A alcaldesa considera “moi decepcionante” a xuntanza con responsabéis de ADIF que estiveron no Porriño para falar do pso a nivel que atravesa o centro da vila

“Nin proxecto nin borrador , nin estudo, nin proposta algunha”. Este o resumo que fai a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, da xuntanza mantida este luns con representantes de ADIF.
 
García de la Torre cualifica a reunión de “moi decepcionante”, eido no que coinciden, subliña, os voceiros de todos os grupos da Corporación- Partido Popular, PSOE, UDDL, BNG, EU-SON e a representantes dos Non Adscritos- , que deron por rematada a xuntanza apenas media hora despois de que se iniciase.
 
O acontecido foi un “despropósito”, engade a alcaldesa que sinala que os delegdos de ADIF volveron preguntar ao Concello cales son as súas ideas para retirar o paso a nivel do centro do Porriño, algo que “non entendemos” posto que “xa o deixamos claro en setembro de 2015, cando estiven en Madrid con responsábeis de ADIF; o reiteramos en 2016 cando sufrimos un accidente no que perderon a vida 4 persoas e 50 resultaron feridas, e o repetimos o pasado mes de setembro, aquí , diante das vías, á directora directora xeral de Explotación e Construción de ADIF, só hai dúas alternativas posíbeis: ou se fai un desvío ou se soterran as vías, pero o tren non pode seguir circulando polo centro da vila, algo que os porriñeses levamos reclamando dende 1948”.
 
Así reiterouno García de la Torre, e os voceiros de todos os grupos municipais, ao subdirector de Infraestruturas de ADIF, Juan Tebar, e ao xefe de área de Pasos a Nivel de ADIF, Francisco Javier Soto del Río, que xunto con tres representantes da consultora G.O.C, entre eles o enxeñeiro Antonio Moreno, estiveron este xoves no Concello.
 
Estes cinco representantes o único que expuxeron é que o borrador de orzamentos xerais do Estado para este ano recolle unha partida de 880.000€ para a realización dun estudo previo sobre a supresión do paso a nivel, “nada máis”, e ignora, salienta a alcaldesa, o proxecto iniciado en 2006, “que caduca este mesmo ano, no mes de novembro”, sobre a ‘saída sur’ de Vigo no que se contempla un cambio no trazado das vías que deixarían de pasar polo casco urbano do Porriño.
 
“Rematada a xuntanza pediulle aos membros de ADIF e aos técnicos que ese estudo previo non se limite a uns cálculos, senón que consideren as nosas circunstancias: que vexan a qué velocidade transita o tren polo medio da vila ou a distancia, de moi poucos metros, á que pasan os vagóns das casas”, conclúe a alcaldesa.

A Concellería de Vías e Obras impulsa un dos traballos máis importantes do mandato actual para que o saneamento chegue a 200 casas de budiño nun prazo de 4 meses

A vindeira semana empezan na parroquia de Budiño un dos traballos máis importantes do mandato do actual Goberno local do Porriño que permitirán a conexión á Rede Municipal de Saneamento de máis de 200 casas.

Os mesmos, impulsados pola Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, serán acometidos por Augas de Galicia, co-financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural de Galicia (FEADER) e permitirán que a rede do saneamento chegue aos barrios da Cruz, Vaquería, Vitureira e se espallen ata o torreiro da Forna, en Budiño.

Trátase dunhas obras longamente desexadas por veciños desta parroquia que, subliña Manuel Carrrera, “nalgún caso levan agardando dez anos” para conectar as súas vivendas á rede municipal de saneamento e tamén por aqueles que queiran trasladarse a esta parroquia e que agora poderán facelo sen necesidade de ter que construír un pozo séptico.

Carrera, que o xoves pasado mantivo unha xuntanza en Santiago de Compostela co director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez para darlle pulo a este proxecto, lembra que o mesmo, “que finalmente será unha realidade, data de de xaneiro de 2014, aprobárase polo Pleno do Concello daquela e, por motivos que non teñen explicación, fora esquecido”.

Hoxe,cun orzamento total de 425.000€ e un período de execución de 4 meses se fai realidade e fará posible levar o saneamento a preto de 1.000 veciñas e veciños, “continuando co propósito de que a rede municipal de saneamento chegue a todo O Porriño”.

A alcaldesa e os voceiros da Corporación manterán unha xuntanza, o vindeiro xoves no Porriño, con representantes de ADIF para a supresión do paso a nivel

A alcaldesa, Eva García de la Torre, acompañada polos voceiros dos grupos municipais recibirá o vindeiro xoves, día 12, ao xefe de Área de Pasos a Nivel do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para tratar do proxecto para a supresión do paso a nivel polo centro da vila.

Para a elaboración deste proxecto, a proposta de Presupostos Xerais do Estado, aprobada a semana pasada polo Consello de Ministros, contempla unha partida orzamentaria de 880.000€, segundo recolle na mesma o Ministerio de Fomento, como aparece no borrador dos Orzamentos entregados no Congreso dos Deputados.

A xuntanza servirá para expor, polo miúdo, o devandito proxecto que, coma reiterou Eva García de la Torre dende que asumirá á Alcaldía, pasa “ineludiblemente”, en primeiro lugar pola garantía “total” da seguridade dos milleiros de persoas que transitan cada día por este lugar e, “coma xa acordara a Corporación unanimemente, por un trazado que deixe de dividir a O Porriño evitando que os trens sigan pasando polo centro”.

A alcaldesa sostivo, en cada contacto que mantivo, tanto co Ministerio de Fomento, coma con ADIF, a necesidade de que se cumpran estas dúas condicións e así o expuxo o pasado mes de setembro na visita que fixo a O Porriño a directora xeral de Explotación e Construción de ADIF, Isabel Pardo de Vera, á que se lle reiterou a “negativa por parte do Concello a calquera trazado que supoña seguir mantendo as vías no medio da vila”.

García de la Torre amósase “expectante” ante a proposta que faga o xoves ADIF e reitera, como fixo dende a primeira xuntanza que mantivera en Madrid cos seus responsábeis, a “nosa vontade de diálogo e de colaboración para poñer fin logo de décadas de intentos por cada goberno local, a esta situación inxustificábel”.

A choiva non deu tregua e non haberá ‘Merca na rúa’ esta fin de semana

A XVIII edición de Merca na Rúa vén de quedar suspendida. A Concellería de Comercio, dirixida por Marcelino Coto, e a dirección da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), presidida por Juana Pérez, agardaron ata o último minuto para ver se as previsións do tempo melloraban…pero non foi así: esta fin de semana choverá con intensidade o que fará imposible a celebración desta feira do stock na que estaba confirmada a asistencia de 21 comerciantes.

 

O Porriño felicita a Ricardo Baz recente subcampión de Europa de Jiu Jitsu

O Concello do Porriño felicitou oficialmente a Ricardo Baz Pereira, recente subcampión de Europa de Jiu Jitsu, na especialidade NO-GI (sen kimono). O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, recibiu este mércores a Ricardo e transmitiulle “o recoñecemento e admiración de todas as porriñesas e porriñeses por este importantísimo logro”.

Ricardo Baz, veciño de Atios, fíxose con dúas medallas no Campionato de Europa de Jiu Jitsu disputado o 23 de marzo en Roma: unha de bronce na categoría absoluta e a de prata en Peso Medio.

Baz, que empezou na modalidade MMA, da que foi campión de Galicia, na actualidade compite e adestra con dous equipos, o GFTeam Vigo, na variante Jiu Jitsu con kimono e no Independiente Club de Lucha, co  que é campión galego de Grappling.

Manuel Carrera asegurou que este “excelente resultado” no Campionato de Europa “vén a engrandecernos coma concello do Deporte que dende agora conta cun dos mellores especialistas desta modalidade deportiva en toda Europa que leva o nome do Porriño por todo o mundo ”.

A intención da Concellería de Deportes, sinalou Carrera, é a de facilitar toda axuda posible para que Ricardo Baz poida acudir aos vindeiros campionatos mundiais e de Europa, aos que desprazouse ata hoxe cos seus propios medios; “favorecer que poida dar clases no Porriño, enfocadas á defensa persoal, especialmente dirixida a mulleres”, e lograr unha achega económica para a compra dun tatami.

Este sábado, día 7, e o domingo, 8, celébrase no Porriño ‘Merca na rúa’…se o tempo o permite

Esta fin de semana celebrase, por fin e se o tempo o permite, a XVIII edición de Merca na Rúa. A Concellería de Comercio, dirixida por Marcelino Coto, e a dirección da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), presidida por Juana Pérez, decidiron suspender a cita prevista, en principio, para os días 10 e 11 de marzo, logo da cadea de borrascas que vén de pasar sobre Galicia.

21 postos estarán abertos ao público na rúa peonil do Porriño, de 10 da mañá a 9 e media da da noite, ininterrompidamente, o sábado, día 7, e de 11 da mañá a 8 e media da tarde, o domingo, 8, ofrecendo distintos artigos con descontos de ata un 60 e 70%.

Como en edicións anteriores, o Concello asume os custes de alumeado, limpeza, os inchábeis para os cativos e a vixianza de seguridade dos postos, para que os expositores non teñan que recoller e desmontar os mesmos pola noite, unha labor de garda na que desempeñará un papel esencial a Policía Local.

A 30ª Feira Apícola das Rías Baixas fai do Porriño a capital galega do mel

O Porriño é dende este venres a capital galega do mel, coa celebración da 30ª Feira de Apicultura das Rías Baixas, que este sábado viviu o seu día grande coa inauguración oficial da mesma, no Centro Cultural Municipal.

A apertura estivo presidida pola alcaldesa,Eva García de la Torre, o deputado provincial Carlos López Font, o concelleiro de Medio Ambiente, Marcelino Coto, e representantes da  Agrupación Apícola de Galicia e a Agrupación de Apicultores de Pontevedra.

A feira, que abrangue xornadas técnicas e un mercado no que pode mercarse  mel, material de apicultura e produtos artesáns, iniciara este venres con actividades nas que participaron alumnas e alumnos do CEIP de Atios, ademais de talleres sobre trampas para vespas velutinas e elaboración de xabrón con mel.

Dende as 10 da mañá deste sábado, arrancaron as xornadas técnicas nas que se debaten temas coma os métodos de recolección –a cargo do doutor  Félix Adanero-; control da mortalidade e produción intensiva –por David Sousa Alonso, técnico apícola en Eco Abeja S.L.-boas prácticas na alimentación apícola –con Fina Gonell Galindo de  Pajuelo Consultores Apícolas S.L.-ou un taller de nutrición e alimentación das abellas.

#HoradoPlaneta O Porriño apagará a iluminación do Concello de 8 e media a 9 e media da noite sumándose á Hora do Planeta para denunciar os efectos do cambio climático

Moitos lugares do globo súmanse este sábado á ‘Hora do Planeta’ (Earth Hour), impulsada polo Fondo Mundial para a Natureza (WWF) na que o ano pasado participaron milleiros de cidades de 187 países do mundo que apagaron máis de 12.000 monumentos e edificios icónicos para chamar a atención sobre a perda de biodiversidade que está a causar o cambio climático.

O Porriño súmase a esta iniciativa, xunto con 447 concellos de toda España, 22 deles en Galicia– como Vigo, Nigrán,Marín, Pontevedra, Sanxenxo, Santiago, Lugo, Ourense, A Coruña ou Ferrol – centos de organizacións de decenas de miles de cidadáns, e de 8 e media a 9 e media da noite deste sábado a iluminación do Concello estará apagada nun xesto que servirá para “conectarse con el planeta”, sinala a alcaldesa.

Eva García de la Torre subliña o feito de que, como advirto o Fondo Mundial para a Natureza e os datos científicos e os investigadores, dende biólogos a hidroclimatólogos, “como estamos a comprobar, vivimos o período máis cálido da historia, con vagas de calor e secas debido ao cambio climático que, ademais, é xa unha causas máis salientábeis da perda de biodiversidade”.

Por iso, anima a todas as veciñas e veciñas do Porriño a secundar este chamamento e durante esa hora- de 8 e media a 9 e media da noite deste sábado- a apagar as luces da casa e sumarse a este xesto.

O Concello celebra o ‘Día Internacional da Auga’ distribuindo 3.000 exemplares dun manual de bos usos da mesna co titulo ‘No Porriño amamos a auga’

No marco do Día Internacional da Auga, o Concello do Porriño vén de entregar 3.000 exemplares dun manual de bos usos co título ‘No Porriño amamos a auga’, que distribuíuse en establecementos comerciais e centros de ensino da vila.

O obxectivo desta iniciativa é acadar o interese e a atención das veciñas e veciños do Porriño no que se fala dos motivos para aforrar auga, o tratamento da mesma para o seu consumo, os diferentes servizos públicos da auga, as iniciativas e acciones que poden desenrolar as familias para contribuír á protección deste ben común, un repaso sobre o ciclo hídrico, como utilizar a calefacción e o aire acondicionado, as billas ou como temos que empregar a auga na horta e no xardín.

Así mesmo, este xoves, a alcaldesa do Porriño, coma presidenta de Augas do Louro, asistiu á celebración da segunda xornada de portas abertas na na estación depuradora deste organismo en Guillarei.

Durante a mesma tivo lugar a presentación do terceiro concurso de debuxo infantil, que este ano tratará sobre a potabilización co lema “A emocionante viaxe da auga dende a natureza ata a túa casa”. O premio para o gañador de cada Concello será unha Tablet Samsung de 7 polgadas e para os finalistas unha cámara dixital acuática.

No concurso participarán rapazas e rapaces de 3º e 4º de Educación Primaria dos Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui, sendo o prazo de presentación dos debuxos o comprendido entre o 1 de Abril e o 20 de Maio.

A alcaldesa e a concelleira de Educación reúnense coas voceiros e voceiras dos centros de ensino do Porriño para preparar o Pleno infantil

A alcaldesa, Eva García de la Torre,  e a concelleira de Educación, Lourdes Moure, reuníronse este xoves cos voceiros e voceiras de cada un dos centros de ensino, para preparar un novo pleno infantil.

O Concello do Porriño continúa así co proceso iniciado o pasado ano, no que nenos, nenas e adolescentes dos distintos centros públicos da vila, teñen oportunidade de expresar a súa opinión sobre aqueles aspectos que mais lle preocupan, así como tamén facer as propostas de solucións que consideren.

Trátase dun paso mais na consolidación dun órgano estable de participación infantil a nivel municipal, que colabore no deseño das políticas locais que lle afecten mais directamente.

Os nenos, nenas e adolescentes do Porriño terán oportunidade de traballar os contidos do próximo pleno infantil en obradoiros de participación que se realizarán nas aulas de cada un dos centros, co apoio de persoal especializado, para mais tarde achegar as súas propostas a un pleno que terá lugar o próximo mes de abril.

No orde do día da xuntanza deste xoves coa alcaldesa, estaba, entre outros asuntos, a presentación dun borrador de regulamento do futuro Consello Municipal de Infancia e Adolescencia, así como respostas e explicacións as preguntas feitas no anterior pleno infantil.

Esta iniciativa enmarcase na candidatura do Concello do Porriño ao recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia, promovido por UNICEF, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), e que trata de poñer en marcha políticas locais de infancia que  melloren o benestar impulsando actuacións que garantan o desenvolvemento integral de nenos, nenas e adolescentes, e dos seus dereitos.

Este programa aséntase na promoción da participación infantil e adolescente, e o impulso de alianzas entre todos os actores relacionados coa infancia a nivel municipal para avanzar no camiño da mellora no cumprimento dos dereitos de nenos, nenas e adolescentes no ámbito local, focalizando accións de inclusión e cohesión social no ámbito local,  atendendo aos grupos máis vulnerables. É dicir, realizar un esforzo para protexer aos nenos e nenas que corren maior risco de “quedar atrás”.