite volve ‘Pekegalia’ e ‘Bebegalia’, fronte á Igrexa de Santa María; ás 6 da tarde empezará a Final dos Xogos e a posterior entrega de Trofeos e Medallas.

O final da Porrigalia 2017, co apagado do pebeteiro será ás 10 da noite, co Desfile da Garda Pretoriana, dende a Capela de San Sebastián á Praza de Antonio Palacios que dará paso, ás 11 da noite, ao Espectáculo de luz e lume de Troula Animación, polas rúas do Porriño, xusto antes do concerto de ‘Pa Ti Ma Na’ , ás 12 da noite, na Praza de Antonio Palacios.

A Xunta Rectora da UNED, presidida por Carmela Silva, aproba a posta en marcha dun aula desta universidade no Porriño

A Xunta Reitora da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), presidida por Carmela Silva e reunida este mércores en Pontevedra, vén de aprobar a posta en marcha dun aula no concello do Porriño.

En concreto, tal e como asegurou Silva, “trátase dun aula que impulsamos co apoio do propio Concello e da Confederación de Empresarios e vén a sumarse ás tres aulas que o Centro Asociado ten xa en funcionamento en Vigo, Portas e Tui”.

O pasado 16 de marzo a alcaldesa, Eva García de la Torre, xunto coas concelleiras de Educación, Lourdes Moure, de Emprego, Soledad Girón, a voceira do Grupo Municipal de Non Adscriitos, Sabela Landín, e o presidente dos empresarios do Polígono de A Granxa, Indalecio Cuevas, mantivera unha entrevista coa directora da UNED de Pontevedra, Beatriz Rodríguez, para tentar de traer a O Porriño a devandita aula.

Unhas semanas máis tarde, o Pleno do Concello aprobou, a petición da concelleira de Educación, esta proposta que agora ven de ser ratificada pola Xunta Rectora da UNED.

Hernán Sío, integrante do Club Ximnasia Porriño, campión de España de Aro, prenderá a chama de Porrigalia

Hernán Sío, integrante do Club Ximnasia Porriño, que o pasado mes de xuño proclamouse campión de España de Aro, subcampión con mans libres e medalla de bronce xeral na categoría alevín, será quen encenda o ‘pebeteiro’ de Porrrigalia 2017.

Hernán xunto con todas as integrantes do Club Ximnasia Porriño- que este ano clasificouse por primeira vez para o Campionato de España-, recibiron a homenaxe do Concello pola excepcional tempada, sendo recibidos polo alcalde accidental e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, o a concelleira de Educación e Xuventude, Lourdes Moure.

Hai que lembrar que Porrigalia, que se celebra dende o vindeiro venres, día 21, ata o domingo, 23, ten ao grupo ‘Obus’, unha das lendas do ‘heavy metal’ en España, como a ‘estrela’ desta edición.

A banda, integrada polo cantante ‘Fortu’ Sánchez, o guitarrista Paco Laguna, o batería Carlos Mirat e o baixista Fernando Montesinos, actuará o vindeiro sábado, día 22 de xullo, ás 23:30 horas, como anuncia xa na súa páxina web.

Outra das actuacións importantes desta edición será a de Astarot, o grupo galego ‘heavy’ que cumpre neste 2017 os seus primeiros 34 anos de vida, e que chegará a Porrigalia o venres, día 21 de xullo ás 22:45 h. no mesmos escenario que os ‘Obús’: na rúa Domingo Bueno.